Chegou a ser coñecido como “amigo de Xehová”
“‘Abrahán tivo fe en Xehová e foi considerado xusto’. E a el chamóuselle amigo de Xehová” (SANT. 2:23).
1, 2. a) Como sabemos que os humanos podemos chegar a ser amigos de Deus? b) Que imos analizar neste artigo?
DENDE que nacemos ata que morremos o que máis necesitamos na vida é o amor. O ser humano ten a necesidade e o desexo de amar, e non só en sentido romántico. A todos nos gusta ter amigos e sentir que temos unha conexión especial con alguén. Pero hai un tipo de amor que necesitamos por enriba de calquera outro: o amor de Xehová. A moitos fáiselles difícil imaxinar que os humanos poidamos chegar a ter unha amizade estreita co Deus Todopoderoso, que está no ceo e que é invisible. E nós, pensamos o mesmo? Para nada!
2 A Biblia ensina que os humanos imperfectos podemos chegar a ser amigos de Deus. Como non hai nada máis importante na vida que conseguir esta amizade, vale a pena analizar os exemplos de persoas que o lograron. Un dos casos máis destacados foi o de Abrahán (le Santiago 2:23). Como conseguiu ter esa relación con Xehová? En gran parte, grazas á súa fe. De feito, a Biblia di que Abrahán foi “o pai de tódolos que teñen fe” (Rom. 4:11). Neste artigo analizaremos como a súa fe lle axudou a ser tan amigo de Deus. Mentres o facemos, pregúntate: “Como podo imitar a fe de Abrahán e fortalecer a miña relación con Xehová?”.
COMO CHEGOU ABRAHÁN A SER AMIGO DE XEHOVÁ?
3, 4. a) Cal foi para Abrahán probablemente a maior proba de fe? b) Por que estivo Abrahán disposto a sacrificar a Isaac?
3 Imaxina un home maior subindo lentamente unha montaña. Seguramente está facendo a viaxe máis difícil da súa vida. Pero a razón non é a súa idade avanzada porque, aínda que ten uns 125 anos, non lle faltan forzas.[1] Detrás del vai un home máis novo, duns 25 anos, que leva leña. É o seu fillo Isaac. Abrahán ten un coitelo e o necesario para facer lume. Xehová pediulle que sacrificase o seu propio fillo! (Xén. 22:1-8).
4 Probablemente Abrahán estaba pasando pola que sería a maior proba de fe da súa vida. Hai quen di que Deus foi cruel ó pedirlle algo así a este home, e outros opinan que Abrahán obedeceu porque non quería o seu fillo. Estas persoas pensan así porque nin teñen fe nin entenden como funciona (1 Cor. 2:14-16). Pero Abrahán non obedeceu a Deus por obediencia cega. Máis ben, fíxoo porque podía ver. A súa fe permitiulle ver que o seu Pai celestial nunca lles pediría ós seus servos algo que lles causase dano permanente. Abrahán sabía que, se obedecía a Xehová, el os bendiciría, tanto a el coma ó seu querido fillo Isaac. En que se baseaba esa fe? No que aprendeu e nas cousas que viviu.
5. Como aprendeu Abrahán sobre Xehová, e como o fixo sentir iso?
5 As cousas que aprendeu. Aínda que se criara en Ur, unha cidade caldea chea de idolatría, Abrahán chegou a coñecer a Xehová. Como conseguiu iso tendo en conta que seu pai, Taré, adoraba deuses falsos? (Xos. 24:2) A Biblia non o di. O que si sabemos é que foi descendente de Sem, un dos fillos de Noé, e que este home tiña moita fe. Sem morreu cando Abrahán tiña uns 150 anos. Non sabemos se foi el quen lle ensinou a Abrahán de Xehová, pero é moi probable que compartise cos seus descendentes todo o que sabía sobre el. Fose como fose, o que Abrahán aprendeu chegoulle ó corazón e fixo que medrasen a súa fe e o seu amor por Xehová.
6, 7. Como fortaleceron a fe de Abrahán as cousas que viviu?
6 As cousas que viviu. Abrahán pasou por moitas situacións na vida que fortaleceron a súa fe en Xehová. Dise que os pensamentos producen sentimentos, e que os sentimentos levan á acción. Así que, o que Abrahán aprendeu fixo que tivese un profundo respecto e temor polo “Deus Altísimo, que fixo ceo e terra” (Xén. 14:22). A Biblia chámalle a este sentimento temor a Deus e é imprescindible para facerse amigo del (Sal. 25:14; Heb. 5:7). Foi precisamente este tipo de temor o que motivou a Abrahán a actuar.
7 Aínda que Abrahán e Sara xa eran moi maiores, Deus díxolles que marchasen de Ur e que se mudasen a unha terra estranxeira, onde vivirían en tendas o resto da súa vida. Ó obedecer, Abrahán permitiu que Xehová o bendicise e o protexese. Por exemplo, Abrahán tiña medo de que lle levasen a súa fermosa muller e de que a matasen. Aínda que os seus medos estaban xustificados, non permitiu que estas preocupacións lle impedisen obedecer a Xehová. E puido ver máis dunha vez como Deus os protexeu a el e a Sara, ás veces incluso de formas milagrosas (Xén. 12:10-20; 20:2-7, 10-12, 17, 18). Está claro que as cousas que viviu fortaleceron a fe de Abrahán.
8. Como podemos chegar a ter o coñecemento e a experiencia necesarios para fortalecer a nosa amizade con Xehová?
8 E nós? Podemos chegar a ser amigos de Xehová? Claro que si! Temos ó noso alcance todo o coñecemento que necesitamos. Grazas á Palabra de Deus, dispoñemos de moita máis información e experiencias das que aprender que Abrahán (Dan. 12:4; Rom. 11:33). A Biblia está chea de tesouros nos que podemos afondar para coñecer mellor a Deus, quen “fixo ceo e terra”, e que nos axudan a terlle máis respecto e a querelo máis. Sentir isto impúlsanos a obedecelo. E ó facelo, comprobamos por nós mesmos canto nos beneficia seguir os seus consellos, porque vemos que nos protexen e nos fortalecen. Cando servimos a Deus con todo o noso corazón, a nosa vida ten un propósito e desfrutamos de paz e alegría (Sal. 34:9 [34:8, TNM]; Prov. 10:22). A medida que o noso coñecemento e a nosa experiencia crezan, tamén medrarán a nosa fe e a nosa amizade con Xehová.
COMO COIDOU ABRAHÁN A SÚA AMIZADE CON DEUS
9, 10. a) Que fai falta para que unha amizade se faga máis forte? b) Que demostra que Abrahán valoraba e fortalecía a súa amizade con Xehová?
9 A amizade pode ser un tesouro (le Proverbios 17:17). Pero a diferenza dun tesouro, non é algo inanimado que poidamos conseguir e gardar para que non se ensucie. A amizade parécese máis a un ser vivo que hai que coidar e alimentar para que se faga forte e medre. Abrahán valoraba moito a súa relación con Xehová e esforzouse por coidala. Como o fixo?
10 Abrahán non se conformou con ser fiel e obediente a Xehová no pasado. Mentres el e tódolos da súa casa viaxaban a Canaán, seguiu deixando que Xehová o guiase ó tomar decisións, tanto as máis pequenas como as máis grandes. Un ano antes de que nacese Isaac, cando Abrahán tiña 99 anos, Xehová pediulles a tódolos homes da casa de Abrahán que se circuncidasen. Cuestionou Abrahán este mandato? Buscou a maneira de non cumprilo? Para nada! El confiou en Deus e obedeceuno “ese mesmo día” (Xén. 17:10-14, 23).
11. Por que estaba Abrahán preocupado por Sodoma e Gomorra, e como lle axudou Xehová?
11 Abrahán conseguiu manter unha amizade forte con Deus grazas a que tiña o costume de obedecer sempre, incluso nas cousas pequenas. Tiña confianza con Xehová como para expresarlle o que sentía e para pedirlle axuda cando se enfrontaba a situacións difíciles. Por exemplo, cando soubo que Deus ía destruír as cidades de Sodoma e Gomorra, preocupáballe que algún xusto fose destruído xunto cos malvados. Quizais estaba pensando no seu sobriño Lot e na súa familia, que naquel momento vivían en Sodoma. Por iso, con humildade e confianza, fíxolle preguntas a Deus, quen “xulga a terra enteira”. Xehová demostroulle con moita paciencia o misericordioso que é, pois cando xulga le os corazóns e busca os xustos para salvalos (Xén. 18:22-33).
12, 13. a) Como lle axudaron a Abrahán máis tarde o coñecemento e a experiencia? b) Que demostra que Abrahán confiaba en Deus?
12 Está claro que todo o que sabía Abrahán e as cousas que viviu axudáronlle a manter unha amizade estreita con Xehová. Por iso máis tarde, ó enfrontarse a unha proba difícil cando Xehová lle pediu que sacrificase ó seu fillo Isaac, non o pensou dúas veces. Sabía a clase de persoa que era o seu amigo, Xehová. Volvamos pensar no momento no que Abrahán estaba subindo con moito esforzo o monte Moria. Cría este home fiel que Xehová cambiara de repente e se volvera duro e cruel? Non, iso nunca se lle pasou pola cabeza. Como o sabemos?
13 Antes de subir á montaña con Isaac, Abrahán díxolles ós seus servos: “Esperade aquí co burro. Eu e mailo rapaz chegarémonos ata alá. Adoraremos e de seguida voltaremos onda vós” (Xén. 22:5). Que quixo dicir Abrahán? Estáballes mentindo ou dando a entender que Isaac volvería cando en realidade sabía que o ía sacrificar? Non. Grazas á Biblia podemos saber o que estaba pensando Abrahán (le Hebreos 11:19). El “chegou á conclusión de que Deus incluso podía resucitalo [a Isaac] de entre os mortos”. Está claro que Abrahán cría na resurrección. Vira como Xehová fixera que Sara a el tivesen un fillo a pesar de ser moi maiores (Heb. 11:11, 12, 18). Así que deuse conta de que para Xehová nada é imposible. Estaba seguro de que, sen importar o que pasase ese día, Xehová devolveríalle o seu querido fillo para que se puidesen cumprir tódalas súas promesas. Non nos sorprende que a Biblia chame a Abrahán “o pai de tódolos que teñen fe”!
14. A que desafíos te enfrontas ó servir a Xehová, e como pode axudarche o exemplo de Abrahán?
14 E que hai de nós? É certo que Xehová non nos vai pedir o que lle pediu a Abrahán. Pero si que quere que o obedezamos, incluso se nos resulta difícil facelo ou se non entendemos as razóns. Pensa en algo que che pide Xehová pero que se che fai difícil obedecer. Quizais esteas pensando na predicación. Hai quen é tímido e por iso lle custa moito falar con descoñecidos sobre a Biblia. Tamén hai outros que teñen que loitar co sentimento de sentirse diferentes ós seus compañeiros de clase ou de traballo (Ex. 23:2; 1 Tes. 2:2). Sénteste algunha vez coma Abrahán, coma se estiveses subindo con moito esforzo o monte Moria, enfrontándote a unha proba que che parece imposible de superar? Se é así, o exemplo de fe deste servo de Xehová pode axudarche a ter valor. Meditar no relato de homes e mulleres fieis pode motivarnos a imitalos e facer máis forte a nosa amizade con Xehová (Heb. 12:1, 2).
UNHA AMIZADE QUE NOS BENEFICIA MOITO
15. Por que sabemos que Abrahán nunca se arrepentiu de obedecer a Xehová?
15 Cres que Abrahán se arrepentiu nalgún momento de obedecer a Xehová? Mira o que di a Biblia sobre o final da súa vida: “Expirou e morreu en boa vellez, satisfeito da vida” (Xén. 25:8). Antes de morrer con 175 anos, puido mirar atrás cheo de satisfacción pensando na vida que levara, porque sempre estivo centrado na súa amizade con Xehová. Aínda así, que a Biblia diga que Abrahán morreu vello e satisfeito non quere dicir que estivese cansado de vivir ou que non quixese volver á vida no futuro.
16. Que cousas farán feliz a Abrahán no Paraíso?
16 A Biblia di de Abrahán: “El esperaba a cidade que ten fundamentos verdadeiros, a que deseñou e construíu Deus” (Heb. 11:10). Esa cidade é o Reino de Deus e Abrahán sabía que algún día a vería gobernar sobre toda a Terra. Imaxina o ilusionado que estará Abrahán de vivir na Terra feita un paraíso e de poder seguir fortalecendo a súa amizade con Xehová! Seguro que o emocionará moito saber que o seu exemplo axudou ós servos de Xehová durante miles de anos. Ademais, no Paraíso descubrirá que o sacrificio no monte Moria foi un modelo de algo moito maior (Heb. 11:19). E tamén lle dirán que a dor que sufriu cando estaba a punto de sacrificar o seu fillo axudou a millóns de persoas fieis a imaxinar canto sufriu Xehová ó sacrificar o seu Fillo para salvarnos (Xoán 3:16). O rescate é a maior mostra de amor da historia, e o exemplo de Abrahán axúdanos a valoralo aínda máis.
17. Que estás decidido a facer, e que imos analizar no seguinte artigo?
17 Debemos poñernos a meta de imitar a fe de Abrahán. Se nos esforzamos por coñecer mellor a Xehová, conseguiremos facernos un bo nome ante el e comprobaremos por nós mesmos canto nos beneficia servilo (le Hebreos 6:10-12). Fagamos que Xehová sexa o noso amigo para sempre! No seguinte artigo veremos o exemplo de tres servos fieis de Deus que tamén tiveron unha amizade estreita con el.
^ [1] (parágrafo 3) A este home e á súa muller orixinalmente se lles chamaba Abrán e Sarai. Pero neste artigo chamarémoslles polos nomes que lles deu Xehová máis tarde: Abrahán e Sara.