7-13 DE SETEMBRO DE 2026
CANCIÓN sjj 88 Ensíname os teus camiños
Aprendamos dos gabaonitas
“Os veciños de Gabaón fixeran as paces con Israel, vivindo como estaban no medio deles” (XOS. 10:1).
OBXECTIVO
Ver que podemos aprender sobre os gabaonitas e sobre a maneira na que os tratou Xehová.
1, 2. Por que debería interesarnos o que di a Biblia sobre os gabaonitas?
ERA o ano 1473 a. n. e. e a nación de Israel acababa de empezar a súa conquista da Terra Prometida. Xehová axudáralles a gañar as batallas contra as cidades de Xericó e Ai. Pero despois pasou algo inesperado. Chegou onda eles un grupo de viaxeiros afirmando ser dun lugar que estaba moi lonxe e buscando facer un acordo de paz co pobo de Deus.
2 Estes viaxeiros eran os gabaonitas. É a primeira vez que se lles menciona na Biblia pero non a última, pois se mostra en diferentes relatos bíblicos que viviron entre os israelitas durante os seguintes séculos. Estes relatos conteñen leccións moi valiosas para nós e ensínannos moito sobre Xehová Deus.
TEN FE EN XEHOVÁ E SÉ HUMILDE
3. a) Quen eran os gabaonitas? b) Por que lles pediron ós israelitas que non loitasen contra eles?
3 Cando os israelitas empezaron a conquista da terra de Canaán, os gabaonitas vivían na cidade fortificada de Gabaón. Formaban parte dos hivitas, un dos sete pobos cananeos que eran “máis numerosos e poderosos” que os israelitas (Deut. 7:1). Así que os gabaonitas eran unha nación cun exército moi grande (Xos. 10:2). Pero, a diferenza dos outros cananeos, eles déronse conta de que non tiña sentido opoñerse ós israelitas. Puideron ver como Xehová lles estaba axudando a gañar as súas batallas e sabían que el lles prometera a terra de Canaán (Éx. 34:11; Xos. 9:24). Así que despois de que os israelitas conquistasen as cidades de Xericó e Ai, os gabaonitas enviaron un grupo de homesa a Guilgal para suplicarlle a Xosué que os deixase vivir.
4. a) Tal e como se mostra en Xosué 9:8-13, como enganaron os gabaonitas ós israelitas para facer un pacto de paz con eles? (Ver tamén a imaxe) b) Que pasou cando se descubriu a verdade?
4 Le Xosué 9:8-13. Os gabaonitas fixeron coma se viñesen dunha terra que estaba moi lonxe. Recoñeceron que fora Xehová quen destruíra o exército de Exipto e quen lles axudara a gañar as batallas contra uns reis amorreos: Sihón e Og. Pero foron moi intelixentes e non mencionaron o que pasara en Xericó e Ai porque unhas noticias tan recentes non poderían ter chegado a esa suposta terra tan remota. Sen consultar a Xehová, os representantes de Israel creron o que lles contaron e pactaron estar en paz con eles (Xos. 9:14, 15). Pouco despois descubriuse a verdade, pero os israelitas mantiveron a súa palabra porque llelo xuraran “polo Señor” (Xos. 9:16-19). Dixéronlles ós gabaonitas que poderían vivir entre eles pero que terían que facer o traballo dos escravos. Serían “taladores de madeira e acarrexadores de auga para a asemblea [ou pobo], e para o altar do Señor” (Xos. 9:27).
Os gabaonitas enganaron a Xosué para que fixese un pacto de paz con eles (ver o parágrafo 4).
5. De que maneiras demostraron os gabaonitas que tiñan fe en Xehová?
5 Ó escoitar que os gabaonitas fixeran un pacto con Israel, cinco reis amorreos uníronse para atacar Gabaón. Entón os gabaonitas suplicáronlle a Xosué que lles axudase (Xos. 10:3-7). Xosué guiou a Israel nunha operación de rescate e os seus esforzos contaron coa bendición de Deus. Xehová incluso fixo que caesen enormes pedras de graínzo sobre o exército amorreo e tamén que seguise sendo de día dunha maneira milagrosa ata que os israelitas gañaron a batalla (Xos. 10:9-14). Ó querer facer un pacto de paz con Israel e ó pedirlle axuda a Xosué cando se viron ameazados, os gabaonitas demostraron que tiñan fe na capacidade de Xehová de cumprir a súa palabra e de rescatalos.
6. Que aprendemos de Xehová pola maneira na que tratou os gabaonitas durante a conquista de Israel da Terra Prometida?
6 Que nos ensina este relato sobre Xehová? Que é humilde e misericordioso. No pasado Xehová dixéralles que “[expulsasen] de diante [deles] a tódolos habitantes” daquela terra, o que incluía os gabaonitas (Núm. 33:51, 52). Aínda así, para apoiar o pacto de paz que Israel fixera con eles, Xehová foi misericordioso e permitiu que seguisen con vida. E fixo isto aínda que os israelitas non consultaran con el antes de facer aquel pacto. Axudou a Israel a cumprir co acordo e rescatou de maneira milagrosa os gabaonitas (Xos. 9:26; 11:19).
7. Como podemos imitar a fe e a humildade dos gabaonitas? (Ver tamén a imaxe).
7 Como podemos imitar os gabaonitas? Asegurándonos de que a nosa fe en Xehová sexa forte. Como coñecemos moito mellor a Xehová que os gabaonitas naquela época, temos aínda máis razóns para confiar por completo nel (Sal. 40:5, 6 [40:4, 5, TNM]). Tamén podemos imitar os gabaonitas ó estar dispostos a facer tarefas humildes no noso servizo a Xehová (Xos. 9:23, 27). Un irmán xove chamado Luke nunca esquecerá como outro betelita maior ca el fixo xusto isto. Aínda que aquel irmán tiña unha asignación importante e algo destacada, ofreceuse de maneira discreta como voluntario para facer a quenda de noite na vixilancia do Salón do Reino que se estaba construíndo naquela zona. Luke di: “Aprendín que a humildade non é simplemente un sentimento, senón que se demostra polo que decidimos facer e non facer”. Demostremos a nosa fe en Xehová cada día ó confiar nel nos momentos difíciles e ó ser humildes cumprindo con calquera tarefa que nos asignen no noso servizo a el.
Imitemos os gabaonitas estando dispostos a facer tarefas humildes (ver o parágrafo 7).
ESPERA A QUE XEHOVÁ CORRIXA AS INXUSTIZAS
8. Que crime cometeu o rei Saúl contra os gabaonitas?
8 A Biblia volve mencionar os gabaonitas séculos máis tarde, cando o rei Saúl se volveu en contra daqueles que vivían en Israel. “No seu celo por Israel e por Xudá” intentou exterminar os gabaonitas e como resultado moitos deles foron asasinados (2 Sam. 21:2, 5, 6).b Que inxustiza! Saúl rompeu o pacto de paz que levaba tanto tempo existindo entre Israel e os gabaonitas.
9. Cando se fixo algo finalmente contra a inxustiza que sufriran os gabaonitas?
9 Xehová non castigou de inmediato a quen cometera aquela terrible inxustiza contra os gabaonitas. De feito, non tomou cartas no asunto ata que David sucedeu a Saúl como rei. Foi entón cando actuou mediante unha época de fame que durou 3 anos. Cando David lle preguntou por que a terra non daba alimento, Xehová díxolle que era porque Saúl e algúns homes da súa familia pecaran ó matar a tantos gabaonitas (2 Sam. 21:1).
10. Segundo 2 Samuel 21:3-6, como demostraron os gabaonitas que respectaban a Lei de Deus co que lle dixeron a David?
10 Le 2 Samuel 21:3-6. David falou cos gabaonitas para intentar saber que podía facer para compensar o dano que causara Saúl co crime que cometera contra eles. Intentarían facerse ricos pedíndolle cartos a David por non ter actuado antes? Non, eles responderon apropiadamente que non era un asunto de “prata nin ouro”, porque, segundo a Lei, non se podía aceptar ningún rescate por un asasino (Núm. 35:30, 31). Tamén recoñeceron que non podían acabar coa vida de ninguén sen que o rei o permitise. Ó final, David autorizou a execución de 7 descendentes varóns de Saúl que probablemente participasen naquel intento de xenocidio. Un tempo despois volveu chover, acabando coa fame e demostrando que Xehová quedara satisfeito coa maneira na que se fixera xustiza (2 Sam. 21:9, 10, 14).
11. Que nos ensina este relato sobre Xehová?
11 Que nos ensina este relato sobre Xehová? Demóstranos de maneira clara que Xehová é un Deus xusto (Sal. 37:28). Quere que todos sexamos tratados dunha maneira xusta, incluíndo os que son discriminados, como os estranxeiros e as minorías. E, cando chegue o momento, Xehová corrixirá calquera inxustiza que sufrísemos os seus servos. Tamén aprendemos que el espera que manteñamos a nosa palabra, igual que esperaba que os israelitas cumprisen o pacto de paz que fixeran cos gabaonitas (compara con Amós 1:9).
12. Como podemos imitar os gabaonitas cando nos enfrontemos a inxustizas?
12 Como podemos imitar os gabaonitas? Incluso cando son os nosos irmáns os que nos tratan mal, podemos ser pacientes e esperar a que Xehová solucione o problema. Desta maneira demostramos que confiamos en que el actuará no momento apropiado. Iso foi o que fixo a nosa irmá Laura French. Ela empezou a servir no Betel do Canadá en 1926 e, uns 10 anos máis tarde, sufriu unha terrible inxustiza. Algúns dixeron que era parte dun grupo de apóstatas que había en Betel e, aínda que non era certo, tivo que deixar a súa asignación. Como reaccionou ela? A pesar de que lle doeu moito, nunca dixo nada malo sobre os irmáns ou a organización de Xehová. Pasou os seguintes 4 anos servindo con moito entusiasmo como pioneira. Para a súa sorpresa e alegría, en 1940 invitóuselle a volver a Betel onde serviu fielmente ata que terminou a súa vida na terra uns 50 anos máis tarde. Igual que Laura, podemos superar unha inxustiza se seguimos facendo o que está ben e esperamos a que Xehová corrixa os asuntos cando chegue o momento (Is. 26:3, 4).
SIGUE SERVINDO A XEHOVÁ FIELMENTE
13. Quen eran os netineos e que fixeron despois do exilio en Babilonia?
13 Uns 500 anos despois dos tempos do rei David, vólvese mencionar os gabaonitas no rexistro bíblico. Terminaran os 70 anos de exilio en Babilonia, e no 537 a. n. e. o primeiro grupo de xudeus exiliados volveu a Xerusalén co gobernador Zorobabel (Esd. 2:1, 2, 58). Máis tarde, no 468 a. n. e., volveu outro grupo, esta vez co copista Esdras (Esd. 7:1-7). Nestes dous grupos relativamente pequenos había familias que eran parte dos netineos, ou natineos (mira a nota en Esdras 7:7 [TNM]). Quen eran os netineos? Eran servos ou ministros do templo que non eran israelitas e probablemente moitos deles descendían dos gabaonitas.
14. De que maneira demostraron os gabaonitas a súa lealdade a Xehová? (1 Crónicas 9:2).
14 Le 1 Crónicas 9:2. Os netineos estaban entre os primeiros exiliados que volveron a Israel. E iso é de destacar porque non tódolos xudeus que estaban exiliados volveron. A moitos seguramente lles ía moi ben economicamente en Babilonia e non estaban dispostos a sacrificar iso para volver e ter que axudar a reconstruír a súa cidade natal. Pero ese non era o caso dos exiliados fieis que desexaban volver a ver a adoración verdadeira restaurada no templo de Xerusalén, entre os que probablemente estaban os descendentes dos gabaonitas. Eles fixeron tódolos esforzos necesarios para volver aínda que non tiñan ningunha terra que lles pertencese por herdanza coma os xudeus. Pero querían poder servir de novo no templo de Xehová e incluso axudar a reparar as murallas da cidade (Neh. 3:26).
15. Que nos ensina sobre Xehová o relato dos gabaonitas?
15 Que nos ensina este relato sobre Xehová? Aprendemos que Xehová quere moito ós que o adoran fielmente e sempre coida deles. Cando acabou o exilio en Babilonia, xa pasaran case 1000 anos dende que Xehová salvara os gabaonitas durante a conquista da Terra Prometida. Pero aínda así, el seguiu bendicíndoos. Os descendentes dos gabaonitas formaron parte dos que sobreviviron á destrución de Xerusalén no 607 a. n. e. E despois do exilio, seguiron estando estreitamente relacionados coa adoración verdadeira servindo cos levitas no templo. De feito, parece que algúns vivían cerca del e estaban exentos de pagar impostos, tributos e peaxes debido ó traballo que facían na casa de Xehová (Esd. 2:70; 7:24; Neh. 11:21).
16. Como podemos imitar os gabaonitas na nosa adoración?
16 Como podemos imitar os gabaonitas? Nós tamén queremos facer todo o que poidamos por apoiar a adoración verdadeira. Isto ás veces require estar dispostos a sacrificar certas cousas pero estamos contentos de facelo por Xehová porque o amamos e queremos facelo feliz. Iso foi o que fixo Alwin, un irmán de Filipinas. El tiña un traballo nunha compañía petroleira no que lle pagaban moi ben, pero quería facer máis no seu servizo a Xehová. Así que cada vez que o superintendente de circuíto visitaba a súa congregación, el collía tempo libre no traballo para apoiar a visita e desfrutar de predicar máis esa semana. Despois dun tempo e moitas oracións, decidiu deixar o seu traballo e buscar outro que lle permitise ser pioneiro regular. Claro, iso significaría facer sacrificios económicos, pero aínda así deixouno e conseguiu outro que lle permitía cumprir coa súa meta. A súa muller tamén empezou como pioneira canda el e xuntos xa axudaron a 21 persoas a coñecer a verdade e bautizarse. Sen dúbida, Xehová bendiciu os esforzos desta parella. Nós tamén podemos estar seguros de que Xehová valora moito os sacrificios que facemos por servilo, e que polo tanto, sempre coidará de nós e das nosas necesidades (Mat. 6:33).
17. Que aprendemos ó repasar os relatos bíblicos sobre os gabaonitas?
17 Os relatos sobre os gabaonitas axudáronnos a aprender moito sobre as fermosas cualidades de Xehová. El é humilde, misericordioso, xusto e leal. Sempre recompensa ós que o serven fielmente. Ademais, estes relatos tamén nos ensinan varias leccións prácticas. Nós queremos ter unha fe forte en Xehová coma os gabaonitas, confiando nel cando nos enfrontemos a situacións e problemas moi difíciles. Esa fe tamén nos motivará a ser humildes e a facer calquera cousa que Xehová nos pida no noso servizo a el. Queremos esperar con paciencia en Xehová, estando seguros de que el corrixirá tódalas inxustizas no momento adecuado e tamén facer todo o que poidamos para servilo fielmente. Facendo isto demostraremos que aprendemos valiosas leccións dos gabaonitas.
CANCIÓN sjj 148 Xehová é a miña salvación
a O grupo de homes gabaonitas parece ser que representaba ós pobos doutras tres cidades hivitas: Quefirah, Beerot e Quiriat-Iearim (Xos. 9:17).
b A Biblia non especifica por que Saúl cometeu este crime. Algúns eruditos suxeriron que podería deberse a que empezou a ter prexuízos contra a xente doutras nacións que vivía en Israel.