18-24 DE MAIO DE 2026
CANCIÓN sjj 35 Asegúrate do máis importante
Como podemos loitar contra as distraccións?
“Entendede cal é a vontade de Xehová” (EF. 5:17).
OBXECTIVO
Aprender como centrarnos nas actividades espirituais a pesar de tódalas cousas que nos poden distraer hoxe en día.
1, 2. Como podería algo importante converterse nunha distracción?
CANDO foi a última vez que te esforzaches por non distraerte? Quizais algo chamou a túa atención cando estabas facendo outra cousa e tiveches que decidir que era o máis importante. Por exemplo, imaxina que te chaman ó móbil cando estás conducindo. A chamada pode ser importante pero non tanto como centrarte en conducir, así que dáste conta de que nese momento será unha distracción.
2 Hai moitas cousas que temos que facer que son importantes. Pero sabemos que o primeiro é concentrarnos na nosa rutina e actividades espirituais (Mat. 6:33).a Por iso, o pobo de Xehová, igual que os condutores prudentes, intenta identificar o que lle pode distraer de mirar cara adiante (Prov. 4:25; Mat. 6:22).
3. Como nos axudará o que veremos neste artigo?
3 Ningún de nós pretende distraerse das súas actividades espirituais. Aínda así, hai moitas cousas que poden roubar a nosa atención (Luc. 21:34-36). Para axudarnos a concentrarnos no noso servizo a Xehová, imos ver: 1) que cousas poden distraernos, 2) que fixo Xesús para non distraerse do que era máis importante e 3) como podemos loitar contra as distraccións.
QUE COUSAS PODEN DISTRAERNOS?
4-6. Que tipo de cousas nos poderían distraer facilmente?
4 Todos temos moitas cousas importantes na nosa vida que requiren da nosa atención. Por exemplo, pode ser que teñamos problemas de saúde ou algún asunto familiar ou persoal que necesitemos atender. Claro, estas cousas son importantes e hai que dedicarlles tempo. Pero, poderían volverse unha distracción? Si, se sempre estamos pensando neses asuntos e investimos tanto tempo que non nos quedan horas no día nin enerxías para ningunha outra cousa.
5 Ademais, poida que a moitos de nós nos afecten persoalmente a inestabilidade política, a crise económica, as pandemias e os incesantes conflitos que caracterizan a este sistema (2 Tim. 3:1). Cando pasamos por isto, é posible que esteamos tan preocupados que non poidamos pensar noutra cousa.
6 Quizais coñezamos a persoas que pasaron por algunhas destas cousas terribles e iso fixo que a súa vida cambiase por completo. Nese caso é normal que se sintan moi angustiados. Xehová non nos creou ós seres humanos para que vivísemos constantemente cun estrés coma ese. Por iso non nos sorprende que algúns, debido a tódolos problemas que están pasando, sintan que non poden ter unha vida normal! Como resultado, hai quen intenta pasar todo o tempo que pode relaxándose e pasándoo ben para esquecerse das súas preocupacións. Que podemos facer se estamos pasando por algo coma isto? Xesús tamén se puido ter distraído, así que vexamos que lle axudou a seguir poñendo a Xehová en primeiro lugar.
QUE FIXO XESÚS PARA NON DISTRAERSE DO QUE ERA MÁIS IMPORTANTE?
7. Con que puido distraerse Xesús?
7 Xesús puido distraerse con moitas cousas, como cos problemas sociais e políticos. Nos seus días, moita xente era pobre, estaba enferma e sufría inxustizas a mans dos romanos e doutros xudeus (Mat. 14:14; Mar. 14:7). Cando viron que Xesús tiña o poder e a capacidade para facer milagres, quixeron que fose o seu rei (Xoán 6:14, 15). Ademais, Satanás intentou tentalo ó ofrecerlle un atallo para que gobernase todo o mundo (Mat. 4:8, 9). E o apóstolo Pedro, un dos amigos máis íntimos de Xesús, nunha ocasión animouno a ir polo camiño máis fácil ó dicirlle: “Señor, non sexas tan duro contigo mesmo!” (Mat. 16:21, 22).
8. Que fixo Xesús para non distraerse do que era máis importante?
8 Que fixo Xesús para non distraerse do que era máis importante? Tres cousas: 1) imitou a maneira de pensar de Xehová, 2) mantívose ocupado nas súas actividades espirituais e 3) tiña claro que cousas eran realmente importantes (Xoán 8:28; 14:9; Mat. 9:35; Xoán 4:34). Por exemplo, rechazou as tentacións de Satanás e non se deixou levar pola amabilidade ben intencionada, pero fóra de lugar, de Pedro (Mat. 4:10; 16:23). Tampouco permitiu que o que a xente pensase ou dixese o distraese de cumprir co propósito de Deus. Aínda que é certo que as nosas distraccións poden ser diferentes ás de Xesús, se facemos as mesmas tres cousas ca el, poderemos poñer a Xehová en primeiro lugar na nosa vida.
COMO PODEMOS LOITAR CONTRA AS DISTRACCIÓNS?
9. Que significa entender “cal é a vontade de Xehová”? (Efesios 5:17).
9 Aprendamos a pensar como Xehová. Isto axudaranos a entender “cal é a vontade de Xehová” (le Efesios 5:17). Podemos aprender que é o que lle gusta lendo a súa Palabra e meditando nela, incluso se non di nada específico sobre a nosa situación. Como? Familiarizándonos coa súa maneira de pensar e estando dispostos a deixarnos guiar por ela.
10. Como podemos aprender sobre a maneira de pensar de Xehová?
10 Podemos aprender como pensa Deus estudando a Biblia e analizando como axuda con cariño ós humanos (Xer. 45:5). Mentres lemos os relatos, podemos facernos preguntas como: “Que me ensina isto sobre Xehová? Que teño que cambiar para ver as cousas igual ca el?”. Sabemos que el é moito máis sabio ca nós (Is. 55:9). Por iso lle pedimos en oración que nos ensine como facer a súa vontade e que nos axude a pensar máis coma el (Sal. 143:10; 1 Xoán 5:14).
11. Que quere Xehová para nós?
11 A medida que imos aprendendo como pensa Xehová, entendemos que el quere que evitemos as distraccións e así poidamos demostrar que estamos preparados para cando chegue o final deste sistema (Mat. 24:44). El non quere que nos angustiemos polas cousas e que nos acabemos sentindo estresados (Mat. 6:31, 32). Por iso, dános bos consellos para que saibamos que facer cando nos empecemos a preocupar demasiado pola nosa saúde, o noso traballo, a nosa casa ou a nosa familia. Quere que confiemos nel e que lle pidamos tanto a sabedoría como as forzas para facerlles fronte ós problemas (Sal. 55:23 [55:22, TNM]; Prov. 3:5-7).
12. Que nos axudará a seguir sendo felices aínda cando pasen cousas malas no mundo? (Mateo 5:3).
12 Manteñámonos ocupados nas actividades espirituais. A todos nos preocupan as cousas malas que pasan no mundo, pero non podemos evitar que sucedan. Así que para evitar que nos distraian as cousas que non podemos controlar, temos que centrarnos nas actividades espirituais. Se seguimos facendo todo o que podemos para ser bos amigos de Xehová, estaremos felices porque iso é para o que fomos creados (le Mateo 5:3). Conseguirémolo se estudamos a Biblia e nos esforzamos ó máximo no noso servizo a Xehová. Isto alégrao e é unha boa maneira de usar o noso tempo (Prov. 23:15).
13. Como podemos aproveitar “o tempo da mellor maneira posible”?
13 Como cristiáns, estamos decididos a aproveitar “o tempo da mellor maneira posible” (Ef. 5:15, 16; ver a nota de estudo “aprovechando el tiempo de la mejor manera”, nwtsty-S). Somos conscientes de que estes versículos non nos recomendan simplemente xestionar mellor o noso tempo nos asuntos do día a día. Máis ben, anímannos a pensar con coidado en como usamos o noso tempo antes de que Xehová acabe con este sistema malvado. Entón, como podemos facelo? Se pasamos moito tempo poñéndonos ó día con tódalas malas noticias que hai, poderiamos distraernos, desanimarnos e sentirnos sen forzas para adorar a Xehová. Que bo é que lle poñamos un límite a canto vemos ou lemos! Desta maneira temos máis enerxías e tempo para facer cousas por Xehová. Tamén facemos ben en preguntarnos se poderiamos facer máis na predicación, como intentar volver a visitar a máis persoas interesadas. Entendemos o importante que é aproveitar cada oportunidade para axudarlles a tódolos que poidamos a que “se salven e cheguen a ter un coñecemento exacto da verdade” (1 Tim. 2:4).
14. De que maneira nos axuda manternos ocupados en actividades espirituais? (Ver tamén a imaxe).
14 Cando estamos ocupados coas actividades espirituais, mantemos un punto de vista equilibrado sobre os tempos nos que vivimos. Ó ver a inestabilidade política, as crises económicas e as pandemias non nos preocupamos demasiado. Vemos estes sucesos como o que son: probas de que se están cumprindo as profecías bíblicas. En vez de distraernos excesivamente co medo, estamos seguros de que Deus pronto traerá o novo mundo. Podemos manter a calma mentres confiamos en que Xehová nos axudará a seguir adiante (Sal. 16:8; 112:1, 6-8).
Céntrate nas actividades espirituais sen importar o difíciles que se poñan as cousas no mundo (ver o parágrafo 14).b
15. Que poderemos facer grazas a ter “bo xuízo”? (1 Pedro 4:7).
15 Recordemos o que é realmente importante. A maioría da xente hoxe en día só pensa en pasalo ben, e non no cerca que está o fin deste sistema. Aínda que non está mal divertirse, para evitar ter o mesmo punto de vista do mundo, necesitamos ter “bo xuízo” (le 1 Pedro 4:7). Que implica isto para nós? Entre outras cousas, manter un punto de vista equilibrado sobre o entretemento e tomar decisións sabias. Estas reflectirán a maneira de pensar de Xehová e demostrarán que comprendemos o que é realmente importante (2 Tim. 1:7).
16. En que se centrou Xesús xusto antes de morrer?
16 Xesús tiña ben claro que era o máis importante. Durante as últimas horas tan difíciles que estivo na Terra antes da súa morte, centrouse totalmente en manterse leal e en cumprir coa vontade de Deus. Por iso seguiu orando incluso con máis intensidade. Pero a diferenza del, que se mantivo alerta, os seus discípulos quedaron durmidos, pois “estaban moi cansados pola tristeza que sentían” (Luc. 22:39-46; Xoán 19:30).
17. Por que usan moitos as redes sociais, pero por que poderían chegar a ser unha distracción? (Ver tamén a imaxe).
17 Igual que lles pasou ós discípulos de Xesús, nós tamén nos podemos sentir angustiados ás veces e empezar a preocuparnos demasiado ó ver todo o que está pasando ó noso arredor. Moitos buscan unha vía de escape nas redes sociais, pois ofrecen unha infinidade de contido e entretemento. É certo que algúns as usan para contactar cos amigos e familiares que teñen arredor do mundo e compartir con eles noticias, fotos ou vídeos. Pero hai tantas cousas novas que ver e ler cada día que é fácil que acaben gastando nelas moito do seu tempo e enerxías. Para axudarnos a ser equilibrados coas redes sociais, poderiamos preguntarnos: “Estame axudando realmente o que vexo ou leo nas redes sociais, ou distráeme do que de verdade importa?”.
O bo xuízo axúdanos a evitar distraernos coas redes sociais, co entretemento e con outras cousas que fagamos para pasar o tempo (ver os parágrafos 17 e 18).
18. Por que necesitamos bo xuízo cando escollemos con que nos entretemos?
18 Tamén necesitamos bo xuízo se vemos películas ou series de televisión en plataformas de streaming, se vemos vídeos curtos en Internet ou se nos gustan os videoxogos. Estas cousas poden ser divertidas e axudarnos a desconectar un pouco. Pero necesitamos ter coidado con que escollemos ver e con canto tempo investimos niso. Estes servizos suxírenlles constantemente ós usuarios outras cousas que ver e poden expoñelos a violencia ou a inmoralidade. Isto foi o que lle pasou a un irmán de Asia. El empezou a ver pequenos vídeos cos momentos destacados das películas nunha desas plataformas. Ó ir poñendo os que lle ía recomendando a plataforma, acabou vendo escenas inmorais e, co tempo, pornografía. Afortunadamente, coa axuda dos anciáns e de amigos íntimos, tomou medidas firmes: borrou as aplicacións das plataformas e puxo un tempo límite para o uso do seu teléfono. A súa experiencia demóstranos por que necesitamos bo xuízo cando escollemos con que nos entretemos.
19. Que pode pasar se centramos a nosa vida en relaxarnos ou divertirnos?
19 Tamén temos que ter bo xuízo coas vacacións e co que fagamos no noso tempo libre. Todos necesitamos relaxarnos e tomarnos un descanso de vez en cando, pois é bo para nós e para a nosa saúde. Pero se nos centramos demasiado nisto, corremos o risco de perder o equilibrio e quitarlles tempo a cousas máis importantes (Filip. 1:10). Cada un de nós ten que decidir que vai facer e canto tempo lle vai dedicar. Cando esteas valorando que decisión tomar sobre isto, pregúntate: “Demostra que teño bo xuízo o tempo que dedico a ir de vacacións e a entreterme no meu tempo libre? Estou asegurándome de que é o máis importante e preparándome para ‘o final de tódalas cousas’?”.
20. Por que é bo para nós evitar distraernos?
20 Evitar distraernos da nosa rutina e actividades espirituais é bo para nós (Is. 48:17). Coa axuda de Xehová, seremos máis capaces de enfrontarnos ós problemas da nosa vida, non nos angustiará o que pase no mundo e evitaremos centrar a nosa vida só en pasalo ben. Así que sigamos decididos a pensar como Xehová, a manternos ocupados en actividades espirituais e a ter claro que é o máis importante. Así non só evitaremos distraernos, senón que tamén nos agarraremos “con forza á vida que realmente é vida” (1 Tim. 6:19).
CANCIÓN sjj 129 Seguiremos aguantando
a IDEA IMPORTANTE: Cando falamos das nosas actividades espirituais referímonos a calquera cousa que estea directamente relacionada coa nosa adoración a Xehová: estudar a Biblia, ir ás reunións, facer a adoración en familia e predicar. Tamén pode ser manter e construír Salóns do Reino, apoiar labores de socorro, axudar como voluntarios nos congresos e servir en Betel.
b DESCRICIÓN DA IMAXE: Un matrimonio centrándose en predicar en vez de distraerse coas malas noticias do mundo.