53 PAULO
“Pídovos que sexades valentes”
O PROPIO Xesús reveloulle a Saulo de Tarso “todo o que [tería] que sufrir” para predicar e ensinar as boas noticias. Cumpriuse todo o que lle dixo? Uns vinte anos máis tarde, Saulo —que chegou a ser coñecido como Paulo— escribiu na súa segunda carta ós corintios: “Déronme tantos golpes que xa perdín a conta e estiven a punto de morrer moitas veces”. Tamén sufriu tres naufraxios, e nun deles botou unha noite e un día flotando á deriva en mar aberto. Pero aínda lle esperaba outro máis.
O apóstolo pasou uns dous anos consumíndose nunha prisión romana en Cesarea porque o gobernador esperaba inutilmente que lle dese un suborno. Cando este gobernador foi substituído por outro, Paulo apelou a César. Como consecuencia, puxérono a bordo dun barco no que empezaría a súa esgotadora viaxe de máis de 3000 quilómetros a Roma. Xunto con el tamén embarcaron dous dos seus amigos: Aristarco e Lucas, “o querido médico” (Col. 4:14).
Ó chegar ó porto de Mira, en Asia Menor, o oficial romano Xulio, que estaba ó mando, cambiou a Paulo e os demais prisioneiros a un barco que viña de Exipto e levaba cereais a Italia. Ó pouco de saír, o vento en contra empezou a frear o seu avance. En dúas ocasións Lucas mencionou que o barco estaba navegando con moita dificultade. Cando se refuxiaron en Bos Portos, Paulo deuse conta de que, se non quedaban alí durante o inverno, enfrontaríanse a un gran perigo.
Con moito valor, o apóstolo advertiulle a Xulio de que, se seguían navegando, ían ter “problemas e perdas graves”. Xulio preferiu escoitar o consello dos mariñeiros e seguiu adiante. Pero esa sería unha decisión que sen dúbida acabaría lamentando. Lucas escribiu que ó pouco de partir se levantou “un vento moi forte” que “estaba arrastrando o barco con moita forza”. En pouco tempo, o vento converteuse nunha violenta tempestade. Pasaban as horas e os días e “a tormenta batía con moita forza”. Para evitar que o barco afundise, os mariñeiros decidiron botar pola borda os aparellos e outras cargas. Estiveron días sen comer e Lucas di que despois de dúas semanas no barco todos empezaron a perder a esperanza de salvarse.
Cando viaxaba como prisioneiro nun barco, Paulo axudou a tódolos que viaxaban con el a sobrevivir a unha gran tormenta.
A catástrofe víñaselles enriba. Pero entón Paulo díxolles con moita confianza: “Pídovos que sexades valentes”. A continuación profetizou: “Ningún de vós vai morrer. Só se vai perder o barco”. Cando algúns dos mariñeiros intentaron escapar no bote salvavidas que levaba o barco, Paulo advertiulles de que se o facían moitos morrerían. Ó escoitalo, os soldados cortaron as cordas do bote, que caeu baleiro ó mar.
De madrugada, antes de que saíse o sol, Paulo recomendoulles a tódolos que viaxaban no barco que comesen algúns dos alimentos que había alí e tranquilizounos dicíndolles: “Ningún de vós vai perder nin sequera un pelo da súa cabeza”. Entón deulle grazas a Xehová diante de todos. Comeron pan e despois tiraron o trigo que sobraba fóra do barco. A valentía de Paulo motivounos e “todos se animaron”. Ó amencer, o barco encallou nun banco de area e as ondas empezaron a rompelo en pedazos. Aínda así, as súas palabras cumpríronse: “Ó final chegaron todos a terra sans e salvos”!
Resulta que acabaran na illa de Malta. Paulo e os seus compañeiros non tardaron en estar ocupados predicando. Deus usou o apóstolo para curar moitos enfermos. Os malteses quedaron agradecidos e tratáronos moi ben.
Paulo nunca deixou de mostrar valor. Cando finalmente chegou a Roma na primavera seguinte, pasou dous anos baixo arresto domiciliario, vixiado por un garda. Pero iso non lle impediu seguir predicando e escribindo cartas inspiradas. Despois de ser liberado volveu a predicar libremente. Aínda así, uns anos máis tarde volveu ser encarcerado de novo en Roma. Esa foi a última vez que estivo en prisión, pois parece que pouco tempo despois os romanos executaron a este home fiel. Pero incluso nesas circunstancias, Paulo seguiu sendo valente e non lle tivo medo á morte. Chamouna “o último inimigo” e estaba convencido de que Xehová acabaría con ela (1 Cor. 15:26). Ó seu debido tempo, Deus recompensaríao e tería vida inmortal no ceo, onde sería rei e sacerdote xunto a Xesucristo.
Le o relato da Biblia:
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Paulo durante esta parte da súa vida?
Afonda máis
1. Por que é posible que Saulo preferise usar o seu nome romano, Paulo? (w08 1/3 páx. 12 pars. 4, 5-wcgr).
2. Ós nove anos que pasaron entre que Paulo volveu a Tarso e se mudou a Antioquía chamáronselles “anos descoñecidos”. Que situacións difíciles é posible que pasase Paulo durante eses anos? (w00 15/7 páxs. 26-27, recadro, pars. 3, 4-wcgr).
3. Por que recomendou Paulo que se atrasase a viaxe por mar ata Italia? (Feit. 27:9, 10; wp17.5 páx. 9 pars. 3, 4-wcgr). A
Imaxe A: Un barco mercante do primeiro século, parecido ó que subiu Paulo en Mira.
4. Por que dixeron os habitantes de Malta sobre Paulo: “Este home é un asasino”? (Feit. 28:4; w15 1/10 páx. 9 pars. 5, 6-wcgr).
Medita no que aprendiches
Paulo díxolles ós homes que viaxaban con el no barco que, grazas a Deus, “ningún [deles ía] perder nin sequera un pelo da súa cabeza” (Feit. 27:22, 34). Que che ensina iso sobre o poder de Xehová, e como afecta á maneira na que ves a predicación?
Tódolos que viaxaban no barco animáronse despois de que Paulo fixese unha oración (Feit. 27:35, 36). En que situacións poderían animar a outros as nosas oracións? B
Imaxe B
Como podes imitar o valor que demostrou Paulo neste relato?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Despois de estudar este relato, por que estás agradecido de que Paulo fose escollido para gobernar con Cristo no ceo?
Aprende máis
Descubre a importancia que tiña a navegación por mar no primeiro século, e como se utilizou para espallar as boas noticias.
“En perigo [...] no mar” (w99 15/3 páxs. 29-31)
Como imitaron algúns anciáns o aguante e o espírito de sacrificio de Paulo?
Imita os que herdan as promesas por ser pacientes. Paulo (3:22)