14-20 DE SETEMBRO DE 2026
CANCIÓN sjj 41 Sinte meu rogo
O libro de Isaías pode animarte
“Así fala o Señor: [...] ‘Coma un neno, a quen súa nai consola, así vos consolarei eu’” (IS. 66:12, 13).
OBXECTIVO
Ver como meditar no libro de Isaías pode animarnos cando estamos tristes.
1, 2. Como nos axuda Xehová cando estamos tristes?
PENSA nun neno moi triste que está chorando sen parar. Quizais a súa familia se vai mudar a unha nova casa e teña que despedirse dos seus amigos. Ou pode que estea moi preocupado porque fixo algo que estaba mal. Neses momentos, que faría unha nai cariñosa? Seguramente colleríao con coidado no colo, escoitaría o que lle preocupa e recordaríalle canto o quere.
2 Na Biblia, Xehová compárase a si mesmo cunha nai cariñosa que consola o seu filliño. El di: “Coma un neno, a quen súa nai consola, así vos consolarei eu” (Is. 66:13). Xehová quérenos máis que calquera outro pai ó seu fillo (Is. 49:15). Mediante a súa Palabra, a Biblia, dános o consolo e as forzas que necesitamos cando estamos desanimados ou sufrimos (Rom. 15:4).
3. Que veremos neste artigo?
3 Xehová dinos moitas cousas que nos poden consolar mediante o libro de Isaías (Is. 40:1). O noso cariñoso Pai inspirou este libro para tranquilizar ó seu pobo de Xudá cando estaban pasando por moitos problemas. Nós tamén vivimos en “tempos críticos e difíciles de soportar” e polo tanto necesitamos consolo (2 Tim. 3:1). Vexamos algúns versículos do libro de Isaías que poden tranquilizarnos e darnos forzas 1) cando vivimos cambios de circunstancias inesperados, 2) cando nos seguimos sentindo mal por erros que cometemos no pasado ou 3) cando sufrimos a perda dun ser querido.
CANDO VIVIMOS CAMBIOS DE CIRCUNSTANCIAS INESPERADOS
4. Como nos podería afectar un cambio de circunstancias inesperado?
4 A nosa vida pode dar un xiro inesperado (Ecl. 9:11; 1 Cor. 7:31). De repente podemos encontrarnos cun problema de saúde, problemas económicos, inestabilidade política ou un cambio de asignación. Estes sucesos poden facernos sentir nerviosos e confusos e é normal que nos preguntemos: “E agora que fago eu?”. Un irmán chamado Joseph, ó que se lle pediu servir como pioneiro despois de levar en Betel uns 17 anos, conta: “Sentíame perdido. Foi un reto enorme comezar unha nova vida despois de levar tanto tempo en Betel. Non sabía por onde empezar”. Que nos asegura Xehová mediante o libro de Isaías se estamos pasando por un cambio de circunstancias inesperado?
5. Polo que lemos en Isaías 42:16, que nos asegura Xehová? (Ver tamén a imaxe).
5 Le Isaías 42:16. Xehová promete que guiará as persoas cegas en sentido figurado por camiños que lles son descoñecidos e que converterá a escuridade en luz. As expresións “cegos”, “corredoiras descoñecidas”, “escuridade” e “revoltas do camiño” poden describir ben como vemos o noso futuro cando as nosas circunstancias cambian de repente. Quizais nos sintamos coma se estivésemos camiñando por un bosque moi denso onde non somos capaces de ver o sendeiro. Pero Xehová prométenos que, sen importar a que nos enfrontemos, el daranos a guía que necesitemos e nunca nos abandonará. Cóllenos da man e guíanos a través da escuridade, ilumina o noso camiño e déixao lisiño para que nos sexa máis fácil pasar por el. Como fai isto Xehová? Dándonos consellos sabios mediante a súa Palabra e a súa organización (Sal. 119:105; Is. 30:21). Tamén utiliza os nosos irmáns e a outras persoas para axudarnos de maneiras prácticas. Incluso cando o camiño que temos por diante non está claro e parece difícil, podemos estar seguros de que Xehová nos guiará con cariño e tendo en conta como nos sentimos (Is. 41:10; 1 Ped. 5:6, 7).
Incluso cando as túas circunstancias cambien de maneira inesperada, Xehová nunca te abandonará (ver o parágrafo 5).c
6. Se as túas circunstancias cambian de repente, de que podes estar seguro?
6 Joseph, de quen falamos antes, explica como el e a súa muller sentiron o apoio cariñoso de Xehová despois de saír de Betel. El di: “Vimos a axuda e o amor de Xehová durante aquel tempo de cambios. Axudounos a través de marabillosos irmáns e irmás. El coidou das nosas necesidades materiais e emocionais xusto no momento oportuno, e ségueo facendo”. Se as túas circunstancias cambian de repente, ti tamén podes estar seguro de que Xehová che dará as forzas e a guía que necesites sen importar o difícil que pareza (Is. 54:10; 58:11). Joseph segue dicindo: “Gústame moito unha das nosas cancións que fala sobre que aínda que non saibamos que vai pasar mañá, sabemos que non estamos sós.a Incluso cando as cousas non saian como queiramos, podemos estar seguros de que Xehová nos axudará”.
CANDO NOS SEGUIMOS SENTINDO MAL POR ERROS QUE COMETEMOS NO PASADO
7. Que pode ser difícil para aqueles que cometeron erros no pasado?
7 Cando confesamos un pecado grave, recibimos a axuda cariñosa dos anciáns e a partir de aí esforzámonos ó máximo por non volver a cometelo (Prov. 28:13; Sant. 5:14-16; 1 Xoán 1:9). Pero é posible que nos sigamos sentido culpables aínda despois de que Xehová nos perdoase. Poida que pensemos: “Como poderá perdoarme Xehová polo que fixen?” (2 Cor. 2:7). Este sentimento é comprensible porque o peso dos erros do pasado pode ser moi grande e quizais non os deamos esquecido. O rei David escribiu: “Non hai sosego para os meus ósos, por causa do meu pecado. [...]. Estou esgotado, de todo deprimido” (Sal. 38:4, 9 [38:3, 8, TNM]). Se ás veces te sentes así polos erros do pasado, o libro de Isaías axudarache moito.
8, 9. Que di Isaías 1:18 (TNM) sobre canto nos perdoa Xehová?
8 Le Isaías 1:18 (TNM). Xehová utiliza unha comparación para describir como nos perdoa por completo. El di que incluso se os nosos pecados son “como o vermello escarlata”, fará que queden “brancos coma a neve”. O vermello escarlata é unha cor moi intensa e viva que non é fácil de limpar. Aínda así, Xehová asegúranos que cando nos perdoa xa non temos que levar a mancha deses pecados polo resto da nosa vida.
9 Vexamos o exemplo do rei David. Aínda que foi culpable de adulterio e asasinato, Xehová perdoouno e máis tarde dixo que fora un home íntegro (2 Sam. 11:3, 4, 14, 15; 12:13; 1 Reis 9:4, 5). Cando Xehová pensaba en David non recordaba os seus erros, senón o fiel que foi. De maneira parecida, Xehová perdóanos con cariño cando nos arrepentimos e axúdanos a seguir adiante cunha conciencia limpa. Que outras ideas tranquilizadoras podemos atopar no libro de Isaías cando esteamos angustiados polos sentimentos excesivos de culpa?
10. Que tranquilizadora promesa encontramos en Isaías 38:17?
10 Le Isaías 38:17. A frase “botaches sobre o teu lombo tódolos meus pecados” pode expresarse como “quitaches os meus pecados da túa vista”. Aquí descríbese a Xehová coma se estivese collendo os erros dun pecador arrepentido e tirándoos cara atrás, onde xa non os ve nin pensa sobre eles. Segundo un dicionario bíblico, o texto tamén podería expresarse desta maneira: “Fixeches coma se [os meus pecados] non tivesen pasado”.b Así que cando Xehová perdoa os nosos pecados, para el é coma se nunca tivesen sucedido, e nunca volverá a recordárnolos para acusarnos ou castigarnos. El borra todo rastro deses pecados. De feito, prométenos a cada un de nós: “Dos teus pecados non me lembro” (Is. 43:25). Que tranquilizador! Se Xehová, o Xuíz Supremo, non nos recorda os nosos pecados, quen somos nós para facérnolo a nós mesmos?
Nunca deixes que os teus erros do pasado acaben coa túa felicidade no presente
11. Sen importar o que fixeramos no pasado, en que se centra Xehová? (Ver tamén a imaxe).
11 Se nos volvemos a sentir culpables polos erros do pasado, temos que recordarnos as cariñosas palabras de Xehová. O seu perdón é real e completo. El non se avergonza de nós polos nosos erros do pasado nin nos garda rencor como ás veces facemos as persoas imperfectas (Is. 57:16). Para Xehová o importante non é o que fixemos no pasado, senón o que facemos agora e o que fagamos no futuro (Is. 55:7). Que Deus tan amoroso e misericordioso temos! Polo tanto, non deixemos que os erros do pasado nos quiten a felicidade do presente e as bendicións do futuro.
Xehová non nos recorda polos nosos erros do pasado (ver o parágrafo 11).d
CANDO SUFRIMOS A PERDA DUN SER QUERIDO
12. Como nos podemos sentir cando morre un ser querido?
12 Cando morre un ser querido, a tristeza que sentimos pode ser moi intensa e quizais dure moito tempo. Ás veces, pode que incluso nos preguntemos por que Xehová permitiu que morrese. Un irmán chamado Michael perdeu a seus pais nun incendio. El di: “Partíuseme o corazón e estaba enfadado con Xehová por permitir que morresen. Eu sabía que el non era o culpable da súa morte, pero tampouco o impediu”. Poida que algunha vez te sentises así. Que consolo e esperanza nos dá Xehová neses momentos de angustia?
13. Que promete Xehová en Isaías 25:8?
13 Le Isaías 25:8. Xehová promete que “destruirá a morte para sempre”. Imaxina o día no que a morte xa non exista! Nunca máis terás que chorar pola perda dun ser querido (Is. 35:10). Nunca máis terás que pasar pola experiencia desgarradora de buscar a lápida que che di onde está enterrado. En vez diso, tes a esperanza de ter os teus sempre contigo, con boa saúde e vida eterna. Esta promesa non é demasiado boa para ser verdade, xa que a fai Xehová, o único capaz de facela realidade (Apoc. 21:4, 5).
14. Como te sentes cando pensas na esperanza da resurrección? (Isaías 26:19, TNM). (Ver tamén a imaxe).
14 Le Isaías 26:19 (TNM). Xehová non só eliminará a morte, senón que tamén lles devolverá a vida ós nosos seres queridos. De feito, referíndose a eles di: “Os meus cadáveres levantaranse”. Isto indica que Xehová os considera a súa responsabilidade persoal. El gárdaos na súa memoria e resucitaraos cando chegue o momento oportuno. Igual que o orballo da mañá revive a vexetación seca, Xehová, a Fonte de toda vida, espertará os nosos seres queridos da morte. Que felices seremos dándolles a benvida de novo! (Compara con Marcos 5:42).
A esperanza de volver a ver os nosos seres queridos está asegurada (ver o parágrafo 14).
15. Como nos axuda a promesa da resurrección cando morre alguén que queremos?
15 Aínda que cremos na promesa da resurrección que nos fai Deus, sentímonos moi tristes cando morre alguén que queremos. Pero consólanos moito saber que Xehová non se esquece deles. Esta esperanza axudou a Michael, de quen falamos antes. El conta: “Isaías 26:19 axudoume a entender que Xehová ten un aprecio persoal polos meus pais. Ata agora mantívoos seguros na súa memoria, e seguirá facéndoo ata que chegue o momento de resucitalos no futuro. Isto consólame e dáme moitas forzas”. Centrémonos nós tamén na promesa de volver a estar cos nosos seres queridos. Facer isto axudaranos a soportar a nosa dor.
16. Que textos son un consolo para ti en situacións difíciles?
16 Acabamos de ver algúns versículos do libro de Isaías que nos poden consolar cando nos enfrontamos a cambios repentinos nas nosas circunstancias, cando temos sentimentos excesivos de culpa e cando estamos tristes pola perda dun ser querido. Que agradecidos estamos de que Xehová nos dea este consolo por medio da súa Palabra! (Sal. 94:19) Hai algún texto que che axude especialmente cando pasas por algunha situación preocupante? Intenta memorizalo ou escribilo nalgún lado e poñelo onde o vexas a miúdo. Que as tranquilizadoras palabras do noso amoroso Pai celestial sexan un consolo para ti.
CANCIÓN sjj 3 A nosa forza, a nosa esperanza, a nosa confianza
a A canción da que se fala é a titulada “¿A quién temeré?” dispoñible en español.
b New International Dictionary of Old Testament Theology & Exegesis, editado por Willem VanGemeren, 1997, volume 1, número 1567, páxina 832.
c DESCRICIÓN DA IMAXE.: A parella que saíu de Betel sendo recibidos na súa nova congregación.
d DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán deixando atrás o seu pasado e desfrutando do Curso para Pioneiros.