Abrahán, un home valente
Abrahán mira como a súa familia e os seus servos se preparan para marchar para Canaán (Xénese 12:1-5). Ó ver tantas persoas que dependen del para vivir, Abrahán sente unha gran responsabilidade. Como cubrirá as súas necesidades materiais nunha rexión que non coñece? Probablemente sería moito máis fácil coidalos en Ur, unha zona próspera con grandes pastos, terra fértil e moita auga. E que pasará se enferma e morre? Quen coidará da súa familia? Pode que Abrahán teña algunha destas preocupacións, pero eses medos non o paralizan. El está decidido a actuar e a obedecer os mandatos de Xehová pase o que pase. Está claro que é moi valente!
QUE É A VALENTÍA? É unha calidade que implica ser forte e decidido, o contrario a ser tímido ou covarde. A persoa valente non é a que non ten medo nunca. Máis ben, é a persoa a quen Deus lle dá valor e actúa pese a ter medo.
COMO DEMOSTROU ABRAHÁN ESTA CALIDADE? Abrahán estivo disposto a ir contra corrente. El criouse nun ambiente no que a xente adoraba moitos deuses e ídolos. Aínda así, non deixou que o medo ó que dirán lle impedise facer o que sabía que estaba ben. En vez diso, escolleu levar unha vida diferente e adorar só un Deus: Xehová, “o Deus Altísimo” (Xénese 14:21, 22).
Abrahán puxo a adoración ó Deus verdadeiro por enriba das cousas materiais. El estivo disposto a deixar atrás a vida cómoda que tiña en Ur e ir ó deserto, confiando por completo en que Xehová lle daría o que necesitase para vivir. Claro, co paso dos anos pode que Abrahán recordase algunhas das comodidades das que desfrutaba en Ur. Pero estaba seguro de que Xehová sempre lle daría o necesario para el e a súa familia. Fixo de Xehová a persoa máis importante da súa vida e iso deulle valor para obedecer os seus mandatos.
QUE LECCIÓNS APRENDEMOS? Podemos imitar a Abrahán sendo valentes ó obedecer a Xehová, aínda que outros non o fagan. Por exemplo, a Biblia ensina que os que se poñen de parte de Xehová poden afrontar oposición, quizais de amigos ou familiares ben intencionados (Xoán 15:20). Pero se estamos convencidos do que sabemos sobre Xehová defenderemos as nosas crenzas de maneira respectuosa (1 Pedro 3:15).
Tamén podemos confiar na promesa de Deus de que vai coidar dos que demostran fe nel. Esta confianza dános o valor necesario para centrarnos nas cousas espirituais en vez das materiais (Mateo 6:33). Vexamos como fixo isto unha familia.
Aínda que Doug e Becky tiñan dous fillos pequenos, querían mudarse a un país onde houbese máis necesidade na predicación. Despois de pensar moito no asunto e de orar intensamente, decidiron seguir adiante co seu plan. Doug di: “Fíxonos falta moito valor para coller os nenos e marchar, sen saber exactamente como irían as cousas. Ó principio, cando nos puxemos a falar do tema, analizamos o exemplo de Abrahán e Sara. Pensar en como eles confiaron en Xehová e ver que nunca lles fallou, axudounos moito”.
Cal foi o resultado de mudarse a outro país? Doug di: “Recibimos moitísimas bendicións. Como agora levamos unha vida moito máis sinxela, pasamos gran parte do día xuntos predicando como familia, falando e xogando. Sentimos unha liberdade que é difícil de explicar”.
Está claro que non todo o mundo pode facer un cambio tan grande. Pero todos podemos imitar o exemplo de Abrahán poñendo en primeiro lugar a adoración a Deus e confiando en que el nos axudará. Se o facemos, “podemos dicir cheos de confianza: ‘Xehová é o meu axudante. Non vou ter medo’” (Hebreos 13:5, 6).
[Frase destacada]
A persoa a quen Deus lle dá valor actúa pese a ter medo.
[Recadro e imaxe]
Unha muller espiritual e unha excelente esposa
Sara estaba casada cun home que tiña unha fe extraordinaria, pero ela tamén nos deixou un exemplo do que vale a pena falar. De feito, na Biblia menciónase tres veces o seu nome como un exemplo de muller espiritual que facemos ben en imitar (Isaías 51:1, 2; Hebreos 11:11; 1 Pedro 3:3-6). Aínda que as Escrituras din pouco sobre ela, podemos facernos unha imaxe mental do extraordinaria que era esta muller.
Por exemplo, pensemos en como reaccionou cando Abrahán lle dixo que Deus quería que marchasen para Ur. Preguntaríase ela a onde ían e por que? Estaría preocupada por como ían facer para vivir? Daríalle pena deixar os seus amigos e a súa familia sen saber se os volvería a ver? Seguramente pensase nestas cousas, pero aínda así estivo disposta a marchar porque confiaba en que Xehová bendiciría a súa obediencia (Feitos 7:2, 3).
Ademais de ser unha serva de Deus obediente, Sara tamén foi unha excelente esposa. En vez de competir co seu home por ver quen mandaba na casa, demostrou que o respectaba de corazón apoiando con amor as decisións que el tomaba. Ó facer iso, Sara estábase adornando a si mesma e facéndose preciosa polas súas boas calidades (1 Pedro 3:1-6).
Poden esas calidades beneficiar ás mulleres casadas de hoxe en día? Jill, unha muller que leva máis de 30 anos felizmente casada, di: “O exemplo de Sara ensinoume que podo falar e expresarlle ó meu home a miña opinión con liberdade. Pero tamén me ensina que el é o que ten a responsabilidade de tomar a decisión final, pois é o cabeza de familia. Cando toma unha decisión, o meu deber é facer todo o posible por apoiala”.
Pero a lección máis destacable que aprendemos de Sara é que, aínda que era moi guapa, nunca deixou que a súa beleza a convertese nunha muller orgullosa (Xénese 12:10-13). En vez diso, ela sempre apoiou con humildade a Abrahán, tanto nas boas como nas malas. Non hai ningunha dúbida de que Abrahán e Sara foron unha parella fiel, humilde e cariñosa. Foron unha bendición o un para o outro.