27 DE XULLO–2 DE AGOSTO DE 2026
CANCIÓN sjj 56 Vive a verdade
Mantente forte espiritualmente mentres segues estudando
“Sen importar canto progresásemos ata agora, sigamos andando correctamente por este mesmo camiño” (FILIP. 3:16).
OBXECTIVO
Ver catro principios que che axudarán a manterte forte espiritualmente se decides seguir estudando.
1, 2. a) Se decides formarte máis, que deberías seguir facendo? b) Que significa seguir “andando correctamente por este mesmo camiño”? (Filipenses 3:16).
ALGUNHAS testemuñas de Xehová decidiron seguir formándose despois de acabar a educación obrigatoria. Quizais pensen que lles axudará a encontrar un traballo que cubra as súas necesidades e que lles permita servir a Xehová o mellor posible. Se decidiches obter unha educación adicional, como podes asegurarte de manterte cerca de Xehová? (Sant. 4:8a) Seguro que xa tiveches que pasar por situacións que puxeron a proba a túa fe mentres estiveches na escola. Así que agora terás que seguir “andando correctamente por este mesmo camiño”, é dicir, tes que seguir servindo a Xehová como fixeches ata este momento (le Filipenses 3:16).
2 O verbo grego utilizado na frase que se traduce como “andando correctamente por este mesmo camiño” usábase a miúdo nun contexto militar para describir ós soldados que fan unha marcha xuntos. Se decides seguir estudando, necesitas seguir marchando cara adiante no teu servizo a Xehová, sen deterte nin recuar. Neste artigo veremos catro principios bíblicos que che axudarán. Estes principios non son novos para ti pois xa os puxeches en práctica no pasado, pero necesitarás seguir aplicándoos mentres sigas estudando e incluso despois de terminar a formación.
MANTÉN UNHA BOA RUTINA ESPIRITUAL
3. Se decides seguir estudando, que reto poderías chegar a ter na túa rutina diaria?
3 O reto. Se decides seguir estudando, estarás máis ocupado e terás máis cousas que facer cada día. É normal que queiras sacar boas notas na formación, pero isto podería chegar a facer que lle deses menos importancia ó teu servizo a Xehová. Poderías comezar a perder reunións, a predicar menos e a non facer o teu estudo persoal nin orar (Apoc. 2:4).
4. Que pode axudarche a estar “sempre moi [ocupado] na obra do Señor”? (1 Corintios 15:58).
4 Le 1 Corintios 15:58. Igual que unha bicicleta se mantén en pé cando está en movemento, ti manteraste en pé espiritualmente se segues movéndote estando “sempre moi [ocupado] na obra do Señor”, é dicir, no servizo a Xehová. Isto non significa simplemente pasar algún tempo facendo cousas espirituais, senón que é unha cuestión de prioridades. Tes que verte a ti mesmo primeiro coma un servo de Xehová e despois coma un estudante, e non ó revés (Mat. 22:37). Unha irmá xove chamada Samantha conta: “Prometinme a min mesma que se os meus estudos adicionais interferían no meu servizo a Xehová, deixaría de estudar”.
5. Que podes facer para manterte activo no servizo a Xehová?
5 Que podes facer antes de comezar os estudos adicionais? Ten claras as túas prioridades. Pregúntate: “Que plan teño para seguir predicando, preparando e asistindo ás reunións e facendo o meu estudo persoal con regularidade?” (Xos. 1:8; Mat. 28:19, 20; Heb. 10:25). Ademais, pensa no seguinte: como fixeches para ter as túas prioridades claras nos anteriores anos de escola? Se cres que poderías ter xestionado as cousas mellor, que cambios poderías facer agora? Decídete a manterte activo no servizo a Xehová mentres esteas estudando. É importante que intentes sacar boas notas no que estudes, pero non lle dediques tanto tempo que non che queden horas e enerxías suficientes para servir a Xehová (Mat. 6:24).a
6. En que te podes fixar para saber se Xehová segue sendo a túa prioridade na vida? (Ver tamén a imaxe).
6 Despois de que empeces os estudos adicionais, dedica tempo, por exemplo cada mes, a pensar se Xehová segue sendo o máis importante para ti. Préstalles atención a sinais de alerta coma estes: coller o costume de chegar tarde ou faltar ás reunións, pensar en todo o que tes que facer para as clases durante elas ou ir só por videoconferencia. Fíxate tamén en se empezas a perder o costume de orar e ler a Biblia ou se predicas só porque tes que facelo, coma se fose unha tarefa que queres acabar o antes posible. Se notas que che comeza a pasar algo disto, reacciona rápido. Non deixes que a túa formación che impida darlle prioridade ó teu servizo a Xehová.
Non permitas que a túa educación faga que deixes de poñer a Xehová en primeiro lugar na túa vida (ver o parágrafo 6).
PROTEXE “A TÚA CAPACIDADE DE PENSAR”
7. Como pode a educación adicional chegar a afectar a túa maneira de pensar?
7 O reto. Dependendo dos estudos que escollas podes verte exposto ás “filosofías e razoamentos falsos e inútiles” deste mundo, como o ateísmo e a evolución (Col. 2:8). E quizais as ideas que se promovan neses cursos fagan que confíes demasiado en ti mesmo e menos en Xehová. Un irmán xove recorda: “Non só se nos ensinaba un oficio, senón unha maneira de pensar que a miúdo non estaba de acordo coa de Xehová. Por exemplo, ensinábasenos que o noso éxito na vida dependía só de nós mesmos, así que Xehová quedaba fóra da ecuación. Isto fixo que me fose máis difícil confiar nel”.
8. Por que é importante que “protexas a túa capacidade de pensar”? (Proverbios 5:1, 2, TNM).
8 Le Proverbios 5:1, 2 (TNM). A Biblia advírteche que “protexas a túa capacidade de pensar”. Se hai que protexer algo, iso implica que está en perigo. E isto é xusto o que pasa coa túa capacidade de pensar (1 Ped. 5:8). O espírito do mundo pode acabar coa túa fe no que ten que ver coas normas morais, a orixe da vida ou incluso a existencia de Deus. A xente quizais afirme que a súa maneira de pensar é “superior”, pero en realidade é inferior. De feito, “é absurda para Deus” (1 Cor. 3:18-20).
9. Como podes protexer a túa capacidade de pensar?
9 Que podes facer antes de comezar os estudos adicionais? Para protexer a túa capacidade de pensar, asegúrate de estar ben convencido das túas crenzas baseadas na Biblia antes de empezar os estudos adicionais. Faite preguntas coma estas: “Por que creo en Deus? Como sei que a Biblia é a súa Palabra? Que me convence de que as súas normas morais son superiores ás do mundo?”. Ademais, pode axudarche pensar nos anteriores anos de escola. Debilitouse a túa fe ó ver a confianza que tiñan algúns na teoría da evolución? Sentícheste tentado facilmente a facer algunhas cousas malas igual ca os teus compañeiros? Se cres que poderías ter feito as cousas mellor, como podes fortalecer as túas crenzas agora? Asegúrate de protexer a túa capacidade de pensar mentres segues estudando (2 Tim. 2:16-18).b
10. Como podes seguir protexendo a túa capacidade de pensar?
10 Mentres fas os estudos adicionais, sigue facéndote unha autoanálise regularmente. Pregúntate: “Estou empezando a pensar que o que outros fan non está mal aínda que Xehová non opine o mesmo? Sei distinguir se o que me ensinan é parte da filosofía falsa e inútil deste mundo e non a verdade? Estou totalmente convencido de que só o Reino de Deus é capaz de resolver os problemas da humanidade?”. Para protexer a túa capacidade de pensar, sigue sendo un bo estudante da Palabra de Deus. Estudar a Biblia e meditar nela axudarache a estar máis convencido de que o que di é a verdade (1 Tim. 4:15).
XESTIONA BEN O TEU TEMPO
11. Mentres segues estudando, por que pode ser un reto como usas o teu tempo?
11 O reto. É posible que a educación adicional che esixa moito tempo, especialmente cando teñas que estudar para os exames ou se tes unha data límite moi xusta para un proxecto. Se non xestionas ben o teu tempo, poderías estresarte demasiado e incluso acabar totalmente esgotado. Por iso é tan importante que coides da túa saúde física e emocional.
12. Para que cousas necesitas ter tempo? (Efesios 5:15, 16).
12 Le Efesios 5:15, 16. Pode ser difícil “[aproveitar] o tempo da mellor maneira posible”. Para conseguilo necesitas equilibrio. Por exemplo, necesitas estudar para as clases pero iso non é tan importante como pasar tempo coa túa familia e cos irmáns da congregación (Sal. 133:1; Prov. 18:1). Por suposto, o máis importante é que fagas as cousas que te manteñan cerca de Xehová (Mat. 6:33). Quizais tamén teñas responsabilidades familiares e un traballo que atender. Ademais, tes que coidar da túa propia saúde descansando o suficiente e facendo algo de exercicio (Ecl. 4:6; 1 Tim. 4:8). Para conseguir facer ben todas estas cousas é necesario que xestiones ben o teu tempo.
13. Como podes aproveitar ben o teu tempo?
13 Que podes facer antes de comezar os estudos adicionais? A Biblia di que para que as cousas nos saian ben temos que planificarnos (Prov. 21:5). Con isto en mente, faite un horario realista antes de seguir estudando. Para conseguir isto, pensa: como xestionaches o tempo nos anos anteriores de escola? Se cres que poderías ter feito as cousas mellor, que cambios poderías facer agora? Decídete a controlar o teu tempo, en vez de deixar que o tempo te controle a ti.c
14. Que preguntas poden axudarche a autoanalizarte?
14 Mentres fas os estudos adicionais, sigue autoanalizándote regularmente. Pregúntate: “Permíteme o meu horario descansar o suficiente e facer exercicio? Quédame aínda tempo despois para estar cos irmáns? Son capaz de facer os deberes a tempo? Se non, é porque teño moito que facer ou porque sempre espero ata o último momento para facer o máis importante? Pensan os meus amigos e a miña familia que teño que facer algún axuste?”. Sen importar se tes que cambiar algo no teu horario ou simplemente ser máis disciplinado contigo mesmo, actúa rápido. Incluso podes falar con outros ós que se lles dea ben xestionar o seu tempo (Prov. 11:14).
SIGUE INDO “ONDA OS SABIOS”
15. Mentres continúas estudando, a que reto te poderías enfrontar?
15 O reto. Mentres continúas estudando, os teus compañeiros quizais te inviten a pasar tempo con eles despois das clases e poida que che apeteza dicirlles que si. Despois de todo, tedes moito en común, especialmente se pasas moito do teu tempo con eles en clase. Pode ser que incluso sintas que tes máis en común con eles que con algúns irmáns da congregación. Pero tes que ter coidado pois, aínda que compartides clase, non tedes os mesmos valores. E canto máis tempo pasedes xuntos, máis che afectará a súa maneira de pensar (1 Cor. 15:33). Isto é o que lle pasou a Michael, un irmán que fixo unha formación de catro anos para ser electricista. El conta: “Pasaba máis de 40 horas á semana cos meus compañeiros, así que a súa forma de ver as mulleres, a música que escoitaban e a linguaxe vulgar que utilizaban empezou a afectarme”.
16. Que significa ir “onda os sabios”? (Proverbios 13:20).
16 Le Proverbios 13:20. A Biblia advírtenos sobre o perigoso que é ter malas compañías. Pero, por outro lado, di que quen “vai onda os sabios [volverase] sabio”. A lección está clara: a xente coa que pasamos tempo inflúe en nós, para ben ou para mal. Así que faite bo amigo dos que aman a Xehová tanto coma ti e que queren que sexas realmente feliz (Sal. 101:6, 7; 119:63).
17. Como podes evitar as malas compañías?
17 Que podes facer antes de comezar os estudos adicionais? Decide canto tempo pasarás cos teus compañeiros de clase e o estreita que será a túa relación con eles. Un irmán chamado Trenton conta: “Son amable cos outros estudantes, pero non paso tempo con eles despois de clase. Véxoos coma os meus compañeiros e non coma os meus mellores amigos”. Que límites poñerás ti? Para responder esta pregunta, pensa no seguinte: que límites puxeches nos teus anteriores anos de escola? Se cres que poderías ter feito as cousas mellor, que cambios poderías facer agora? Decídete a seguir indo “onda os sabios” e a evitar pasar tempo cos que non aman a Xehová.d
18. Que preguntas deberías facerte? (Ver tamén a imaxe).
18 Faite unha autoanálise con regularidade e pregúntate: “Estou empezando a ter unha relación moi estreita cos meus compañeiros? Estou empezando a falar, pensar ou actuar coma eles? Que opina Xehová destas amizades?” (Sal. 1:1). Se te dás conta de que tes que facer algún cambio, faino inmediatamente. Asegúrate de que os teus mellores amigos sexan persoas que aman a Xehová igual ca ti. E non dubides en predicarlles ós teus compañeiros pois, como te coñecen e pasan tempo contigo, estás na mellor posición para falarlles sobre Xehová e a Biblia.
Non dubides en predicarlles ós teus compañeiros (ver o parágrafo 18).e
PREPÁRATE
19. Como podes prepararte para facerlles fronte ás dificultades espirituais mentres segues estudando? Pon un exemplo.
19 Un bo deportista sabe que se vai facer unha ruta de sendeirismo ten que estar ben preparado. Por exemplo, asegúrase de estar en forma, de levar roupa adecuada e de ter en mente a meta á que quere chegar. Por suposto, non pode predicir tódalas dificultades ás que se enfrontará pero estar preparado axudaralle a chegar ó seu destino. Ti podes facer algo parecido mentres segues estudando. Mantén a túa fe forte, ponte “a armadura completa que dá Deus” e ten claro o teu obxectivo: non conseguir o que para o mundo é ter “éxito”, senón darlle gloria a Xehová con todo o que fagas (Ef. 6:11-13; 1 Cor. 9:26, 27; 10:31).
20. Como podes seguir analizándote para saber se estás firme na fe?
20 A Biblia anímanos a facer o seguinte: “Seguídevos analizando a vós mesmos para saber se estades firmes na fe. Seguide comprobando o que sodes” (2 Cor. 13:5). Ti podes facer isto mentres te segues formando. Como? Comprobando regularmente que tal che vai nestas áreas: segues tendo unha boa rutina espiritual? Estás protexendo a túa capacidade de pensar da suposta sabedoría deste mundo? Xestionas ben o teu tempo? Estás facendo amigos que sexan Testemuñas e evitando as malas compañías? En realidade é necesario que te fagas estas preguntas tanto se estás na escola, no traballo ou en calquera outro sitio. Sigue facendo todo o posible por manter a túa fe forte en calquera circunstancia á que te enfrontes e podes estar seguro de que Xehová bendicirá tódolos teus esforzos (Prov. 3:5, 6).
CANCIÓN sjj 87 Ven á reunión!
a Para ver máis ideas sobre como manterte activo no servizo a Xehová, mira o artigo de jw.org “Preguntas da xuventude. Que debería facer despois de bautizarme? | Parte 1. Sigue activo”.
b Para ver máis ideas sobre como protexer a túa capacidade de pensar, mira o artigo “No nos dejemos engañar por ‘la sabiduría de este mundo’” da revista La Atalaya de maio de 2019.
c Para ver máis ideas sobre como organizarte cada día, mira o artigo “Los jóvenes preguntan. ¿Cómo puedo organizar mejor mi tiempo?” de jw.org.
d Para ver máis ideas sobre como escoller ben os teus amigos, mira a lección 48 do libro Desfruta da vida para sempre!
e DESCRICIÓN DA IMAXE: Mentres está facendo un curso para ser perruqueira, unha irmá predícalle con tacto a unha compañeira de clase.