BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w26 abril páxs. 8-13
  • “O Deus da verdade” sempre leva a cabo o seu propósito

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • “O Deus da verdade” sempre leva a cabo o seu propósito
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • POR QUE PODEMOS CONFIAR NO DEUS DA VERDADE
  • O DEUS DA VERDADE CUMPRE CO SEU PROPÓSITO
  • O DEUS DA VERDADE REÚNE A TÓDOLOS QUE AMAN A VERDADE
  • MIREMOS CARA Ó FUTURO CON CONFIANZA
  • Apunta as respostas ás seguintes preguntas
    2025-2026 Programa do Congreso de Circuíto con Representante da Sucursal
  • Sexamos humildes e aceptemos que hai cousas que non sabemos
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Apunta as respostas ás seguintes preguntas
    2025-2026 Programa para o Congreso de Circuíto con Superintendente de Circuíto
  • Confía no Soberano do Universo
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
w26 abril páxs. 8-13

8-14 DE XUÑO DE 2026

CANCIÓN sn 49 Xehová, ti es o meu refuxio

“O Deus da verdade” sempre leva a cabo o seu propósito

“Rescatáchesme, oh, Xehová, o Deus da verdade” (SAL. 31:5, TNM).

OBXECTIVO

Aprender por que podemos estar seguros de que Xehová cumprirá coa súa promesa de que pronto o Reino acabará con tódalas mentiras e os enganos.

1. Segundo o Salmo 31:2-5 (TNM), por que podemos confiar en Xehová?

VIVIMOS nun mundo gobernado por Satanás onde as mentiras, os enganos e as traizóns son moi comúns. Por iso, pode ser moi difícil saber en quen confiar. Os empresarios xogan sucio coa competencia, a publicidade que se fai sobre os produtos é enganosa para que a xente os compre e algunhas persoas déronse conta de que nin sequera poden confiar na palabra dos seus amigos. A pesar disto, que tranquilizador é saber que sempre podemos confiar en Xehová! El é “o Deus da verdade” (le Salmo 31:2-5, TNM). Dicir a verdade é parte da súa personalidade e do seu ser. Sempre podemos confiar en que fará o que di.

2. Que veremos neste artigo?

2 Neste artigo, primeiro veremos algunhas das razóns polas que podemos confiar no Deus da verdade con todo o noso corazón. Despois veremos como acabará co malvado mundo de Satanás e que está facendo xa agora para conseguir o seu propósito. Esta análise axudaranos a ser unhas testemuñas de Xehová valentes e sen medo.

POR QUE PODEMOS CONFIAR NO DEUS DA VERDADE

3. Por que podemos confiar completamente en Xehová?

3 Podemos confiar nel porque é o noso Creador. El creou o Universo, a Terra e a tódolos seres vivos (Xén. 1:1; Sal. 36:10 [36:9, TNM]; Apoc. 4:11). Grazas a el a vida segue existindo, xa que creou os ecosistemas que fan posible vivir na Terra. El ten, e sempre terá, un control total sobre todo o Universo. Así que podemos confiarlle a nosa vida e o noso futuro ó Creador, pois el o coñece todo e ten un poder infinito.

4. Como sabemos que Xehová nos quere?

4 Podemos confiar nel porque nos ama. Xehová creounos ós seres humanos porque quería compartir o fermoso regalo da vida con nós. El deixou claro cal era o seu propósito cando dixo estas palabras: “Fagámo-lo home á nosa imaxe e á nosa semellanza” (Xén. 1:26). Xehová deunos libre albedrío e creou un fermoso fogar só para nós (Sal. 115:16). Tamén lles deu ós nosos primeiros pais a emocionante tarefa de converter aquel fogar nun paraíso (Xén. 1:28; 2:15). E puxo ó seu alcance unha enorme variedade de cousas e recursos. Iso demostra canto nos quere e que o seu amor leal “dura por sempre” (Sal. 103:17).

5. a) Como cumpriu coa súa palabra Xehová a pesar dos esforzos do Demo por acabar coa humanidade? b) Cales son algunhas promesas que cumpriu Xehová? (Ver o recadro “Deus sempre di a verdade”).

5 Podemos confiar nel porque sempre cumpre as súas promesas. Xehová non creou a Terra sen un propósito, senón “para ser habitada” (Is. 45:18, 19). Cando Adán e Eva se rebelaron, tiveron que morrer. Así que puido parecer que o propósito de Deus fracasara, pero nada o pode deter, el sempre cumpre todo o que promete (Is. 46:10, 11). O seu propósito de encher a Terra con homes e mulleres xustos non cambiou, e por iso lles permitiu a Adán e Eva ter fillos. Ademais, enviou ó seu Fillo Unixénito como rescate para salvar os descendentes de Adán e darlles a marabillosa esperanza de vivir para sempre (Xoán 3:16).

Deus sempre di a verdade

Vexamos só algunhas das promesas que Xehová xa cumpriu:

  • Prometeulles a Moisés e ós israelitas que poderían ter unha terra propia na cal desfrutarían de moita comida boa (Éx. 3:6-8; Deut. 27:3).

  • Prometeu que o Mesías viría á terra e que liberaría á humanidade do pecado e da morte (Is. 53:11, 12).

  • Prometeu que habería unha campaña mundial de predicación para que as persoas o coñezan antes de que chegue o fin (Mat. 24:14).

Ocórrenseche outros exemplos de promesas que Xehová xa cumpriu?

O DEUS DA VERDADE CUMPRE CO SEU PROPÓSITO

6. Que dixo Xehová que pasaría despois da rebelión de Adán e Eva?

6 “A serpe orixinal, ó que lle chaman Demo e Satanás” foi quen convenceu a Adán e Eva de que se rebelasen contra Deus (Apoc. 12:9; Xén. 3:4, 5; Xoán 8:44).a Como resultado do que fixo, Xehová dixo que chegaría o día no que sería destruído (Xén. 3:15). Antes de que chegue ese momento, moitos seguirán a Satanás e farán cousas malas. Pero haberá algunhas persoas que se manterán fieis a Xehová.

7. Quen segue ó Demo, e que lles pasará?

7 A Satanás ségueno anxos rebeldes e seres humanos. Eles convértense na súa descendencia porque se opoñen, ou resisten, ó propósito de Deus. Pero cando chegue o momento que decidiu Xehová, Satanás será destruído xunto con tódolos que o seguen (Dan. 2:44; Rom. 16:20).

8. Que fixo Xesús en 1914? (Ver tamén as imaxes).

8 Por que podemos estar seguros de que Xehová cumprirá a súa promesa de destruír a Satanás e os seus seguidores? En 1914, Xesús empezou a guerra contra Satanás e os seus demos e botounos cara abaixo, á terra (Apoc. 12:7-9). Aínda que a batalla tivo lugar nos ceos, non hai dúbida de que os humanos sentiron os seus efectos. A Biblia di: “Ai da terra e do mar! Porque o Demo baixou onda vós cheo de furia, pois sabe que lle queda pouco tempo” (Apoc. 12:12). Dende 1914, o obxectivo principal de Satanás é facer que o maior número de persoas o sigan e por iso podemos ver como cada vez hai máis problemas no mundo. Pero dentro de pouco, Xesús “[completará] a súa vitoria”, fará prisioneiro a Satanás durante mil anos e destruirá os humanos que o apoien (Apoc. 6:2). Xesús vindicará o nome de Xehová dunha vez por todas (Sal. 45:5-7 [45:4-6, TNM]). Todo o mundo saberá que seu Pai é o Deus da verdade! (Ezeq. 38:23).

Serie de imaxes: Sucesos na terra dende 1914. 1. Satanás en forma de dragón con sete cabezas sendo botado abaixo á terra. 2. Soldados armados deitados no bordo dunha trincheira durante unha guerra. 3. Unha nube en forma de fungo provocada por unha bomba. 4. Unha nai sen un lugar onde vivir sentada na rúa co seu fillo chorando no seu colo. 5. Un soldado apuntando cun rifle de asalto. 6. Un home camiñando entre os restos dunha cidade destruída. 7. Unha fábrica industrial botando aire contaminado. 8. Persoas con máscaras camiñando pola rúa. 9. Xente protestando e pelexando cun grupo de policías.

Primeira Guerra Mundial: U.S. National Archives photo; bomba: USAF photo; pandemia: blvdone/stock.adobe.com; disturbios: inhauscreative/E+ via Getty Images.

Dende 1914, a situación mundial foi de mal en peor (ver o parágrafo 8).


O DEUS DA VERDADE REÚNE A TÓDOLOS QUE AMAN A VERDADE

9. A quen está reunindo Xehová hoxe en día?

9 Mentres que non chega ese día, Xehová está reunindo “tódalas cousas e que así estean unidas a Cristo, as cousas nos ceos e as cousas na terra” (Ef. 1:10). “As cousas nos ceos” son os unxidos, a quen Xehová seleccionou para gobernar con Cristo nos ceos, e “as cousas na terra” son aqueles que vivirán para sempre na Terra feita un paraíso. Todos estes adoradores de Xehová están moi ocupados sacando á luz as mentiras de Satanás e axudando ós que teñen un corazón sincero a coñecer a verdade.

10. Como está liberando Xehová as persoas das mentiras da relixión falsa? (Apocalipse 14:6, 7).

10 Para encontrar as persoas que queren coñecer a verdade, Xehová está usando a maior campaña de predicación que o mundo xamais viu (le Apocalipse 14:6, 7). Aínda que Deus usa os humanos para falarlles a outros sobre as boas noticias, os anxos tamén guían as persoas que aman a verdade cara ó pobo de Xehová. Ó predicar, os seus servos expoñen as mentiras de Babilonia a Grande, o imperio mundial da relixión falsa que o Demo usou durante centos de anos para espallar mentiras sobre Xehová (Apoc. 18:2, 4). Pronto, tódalas relixións falsas serán destruídas por completo e tódolos que aman o Deus da verdade daranlle a gloria que tanto merece (Apoc. 17:16).

11. Como podemos identificar os verdadeiros adoradores de Xehová?

11 Xehová atrae á súa familia a persoas de todo tipo e de calquera parte do mundo (Apoc. 7:9, 10). Cando estas escoitan “as boas noticias”, danse conta de que é a verdade e queren unirse ó pobo de Xehová (Mar. 13:10). A medida que pasa o tempo, vaise vendo máis claramente quen serve a Xehová da maneira que el acepta e quen non. O profeta Malaquías dixo o seguinte: “Veredes de novo a diferencia entre o xusto e o malvado, entre quen serve ó Señor e quen non o serve” (Mal. 3:18). Os servos de Xehová demostran que adoran o Deus da verdade pola súa conduta e polos esforzos que fan por predicar.

12. Como está axudando a predicación a que se cumpra o propósito de Xehová?

12 Cando predicamos “as boas noticias do Reino” obedecemos o mandato de Xesús e ó mesmo tempo cumprimos co que se profetizou (Mat. 24:14; 28:18-20). Como resultado da nosa predicación, persoas arredor de todo o mundo fanse discípulos de Cristo coa esperanza de adorar para sempre ó Deus da verdade. Que honor tan grande é que Xehová nos use para levar a cabo o seu propósito!

MIREMOS CARA Ó FUTURO CON CONFIANZA

13. A quen persegue especialmente Satanás, e por que?

13 Satanás o Demo está moi enfadado porque sabe “que lle queda pouco tempo” antes de que este mundo sexa destruído (Apoc. 12:12, 13). El persegue especialmente ós representantes do Reino de Deus na terra, aqueles que “obedecen os mandamentos de Deus e ós que se lles encargou dar testemuño acerca de Xesús” (Apoc. 12:17; 14:12). Polo tanto, calquera que os apoie a eles e ó labor que están facendo tamén será atacado por Satanás.

14. Que pasará cando Satanás ataque o pobo de Xehová? (Ver tamén a imaxe).

14 Despois da destrución de Babilonia a Grande, os que apoian a Satanás atacarán o pobo de Xehová con tódalas súas forzas. Entón será cando empece a guerra de Armaxedón (Apoc. 16:13, 14, 16). Xesús e o seu exército celestial rescatarán os adoradores de Xehová e destruirán por completo todo o que quede do mundo de Satanás (Apoc. 19:19-21). Nese momento, desaparecerán para sempre tódalas persoas malvadas e mentireiras (Apoc. 21:8). O Deus da verdade e da xustiza será realmente vindicado.

Xesús e o seu exército celestial montados en cabalos brancos atacando a soldados armados na terra. Xesús vai apuntando co seu arco e os outros anxos empuñan as súas espadas.

Xesús e o seu exército celestial cabalgando cara a guerra de Armaxedón para destruír os inimigos de Deus (ver o parágrafo 14).


15. Por que podemos estar seguros de que se fará realidade o que Xehová prometeu? (Isaías 65:16, 17, TNM). (Ver tamén a imaxe).

15 Hoxe en día o mundo está máis dividido ca nunca, pero coa axuda de Xehová os seus servos mantémonos unidos. El xa está reunindo a tódolos que aman a verdade para que formen parte da súa familia. Nada pode impedir que Xehová bendiga ó seu pobo e o traballo que está facendo (le Isaías 65:16, 17, TNM). Podemos estar seguros de que cumprirá tódalas súas promesas. Por que? Porque o apóstolo Paulo dinos claramente en Romanos 8:38, 39 o seguinte: “Nin a morte, nin a vida, nin os anxos, nin os gobernos, nin as cousas de agora, nin as cousas que virán, nin os poderes, nin a altura, nin a profundidade, nin ningunha outra creación poderá separarnos do amor de Deus que está en Cristo Xesús, o noso Señor”.

Uns pais e os seus fillos moi alegres sentados na súa terraza que dá a un val frondoso e moi fermoso. Hai un rinoceronte pastando cerca deles.

No novo mundo, nin sequera recordaremos os problemas que temos hoxe (ver o parágrafo 15).


16. Por que podes confiar en Xehová de todo corazón?

16 Temos razóns máis que suficientes para confiar en Xehová, o Deus da verdade. El é o noso Creador, ámanos moito e está xuntando a máis e máis persoas por todo o mundo para que o sirvan da maneira correcta (Is. 60:22; Zac. 8:23). Sabemos que el sempre cumpre coas súas promesas e que pronto eliminará a Satanás para que o mundo estea libre das súas mentiras. Polo tanto, digamos igual que David: “Bendito sexa o Señor, [...] o único que fai marabillas. Bendito sexa por sempre o seu nome glorioso e que a terra se encha da súa gloria” (Sal. 72:18, 19).

QUE RESPONDERÍAS?

  • Por que podemos confiar no “Deus da verdade”?

  • Como acabará Xehová co mundo do Demo, e que está facendo xa agora para levar a cabo o seu propósito?

  • Por que podemos estar seguros de que Xehová cumprirá as súas promesas?

CANCIÓN sjj 2 Teu nome é Xehová

a A Biblia non nos di cal é o nome propio deste anxo malvado. Máis ben, refírese a el como Satanás, que significa “opositor de Deus”, ou o Demo. En galego tamén se lle coñece como Diabo ou Diabro que significa “calumniador”.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir