21-27 DE SETEMBRO DE 2026
CANCIÓN sjj 12 Xehová, o noso gran Deus
Sigue aprendendo sobre Xehová
“Coñece o Deus de teu pai e sírveo cun corazón completo” (1 CRÓN. 28:9, TNM).
OBXECTIVO
Ver que significa coñecer a Xehová, por que deberiamos querer coñecelo mellor e como podemos facelo.
1. Como nos sentimos ó pensar no coñecemento, na sabedoría e en todo o que fixo Xehová?
PENSACHES algunha vez na profundidade do coñecemento de Xehová, no inmensa que é a súa sabedoría ou en tódalas cousas incribles que fixo? Sen dúbida, pensar no noso Creador impresiónanos moito. Quizais te sintas coma o apóstolo Paulo, que escribiu: “Que grandes son as bendicións de Deus! Que profundas son a súa sabedoría e o seu coñecemento! É imposible entender por completo os seus xuízos e explorar por completo os seus camiños” (Rom. 11:33, 34).
2. Por que podemos estar seguros de que é posible coñecer a Xehová?
2 Aínda que nunca chegaremos a saber todo sobre Xehová, podemos coñecelo ata certo punto. O rei David díxolle ó seu fillo Salomón: “Coñece o Deus de teu pai e sírveo cun corazón completo [...]. Se ti o buscas, el deixará que o encontres” (1 Crón. 28:9, TNM). Ademais, tal como lles recordou o apóstolo Xoán ós seus compañeiros cristiáns séculos máis tarde, temos “entendemento para que cheguemos a coñecer a aquel que é verdadeiro” (1 Xoán 5:20). E Xesús dixo que axudaría ás persoas a “[coñecer] realmente o Pai” (Mat. 11:27).
3. Que veremos neste artigo?
3 Tódolos que servimos a Xehová xa aprendemos moitas cousas sobre el. Aínda así, nunca deixamos de coñecelo (Xoán 17:3; ver tamén a nota de estudo, nwtsty-S). Por exemplo, sempre podemos aprender máis sobre o que lle fai feliz e como podemos confiar máis nel. Vexamos tres preguntas que todos nos debemos facer, sen importar canto tempo levemos servindo a Xehová: Que significa coñecer a Xehová? Por que deberiamos seguir coñecéndoo cada vez máis? E como podemos coñecelo mellor?
QUE SIGNIFICA COÑECER A XEHOVÁ
4. Que implica coñecer a Xehová?
4 Para entender o que significa coñecer a Xehová podemos analizar o que lles dixo ós xudeus que volverían do exilio. El prometeu: “Dareilles corazón para me coñecer” (Xer. 24:7). Seguro que os que volveron de Babilonia xa sabían algunhas cousas fundamentais sobre Xehová. Pero para chegar a coñecelo, necesitarían implicarse de corazón, cos seus sentimentos e motivos. Unha obra de consulta explícao da seguinte maneira: “Hai unha gran diferenza entre saber sobre Deus e coñecer a Deus. Podemos comparalo coa diferenza que hai entre ler sobre o amor e namorarse”.a Non é suficiente con que saibamos que el é Deus e que se chama Xehová, senón que queremos coñecer a persoa detrás do nome.
5. Que podemos aprender do rei Xosías sobre o que significa coñecer a Xehová?
5 Cando chegamos a coñecer a Xehová, aprendemos que lle fai feliz e que lle desagrada. Para ilustralo, vexamos o exemplo do rei Xosías. A Biblia di: “No ano oitavo do seu reinado, cando aínda era un rapaz, comezou a servi-lo Deus do seu antepasado David” (2 Crón. 34:3). Pero Xosías fixo máis que estudar. El actuou de acordo co que aprendeu. Mediante o profeta Xeremías, Xehová dixo que este rei “practicou o dereito e a xustiza” e que defendeu os que sufrían e os pobres. E despois engadiu: “¿Non consiste nisto coñecerme a min?” (Xer. 22:15, 16).
6. Segundo o Salmo 9:11 (9:10, TNM), que sentimos cando chegamos a coñecer a Xehová?
6 Le Salmo 9:11 (9:10, TNM). Canto máis coñecemos a Xehová, máis confiamos nel. Isto foi o que lle pasou ó apóstolo Paulo. Durante o seu último encarceramento, cando xa lle quedaba pouco tempo de vida, escribiu: “Non me avergonzo. Porque coñezo a aquel en quen creo” (2 Tim. 1:12). Paulo podía confiar completamente en Xehová grazas ó que aprendera sobre el e por tódalas maneiras nas que lle axudou na súa vida. Estaba seguro de que Deus non se esquecería del nin do seu fiel servizo e que ademais o resucitaría.
POR QUE SEGUIR COÑECENDO A XEHOVÁ
7. Que nos podería pasar despois de levar moitos anos servindo a Xehová?
7 Co tempo, quizais non nos esforcemos tanto por coñecer a Xehová como cando aprendemos del por primeira vez. Por que non? Cando lemos a Biblia sós ou en compañía doutros nas reunións, a miúdo pensamos en como o que aprendemos nos pode ser de utilidade ou como podemos usalo para axudar a outros. Iso é algo bo porque a Biblia anímanos a facelo (2 Tim. 3:16, 17). Pero a Biblia tamén ensina moito sobre o seu Autor (Sal. 25:8-10). Nunca deberiamos estar tan centrados en como a súa mensaxe nos axuda a nós e a outros que nos esquezamos de preguntarnos: “Que me ensina isto sobre Xehová?”.b
8. Como afecta á amizade que temos con Xehová coñecelo mellor? (Salmo 73:24-28, TNM).
8 A medida que vaiamos coñecendo a Xehová, a nosa amizade con el tamén se irá facendo máis forte. Por exemplo, que sentes por Xehová despois de facer a túa lectura diaria da Biblia, ver un programa de broadcasting ou ir a un congreso? A miúdo nos sentimos máis cerca do noso Pai celestial. Por que? Porque aprendemos máis sobre el e, como resultado, sentímonos impulsados a louvalo e darlle as grazas. Sentímonos coma o salmista que ó meditar en como Xehová o coidaba dixo: “Deus é a roca do meu corazón e a parte que me corresponde para sempre” (le Salmo 73:24-28, TNM). Cada esforzo que facemos para coñecer a Xehová fai que agradezamos máis ter esa amizade tan valiosa con el.
9. Como afecta ás nosas decisións ter en conta a Xehová? Pon un exemplo.
9 Se temos en conta a Xehová, é dicir, se lembramos o que aprendemos sobre el e pensamos en como lle afecta o que facemos, tomaremos mellores decisións (Prov. 3:5, 6). Isto podemos entendelo cun exemplo. Moitos irmáns teñen unha foto da súa parella no seu escritorio, na carteira ou no teléfono. Isto axúdalles a pensar a miúdo con cariño nesa persoa, o que á súa vez os motiva a tomar decisións que lle gusten e evitar calquera cousa que lle puidese facer dano. De forma parecida, canto máis a miúdo pensemos en Xehová, máis probable será que tomemos decisións que o fagan feliz (Sal. 19:14, 15 [19:13, 14, TNM]).
10. Ó ir aprendendo sobre Xehová, que somos capaces de facer?
10 Como estamos feitos á imaxe de Xehová, podemos imitar as súas cualidades (Xén. 1:26). Canto máis aprendamos sobre elas, mellor saberemos como demostralas. Xesús condenou os escribas e fariseos por non ser capaces de facer isto xa que, aínda que se fixaban moito nos pequenos detalles, descoidaron “os asuntos máis importantes da Lei: a xustiza, a misericordia e a fidelidade” (Mat. 23:23). A diferenza daqueles líderes relixiosos, esforcémonos por entender como se reflicten as cualidades de Xehová nas súas leis e principios. Entón seremos capaces de imitalo (1 Xoán 4:8, 11).
COMO COÑECER MELLOR A XEHOVÁ
11. Como coñeciches a Xehová?
11 Quen foi o primeiro que che falou de Xehová? Quizais foron teus pais. Probablemente che contaron historias bíblicas ou che ensinaron sobre as cousas que fixo para que aprendeses como é. Ou pode ser que aceptases un curso da Biblia dunha testemuña de Xehová. É posible que o teu mestre usase o libro Desfruta da vida para sempre! para que pensases en profundidade nos relatos bíblicos e nas cousas que el creou e así aprendeses sobre as súas fermosas cualidades (Neh. 8:8; Feit. 14:17).c Vexamos como podemos seguir aprendendo sobre Xehová.
12, 13. Que podemos aprender de Xehová cando lemos a Biblia? Pon un exemplo. (Xeremías 39:15-18). (Ver tamén a imaxe).
12 En primeiro lugar, podemos aprender máis sobre Xehová lendo e estudando a súa Palabra. Ás veces a Biblia menciona especificamente as cualidades de Deus (Éx. 34:6, 7). Pero a maioría das veces fala do que lles pasou a certas persoas e das decisións que tomaron. Cando leas sobre estes relatos, pensa no que che poden ensinar sobre Xehová.
13 Vexamos un exemplo. Se les Xeremías 38:6-13, aprenderás sobre o etíope Ébed-Mélec, quen rescatou ó profeta Xeremías. Probablemente che será fácil identificar maneiras de imitar o seu espírito de sacrificio, valor e amor. Pero podes ver tamén as cualidades de Xehová que se mostran neste relato? (le Xeremías 39:15-18) Por exemplo, que versículos indican que Xehová é agradecido, xusto e imparcial? Que outros aspectos da personalidade de Xehová percibes neste relato? Sempre que leas unha pasaxe da Palabra de Deus, busca as cualidades de Xehová e despois dálle as grazas e dille canto o queres pola súa forma de ser.
Ébed-Mélec foi valente ó rescatar a Xeremías do fondo da cisterna (ver os parágrafos 12 e 13).
14. Por que deberiamos pararnos a pensar nas cousas que Xehová creou?
14 En segundo lugar, podemos aprender máis sobre Xehová meditando na súa creación (Sal. 145:9, 10). Por suposto, non é suficiente con simplemente observar a natureza. Algunhas persoas pasan toda a súa vida estudándoa pero non son capaces de recoñecer nela as cualidades de Deus ou tan sequera a súa existencia. O apóstolo Paulo escribiu que “as cualidades invisibles de Deus [...] vense claramente desde a creación do mundo, porque se perciben polas cousas creadas” (Rom. 1:20). Unha tradución bíblica deste versículo di que “unha persoa que é capaz de razoar ben, é capaz de ver as cualidades de Deus”.d Así que debemos pararnos a pensar nas marabillosas cousas que fixo e no que nos ensinan sobre el.
15. Que fixo Patrick para coñecer mellor a Xehová e como podes facer ti algo parecido? (Ver tamén a imaxe).
15 Moitas persoas viven en cidades onde non hai moita natureza. Se ese é o teu caso, podes sacar aínda así leccións da creación? Fíxate no que fai Patrick, que vive nunha cidade da República do Congo chamada Brazzaville. El di: “Cada día intento observar a creación desde o meu balcón. A miúdo vexo pequenos insectos e paxaros buscando sen parar comida ou un lugar onde vivir. Unha vez, fixeime en como uns paxariños estaban facendo o seu niño. Atopaban materiais da zona que lles ían perfectos para facer un fogar acolledor para os seus pitiños”. Pero Patrick non se quedou aí, senón que meditou no Creador. El segue dicindo: “Aprendín que Xehová se preocupa polo benestar das súas criaturas, incluso das que parecen insignificantes. Isto asegúrame que tamén se preocupa por min e que nunca deixará que me falte o necesario para cada día”.
Coñece mellor a Xehová meditando na creación (ver o parágrafo 15).
16. Que axudou a María, a nai de Xesús, a coñecer mellor a Xehová, e como podemos imitala? (Ver tamén a imaxe).
16 Unha terceira maneira na que podemos coñecer a Xehová mellor é meditando sobre o que el fixo por nós. Isto foi o que fixo a nai de Xesús, María. Ela coñecía ben a Xehová, e tiña “o favor de Deus” (Luc. 1:30). Pero entón el pediulle que fixese algo moi importante e difícil: ser a nai do Fillo de Deus. Usou o anxo Gabriel e a Elísabet para dicirlle que confiaba nela e que lle axudaría. Ela despois meditou no que aprendeu sobre Xehová naquela experiencia que viviu. María viu claramente o seu poder, como trata a tódalas persoas dunha maneira amable e o moito que se preocupa polos que a xente considera que son pouco importantes (Luc. 1:46-55). Igual que María agradeceu a axuda de Xehová, nós tamén nos sentimos así cando Deus nos dá a axuda “no momento no que [a] necesitamos” (Heb. 4:16). Cando Xehová coide de ti desta maneira, pregúntate: “Que me ensina isto sobre el? Que cualidades del puiden observar?”.
Coñece mellor a Xehová meditando no que fixo por ti (ver o parágrafo 16).e
NUNCA DEIXAREMOS DE APRENDER
17, 18. Por que podemos dicir que nunca deixaremos de aprender sobre Xehová?
17 Pensa no moito que poderemos aprender sobre Xehová no novo mundo. El daranos novos rolos que nos indicarán como quere que vivamos (Apoc. 20:12). Tamén poderemos coñecer moito máis a Xehová cando desfrutemos por completo de tódalas cousas que el creou (Is. 11:6-9). E teremos a oportunidade de coñecelo máis en profundidade cando vivamos cousas novas, como a resurrección dos nosos seres queridos e estar máis cerca da perfección cada día.
18 Sempre teremos máis cousas que coñecer sobre Xehová. El xa leva toda unha eternidade existindo, polo que “para a súa sabedoría non hai medida” (Sal. 90:2; 147:5). “Nunca [comprenderemos] totalmente as obras que o Deus verdadeiro fixo” (Ecl. 3:11, TNM). Así que, sen importar canto tempo levemos na verdade, aproveitemos cada oportunidade que teñamos para coñecer máis o noso cariñoso Pai.
CANCIÓN sjj 28 Quen pode ser amigo de Xehová?
a The Interpreter’s Bible, editado por George Arthur Buttrick, 1956, volume VI, “3a. Pressing On to Know” páxina 626.
b Mira a pregunta 20 da sección titulada “Introdución á Palabra de Deus” que hai na introdución da Tradución do Novo Mundo.
c Mira os puntos 5 a 7 da lección 7 do libro Desfruta da vida para sempre!.
d The New English Bible, 1970, (Oxford University Press, Oxford, Inglaterra), Romanos 1:20, páxina 192.
e DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán que sufre ansiedade medita en como Xehová lle axudou a facer a súa asignación na reunión de entre semana.