BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • wp17 núm. 3
  • Unha muller moi fermosa

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Unha muller moi fermosa
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (público) 2017
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • “DEIXA A TÚA TERRA”
  • DEIXARON A SÚA TERRA
  • BAIXARON A EXIPTO
  • Negouse a mirar atrás
    Sirve a Xehová con valor
  • Abraham e Sara teñen un fillo
    Aprendamos das historias da Biblia
  • Abrahán, un home valente
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (2012)
  • Abraham e Sara obedecen a Deus
    Aprendamos das historias da Biblia
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (público) 2017
wp17 núm. 3
Sara

EXEMPLOS DE FE | SARA

Unha muller moi fermosa

SARA está de pé no medio do cuarto e mira ó seu arredor. Podemos imaxinala, unha muller de Oriente Próximo cuns ollos negros impresionantes e expresivos. Pode ser que mostren algo de tristeza? Se é así, é fácil entender por que. Esa casa está chea de recordos. Ela e o seu querido marido, Abrahán, pasaron moitos anos felices alí.a Xuntos, fixeron dela o seu fogar.

Vivían en Ur, unha próspera cidade repleta de artesáns e comerciantes. Así que seguramente tiñan moitas cousas. Pero para Sara, o seu fogar era máis que un simple lugar onde gardar as súas pertenzas. Ela e o seu home viviran alí moitos anos, e pasaran bos e malos momentos. Alí tamén lle oraran incontables veces ó seu querido Deus, Xehová. Sara tiña moitas razóns para amar ese lugar.

Aínda así, Sara estaba disposta a deixar atrás todo aquilo que coñecía. Aínda que quizais xa tiña uns 60 anos, estaba disposta a viaxar a lugares descoñecidos e a empezar unha vida chea de perigos e dificultades sen a perspectiva de volver. Que a levou a facer un cambio tan grande na súa vida? E que podemos aprender da súa fe?

“DEIXA A TÚA TERRA”

Probablemente, Sara creceu en Ur. Hoxe en día, o único que queda desa cidade é un montón de ruínas. Pero na súa época, o río Éufrates e os seus canais estaban cheos das embarcacións dos comerciantes, e traían mercancías valiosas de todas partes a esta próspera cidade. A xente abarrotaba as súas rúas estreitas, os barcos empuxábanse uns contra os outros nos embarcadoiros e os bazares tiñan moitísimas mercancías. Imaxina a Sara crecendo nesta cidade chea de vida na que vivía coa súa gran familia. Seguramente coñecía a moitas das persoas que vivían alí e elas tamén se acordarían dela pola súa extraordinaria beleza.

Na Biblia, Sara é coñecida pola súa gran fe, pero non a fe no deus-lúa ó que tantos adoraban en Ur e ó que incluso lle tiñan unha torre que destacaba por encima da cidade. En vez diso, Sara adoraba o Deus verdadeiro, Xehová. O relato bíblico non explica como chegou a ter esa fe. Polo menos durante un tempo o seu pai adoraba ídolos. En calquera caso, casou con Abrahán, un home dez anos maior ca ela ó que despois se lle chamou “o pai de tódolos que teñen fe” (Xénese 17:17; Romanos 4:11).b Xuntos formaban un matrimonio forte, caracterizado polo respecto, a boa comunicación e o compromiso de enfrontarse xuntos ós problemas. Pero sobre todo, o seu matrimonio distinguíase polo seu amor a Deus.

Sara quería moitísimo o seu home, con quen formou o seu fogar en Ur xunto ós seus parentes. Pero pouco tempo despois, pasaron por algo que os puxo moi tristes. A Biblia di que Sara “era estéril e non tiña fillos” (Xénese 11:30). Naquela época e cultura a situación de Sara era especialmente difícil. Aínda así, mantívose leal ó seu Deus e ó seu home. Pode ser que o seu sobriño Lot, ó non ter pai, fose coma un fillo para eles. Así era a súa vida ata que un día todo cambiou.

Abrahán foi onda Sara moi emocionado! Case non podía crer o que acababa de pasar. O Deus que adoraban falara con el a través dun anxo que se lle aparecera. Imaxina a Sara mirando con cariño ó seu home e preguntándolle case sen alento: “Que che dixo? Cóntamo, por favor!”. Quizais Abrahán primeiro se sentou a ordenar as ideas na súa cabeza e despois lle contou o que Xehová lle dixera: “Deixa a túa terra e os teus parentes, e vaite para a terra que eu che mostrarei” (Feitos 7:2, 3). Despois de que pasase a emoción inicial, quedaron pensando na asignación que Xehová lles dera. Tiñan que deixar unha vida estable e cómoda para vivir coma nómades. Que diría Sara? Seguro que Abrahán estaba moi pendente da súa reacción. Estaría disposta a apoialo neste gran cambio?

Pódenos parecer estraña a situación na que se encontraba Sara. Quizais pensemos: “Deus nunca nos pediu a min e ó meu cónxuxe que fixésemos algo así!”. Pero en realidade, non temos todos que tomar unha decisión parecida? Vivimos nun mundo materialista que quere que poñamos en primeiro lugar na nosa vida as nosas comodidades, as nosas posesións ou a nosa sensación de seguridade. Pero a Biblia anímanos a tomar outra decisión: poñer en primeiro lugar as cousas espirituais e intentar agradarlle a Deus antes que agradarnos a nós mesmos (Mateo 6:33). Mentres imos vendo o que fixo Sara, quizais nos preguntemos: “Que decisión tomarei na miña vida?”.

DEIXARON A SÚA TERRA

Ó ir preparando as cousas para a viaxe, Sara tivo que enfrontarse ó dilema de que levar e que deixar. Non podía levar nada tan grande que os burros e os camelos non puidesen cargar, nada que non fose práctico para a súa nova vida. Seguro que tivo que dar ou vender moitas das súas cousas. Tamén tería que despedirse das comodidades da cidade: ter á man mercados e bazares onde comprar cereais, carne, froita, roupa e outras cousas necesarias e que lle facían a vida máis fácil.

Sara ordenando as súas cousas e decidindo que levar e que deixar en Ur.

Grazas á súa fe, Sara foi capaz de deixar atrás as comodidades do seu fogar.

Quizais para Sara foi aínda máis difícil deixar o seu fogar. Se era coma moitas das casas que os arqueólogos descubriron en Ur, Sara deixou atrás moitísimas comodidades. Algunhas delas tiñan máis dunha ducia de cuartos, ademais de fontes e sistemas de auga corrente. Ata as casas máis modestas contaban cun teito resistente, paredes e unha porta con cerradura. Sería unha tenda igual de segura contra os ladróns? Ou contra os leóns, leopardos, osos ou lobos, animais comúns nas terras bíblicas naquel tempo?

E que hai da súa familia? De quen tería que despedirse Sara? Que Deus lle mandase deixar a súa terra e os seus parentes puido ser especialmente difícil para ela. Sara era unha muller moi cariñosa e seguramente tiña irmáns, sobriños e tíos que quería moito e que quizais non volvería a ver. Aínda así, Sara seguiu adiante con decisión preparándose para a viaxe.

A pesar dos desafíos, Sara tiña todo preparado para saír o día que tiñan planeado. Taré, como patriarca da familia, acompañaría a Abrahán e a Sara, aínda que xa tiña sobre 200 anos (Xénese 11:31). Coidar deste familiar tan maior seguramente a mantería moi ocupada. Tamén iría con eles Lot, e todos xuntos obedecerían o mandato de Xehová de deixar “a terra dos caldeos” (Feitos 7:4).

A caravana viaxou primeiro a Harán, a uns 960 quilómetros ó noroeste, seguindo o curso do río Éufrates. Ó chegar a Harán, quedaron alí por un tempo, quizais porque Taré estaba moi enfermo e non podía seguir viaxando. Así que quedaron nese lugar ata que morreu ós 205 anos de idade. Nalgún momento antes de continuar coa seguinte etapa da súa viaxe, Xehová repetiulle de novo a Abrahán que deixase esa terra e fose á que el lle mostraría. Pero esta vez tamén engadiu unha promesa emocionante: “Eu farei de ti un pobo grande” (Xénese 12:2-4). Pero, para cando saíron de Harán, Abrahán tiña 75 anos e Sara 65, e non tiñan fillos. Como ía vir de Abrahán un pobo grande? Tería outra esposa? A poligamia era común naquela época, así que quizais Sara pensaba nesta posibilidade.

En calquera caso, marcharon de Harán e continuaron coa viaxe. Pero fixémonos en quen os acompañaba agora. O relato di que Abrahán saíu de alí xunto coa súa familia, as riquezas que ganara “mailos criados que adquirira en Harán” (Xénese 12:5). Quen eran estas persoas? Probablemente fosen servos. Seguro que Abrahán e Sara falaban da súa fe coas persoas que estaban dispostas a escoitar. Algunhas paráfrases xudías antigas explican que as persoas mencionadas neste versículo eran tamén prosélitos, que empezaron a adorar a Xehová xunto con Abrahán e Sara. Se foi así, iso demostra que a fe de Sara era tan forte que convencía a quen a escoitaba falar do seu Deus e da súa esperanza. É importante reflexionar neste detalle porque vivimos nunha época na que a fe e a esperanza escasean. Por iso, cando aprendas algo valioso da Biblia, poderíalo compartir con outra persoa?

BAIXARON A EXIPTO

Despois de cruzar o Éufrates, posiblemente o 14 de nisán do ano 1943a.n.e., foron cara ó sur, á terra que Xehová lles prometera (Éxodo 12:40, 41). Imaxina a Sara mirando todo o que había ó seu arredor, impresionada pola beleza, a diversidade e o agradable clima da zona. Cerca das grandes árbores de Moré, non moi lonxe de Siquem, Xehová aparecéuselle de novo a Abrahán e díxolle: “Ós teus descendentes dareilles esta terra”. Canto significaba para Abrahán a palabra “descendencia”! Seguro que pensou no xardín de Edén, onde Xehová predixera que unha descendencia destruiría a Satanás algún día. E Xehová xa lle dixera a Abrahán que o pobo que viría del traería moitas bendicións para as persoas de toda a Terra (Xénese 3:15; 12:2, 3, 6, 7).

Aínda así, a familia non era inmune ós problemas deste mundo. Por exemplo, en Canaán houbo unha gran fame que obrigou a Abrahán a marchar coa súa familia máis ó sur, a Exipto. Pero alí deuse conta dun perigo moi particular. Por iso lle dixo a Sara: “Estou pensando na túa fermosura. Os exipcios, en véndote, dirán: —É a súa muller. Entón a min mataranme e a ti gardarante viva. Dilles que es miña irmá, para que por mor de ti me traten a min ben e gracias a ti salve a vida” (Xénese 12:10-13). Por que lle pediría Abrahán algo así?

Abrahán non era un covarde nin un mentireiro, como afirman algúns críticos. Sara era realmente a súa medio irmá, e Abrahán tiña boas razóns para querer ser precavido. Os dous sabían que nada era máis importante que o propósito de Deus de producir unha descendencia especial e un pobo mediante Abrahán, polo que a súa seguridade era fundamental. Ademais, as probas arqueolóxicas demostraron que non era raro que os homes con poder en Exipto secuestrasen mulleres casadas e despois matasen os seus homes. Así que, a decisión de Abrahán foi prudente, e Sara apoiouna con humildade.

Pouco tempo despois, o que pasou confirmou os temores de Abrahán. Uns príncipes do faraón déronse conta do fermosísima que era Sara, algo sorprendente para a súa idade. Dixéronllo ó faraón, e este ordenou que lla trouxesen ó palacio. Non é fácil imaxinar o angustiado que se debeu sentir Abrahán e o medo que tivo que ter Sara. Pero, ó parecer, non a trataron coma se estivese secuestrada, senón como unha invitada de honor. Quizais o que quería o faraón era impresionala con toda a súa riqueza e despois negociar co seu “irmán” as condicións para poder casar con ela (Xénese 12:14-16).

Pensa en Sara, contemplando a paisaxe de Exipto dende unha ventá ou un balcón do palacio. Como se sentiría ó volver vivir nunha casa de verdade e desfrutar de exquisitos alimentos? Sentiríase tentada por unha vida chea de luxos, quizais máis impresionante da que tivera en Ur? Imaxina o contento que se poñería Satanás se Sara decidira abandonar a Abrahán para casar co faraón. Pero Sara non era esa clase de persoa. Foi leal ó seu home, ó seu matrimonio e ó seu Deus. Oxalá tódalas persoas casadas fosen así a pesar do mundo inmoral no que vivimos! Podes imitar a lealdade de Sara cando trates cos teus amigos e seres queridos?

Sara no palacio do faraón.

A pesar das tentacións que había no palacio do faraón, Sara foi leal ó seu home.

Xehová interveu para protexer a esta valiosa muller enviándolle pragas ó faraón e á súa xente. Cando finalmente o faraón soubo que Sara era a muller de Abrahán, mandouna de volta onda el e pediulle a toda a familia que marchase de Exipto (Xénese 12:17-20). Canto se debeu alegrar Abrahán de tela de novo onda el! Xa lle dixera anteriormente con moito cariño o fermosa que era. Pero o que máis apreciaba da súa muller non era a súa aparencia, senón a súa beleza interior, que é a que valora Xehová (1 Pedro 3:1-5). Todos podemos chegar a ter ese tipo de beleza. Se poñemos a nosa espiritualidade por riba do materialismo, se falamos cos demais do que sabemos sobre Deus e se apoiamos con lealdade as normas morais do noso Creador a pesar das tentacións, conseguiremos seguir o exemplo de fe de Sara.

a Orixinalmente os seus nomes eran Abrán e Sarai, pero son máis coñecidos polos nomes que Xehová lles puxo despois (Xénese 17:5, 15).

b Sara era a medio irmá de Abrahán. Taré era o pai dos dous, pero tiñan diferentes nais (Xénese 20:12). Aínda que hoxe en día un matrimonio así non sería apropiado, é importante recordar que as cousas eran moi diferentes daquela. A humanidade estaba máis cerca da perfección que Adán e Eva perderan. Como a xente era máis saudable, parece ser que o matrimonio entre familiares non presentaba riscos de transmitir defectos xenéticos ós seus descendentes. Pero, uns 400 anos despois, cando as persoas vivían máis ou menos o mesmo tempo ca nós, a Lei mosaica prohibiu as relacións sexuais entre familiares próximos (Levítico 18:6).

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir