5 ABRAHÁN
A proba máis difícil da súa vida
PASIÑO a pasiño, Abrahán acercábase ó lugar que Xehová lle mandara. Aínda que seguramente lle levase só uns poucos días chegar, é posible que fosen os máis difíciles da súa vida.
Durante todo o camiño estaría pensando no que Xehová lle pedira: “Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ó país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei”. Xehová sabía canto quería Abrahán o seu fillo. Por que lle pediría unha cousa así? E de onde sacaría Abrahán a fe e o valor para obedecer?
A Biblia chámalle a Abrahán “o pai de tódolos que teñen fe” (Rom. 4:11). Moito antes desta viaxe Abrahán xa tiña unha fe forte, e co paso dos anos Deus axudoulle a fortalecela aínda máis. Por exemplo, décadas atrás Deus dixéralle que ía destruír as cidades de Sodoma e Gomorra pola súa maldade. Moi preocupado, Abrahán preguntoulle a Xehová se de verdade tiña pensado destruír a xente boa xunto coa mala. Con paciencia, Xehová respondeulle a Abrahán que non destruiría as cidades se atopaba nelas tan só unhas poucas persoas xustas (Xén. 18:16-33). Abrahán nunca esquecería esta lección: Xehová é xusto e misericordioso.
De onde sacou un pai cariñoso o valor para obedecer cando Xehová lle pediu facer algo impensable?
Pouco tempo despois, cando Abrahán pensaba que el e Sara xa non poderían ter fillos, Xehová fixo algo impresionante por eles. Aínda que Sara tiña case 90 anos e el case 100, Xehová fixo posible que tivesen un fillo, Isaac. Este suceso gravou na mente de Abrahán outra lección moi importante: non hai nada imposible para Xehová! (Rom. 4:18, 19).
Agora, uns 25 anos despois, seguro que Abrahán non paraba de darlle voltas a estas leccións mentres ía de camiño a Moria. Chegou á conclusión de que, se Isaac morría, Xehová tería tanto o desexo coma o poder para resucitalo (Heb. 11:19). Así que a esperanza lle deu o valor que necesitaba para continuar.
Cando Abrahán viu na distancia o lugar que Xehová escollera, díxolles ós seus servos que esperasen onde estaban mentres el e Isaac subían a facer o sacrificio. As súas palabras indicaban que estaba seguro de que tanto el coma Isaac volverían. Finalmente, chegaron a un lugar solitario na montaña e chegou o momento de facer o que Xehová lle pedira. Aínda que Isaac era máis novo e máis forte ca seu pai, foi obediente e deixou que Abrahán lle atase as mans e os pés e o puxese nun altar. Preparado para facer o impensable, Abrahán levantou o brazo co coitelo na man. Xusto nese momento escoitou a voz dun anxo que o chamou e lle dixo: “Non póña-la man no rapaz nin lle fagas mal ningún”.
Entón Deus felicitou a Abrahán pola súa fe e obediencia. Ademais, confirmoulle a súa promesa de bendicilo, multiplicar a súa descendencia e facer que “tódolos pobos da terra” reciban grandes bendicións polo que estivo disposto a facer.
A promesa que Xehová lle fixo a Abrahán segue cumpríndose na actualidade, e no futuro traerá bendicións que durarán para sempre. Por outro lado, a historia de Abrahán permítenos entender o enorme sacrificio que fixo Xehová para poder salvar a toda a humanidade fiel. Igual que Abrahán estivo disposto a ofrecer o seu fillo, Xehová tamén permitiu que o seu Fillo unixénito, Xesús, ofrecese a súa vida para que tódolos humanos poidamos desfrutar dun futuro marabilloso (Xoán 3:16). Por iso, cando lemos como Abrahán estivo disposto a dar o que máis quería aprendemos o moito que nos ama Xehová.
Se meditamos no que Xehová dixo e fixo no pasado, aumentará a nosa fe, igual que lle pasou a Abrahán. E canto máis aumente a nosa fe, máis valor teremos. Ademais, non debemos preocuparnos por que Xehová nos pida o mesmo que a Abrahán, pois non lle volveu pedir a ninguén que fixese algo así. En todo caso, podemos estar seguros de que, sen importar o que Deus nos pida, a fe que temos nel daranos o valor que necesitamos para obedecer. E se obedecemos teremos moitas máis bendicións das que nunca poderiamos imaxinar!
Le o relato da Biblia:
Xénese 22:1-19
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Abrahán durante esta parte da súa vida?
Afonda máis
1. Como sabemos que Abrahán foi unha persoa real? (g 5/12 páx. 18, recadro-wcgr; it “Abrahán” pars. 22, 23-wcgr). A
Imaxe A: Unhas inscricións antigas nun muro de Karnak (Exipto) mencionan o “campo de Abrahán”.
2. Como é posible que Abrahán chegase a coñecer e aprender sobre Xehová? (ia páx. 26 pars. 4, 5-wcgr).
3. Por que aceptou Xehová a adoración de Abrahán? (rr páx. 20 par. 18-wcgr).
4. Como confirma a promesa que Xehová lle fixo a Abrahán en Xénese 22:17 a exactitude científica da Biblia? (g88 8/4 páx. 25). B
Imaxe B
Imaxe B
Medita no que aprendiches
Como lle axudou a Abrahán a súa esperanza a ter máis valor? Como pode axudarnos a ser valentes centrarnos na nosa esperanza? C
Imaxe C
Como podemos imitar o valor de Abrahán e facer sacrificios cando...
temos a oportunidade de dar testemuño? (Heb. 13:15).
decidimos como usar os nosos recursos materiais? (Prov. 3:9).
nos decatamos de que algún irmán necesita a nosa axuda? (Filip. 4:18).
De que outras maneiras podes imitar o valor que mostrou Abrahán neste relato?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que me gustaría preguntarlles a Abrahán ou a Isaac cando resuciten?
Aprende máis
Mira como cobra vida este relato.
Como chegou a ser Abrahán un bo amigo de Xehová, e como podes ti tamén fortalecer a túa amizade con El?
“Chegou a ser coñecido como ‘amigo de Xehová’” (w16.02 páxs. 8-12)