3-9 DE AGOSTO DE 2026
CANCIÓN sn 39 A nosa paz
Respecta as decisións dos demais
“Non xulguedes asuntos de opinión persoal” (ROM. 14:1).
OBXECTIVO
Aprender como respectar ós irmáns cando tomen decisións coas que non estamos de acordo.
1, 2. Por que tomamos decisións diferentes ás doutros irmáns?
SENTÍCHESTE criticado algunha vez por unha decisión que tomaches? Criticaches ti algunha vez a un irmán por unha decisión que tomou? A maioría de nós probablemente responderiamos que si a estas dúas preguntas.
2 Non debería sorprendernos que ás veces tomemos decisións diferentes a outros cristiáns fieis. Por que? Porque todos nós somos únicos. Cada un de nós temos o noso punto de vista, e pensamos de certa maneira pola nosa cultura, familia e experiencias persoais. Pero non deberiamos permitir que as nosas diferenzas de opinión poñan en perigo a unidade da congregación (Ef. 4:3).
3. Que podería facer que criticásemos a decisión que tomou un irmán?
3 Cando un irmán toma unha decisión coa que non estamos de acordo, quizais sintamos a necesidade de convencelo do contrario ou de contarlles a outros a nosa opinión. Probablemente facemos isto porque nos preocupamos por el, pois témoslles moito cariño ós nosos irmáns e queremos o mellor para eles (Prov. 17:17). Por iso non queremos que tomen unha decisión da que se arrepentirán máis tarde ou que os dane espiritualmente.
4, 5. Como deberiamos reaccionar se un irmán decide facer algo co que non estamos de acordo?
4 Deberiamos falar co irmán se pensamos que non está tomando unha boa decisión? Depende. Por exemplo, se chegamos a saber que está pensando en facer algo que vai en contra dun mandato bíblico, como o queremos moito intentariamos axudarlle a ver que o que quere facer está mal (Prov. 27:5, 6). Pero e se o que vai facer o irmán non vai en contra de ningunha lei de Deus e simplemente non é o que nós fariamos? Temos a resposta no texto temático: “Non xulguedes asuntos de opinión persoal” (Rom. 14:1).
5 Aínda así, pode que nos custe respectar a súa decisión. Neste artigo veremos por que deberiamos respectar as decisións dos demais e como facelo. Pero primeiro vexamos algúns exemplos de asuntos de opinión persoal e o que podería levarnos a criticar ós irmáns.
QUE DECISIÓNS PERSOAIS PODERÍAN LEVARNOS A CRITICAR ÓS DEMAIS?
6, 7. Describe algúns exemplos nos que quizais poderiamos xulgar a outros polas súas decisións.
6 Como vimos antes, quizais teñamos unha forte opinión sobre certos asuntos pola nosa crianza ou experiencias vividas. Pode que deamos por sentado que os demais opinan coma nós, pero quizais non sexa o caso. Vexamos algúns exemplos. Exemplo 1: un home que se criou cun pai que tiña un problema co alcohol chegou a ser testemuña de Xehová. Nunha xuntanza el ve como outros irmáns beben alcohol, séntese decepcionado e dilles que o que están facendo está mal. Exemplo 2: unha irmá conseguiu superar unha enfermidade grave. Máis tarde, sabe que lle diagnosticaron a mesma enfermidade a outra irmá. A primeira irmá quere axudarlle, así que insístelle en que siga o mesmo tratamento ca ela, xa sexa facendo certa dieta, con tratamentos de medicina convencional ou con remedios naturais. Exemplo 3: un irmán formaba parte doutra relixión e agora non quere volver a ter nada que ver con ela. Cando chega a saber que outro irmán foi a un funeral nunha igrexa, oféndese.a
7 Vexamos algúns exemplos máis. Exemplo 4: un irmán creceu nunha época onde para a maioría estaba mal visto que os homes se deixasen barba ou que as mulleres levasen pantalóns de vestir ás reunións, ós congresos e a predicar. Aínda que o irmán é consciente do último cambio que se fixo con respecto a este tema, segue insistíndolles a outros que os irmáns non deberían ter barba e as irmás deberían ir con vestido cando participen en actividades teocráticas. Exemplo 5: un ancián coñecía un irmán que decidiu facer unha formación adicional e que máis tarde deixou a verdade. Agora un rapaz da congregación dese ancián decidiu tomar a mesma decisión con respecto á educación. O ancián está preocupado e intenta convencer tanto ó rapaz coma ós pais para que cambien de opinión.
8. a) Que pode facer que un pai critique a outros? b) Como pode afectar á congregación que teñamos unha actitude crítica con outros?
8 Vexamos agora un exemplo que pode afectar ós que son pais. Exemplo 6: como pai, traballas moi duro para criar os teus fillos “de acordo coa disciplina e os consellos de Xehová” (Ef. 6:4). Pero outros irmáns que son pais parecen ser máis permisivos ca ti. Por exemplo, deixan que os seus fillos cheguen máis tarde á casa, que xoguen a videoxogos que non son violentos ou que teñan móbil dende moi novos. Como resultado, os teus fillos senten que estás sendo demasiado estrito e che preguntan: “Por que non podes ser coma os pais dos nosos amigos?”. Unha situación así podería levarte a criticar ós outros pais. O certo é que calquera decisión persoal que tome un cristián que non estea de acordo coa nosa pode provocar desacordos. Por exemplo, poderiamos cuestionar en que gasta os cartos, cada canto marcha de vacacións ou que escolle para entreterse. Pero non podemos permitir que os nosos sentimentos sexan tan importantes para nós que empecemos a pensar mal doutros irmáns e danemos a unidade da congregación.
9. Que deberiamos recordar? (Ver tamén a imaxe).
9 Aínda que a decisión que tome un irmán poida ser diferente á que tome outro, isto non significa necesariamente que unha estea ben e a outra mal (Rom. 14:5). O feito de que ós cristiáns se nos pida ter “a mesma forma de pensar” con respecto ás normas de Xehová non quere dicir que teñamos que opinar igual en tódolos asuntos persoais (2 Cor. 13:11). Podemos comparar as nosas decisións persoais ás diferentes alternativas que temos que escoller para viaxar a algún lugar. A miúdo hai diferentes rutas para chegar ó mesmo destino e decidiremos cal seguir en función das nosas preferencias e limitacións. De maneira parecida, os cristiáns podemos tomar diferentes decisións en asuntos persoais, pero o destino é o mesmo: querer agradar a Xehová. Así que non xulgamos a outros polas decisións persoais que tomen (Mat. 7:1; 1 Tes. 4:11).
Alguén que fai unha viaxe pode escoller diferentes rutas para chegar ó seu destino. Da mesma maneira, os cristiáns poden tomar diferentes decisións en asuntos persoais ó servir a Xehová (ver o parágrafo 9).
POR QUE TEMOS QUE RESPECTAR AS DECISIÓNS PERSOAIS DOUTROS?
10. Segundo Santiago 4:12, que non temos dereito a facer, e por que?
10 A Biblia dános varias razóns polas que deberiamos respectar as decisións persoais dos demais. Vexamos algunhas delas. Non temos autoridade para xulgar ós demais en asuntos persoais (le Santiago 4:12). Xehová é o Lexislador e Xuíz xusto, só el ten o dereito de poñer normas e regras para a vida. Así que os nosos irmáns teñen que responder ante Xehová e non ante nós (Rom. 14:10). Non temos o dereito de xulgar nin criticar a outros segundo as nosas normas ou a nosa opinión.b
11. Como podemos axudar a que a congregación se manteña unida? (Ver tamén a imaxe).
11 Xehová pídenos que o sirvamos unidos, non que sexamos iguais. De feito, ó noso Deus encántalle a variedade! Vemos probas disto en todo o que creou. Por exemplo, non hai dúas folerpas de neve iguais. Ou pensa nos seres humanos. De entre as máis de oito mil millóns de persoas que hai na Terra, non hai dúas exactamente iguais en aparencia ou personalidade. Xehová creounos para ser distintos, non quere que sexamos clons uns dos outros pero si que esteamos unidos. Así que en vez de deixar que as nosas diferenzas nos dividan, promovamos a paz. Para nós é máis importante a unidade da congregación que as nosas opinións e preferencias (Rom. 14:19).
Xehová creounos para que fósemos diferentes uns dos outros, pero quere que esteamos unidos (ver o parágrafo 11).
COMO PODEMOS RESPECTAR AS DECISIÓNS DOS DEMAIS?
12, 13. Que temos que recordar se cremos que alguén está dando un “paso en falso”? (Gálatas 6:1; mira tamén o recadro “Cando non estás de acordo”).
12 Cando son outros os que toman decisións en asuntos persoais. Pregúntate: “Está ese irmán ou irmá dando un ‘paso en falso’ ou simplemente está dando un paso diferente?”. Se está dando un paso en falso, un que vaia en contra dun mandato bíblico, pregúntate: “Son eu a persoa adecuada para falar con el, ou debería facelo outra, como un ancián?”. Se ti es a persoa adecuada, faino de maneira amable (le Gálatas 6:1). Non obstante, a miúdo daraste conta de que a súa decisión simplemente é diferente á que ti tomarías. Se ese é o caso, non o cuestiones nin lle fales de maneira negativa. Respecta o dereito que ten de decidir por el mesmo e non o xulgues (Rom. 14:2-4).
13 Pensa na seguinte comparación: se foses a un restaurante cun amigo, insistiríaslle para que pedise a mesma comida ca ti? Non, senón que respectarías o dereito que ten a escoller o que vai comer. Incluso se non che gusta o que pide, non che vai importar porque non tes que comelo ti. E se fose ó revés, seguramente non che gustaría que o teu amigo pedise por ti segundo os seus gustos. De maneira parecida, podemos demostrar que respectamos ós demais permitindo que tomen as súas decisións persoais sen impoñerlles a nosa opinión.
14. Como podemos axudar a que haxa unidade cando tomamos decisións persoais? (1 Corintios 8:12, 13).
14 Cando es ti o que toma decisións en asuntos persoais. Podes axudar a que a congregación estea unida facendo todo o que poidas por non ofender ós demais (le 1 Corintios 8:12, 13). Ás veces, quizais saibas que non hai nada de malo na decisión que vas tomar, pois “está permitido”. Pero se con iso vas ofender a algún irmán, será realmente “beneficioso”? (1 Cor. 10:23, 24)c Nese caso, en vez de insistir nos teus dereitos, pensa en deixar as túas preferencias a un lado (Rom. 15:1). E logo non acabamos de dicir que os demais deberían respectar as nosas decisións en asuntos persoais? Si. Eles deberían respectar as túas decisións igual que ti deberías respectar as súas. Pero tamén debemos ter en conta o consello que nos dá a Biblia en Romanos 12:18: “Ata onde dependa de vós, vivide en paz con todos”. Polo tanto, temos que facer todo o que poidamos ata un grao razoable por manter a paz cos demais e evitar ofender innecesariamente a ninguén.
15. Como poden os anciáns axudar a que haxa unidade na congregación? (1 Corintios 4:6).
15 Anciáns, respectade as decisións dos demais. Os anciáns axudan a que a congregación se manteña unida ó non poñer normas en asuntos persoais e ó non ir “máis alá das cousas que están escritas” na Biblia (le 1 Corintios 4:6). Polo tanto, tampouco dirán nada que non estea de acordo cos consellos baseados na Biblia que están escritos nas nosas publicacións. Ademais, cando un irmán lles pida axuda, terán coidado de non darlle consello tendo en conta só a súa propia experiencia, senón que se basearán na Palabra de Deus (Is. 48:17, 18).
16. Como pode un ancián respectar as decisións que tome o corpo de anciáns?
16 Un ancián tamén ten que respectar as decisións que o corpo de anciáns toma en conxunto. Despois de orar por espírito santo, revisar e aplicar o que di a Biblia e tomar unha decisión, cada un deles ten que apoiala aínda que teña unha opinión persoal diferente á da maioría (Ef. 5:17). Ademais, os anciáns seguen con coidado a guía que dan a Biblia e as nosas publicacións e non intentan facelas coincidir coa súa opinión. Por exemplo, un ancián non collerá fóra de contexto unha frase dunha publicación para intentar apoiar o seu propio punto de vista.
17. Que beneficios obtemos se respectamos as decisións dos demais?
17 Como vimos, todos somos diferentes. Todos temos as nosas propias opinións e preferencias. E esa variedade é algo bo! As diferentes crianzas e personalidades fan que a congregación sexa un lugar acolledor. Así que en vez de deixar que as nosas diferenzas causen problemas, respectamos as decisións uns dos outros e desta maneira mantemos a paz e a unidade. Se o facemos, os nosos esforzos serán recompensados porque desfrutaremos dunha congregación feliz e unida! (Sal. 133:1; Mat. 5:9).
CANCIÓN sjj 89 As bendicións de escoitar a Xehová
a Hai moitos factores que poden influír en se un irmán asistirá a un funeral ou a unha voda nunha igrexa. Mira o artigo “Preguntas de los lectores” da revista La Atalaya do 15 de maio de 2002.
b Ás veces os anciáns teñen que xulgar ós que non obedecen os mandatos bíblicos. Pero recordan que Xehová lles deu a responsabilidade de facelo segundo o que el di na Biblia, non segundo a súa propia opinión (compara con 2 Crónicas 19:6).
c Para ver exemplos, mira o punto 5 da lección 35 do libro Desfruta da vida para sempre!.