54 O APÓSTOLO XOÁN
Foi valente nunha época escura
“ESTAMOS na última hora”, escribiu o apóstolo Xoán. Sendo xa moi maior, sabía que o tempo dos apóstolos estaba a piques de rematar. Décadas antes Xesús e Paulo avisaran de que a apostasía ía prosperar entre os cristiáns. Os apóstolos impediran o seu crecemento, pero despois da súa morte falsos mestres corromperían a congregación (Mat. 7:15; Feit. 20:29, 30; 2 Tes. 2:6, 7). Parece que os demais apóstolos xa morreran, e Xoán era o último que podía frear ese avance. Imaxina como se debeu sentir neses escuros tempos ó ver que a apostasía ía infectando unha congregación tras outra. A pesar de todo, Xoán nunca cedeu ó medo ou á desesperación.
Como puido o apóstolo Xoán, que xa era maior, aguantar a pesar da persecución, o exilio e o crecemento da apostasía?
Con máis de 90 anos, Xoán seguía ocupado falando “sobre Deus e [dando] testemuño acerca de Xesús”. Esa é a razón pola que foi exiliado a Patmos, unha rochosa illa deserta perdida no mar Exeo. De onde sacou Xoán o valor para seguir mantendo un punto de vista positivo? Seguro que tiña moi presente esta promesa de Xesús: “Recordade: estarei con vós tódolos días ata a parte final do sistema” (Mat. 28:20).
Agora, uns sesenta anos despois de recibir esa promesa, seguro que para Xoán foi moi emocionante volver a ver e escoitar a Xesús dun xeito extraordinario. Transmitiulle a Xoán unha espectacular revelación de parte de Xehová. Esta centrábase “no día do Señor”, cando a congregación cristiá sería restaurada e volvería estar unida. Dende ese momento, Cristo axudaría ós seus discípulos a manterse fieis a pesar dos desafíos.
A visión foille presentada “usando sinais”, ou símbolos. É probable que Xoán non entendese moitas das cousas que viu. Pero si que lle quedou claro que Xehová e Xesús non permitirían que aqueles que estaban espallando estas ensinanzas falsas tivesen éxito. Durante o día do Señor, o pobo de Deus medraría e desfrutaría de moitas bendicións. Satanás sería derrotado nunha guerra no ceo e botado abaixo á Terra. E co tempo sería destruído para sempre. Esta visión debeu darlle moito valor a Xoán, quen rexistrou “tódalas cousas que viu”.
O exilio en Patmos non conseguiu acabar coa vida de Xoán nin tampouco coa súa alegría e entusiasmo. Parece que despois da morte do emperador romano Domiciano —un férreo inimigo do cristianismo— Xoán foi liberado. Por fin volveu estar en terra firme e posiblemente foi a Éfeso. Pero cando tiña uns 100 anos afrontou unha complicada tarefa nova.
Xehová usou a Xoán para escribir o cuarto e último Evanxeo. Xoán sabía que este documento se espallaría rapidamente dunha congregación a outra, fortalecendo a fe dos irmáns en Xesús e dándolles valor para defender a súas crenzas. Tamén era consciente de que ó escribir estas cousas os inimigos do verdadeiro cristianismo o odiarían aínda máis, pero iso non o detivo.
Aínda que xa pasaran uns setenta anos dende que Xesús morrera, grazas á axuda do espírito santo Xoán foi capaz de recordar con completa claridade todo o que o seu mestre dixera e fixera. Escribiu un fermoso e emocionante relato da vida de Xesús, do cal cerca dun 90% non aparece en ningún dos outros tres Evanxeos. Por exemplo, só Xoán describiu a resurrección de Lázaro, así como o plan dos crueis líderes relixiosos que máis tarde quixeron asasinalo (Xoán 11:1-46; 12:10). Tamén rexistrou con todo luxo de detalles o que Xesús lles dixo ós seus discípulos a noite antes de morrer e a emotiva oración que fixo por eles. Que regalo tan valioso para tódolos cristiáns!
Máis ou menos nese tempo, Xoán tamén escribiu tres cartas inspiradas dirixidas ó resto dos cristiáns. Con moito valor, sinalou a apostasía que estaba xurdindo na congregación e advertiulles ós irmáns que nunca se asociasen cos apóstatas, que nin sequera os saudasen. Nestas tres cartas tamén abundaban o amor e a esperanza. Xoán ensinou que “Deus é amor” e reflectiu ese mesmo amor no ánimo e nos consellos que deu. Tamén expresou o feliz que lle facía ver que os seus fillos espirituais seguían “andando no camiño da verdade”. Seguro que as súas palabras motivaron a moitos deles a seguir andando nese camiño.
Os cristiáns da actualidade nunca teremos que enfrontarnos ó mesmo que Xoán. Aínda que a apostasía segue sendo un perigo, Xehová prometeu que esta nunca volvería corromper a congregación tal e como fixo os séculos posteriores á morte de Xoán (Is. 54:17; Feit. 3:21). Pero, igual que Xoán, pode que si que nos enfrontemos a problemas, persecución e incluso illamento. Imitemos o seu exemplo e esteamos decididos, pase o que pase, a seguir servindo a Xehová con valor!
Le o relato da Biblia:
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Xoán?
Afonda máis
1. Como sabemos que Xoán tiña un carácter forte? (bt páx. 33, recadro, pars. 3, 4).
2. Por que se dixo de Xoán que era un home “[común] e sen estudos”? (Feit. 4:13; w08 15/5 páx. 30 par. 6-wcgr).
3. En que sentido quedou Xoán ata que veu Xesús? (Nota de estudo en Xoán 21:22, nwtsty-wcgr).
4. Por que podemos estar seguros de que Xoán escribiu o Evanxeo que leva o seu nome? (it “Xoán, As boas noticias segundo” pars. 2-8-wcgr). A
Fondation Martin Bodmer, Cologny (Genève)
Imaxe A: Manuscrito de arredor do ano 200 n. e. co título (destacado) “Boas noticias segundo Xoán”.
Medita no que aprendiches
Os escritos inspirados de Xoán conteñen máis de cen referencias á morte en sacrificio de Xesús ou ós beneficios dese sacrificio. De que xeitos podemos demostrar nós o mesmo aprecio que Xoán polo sacrificio de Xesús?
É probable que Xoán tivese case 100 anos cando Xehová o inspirou para que escribise cinco libros da Biblia. Que nos ensina isto sobre como ve Xehová os maiores? B
Imaxe B
De que maneiras podes imitar o valor de Xoán na túa vida?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Por que estás agradecido de que Xoán fose escollido para gobernar con Cristo no ceo?
Aprende máis
Poden os irmáns maiores da actualidade demostrar o mesmo valor que Xoán?
Xoán escribiu moito sobre o amor. Mira o que podemos aprender sobre o que escribiu e sobre o seu exemplo.
“Que aprendemos do ‘discípulo a quen amaba Xesús’” (w21.01 páxs. 8-13)