ESTADE SEMPRE VIXIANTES!
Que significa ser cristián? O que di a Biblia
Hoxe en día moitas persoas por todo o mundo din con orgullo que son cristiáns. En cambio, tratan con crueldade a outros. Por exemplo, algúns son egoístas, deshonestos ou non son amables. Outros son infieis no seu matrimonio. Todo isto fai que algunhas persoas se pregunten: “Que significa realmente ser cristián?”.
O que realmente significa ser un cristián
É fácil para calquera persoa dicir que é cristián. Pero selo implica moito máis que só afirmalo. Segundo a Biblia, un cristián é alguén que é discípulo de Xesucristo (Feitos 11:26). O propio Xesús dixo: “Se seguides obedecendo o que eu ensino, realmente sodes os meus discípulos” (Xoán 8:31). Por suposto, ninguén pode obedecer as palabras de Xesús á perfección. Aínda así, o cristián sempre se esforza por obedecer as ensinanzas de Xesús e vivir cada día de acordo cos valores que el ensinou. Vexamos algúns exemplos.
Os cristiáns demostran amor desinteresado
O que dixo Xesús: “Douvos un mandamento novo: amádevos uns ós outros. Da mesma maneira que eu vos amei, amádevos tamén vós uns ós outros. Así todos saberán que sodes os meus discípulos, se vos amades uns ós outros” (Xoán 13:34, 35).
O que fixo Xesús: Xesús demostrou amor desinteresado a tódalas persoas, independentemente da súa posición social ou orixe. Curou enfermos, alimentou os que tiñan fame e ata deu a súa vida polos demais (Mateo 14:14-21; 20:28).
Como actúan os cristiáns? Os cristiáns demostran amor desinteresado sendo xenerosos, imparciais e perdoando os demais. Axudan ás persoas que o necesitan e están dispostos a facer sacrificios polos demais (1 Xoán 3:16).
Os cristiáns son honestos
O que dixo Xesús: “Eu son [...] a verdade” (Xoán 14:6).
O que fixo Xesús: Xesús sempre foi honesto en todo o que dixo e fixo. Nunca manipulou nin quixo enganar os demais. Era coñecido por dicir sempre a verdade, incluso cando iso facía que tivese problemas (Mateo 22:16; 26:63-67).
Como actúan os cristiáns? Os cristiáns non menten. Pagan os seus impostos, non rouban e son traballadores honestos (Romanos 13:5-7; Efesios 4:28). Non defraudan, non copian nos exames nin tampouco falsifican información nos currículos ou noutros documentos (Hebreos 13:18).
Os cristiáns actúan con amabilidade
O que dixo Xesús: ”Acercádevos a min tódolos que estades cansados e tedes moitas cargas, e eu renovareivos as forzas. Poñédevos baixo o meu xugo e aprendede de min, porque son apracible e humilde de corazón. Comigo encontraredes alivio, porque o meu xugo é fácil de levar e a miña carga pesa pouco” (Mateo 11:28-30).
O que fixo Xesús: Xesús era accesible e amable, incluso cos nenos. Consolaba os angustiados e trataba os demais con dignidade (Marcos 10:13-15; Lucas 9:11).
Como actúan os cristiáns? Falan a outros de maneira amable e non son groseiros nin duros (Efesios 4:29, 31, 32). Preocúpanse polos demais e buscan maneiras de axudarlles (Gálatas 6:10).
Os cristiáns son fieis no seu matrimonio
O que dixo Xesús: “Polo tanto, o que Deus uniu, que non o separe ningún home” (Marcos 10:9).
O que fixo Xesús: Aínda que Xesús nunca casou, animou os casados a ser fieis entre si (Mateo 19:9). Tamén falou con claridade sobre as cousas que poderían romper un matrimonio.
Como actúan os cristiáns? Os cristiáns evitan calquera cousa que deshonre o matrimonio (Hebreos 13:4). O home e a muller trátanse con amor e respecto (Efesios 5:28, 33).