8-14 DE XUÑO DE 2026
CANCIÓN sn 49 Xehová, ti es o meu refuxio
“O Deus da verdade” sempre leva a cabo o seu propósito
“Rescatáchesme, oh, Xehová, o Deus da verdade” (SAL. 31:5, TNM).
OBXECTIVO
Aprender por que podemos estar seguros de que Xehová cumprirá coa súa promesa de que pronto o Reino acabará con tódalas mentiras e os enganos.
1. Segundo o Salmo 31:2-5 (TNM), por que podemos confiar en Xehová?
VIVIMOS nun mundo gobernado por Satanás onde as mentiras, os enganos e as traizóns son moi comúns. Por iso, pode ser moi difícil saber en quen confiar. Os empresarios xogan sucio coa competencia, a publicidade que se fai sobre os produtos é enganosa para que a xente os compre e algunhas persoas déronse conta de que nin sequera poden confiar na palabra dos seus amigos. A pesar disto, que tranquilizador é saber que sempre podemos confiar en Xehová! El é “o Deus da verdade” (le Salmo 31:2-5, TNM). Dicir a verdade é parte da súa personalidade e do seu ser. Sempre podemos confiar en que fará o que di.
2. Que veremos neste artigo?
2 Neste artigo, primeiro veremos algunhas das razóns polas que podemos confiar no Deus da verdade con todo o noso corazón. Despois veremos como acabará co malvado mundo de Satanás e que está facendo xa agora para conseguir o seu propósito. Esta análise axudaranos a ser unhas testemuñas de Xehová valentes e sen medo.
POR QUE PODEMOS CONFIAR NO DEUS DA VERDADE
3. Por que podemos confiar completamente en Xehová?
3 Podemos confiar nel porque é o noso Creador. El creou o Universo, a Terra e a tódolos seres vivos (Xén. 1:1; Sal. 36:10 [36:9, TNM]; Apoc. 4:11). Grazas a el a vida segue existindo, xa que creou os ecosistemas que fan posible vivir na Terra. El ten, e sempre terá, un control total sobre todo o Universo. Así que podemos confiarlle a nosa vida e o noso futuro ó Creador, pois el o coñece todo e ten un poder infinito.
4. Como sabemos que Xehová nos quere?
4 Podemos confiar nel porque nos ama. Xehová creounos ós seres humanos porque quería compartir o fermoso regalo da vida con nós. El deixou claro cal era o seu propósito cando dixo estas palabras: “Fagámo-lo home á nosa imaxe e á nosa semellanza” (Xén. 1:26). Xehová deunos libre albedrío e creou un fermoso fogar só para nós (Sal. 115:16). Tamén lles deu ós nosos primeiros pais a emocionante tarefa de converter aquel fogar nun paraíso (Xén. 1:28; 2:15). E puxo ó seu alcance unha enorme variedade de cousas e recursos. Iso demostra canto nos quere e que o seu amor leal “dura por sempre” (Sal. 103:17).
5. a) Como cumpriu coa súa palabra Xehová a pesar dos esforzos do Demo por acabar coa humanidade? b) Cales son algunhas promesas que cumpriu Xehová? (Ver o recadro “Deus sempre di a verdade”).
5 Podemos confiar nel porque sempre cumpre as súas promesas. Xehová non creou a Terra sen un propósito, senón “para ser habitada” (Is. 45:18, 19). Cando Adán e Eva se rebelaron, tiveron que morrer. Así que puido parecer que o propósito de Deus fracasara, pero nada o pode deter, el sempre cumpre todo o que promete (Is. 46:10, 11). O seu propósito de encher a Terra con homes e mulleres xustos non cambiou, e por iso lles permitiu a Adán e Eva ter fillos. Ademais, enviou ó seu Fillo Unixénito como rescate para salvar os descendentes de Adán e darlles a marabillosa esperanza de vivir para sempre (Xoán 3:16).
O DEUS DA VERDADE CUMPRE CO SEU PROPÓSITO
6. Que dixo Xehová que pasaría despois da rebelión de Adán e Eva?
6 “A serpe orixinal, ó que lle chaman Demo e Satanás” foi quen convenceu a Adán e Eva de que se rebelasen contra Deus (Apoc. 12:9; Xén. 3:4, 5; Xoán 8:44).a Como resultado do que fixo, Xehová dixo que chegaría o día no que sería destruído (Xén. 3:15). Antes de que chegue ese momento, moitos seguirán a Satanás e farán cousas malas. Pero haberá algunhas persoas que se manterán fieis a Xehová.
7. Quen segue ó Demo, e que lles pasará?
7 A Satanás ségueno anxos rebeldes e seres humanos. Eles convértense na súa descendencia porque se opoñen, ou resisten, ó propósito de Deus. Pero cando chegue o momento que decidiu Xehová, Satanás será destruído xunto con tódolos que o seguen (Dan. 2:44; Rom. 16:20).
8. Que fixo Xesús en 1914? (Ver tamén as imaxes).
8 Por que podemos estar seguros de que Xehová cumprirá a súa promesa de destruír a Satanás e os seus seguidores? En 1914, Xesús empezou a guerra contra Satanás e os seus demos e botounos cara abaixo, á terra (Apoc. 12:7-9). Aínda que a batalla tivo lugar nos ceos, non hai dúbida de que os humanos sentiron os seus efectos. A Biblia di: “Ai da terra e do mar! Porque o Demo baixou onda vós cheo de furia, pois sabe que lle queda pouco tempo” (Apoc. 12:12). Dende 1914, o obxectivo principal de Satanás é facer que o maior número de persoas o sigan e por iso podemos ver como cada vez hai máis problemas no mundo. Pero dentro de pouco, Xesús “[completará] a súa vitoria”, fará prisioneiro a Satanás durante mil anos e destruirá os humanos que o apoien (Apoc. 6:2). Xesús vindicará o nome de Xehová dunha vez por todas (Sal. 45:5-7 [45:4-6, TNM]). Todo o mundo saberá que seu Pai é o Deus da verdade! (Ezeq. 38:23).
Primeira Guerra Mundial: U.S. National Archives photo; bomba: USAF photo; pandemia: blvdone/stock.adobe.com; disturbios: inhauscreative/E+ via Getty Images.
Dende 1914, a situación mundial foi de mal en peor (ver o parágrafo 8).
O DEUS DA VERDADE REÚNE A TÓDOLOS QUE AMAN A VERDADE
9. A quen está reunindo Xehová hoxe en día?
9 Mentres que non chega ese día, Xehová está reunindo “tódalas cousas e que así estean unidas a Cristo, as cousas nos ceos e as cousas na terra” (Ef. 1:10). “As cousas nos ceos” son os unxidos, a quen Xehová seleccionou para gobernar con Cristo nos ceos, e “as cousas na terra” son aqueles que vivirán para sempre na Terra feita un paraíso. Todos estes adoradores de Xehová están moi ocupados sacando á luz as mentiras de Satanás e axudando ós que teñen un corazón sincero a coñecer a verdade.
10. Como está liberando Xehová as persoas das mentiras da relixión falsa? (Apocalipse 14:6, 7).
10 Para encontrar as persoas que queren coñecer a verdade, Xehová está usando a maior campaña de predicación que o mundo xamais viu (le Apocalipse 14:6, 7). Aínda que Deus usa os humanos para falarlles a outros sobre as boas noticias, os anxos tamén guían as persoas que aman a verdade cara ó pobo de Xehová. Ó predicar, os seus servos expoñen as mentiras de Babilonia a Grande, o imperio mundial da relixión falsa que o Demo usou durante centos de anos para espallar mentiras sobre Xehová (Apoc. 18:2, 4). Pronto, tódalas relixións falsas serán destruídas por completo e tódolos que aman o Deus da verdade daranlle a gloria que tanto merece (Apoc. 17:16).
11. Como podemos identificar os verdadeiros adoradores de Xehová?
11 Xehová atrae á súa familia a persoas de todo tipo e de calquera parte do mundo (Apoc. 7:9, 10). Cando estas escoitan “as boas noticias”, danse conta de que é a verdade e queren unirse ó pobo de Xehová (Mar. 13:10). A medida que pasa o tempo, vaise vendo máis claramente quen serve a Xehová da maneira que el acepta e quen non. O profeta Malaquías dixo o seguinte: “Veredes de novo a diferencia entre o xusto e o malvado, entre quen serve ó Señor e quen non o serve” (Mal. 3:18). Os servos de Xehová demostran que adoran o Deus da verdade pola súa conduta e polos esforzos que fan por predicar.
12. Como está axudando a predicación a que se cumpra o propósito de Xehová?
12 Cando predicamos “as boas noticias do Reino” obedecemos o mandato de Xesús e ó mesmo tempo cumprimos co que se profetizou (Mat. 24:14; 28:18-20). Como resultado da nosa predicación, persoas arredor de todo o mundo fanse discípulos de Cristo coa esperanza de adorar para sempre ó Deus da verdade. Que honor tan grande é que Xehová nos use para levar a cabo o seu propósito!
MIREMOS CARA Ó FUTURO CON CONFIANZA
13. A quen persegue especialmente Satanás, e por que?
13 Satanás o Demo está moi enfadado porque sabe “que lle queda pouco tempo” antes de que este mundo sexa destruído (Apoc. 12:12, 13). El persegue especialmente ós representantes do Reino de Deus na terra, aqueles que “obedecen os mandamentos de Deus e ós que se lles encargou dar testemuño acerca de Xesús” (Apoc. 12:17; 14:12). Polo tanto, calquera que os apoie a eles e ó labor que están facendo tamén será atacado por Satanás.
14. Que pasará cando Satanás ataque o pobo de Xehová? (Ver tamén a imaxe).
14 Despois da destrución de Babilonia a Grande, os que apoian a Satanás atacarán o pobo de Xehová con tódalas súas forzas. Entón será cando empece a guerra de Armaxedón (Apoc. 16:13, 14, 16). Xesús e o seu exército celestial rescatarán os adoradores de Xehová e destruirán por completo todo o que quede do mundo de Satanás (Apoc. 19:19-21). Nese momento, desaparecerán para sempre tódalas persoas malvadas e mentireiras (Apoc. 21:8). O Deus da verdade e da xustiza será realmente vindicado.
Xesús e o seu exército celestial cabalgando cara a guerra de Armaxedón para destruír os inimigos de Deus (ver o parágrafo 14).
15. Por que podemos estar seguros de que se fará realidade o que Xehová prometeu? (Isaías 65:16, 17, TNM). (Ver tamén a imaxe).
15 Hoxe en día o mundo está máis dividido ca nunca, pero coa axuda de Xehová os seus servos mantémonos unidos. El xa está reunindo a tódolos que aman a verdade para que formen parte da súa familia. Nada pode impedir que Xehová bendiga ó seu pobo e o traballo que está facendo (le Isaías 65:16, 17, TNM). Podemos estar seguros de que cumprirá tódalas súas promesas. Por que? Porque o apóstolo Paulo dinos claramente en Romanos 8:38, 39 o seguinte: “Nin a morte, nin a vida, nin os anxos, nin os gobernos, nin as cousas de agora, nin as cousas que virán, nin os poderes, nin a altura, nin a profundidade, nin ningunha outra creación poderá separarnos do amor de Deus que está en Cristo Xesús, o noso Señor”.
No novo mundo, nin sequera recordaremos os problemas que temos hoxe (ver o parágrafo 15).
16. Por que podes confiar en Xehová de todo corazón?
16 Temos razóns máis que suficientes para confiar en Xehová, o Deus da verdade. El é o noso Creador, ámanos moito e está xuntando a máis e máis persoas por todo o mundo para que o sirvan da maneira correcta (Is. 60:22; Zac. 8:23). Sabemos que el sempre cumpre coas súas promesas e que pronto eliminará a Satanás para que o mundo estea libre das súas mentiras. Polo tanto, digamos igual que David: “Bendito sexa o Señor, [...] o único que fai marabillas. Bendito sexa por sempre o seu nome glorioso e que a terra se encha da súa gloria” (Sal. 72:18, 19).
CANCIÓN sjj 2 Teu nome é Xehová
a A Biblia non nos di cal é o nome propio deste anxo malvado. Máis ben, refírese a el como Satanás, que significa “opositor de Deus”, ou o Demo. En galego tamén se lle coñece como Diabo ou Diabro que significa “calumniador”.