4-10 DE MAIO DE 2026
CANCIÓN sjj 53 Preparados para predicar
Melloremos a nosa “habilidade para ensinar” na predicación
“Predica a palabra [...] con moita paciencia e habilidade para ensinar” (2 TIM. 4:2).
OBXECTIVO
Analizar tres maneiras nas que podemos mellorar a nosa habilidade de ensinar cando predicamos.
1. Que deberiamos aprender a facer, e por que? (2 Timoteo 4:2). (Ver tamén a imaxe).
XESÚS díxolles ós seus seguidores: “Facede discípulos [...]. Ensinádelles a obedecer todo o que eu vos mandei” (Mat. 28:19, 20). Isto significa que tódolos cristiáns debemos ensinarlles a outros. É certo que Xehová atrae os que teñen “a actitude correcta”, e que os anxos tamén nos axudan a encontralos (Feit. 13:48; Xoán 6:44; Apoc. 14:6). Aínda así, nós temos que facer a nosa parte. Fixémonos no exemplo que nos deixaron os apóstolos Paulo e Bernabé. A Biblia di que cando predicaron na sinagoga de Iconio, “falaron de tal maneira que se fixeron crentes moitísimos xudeus e gregos” (Feit. 14:1). Sen dúbida estes dous homes aprenderan a ensinarlles ben a outros, e tódolos cristiáns debemos facer o mesmo (le 2 Timoteo 4:2).
Podemos aprender moito sobre como ensinarlles a outros do exemplo que nos puxeron Xesús e os discípulos, como Paulo e Bernabé (ver o parágrafo 1).
2. Por que algúns cristiáns senten que non poderán chegar a ser bos mestres?
2 Algúns quizais sintan que non poden chegar a ser bos mestres porque non teñen moitos estudos ou porque non se lles dá ben explicarlles cousas a outros. Na Biblia menciónanse a homes que tamén se sentían incapaces de conseguilo (Éx. 4:10; Xer. 1:6). Por outro lado están os que senten que non son bos mestres porque non teñen tan bos resultados coma outros. Pero temos que recordar que non tódalas persoas coas que falemos van interesarse polas boas noticias e que os resultados que obteñamos non dependen unicamente de nós. Como se mencionou antes, Xehová e os anxos preocúpanse porque encontremos as persoas de corazón sincero. Aínda así, nós queremos facer todo o que poidamos para presentar a nosa mensaxe dunha maneira que sexa atraente para as persoas. Para conseguilo, neste artigo veremos tres maneiras nas que podemos mellorar a nosa habilidade de ensinar cando predicamos.
DEMOSTREMOS INTERESE POLOS QUE NOS ESCOITAN
3. Por que era Xesús capaz de chegarlle ó corazón a quen o escoitaba?
3 A Biblia di que Xesús “sabía o que había no corazón de cada persoa” (Xoán 2:25). Isto transmite o significado de que el sabía como pensaban as persoas e por que se sentían de certa maneira. Era capaz de chegar ó corazón dos que o escoitaban porque comprendía o que era importante para eles. Sabía que necesitaban guía e consolo, e que ademais os líderes relixiosos lles fixeran a vida máis difícil ó poñerlles moitas normas (Mat. 9:36; 23:4). Esas foron xusto algunhas das cousas sobre as que falou no seu Sermón do Monte. A moitas persoas lles gustaba escoitalo porque falaba de temas que lles importaban.
4. Como podemos demostrar que nos preocupamos polas persoas? (Ver tamén as imaxes).
4 Podemos demostrar que nos interesamos sinceramente polas persoas coas que falamos se intentamos comprender o que lles preocupa. Cada persoa á que predicamos está sufrindo dalgunha maneira por culpa do sistema corrupto de Satanás. Recordar isto pode axudarnos a empatizar máis coas persoas do territorio. Por exemplo, hai algunha noticia recente que inquiete as persoas da nosa zona? Preocúpalles ós pais a seguridade dos seus fillos na escola? É o desemprego un problema común? Intenta imaxinar como é a vida para as persoas que se teñen que enfrontar a estes “tempos críticos” sen a esperanza que dá a Biblia (2 Tim. 3:1; Is. 65:13, 14).
Intenta comprender as circunstancias do teu estudante e aprende a preocuparte por el (ver o parágrafo 4).
5. Como mestre, en que se diferenciaba Xesús dos fariseos? (Mateo 11:28-30).
5 Xesús preocupábase por aqueles que o escoitaban, e iso podían velo pola maneira na que os trataba. Que diferente era dos fariseos, que pensaban que eran mellores que os demais e os maltrataban! (Mat. 23:13; Xoán 7:49) Xesús, pola contra, trataba as persoas con amabilidade e respecto. El era “apracible e humilde de corazón”, e isto facía que fose un bo mestre (le Mateo 11:28-30). Nós tamén debemos tratar con amabilidade e respecto a quen nos escoita.
6. Como podemos demostrar amabilidade e respecto polos que rechazan ou se opoñen á nosa mensaxe?
6 A algúns non lles vai interesar a nosa mensaxe e outros incluso se enfadarán con nós. Como debemos reaccionar? Xesús díxonos que tiñamos que facer algo máis que simplemente soportar a oposición. As súas palabras foron: “Dígovos que [...] tratedes ben os que vos odian, que bendigades os que vos maldicen e que oredes polos que vos insultan” (Luc. 6:27, 28). Isto seranos máis fácil de facer se lle damos o beneficio da dúbida a quen rechaza a nosa mensaxe. É certo que hai algunhas persoas que directamente queren que deixemos de predicar. Pero outros quizais reaccionen así porque están estresados por algún problema familiar ou por outra situación que non ten que ver con nós. Ou pode ser que simplemente chegásemos á súa casa nun mal momento. En calquera caso, debemos seguir o consello de “que as [nosas] palabras sexan sempre agradables, coma se lles [botásemos] un chisquiño de sal, para que [saibamos] como [debemos] responder a cada persoa” (Col. 4:6). Se sentimos empatía polas persoas e intentamos comprender que é o que necesitan, será menos probable que nos ofendamos e seremos mellores mestres.
USEMOS A BIBLIA Ó ENSINAR
7. Que usaba Xesús para ensinarlles ás persoas? (Xoán 7:14-16).
7 Xesús non se baseou no seu propio coñecemento ó ensinar. As súas ensinanzas estaban baseadas na Palabra de Deus, e aplicábaas de maneiras que quen o escoitaba as puidese entender e recordar facilmente. A Biblia dinos que Xesús ensinou “como alguén que [tiña] autoridade de Deus, non coma os escribas”, e á xente sorprendíalle moito (Mar. 1:22; mira a nota de estudo “no como los escribas”, nwtsty-S). Os escribas daquela época citaban de rabinos moi respectados cando ensinaban. Pero Xesús citou das Escrituras inspiradas. Incluso sendo o Fillo de Deus e vivindo previamente no ceo, non usou a súa inmensa sabedoría para impresionar ós que o escoitaban nin para facelos sentirse inferiores. Máis ben, centrou as súas ensinanzas na vontade e na Palabra de Deus (le Xoán 7:14-16). Desta maneira púxonos un exemplo fantástico ós seus seguidores.
8. Como imitou Pedro a Xesús?
8 Os discípulos de Xesús tamén baseaban as súas ensinanzas na Palabra de Deus. Por exemplo, podemos fixarnos no discurso que deu o apóstolo Pedro no Pentecostés do ano 33 n. e. El non era un home con moitos estudos. Pero, aínda así, tocou o corazón dos que o escoitaban coa súa explicación baseada nas Escrituras sobre as profecías que cumprira Xesús (Feit. 2:14-37). Cal foi o resultado? “Os que aceptaron de boa gana a súa mensaxe bautizáronse. Naquel día uníronse ós discípulos unhas 3000 persoas” (Feit. 2:41).
9. Por que deberiamos basearnos na Palabra de Deus ó ensinar?
9 Non hai mellor ferramenta para chegar ó corazón das persoas que a Palabra de Deus (Heb. 4:12). Por iso, temos que centrarnos na Biblia cando ensinemos. Queremos “[predicar] a palabra de Deus” e non as nosas propias ideas (2 Tim. 4:2). Proverbios 2:6 (TNM) di: “Porque Xehová é quen dá sabedoría; da súa boca veñen coñecemento e discernimento”. Así que cando ensinamos usando as Escrituras estamos deixando que, en certo sentido, sexa Xehová quen fale (Mal. 2:7). Queremos que a xente saiba que o contido da Biblia é moi superior á sabedoría humana. Foi inspirada por Deus e dános o coñecemento que necesitamos para agradarlle ó noso Creador e vivir unha vida feliz e con propósito (2 Tim. 3:16, 17).
10. Como podemos dirixir a atención dun estudante da Biblia cara á Palabra de Deus?
10 Cando te prepares para dirixir un curso da Biblia, busca maneiras para centrar a atención do teu estudante no que ensina a Biblia. Debería entender que aínda que as imaxes e os vídeos poden ser unha boa axuda para aprender, a Biblia é a base principal. Así que busca textos clave e axúdalle a pensar no que pode aprender sobre eles. Cando uses imaxes ou vídeos, asegúrate de que entende os principios bíblicos que se están ensinando. Non tes que falar moito ou ler moitos textos bíblicos para conseguilo. Máis ben, dálle tempo para que comprenda ben o significado de cada un dos que leades e incluso, se é necesario, volvede lelos outra vez. Desa maneira non estarás estudando coa persoa sobre un libro, unha imaxe ou un vídeo, senón sobre a Biblia (1 Cor. 2:13).
11, 12. a) Como podemos ser pacientes cos nosos estudantes da Biblia? (Feitos 17:1-4). (Ver tamén a imaxe) b) Que non saben algúns sobre a Biblia, e como lles podemos axudar?
11 Se ó teu estudante lle custa aceptar algunha idea, acórdate de “[predicar] a palabra [...] con moita paciencia” (2 Tim. 4:2). Non todo o mundo avanza igual de rápido. Algúns estudantes quizais necesiten máis tempo para comprender verdades que son sinxelas para nós. Por exemplo, Paulo tivo que razoar varias veces cos xudeus de Tesalónica sobre as Escrituras antes de que entendesen o que lles estaba ensinando (le Feitos 17:1-4).
12 Outra maneira na que podemos demostrar paciencia é facéndolles preguntas ós nosos estudantes e dándolles tempo para responder. Intenta escoitar con atención e entender por que pensan desa maneira. Despois le e fala sobre textos específicos para axudarlles a entender o que pensa Deus sobre o asunto. Ademais, ten en conta que algunhas persoas nunca viron unha Biblia antes e non saben cal é o seu contido. Axudaríalles ver unha en papel? Podes facer referencia á sección “Introdución á Palabra de Deus”, que está ó inicio da Tradución do Novo Mundo, para falar do valiosa que é a información que contén a Biblia. Poderías mostrarlles o seu valor práctico ensinándolles un ou dous textos que hai na pregunta 15 para que vexan como a Biblia nos pode axudar a ser felices. En resumo, se lles mostras ós teus estudantes da Biblia o poder da Palabra de Deus, a túa ensinanza será máis efectiva.
Para ser un bo mestre, tes que escoitar máis que falar (ver o parágrafo 12).
DIRIXAMOS A ATENCIÓN CARA A XEHOVÁ
13. Cando ensinamos, cara a quen debemos dirixir a atención? Pon un exemplo.
13 A nosa meta é axudar ós que nos escoitan a coñecer a Xehová e a achegarse a el (Sant. 4:8). Podemos comparar o que facemos co traballo dun técnico de iluminación dun teatro. Durante a obra, non dirixe os focos cara a el mesmo, senón cara ós personaxes principais, asegurándose de que sexan eles os que estean baixo o foco. Cando ensinamos, temos que facer o mesmo: dirixir a atención cara a Xehová, non cara a nós mesmos.
14. Como podemos axudar ó noso estudante a que faga feliz a Xehová?
14 Cando dirixamos un curso da Biblia, axudemos ó noso estudante a cultivar o desexo de facer feliz a Xehová (Prov. 27:11). Non estás simplemente ensinándolle ó teu estudante a facer o que está ben e a evitar o que está mal para chegar a ser testemuña de Xehová. Máis ben, o teu obxectivo debe ser que faga o que está ben porque queira facer feliz a Deus. Por exemplo, se ó teu estudante lle está custando deixar un mal hábito, faille as seguintes preguntas: “Por que odia Xehová que a xente faga iso? Por que quere Xehová que deixes de facer algo que che gusta? Como mostra ese requisito que Xehová te quere?”. Canto máis axudes ó teu estudante a pensar en Deus, máis claro verá o marabilloso Pai que temos. E así chegará a amalo coma ti e quererá alegralo.
SIGAMOS MELLORANDO A NOSA HABILIDADE DE ENSINAR
15. Como podes seguir mellorando a túa habilidade para ensinar?
15 Podes orarlle a Xehová para que che axude a analizar a túa habilidade para ensinar (1 Xoán 5:14). Para actuar en harmonía coas túas oracións, tómate en serio a capacitación que nos dá Xehová nas reunións de congregación. Tamén podes invitar a irmáns que sexan bos mestres a que vaian contigo ó curso e despois preguntarlles en que podes mellorar. Ademais recorda que aínda que ti xa estás familiarizado co que ides estudar, quizais para o teu estudante sexa algo novo. Intenta pensar en como verá as cousas que analizaredes. Durante o estudo, axúdalle a ver os beneficios do que está aprendendo e as cousas boas que Xehová nos promete. Desta maneira farase máis amigo de Xehová e será realmente feliz (Sal. 1:1-3).
16. Por que é bo para nós que sigamos mellorando a nosa habilidade para ensinar?
16 Ensinarlles a outros sobre Xehová é unha das maiores alegrías das que podemos desfrutar e é un labor que será moi necesaria no futuro novo mundo. Así que sigamos preocupándonos por quen nos escoita, baseándonos na Palabra de Deus e centrándonos en Xehová ó predicar as boas noticias. Desta maneira poderemos mellorar a nosa habilidade para ensinar.
CANCIÓN sjj 65 Melloremos na predicación