11-17 DE MAIO DE 2026
CANCIÓN sjj 7 Xehová é a nosa forza
Confía no Soberano do Universo
“Só ti, Señor, e-lo Altísimo en toda a terra” (SAL. 83:19 [83:18, TNM]).
OBXECTIVO
Facer máis forte a nosa confianza en que Xehová é o Soberano Universal e en que el nos vai axudar a superar as probas ás que nos enfrontamos agora e ás que teremos no futuro.
1. Que cousas terribles lle pasaron a Xob?
XOB perdera case todo: os seus fillos, a súa saúde e a súa riqueza. Ademais, acabaran coa súa boa reputación. Tres homes que dicían ser seus amigos visitárono, pero dixeron moitas cousas malas sobre el que só o fixeron sentirse peor. Incluso a súa querida muller estaba tan desconsolada que lle dixo: “¡Maldice a Deus, e morre!” (Xob 2:9; 15:4, 5; 19:1-3). Estes sucesos tan terribles puideron acabar coa confianza que Xob tiña no Deus verdadeiro e facelo dubidar de que Xehová protexe os que o aman e o serven.
2, 3. Que poderiamos empezar a preguntarnos, e que imos aprender do libro de Xob?
2 Ás veces nós tamén podemos pasar por momentos difíciles que poñan seriamente a proba a nosa confianza en Xehová pois, ó fin e ó cabo, estamos vivindo “tempos críticos e difíciles de soportar” (2 Tim. 3:1). Cando pasamos por unha situación difícil tras outra, quizais sintamos que nos supera e que non podemos aguantar máis. Pasar por algo así fixo que algúns dubidasen de se Xehová se preocupa realmente por eles.
3 Se ti tamén te sentiches así algunha vez, non te desanimes. Xob aprendeu que Xehová rescata os que lle son leais e nós podemos chegar a ter esa mesma confianza inquebrantable. Para conseguilo, imos analizar o libro de Xob e ver como nos dá seguridade sobre dous puntos clave. Primeiro, que só Xehová é o Soberano do Universo. E segundo, que o noso Deus Todopoderoso pode controlar o que pasa no mundo para asegurarse de que se cumpra o seu propósito tal e como el o estableceu e de que o seu pobo non sufra danos espirituais nin físicos permanentes.
SATANÁS PRESÉNTASE ANTE XEHOVÁ E OS ANXOS
4. Que pasou cando Xehová e os anxos se reuniron?
4 Un día, os anxos estaban reunidos diante de Xehová no ceo e a Biblia di que se achegou “tamén con eles Satán [ou Satanás]” (Xob 1:6). Esta é a primeira referencia na Biblia ó título do principal adversario de Xehová: Satanás, que significa “opositor”. Para aquel entón, Satanás xa non era un dos fillos fieis de Deus. Convertérase nun inimigo de Xehová e da súa familia, tanto da parte celestial como da terreal. Xehová indicou que Satanás xa non pertencía á súa familia celestial cando dixo as palabras que lemos en Xénese 3:15 (TNM). Por iso, Satanás xa non forma parte da “muller” (o conxunto de criaturas espirituais que forman parte da familia de Xehová) que produciría a “descendencia”.
5. Que aprendemos ó analizar o que se dixo naquela reunión no ceo?
5 Xehová asegurouse de que o que se dixo naquela reunión no ceo quedase rexistrado na Biblia. O que dixo Satanás deixa claro que el é un difamador sen corazón (Xob 1:9; compara con Apocalipse 12:10). Ademais, o feito de que Xehová rexistrase na Biblia o que pasou asegúranos que el usa a súa autoridade suprema dunha maneira perfecta e xusta. Tamén demostra que o Todopoderoso pon límites ó que outros poden facer.
XEHOVÁ PON OS LÍMITES
6. Como demostrou Xehová que tiña completamente baixo control a reunión nos ceos? (Xob 1:7, 8).
6 Le Xob 1:7, 8. Xehová tiña pleno control sobre aquela reunión. Preguntoulle a Satanás: “¿Xa reparaches no meu servo Xob?”. Si, Xehová era totalmente consciente de que Satanás escollera a Xob como o seu obxectivo. Vexamos como usou Deus o seu poder supremo para axudarlle.
7. Segundo Xob 1:10, 11, que deu a entender Satanás sobre por que os humanos serven a Xehová?
7 Le Xob 1:10, 11. Xehová é o Soberano Todopoderoso do Universo, e usa a súa autoridade e poder da maneira que ve máis conveniente (Xer. 32:17; Dan. 4:32 [4:35, TNM]). Aínda así, Satanás afirmou que Deus non utiliza o seu poder de maneira apropiada. Basicamente o que estaba dicindo é que Xehová suborna os seres humanos, coma Xob, para que o sirvan. Deu a entender que os que serven a Deus só o fan polo que poden obter a cambio. Como respondeu Xehová?
8, 9. Que límites claros lle puxo Xehová a Satanás, e por que? (Xob 1:12). (Ver tamén a imaxe).
8 Le Xob 1:12. Xehová deulle a Satanás a oportunidade de demostrar o que afirmaba, pero púxolle límites. Díxolle claramente: “Non poñas a man nel”. Tódolos anxos presentes escoitaron como Xehová lle daba ese mandato a Satanás. O Demo non tiña poder para pasar por alto esa orde, así que non tivo outra elección que manterse dentro daqueles límites. E incluso hoxe Satanás só pode facer o que Xehová lle permite. Así que Xehová usou o seu poder para protexer a Xob e para demostrar que El é xusto e amoroso.
9 Satanás fracasou totalmente co seu primeiro ataque. Xob mantívose fiel ó seu Pai celestial (Xob 1:22). Pero o Opositor aínda non acabara de poñer a proba a Xob.
Xehová permitiulle a Satanás presentar o seu desafío ante os demais anxos (ver o parágrafo 8).
10. Por que permitiu Xehová que Satanás atacase de novo a Xob? (Xob 2:2-6).
10 Le Xob 2:2-6. Esta vez Satanás quixo facer algo que era moi cruel para intentar que Xob deixase de servir a Deus. Quería demostrar que este home maldiciría a Deus a cambio de salvar a súa propia vida. Para resolver o asunto, Xehová permitiu que o Demo atacase a este servo fiel. Pero, novamente, púxolle uns límites cando lle dixo: “Respéctalle a vida!”. A Satanás non lle quedaba outra que cumprir con esa restrición. Así que Xehová demostrou de novo que, como o Altísimo, tiña todo baixo control porque Satanás non lle podía facer nada a Xob que el non lle permitise.
XEHOVÁ PÚXOLLE FIN Ó SUFRIMENTO DE XOB
11. Cando Xehová puxo fin ó sufrimento de Xob, como o recompensou? (Xob 42:10-13).
11 Le Xob 42:10-13. Cando Xob deixou claro que sempre sería fiel, Xehová non permitiu que Satanás o seguise atacando e interveu para poñerlle fin ó seu sufrimento. Unha vez máis, podemos ver como o Opositor non tivo poder para ir en contra da decisión que tomara Xehová. Non se lle permitiu seguir atacando directamente o valioso servo de Deus.
12. Pon un exemplo do resultado de confiar no poder salvador de Xehová.
12 Xehová usa o seu poder para axudar a moitos dos seus servos nos últimos días. Por exemplo, en 1945, 230 testemuñas de Xehová sobreviviron á coñecida marcha da morte dende un campo de concentración nazi. Eles escribiron estas palabras lembrando esa horrible experiencia: “Deixamos atrás un longo e duro período de proba, e os que sobreviviron, arrebatados por así dicilo do forno ardente, nin sequera teñen sobre eles o cheiro do fume. [...] Ó contrario, están cheos da forza e poder de Xehová”. Despois engadiron: “Soamente temos un desexo [...] [despois] de estar na guarida dos leóns: que se nos permita servir a Xehová [...] por toda a eternidade. Iso sería a nosa maior recompensa” (compara con Daniel 3:27; 6:23 [6:22, TNM]).
13. De que podes estar seguro cando pases por problemas? (Ver tamén as imaxes).
13 Quizais nós tamén pasemos por momentos na nosa vida que nos fagan sentir coma se nos metesen na guarida dos leóns (1 Ped. 5:8-10). Ás veces podemos sentirnos moi desanimados e quizais nos preguntemos se algún día acabará a situación difícil pola que estamos pasando. Se é así, pode axudarnos recordar o que lle pasou a Xob. Podemos estar completamente seguros de que Xehová ten o poder para acabar co noso sufrimento, xa sexa agora ou no novo mundo. Non permitirá que este sistema dure máis do que ten previsto!
Xehová recompensará os seus servos leais, igual que fixo con Xob (ver o parágrafo 13).
XEHOVÁ AMA OS SEUS SERVOS LEAIS
14, 15. Que quere facer Xehová polo seus servos leais, e por que? (Xob 14:15). (Ver tamén a imaxe).
14 Le Xob 14:15. O noso Pai celestial sente algo especial polos que lle son leais. Valóraos tanto que, se algún morre, el devolveralle a vida. Desta maneira, reparará o dano que causou a morte (Is. 65:17).
15 Aínda que Xob seguiu vivindo nun mundo gobernado por Satanás, grazas ó rexistro fiable da Biblia sabemos que Xehová lle devolveu a saúde e lle deu aínda máis bendicións das que tiña antes. E fará moito máis por el no futuro. Xehová demostrou que quere que os seus servos leais sexan realmente felices e que desfruten da vida. De feito, daralles a oportunidade de desfrutar de vida eterna no Paraíso a tódolos que demostren ser leais (Apoc. 21:3, 4). Como Soberano do Universo, ten o desexo de facelo. Como nos consola pensar nisto cando pasamos por problemas!
Despois das probas, Xob e a súa muller desfrutaron de moitas bendicións de parte de Xehová (ver os parágrafos 14 e 15).
16. Que outra razón temos para confiar en Xehová como o Soberano?
16 Despois dunha longa vida, Xob acabou morrendo. Pero Xehová, como é o Soberano, o Todopoderoso, ten poder incluso sobre a morte (Deut. 32:39). Así que ninguén pode evitar que resucite os que ama. E iso sucederá no momento que el escolla (Rom. 8:38, 39).
CONFÍA COMPLETAMENTE EN XEHOVÁ
17. Como sabemos que Satanás non pode acabar co pobo de Xehová?
17 O relato bíblico de Xob dános razóns sólidas para confiar por completo en Xehová. Que agradecidos lle estamos de que non lle permitise a Satanás acabar co seu pobo! Na actualidade uns nove millóns de servos fieis dan proba do poder do verdadeiro Soberano. Unha vez tras outra, puidemos ver que as armas que se formaron contra os servos de Xehová non tiveron éxito (Is. 54:17). Moitos gobernos e institucións relixiosas poderosas non foron capaces de acabar co pobo de Xehová, que aparentemente estaba indefenso. E nada pode facer que deixemos de compartir a verdade sobre Xehová e de sacar á luz que Satanás é un impostor e un asasino. Nin sequera a morte pode deternos, porque Deus devolverá á vida a calquera que morra séndolle leal (Os. 13:14).
18. Por que non temos que ter medo do que pasará no futuro?
18 Mentres meditamos no relato de Xob, fortalecemos a nosa fe en que Xehová sempre estará con nós sen importar o que pase no futuro. Durante a gran tribulación, o pobo de Deus parecerá vulnerable e Satanás e os seus exércitos pensarán que poden derrotalo facilmente. Pero, como pasou nos días de Xob, Xehová terá o control total da situación e non lles permitirá causar ningún dano permanente. Moi pronto Deus poñerá fin a todo o sufrimento que provocou Satanás, e tanto el como os seus demos serán mandados ó abismo por 1000 anos (Luc. 8:31; Apoc. 20:1-3). Despois chegará o final de Satanás e de tódolos que estean do seu lado (Apoc. 20:10). Tal e como Xehová dixo, a cabeza de Satanás será esmagada e será destruído completamente dunha vez e para sempre (Xén. 3:15; Rom. 16:20).
19. Como recompensará Xehová os que confían nel por completo? (Ver tamén a imaxe).
19 Que ganas temos de que chegue o novo mundo onde todos seremos perfectos e felices de verdade. A vida será incluso mellor do que podemos imaxinar. Xehová prométenos: “Mira! Estou facendo novas tódalas cousas” (Apoc. 21:5). Que implica iso? Por primeira vez despois de miles de anos, nin Satanás nin os seus demos poderán facerlles dano ás persoas nin provocar que algunhas delas fagan cousas crueis. Por fin poderemos respirar tranquilos! As preocupacións deste mundo non nos quitarán o sono nunca máis. Os que sobrevivan a Armaxedón verán moitos milagres, como ver os enfermos recuperar a saúde. Ademais, a resurrección dos nosos seres queridos que morreron empezará por fin. Poderemos vivir tal e como quería o noso Pai celestial!
Xehová bendicirá a tódolos que foron fieis no pasado a pesar das dificultades que tiveron que aguantar (ver o parágrafo 19).
20. Que estás decidido a facer?
20 Nestes últimos días é probable que pasemos por máis probas e polo tanto necesitaremos valor para manternos fieis. Por iso queremos seguir confiando por completo no noso Pai, Xehová, obedecéndoo como o noso Gobernante, demostrando o noso amor por el e deixando claro que Satanás está equivocado. Podemos estar seguros de que se nos mantemos fieis ó noso Soberano, teremos un futuro marabilloso porque el ten moitas ganas de recompensar os seus servos fieis. E non temos dúbidas de que o fará!
CANCIÓN sjj 153 Axúdame a ter valor