BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w26 abril páxs. 14-19
  • Mantén o punto de vista correcto sobre as dificultades

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Mantén o punto de vista correcto sobre as dificultades
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • O PUNTO DE VISTA CORRECTO SOBRE AS DIFICULTADES
  • COMO NOS PODE FACER DANO UN PUNTO DE VISTA INCORRECTO
  • QUE PODEMOS FACER CANDO PASAMOS POR PROBLEMAS
  • Recorda que Xehová é o “Deus vivo”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Como nos axuda Xehová a aguantar
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Sexamos humildes e aceptemos que hai cousas que non sabemos
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Nunca estamos sós
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
w26 abril páxs. 14-19

15-21 DE XUÑO DE 2026

CANCIÓN sjj 122 Manteñámonos firmes e fieis

Mantén o punto de vista correcto sobre as dificultades

“Angustias e coitas dan en min, mais os teus mandatos son a miña alegría” (SAL. 119:143).

OBXECTIVO

Conseguir ter o punto de vista correcto sobre as dificultades para poder facerlles fronte con éxito.

1, 2. Que podemos facer para aguantar cando temos problemas? (Ver tamén a imaxe).

ESTÁS sufrindo algunha inxustiza, oposición por parte da túa familia ou persecución pola túa fe? Estás pasando por algún problema de saúde ou achaque da idade? Ou tiveches que vivir algunha traxedia, como a perda dalgún ser querido? Igual que moitas das ovelliñas que tanto quere Xehová, a túa vida poida que estea chea de “traballos [ou dificultades] e miserias” (Sal. 90:10).

2 Para facerlles fronte con éxito ás dificultades, temos que velas da maneira correcta. Como o conseguiremos? Podemos ilustralo co seguinte exemplo: os problemas que te encontras na vida poden ser coma os perigos que te atopas conducindo. Dependendo do perigo, poida que xires á esquerda ou á dereita, que frees ou que pares temporalmente. Pero, para tomar a decisión correcta, primeiro tes que ver ben o perigo e iso non poderás facelo se tes os cristais cheos de neve ou barro. De maneira parecida, para facerlles fronte con éxito ás dificultades, temos que velas igual que Xehová. Neste artigo imos analizar 1) a maneira correcta de ver as nosas dificultades, 2) como un punto de vista incorrecto da nosa situación pode facernos dano e 3) algúns pasos que podemos dar para ter o punto de vista correcto ante os problemas.

Un home conducindo co parabrisas do coche sucio sorprendido por un sinal que corta a estrada e que está xusto en fronte del.

Para poder aguantar os problemas temos que velos dende o punto de vista correcto (ver o parágrafo 2).


O PUNTO DE VISTA CORRECTO SOBRE AS DIFICULTADES

3. Por que non podemos evitar as dificultades agora?

3 As dificultades son inevitables neste sistema malvado. Mentres sexamos imperfectos e Satanás goberne o mundo, seguiremos sufrindo. Ademais, a medida que este sistema se achegue ó seu final, enfrontarémonos a aínda máis dificultades, xa sexan desastres naturais, catástrofes provocadas polo home ou problemas causados pola xente mala (Mat. 24:8; 2 Tim. 3:13). Xehová ten que esperar a solucionar todos eses problemas no futuro, porque se o fixese agora podería parecer que está axudando a Satanás a gobernar este mundo. Así que mentres o Demo siga gobernando, sufriremos (Ecl 9:12).

4. Que problemas temos os cristiáns a maiores?

4 Os cristiáns temos outros problemas a maiores. Xesús díxolles a miúdo ós seus discípulos que serían perseguidos pola súa fe (Mat. 24:9; Xoán 16:2). Saber isto axúdanos a evitar que a nosa fe se debilite se pasamos por unha situación así (1 Tes. 3:3, 4). Se nos mantemos fieis ó pasar por tempos moi difíciles, podemos estar seguros de que estamos facendo o correcto e de que Xehová e Xesús nos recompensarán coa vida eterna. Ademais, así tamén demostramos se estamos do lado de Xehová ou de Satanás na gran cuestión da soberanía. Como parte do ataque do Demo contra o nome de Deus, el afirma que os humanos só o serven por motivos egoístas e, para demostrar que ten razón, ataca intensamente os servos de Deus (Xob 1:9-11). Cando aguantamos polo moito que queremos a Xehová, facémolo moi feliz (Prov. 27:11).

5. Que podemos aprender de Eclesiastés 7:13, 14? (Ver tamén as imaxes).

5 Xehová permite que pasemos por dificultades. El nunca é cruel nin nos fai dano (Sant. 1:13). Entón, por que dixo o rei Salomón que Xehová tamén fixo os días malos? (le Eclesiastés 7:13, 14) Como pasa moitas veces, aquí a Biblia describe a Xehová facendo algo cando, en realidade, simplemente o está permitindo. Así que, que podemos aprender das palabras de Salomón? Primeiro, que temos que ser realistas coa nosa vida imperfecta no mundo de Satanás: imos ter días bos e días malos. Cando teñamos un bo día, podemos demostrar canto agradecemos a bondade de Xehová e velo coma un regalo que el nos dá. Segundo, Salomón recórdanos que non podemos saber que nos sucederá no futuro, así que non temos maneira de saber se nos pasarán cousas boas ou malas. Isto significa que tanto a xente boa como a mala ten problemas que non esperaba.

Serie de imaxes: Un home pasando por días bos e malos no seu xardín. 1. El recollendo moi feliz uns tomates da hortiña que está moi bonita. 2. Outro día, recollendo un tomate seco da horta que agora está murcha.

Temos que ser realistas e recoñecer que teremos días bos e malos mentres vivamos no mundo de Satanás (ver o parágrafo 5).


6. Por que é posible que Xehová permita que pasemos por dificultades? (Hebreos 12:7, 11).

6 Se temos o punto de vista correcto das nosas dificultades, darémonos conta de que Xehová nos está ensinando a depender del, e non de nós mesmos. Xehová sempre se dá conta do que nos pasa e preocúpase por nós cando sufrimos. Incluso se permite que algo nos faga moito dano, axúdanos a saber que facer, móstranos claramente o moito que nos quere e dános as forzas que necesitamos para aguantar (Sal. 23:4). As dificultades tamén poden axudarnos a identificar as nosas debilidades e, coa axuda de Xehová, a mellorar a nosa personalidade (le Hebreos 12:7, 11). Por exemplo, Xob necesitaba traballar na súa humildade. Sabemos que a proba pola que pasou non foi culpa de Xehová, pero el permitiu que pasase por ela e usouna para axudarlle a aprender leccións moi valiosas (Xob 42:1-6). Sen importar o que nos poida ocorrer, sabemos que se Xehová o permite non nos pode facer dano de maneira permanente. Cando aguantamos os problemas con fe, “saímos completamente vencedores” (Rom. 8:35-39).

7. Por que podes ser feliz incluso cando te perseguen pola túa fe?

7 Podemos ser felices durante a persecución. Se estás sendo perseguido pola túa fe, non penses que Xehová xa non está contento contigo ou que non che está axudando. Ó contrario, a oposición indica que tes a súa aprobación (Mat. 5:10-12). Se vemos desa maneira a persecución, podemos sentirnos felices e orgullosos igual que os apóstolos (Feit. 5:40-42). Ademais, quizais axudes a que os que non son Testemuñas coñezan a verdade e lle dean “gloria a Deus” (1 Ped. 2:12). Igual que Xosé, pode irche ben durante as dificultades e non só cando se acaban (Xén. 39:3, 23).

8. Que outra motivación temos para soportar as nosas dificultades?

8 Acabaranse as nosas dificultades. A experiencia de Xob recórdanos que as nosas dificultades acabaranse nalgún momento, xa sexa agora ou no novo mundo. De feito, Xehová bendiciu “a fin da vida de Xob máis aínda cós comezos” (Xob 42:12). Da mesma maneira, Xehová promete que bendicirá a segunda parte da túa vida, a parte que durará para sempre, máis que esta primeira tan breve e posiblemente chea de problemas. Canto nos motiva iso a seguir aguantando ata o fin! (Mat. 24:13).

COMO NOS PODE FACER DANO UN PUNTO DE VISTA INCORRECTO

9. Como nos pode facer dano ter un punto de vista incorrecto sobre as nosas dificultades?

9 Sen importar as dificultades polas que esteamos pasando, necesitamos ter o punto de vista correcto sobre elas para evitar crearnos máis problemas. Por exemplo, quizais sintamos que algúns dos nosos problemas son culpa de Xehová. Xob sentiuse así durante un tempo e ese punto de vista erróneo levouno a intentar “leva-la razón contra Deus” (Xob 32:2). A Noemí pasoulle algo parecido cando dixo que Xehová era o culpable do seu sufrimento (Rut 1:13, 20, 21). Se os dous seguisen pensando así, poderían ter danado a súa relación con Xehová (Prov. 19:3). Pero el axudoulles a ter o punto de vista correcto sobre os seus problemas e bendiciunos pola súa lealdade.

10. Cando esteamos pasando por un problema, que é posible que nos empecemos a preguntar?

10 Aínda que teñamos claro que Xehová non é o culpable dos nosos problemas, quizais empecemos a dubidar de se se preocupa por nós. Ter este punto de vista negativo pode desanimarnos (Prov. 24:10). Tanto o rei David como o profeta Habacuc tiveron os seus problemas e ás veces se preguntaron se Xehová escoitaba as súas oracións (Sal. 10:1; Hab. 1:2). Aínda así, non deixaron de pedirlle axuda e Xehová aseguroulles que podían contar con ela. Podes estar seguro de que Deus fará o mesmo contigo (Sal. 10:17).

11. Que nos podería pasar se non temos o punto de vista correcto sobre as dificultades?

11 Se non temos un punto de vista correcto sobre as dificultades, quizais nos collan por sorpresa porque poida que pensemos que non nos deberían pasar esas cousas a nós (1 Ped. 4:12). Por exemplo, ós discípulos de Xesús custoulles entender que el sufriría unha persecución moi forte (Luc. 18:33, 34). Pedro pensaba que Deus nunca permitiría que seu Fillo sufrise desa maneira a pesar de que Xesús lles dixera claramente o que lle tiña que pasar. Como el sabía que pensar así podía impedirlle facer a vontade de Xehová, corrixiu a este apóstolo (Mar. 8:31-33). Incluso despois da súa morte, os seus discípulos seguían sen entender ben o que sucedera. Aínda así, Xesús non os deu por perdidos. Cando falou con eles despois de resucitar, axudoulles a ter o punto de vista correcto sobre por que tivera que sufrir ó explicarlles “con claridade as Escrituras” (Luc. 24:25-27, 32, 44-48). Meditar no que Xesús lles estaba ensinando axudaríalles a prepararse para a oposición que terían que afrontar por ser os seus seguidores. Estudar verdades bíblicas tamén pode axudarnos a prepararnos para as dificultades que virán.

12. Como nos pode facer sentir ter un punto de vista equivocado sobre a nosa situación?

12 Un punto de vista incorrecto sobre a nosa situación pode facernos sentir que é peor do que realmente é ou que se nos está tratando de maneira inxusta. Xesús mostrou unha maneira na que nos pode pasar iso coa comparación dos traballadores da viña. Algúns traballadores queixábanse porque pensaban que non lles pagaran o que era xusto, pero o dono da viña díxolle a un deles: “Amigo, eu non fun inxusto contigo” (Mat. 20:10-13). Os traballadores pensaban que fora inxusto con eles, pero en realidade non era así. O que pasou foi que se fixeran unhas expectativas que non debían. Hoxe en día algúns irmáns quizais se sintan dunha maneira parecida se por exemplo perderon a oportunidade de ter algunha responsabilidade ou se tiveron que renunciar a ela. Que cousas prácticas podemos facer para ter o mesmo punto de vista que Xehová sobre unha situación difícil?

QUE PODEMOS FACER CANDO PASAMOS POR PROBLEMAS

13. Que pode suceder cando teñamos algún problema?

13 Os servos de Xehová sabemos o que di a Biblia sobre o sufrimento. Quizais incluso compartimos algunhas destas verdades con outros para axudarlles a facerlles fronte ós seus problemas. Aínda así, cando somos nós os que temos un problema, quizais nos custe manter o punto de vista correcto. Por exemplo, pode ser que pensemos que Xehová nos está castigando ou que non escoita as nosas oracións. Que podemos facer para manter a perspectiva correcta?

14. Que podes pedir en oración cando esteas sufrindo? (Filipenses 4:13).

14 Pedirlle a Xehová a súa axuda. Cóntalle o que che está pasando e como te sentes. Se che gustaría que fixese algo específico para axudarche, dillo en oración. Podes pedirlle o seu espírito santo para ter as forzas e a sabedoría necesarias para seguir aguantando. Pero recorda que Xehová quizais responda a túa oración dunha maneira que non esperabas (Ef. 3:20). Quizais tamén use os anxos ou os irmáns para axudarche (Sal. 34:8 [34:7, TNM]). Así que acepta a súa axuda sexa cal sexa a maneira na que cha dea. Podes estar seguro que Xehová quere darche todo o espírito santo que necesites en calquera situación (le Filipenses 4:13).

15. Que che pode axudar nos momentos difíciles? (Ver tamén a imaxe).

15 Manter unha rutina espiritual. Sigue facendo o que poidas incluso se non es capaz de manter a túa rutina de antes. Tes que encher a túa mente cos pensamentos de Deus, sobre todo cando pases por “angustias e coitas [ou dificultades]” (Sal. 119:143). Sigue lendo a Biblia tódolos días, medita no que leas e investiga. Predica tanto como poidas, vai ás reunións e participa nelas. Pasa tempo cos irmáns e non te illes, incluso cando sintas a necesidade de facelo (Prov. 18:1).

Un irmán na cama dun hospital conectándose ó estudo de “A Atalaia” por videoconferencia. Segue o estudo coa súa propia revista e a Biblia.

Fai todo o que poidas por manter unha rutina espiritual (ver o parágrafo 15).


16. Que é posible que te preguntes cando sufras, e como podes resolver esas dúbidas? (2 Corintios 10:4, 5).

16 Resolver as dúbidas. Cando pases por dificultades quizais teñas que “derribar [ideas] profundamente arraigadas”, como dúbidas sobre ti mesmo e sobre Xehová (le 2 Corintios 10:4, 5). Podes conseguilo grazas ó “coñecemento de Deus” que encontras na Biblia e en publicacións da súa organización. Por exemplo, dubidas de se aínda contas coa aprobación de Xehová? Por que non investigas sobre o apóstolo Paulo? Aínda que predicaba con entusiasmo as boas noticias, tivo moitos problemas graves. Pero conseguiu seguir adiante e isto convenceuno de que Xehová e Xesús seguían estando contentos con el (2 Cor. 11:23-27). Dubidas de se Xehová perdoou os teus erros do pasado? Se é así, fai unha lista de textos que demostren que Xehová perdoa os nosos pecados (Is. 43:25). Despois leos e medita neles (Sal. 119:97). Pasaches por algunha traxedia que che fixo dubidar da promesa de Xehová de que sempre protexerá os seus servos fieis? Investiga sobre por que permite o sufrimento e sobre como nos protexe espiritualmente sen importar o que nos poida pasar (Sal. 91:9-12). Tamén le experiencias de irmáns que sufriron algunha traxedia e conseguiron seguir servindo a Xehová con alegría.a

17. Que temos que facer cando apareza algunha dificultade?

17 Quizais agora non esteas pasando por un problema moi grave. Se é así, agradécello a Xehová e aproveita a oportunidade para meditar en tódalas cousas boas que che dá (Ecl. 7:14). Pero cando cheguen os tempos difíciles, recorda o que Deus che di na súa Palabra e sigue confiando por completo nel. Entón Xehová darache “a saída para que [poidas] aguantar” (1 Cor. 10:13). Pero, e que hai dos nosos queridos irmanciños? Como lles podemos axudar cando pasen por problemas? Iso verémolo no seguinte artigo.

QUE RESPONDERÍAS?

  • Que nos pode axudar a ter o punto de vista correcto sobre as dificultades?

  • Como nos pode facer dano ter un punto de vista equivocado sobre a nosa situación?

  • Que podemos facer cando pasamos por dificultades?

CANCIÓN sjj 150 Xehová é quen te salvará

a Por exemplo, podes buscar a biografía “La tragedia nos golpea, pero volvemos a ponernos en pie” en jw.org para ler sobre como o irmán David Maza e a súa familia se enfrontaron á terrible perda do seu fillo.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir