44 XOÁN O BAUTISTA
“Non naceu ninguén superior”
XEHOVÁ levaba séculos sen mandar ningún profeta para aconsellar o seu pobo. Pero entón, enviou un home chamado Xoán para levarlles a súa mensaxe. Vivía só, no deserto de Xudea, un lugar árido e rochoso onde había serpes, escorpións, grandes depredadores e ladróns. Xoán non só tivo o valor de vivir alí, senón tamén de darlle á xente unha mensaxe contundente.
É probable que seus pais, Zacarías e Elísabet, lle contasen o que dixera o anxo de Deus sobre el. Así que seguramente entendeu que chegaría a ser un profeta entusiasta como Elías, que sería un nazireo coma Samuel e que precedería a alguén maior ca el. Despois de cumprir 30 anos, puido centrarse en servir como sacerdote igual que seu pai, pero en vez diso empezou a animar a xente a arrepentirse. Converteuse na “voz [...] que berra no deserto” que se profetizara centos de anos antes. Predicou sobre “o Reino dos ceos” con tanta convicción que a xente baixaba das cidades e das vilas para escoitalo. Tal e como Xehová lle mandou, bautizou en auga os que se arrepentían dos seus pecados. Ademais, condenou e destapou a hipocrisía dos saduceos e dos fariseos, os poderosos líderes relixiosos daquel tempo.
Xoán non permitiu que esa responsabilidade se lle subise á cabeza. Máis ben proclamou humildemente que tan só estaba preparando o camiño para un home moito máis importante que viría despois del. Dixo que nin sequera merecía desatarlle as sandalias. Cando bautizou a Xesús, Xoán escoitou a propia voz de Xehová dicindo: “Este é o meu querido Fillo. El ten a miña aprobación”. E tempo máis tarde, despois de que Xesús fose tentado por Satanás, Xoán dixo abertamente en voz alta: “Mirade, o Cordeiro de Deus que quita o pecado do mundo!”.
Xoán foi humilde e animou os seus seguidores a facerse discípulos de Xesús. Moitos deles fixéronlle caso, como por exemplo Andrés —o irmán de Pedro— e probablemente Xoán —o fillo de Zebedeo— que co tempo chegaron a ser apóstolos de Cristo. Durante un tempo, tanto Xesús coma Xoán fixeron un labor similar animando a xente a bautizarse para demostrar que se arrepentiran. Cando lle dixeron a Xoán que os discípulos de Xesús estaban a bautizar máis xente ca el, non lle pareceu mal. Todo o contrario, foi humilde e recoñeceu: “El ten que seguir aumentando, pero eu teño que seguir diminuíndo”.
A mensaxe de Xoán ofendeu os líderes relixiosos e a xente con poder, pero alegrou as persoas que esperaban o Mesías.
Xoán tamén demostrou moito valor cando corrixiu o poderoso Herodes Antipas, que estaba levando unha vida inmoral. Herodes, que se convertera ó xudaísmo, estaba casado con Herodías, a muller do seu medio irmán. Xoán armouse de valor para dicirlle que iso ía en contra da Lei de Xehová. Como resultado Herodes meteuno no cárcere, pero iso non era abondo para Herodías, que quería velo morto.
Mentres estaba no cárcere Xoán estaba desanimado así que mandou dous discípulos para preguntarlle a Xesús: “Es ti o que ten que vir ou temos que esperar a outro?”. Xesús deulles unha resposta emocionante: “Agora os cegos ven, [...] os xordos oen, os mortos son resucitados”. Aínda que Xoán era un profeta coma Elías, nunca recibiu a capacidade de facer milagres. Así que cando estaba na escuridade da súa cela e escoitou sobre tódalas cousas marabillosas que estaba facendo Xesús, seguro que o animou saber que axudara a preparar o camiño para que a xente o seguise.
Pouco tempo despois, Herodías encontrou a oportunidade de vingarse. A súa filla bailou para Herodes, e este estaba tan contento que ofreceu darlle calquera cousa que lle pedise. Herodías convenceu a moza de que pedise a cabeza de Xoán o Bautista. Aínda que Herodes non quería matar a Xoán, foi un covarde e non tivo o valor de negarse. Pero Xoán foi valente ata o final.
Xesús dixo deste home: “Dígovos que non naceu ninguén superior a Xoán”. Ningún humano imperfecto, nin sequera profetas coma Moisés ou Elías, tivo o privilexio de ser “a voz [...] no deserto” que preparou o camiño para o Mesías. E o seu exemplo de valor motivou a tódolos cristiáns ó longo da historia.
Le o relato da Biblia:
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Xoán o Bautista?
Afonda máis
1. Que parentesco había entre Xoán o Bautista e Xesús? (w10 1/9 páx. 15 pars. 4-6-wcgr).
2. Que escribiu o historiador do primeiro século Flavio Xosefo sobre a existencia de Xoán o Bautista? (mrt artigo 14). A
Imaxe A: Moeda emitida por Herodes Antipas no ano 30 n. e. A inscrición di: “Herodes o Tetrarca [ou gobernante de distrito]”.
3. En que sentido iría Xoán “co espírito e co poder de Elías”? (Luc. 1:17; it “Espírito” par. 60-wcgr). B
Imaxe B
4. Como sabemos que Xoán non resucitou no ceo? (Mat. 11:11; ijwbq artigo 178 par. 4).
Medita no que aprendiches
Aínda que Xoán cumpriu profecías da Biblia e preparou o camiño para o Mesías, seguiu sendo humilde (Xoán 1:26, 27). Que podemos aprender del?
Xoán levou unha vida sinxela, dedicada por completo a facer a vontade de Deus (Mat. 3:4). Que nos pode axudar a imitalo? C
Imaxe C
Como podes imitar o valor de Xoán o Bautista?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que me gustaría preguntarlle a Xoán o Bautista cando resucite?
Aprende máis
Aprende o que lle axudou a Xoán a saír adiante con alegría e paciencia.
“Xoán o Bautista ensínanos a seguir sendo felices” (w19.08 páxs. 29-31)
Como nos pode axudar o exemplo de Xoán a aguantar a persecución, as dificultades económicas e as decepcións persoais?