BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w26 febreiro páxs. 20-25
  • Estás preparado para os problemas que poden vir despois do bautismo?

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Estás preparado para os problemas que poden vir despois do bautismo?
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • QUE UN IRMÁN TE OFENDA
  • QUE EMPECES A BOTAR DE MENOS O QUE DEIXACHES ATRÁS
  • QUE ALGUÉN DEIXE DE SERVIR A XEHOVÁ
  • Xehová cura “os corazóns quebrados”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Sexamos humildes e aceptemos que hai cousas que non sabemos
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Recorda que Xehová é o “Deus vivo”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Acercarnos uns ós outros é bo para nós
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
w26 febreiro páxs. 20-25

27 DE ABRIL–3 DE MAIO DE 2026

CANCIÓN sjj 99 Tribos e pobos e linguas

Estás preparado para os problemas que poden vir despois do bautismo?

“Guío polas túas pisadas os meus pasos” (SAL. 17:5).

OBXECTIVO

Ver como poden prepararse os cristiáns para os problemas que poderían ter despois de bautizarse.

1, 2. Como podemos prepararnos para os problemas que poidamos ter despois de bautizarnos? Pon un exemplo.

SABEMOS que neste mundo controlado por Satanás, pasaremos por problemas. De feito, Xesús díxolles ós seus discípulos: “É inevitable que haxa cousas que fagan tropezar” (Mat. 18:7). Así que temos que prepararnos para facerlles fronte ás dificultades, e iso pode incluír problemas cos nosos irmáns.

2 Pensa nisto. Ós servos de Xehová anímasenos a estar preparados para os desastres naturais. Como o facemos? Primeiro, pensamos en que desastres poderían ocorrer na nosa zona. É moi importante que o fagamos, sobre todo se levamos pouco tempo vivindo nese sitio. Cando sabemos que tipo de desastres poderían pasar, entón podemos planear o que temos facer para estar preparados (Prov. 21:5). De maneira parecida, é bo que pensemos nos problemas que poderiamos ter despois de bautizarnos. Isto axudaranos a que non nos afecten tanto e a manternos cerca de Xehová (Sal. 17:5). Por iso, neste artigo analizaremos tres problemas que poderiamos ter e como podemos prepararnos para cada un deles.a

QUE UN IRMÁN TE OFENDA

3. Que problema poderiamos ter na congregación?

3 Recordas como te sentiches a primeira vez que fuches a unha reunión e viches o amor que hai entre os servos de Xehová? Convenceute isto de que encontraras a verdade? (Xoán 13:35; Col. 3:12) Iso foi o que lle pasou a Blancab pero, despois de bautizarse, pasou por unha situación coa que non contaba. Ela di: “Unha irmá tratoume mal. Tamén deime conta de que falaba mal doutros irmáns. Non mo esperaba porque aprendera que as testemuñas de Xehová se esforzaban por ser pacíficas e cariñosas”. Está claro que os irmáns se esforzan moito por mellorar as súas calidades cristiás, pero non son perfectos (Ef. 4:23, 24; 1 Xoán 1:8). Así que, nalgún momento, é posible que alguén diga ou faga algo que che faga dano (Sant. 3:8). Por desgraza, estes problemas fixeron que algúns deixasen de servir a Xehová.

4. Como podemos prepararnos por se un irmán ou unha irmá nos ofende? (Efesios 4:32).

4 Como te podes preparar xa agora por se un irmán ou unha irmá te ofende? Ten o costume de aplicar o consello de Efesios 4:32 (le). Se fas todo o posible por seguir sendo amable e por mostrar compaixón, seguramente evitarás moitos problemas cos demais. Ponte a meta de perdoar con xenerosidade os erros doutros. Que che pode axudar a facelo? Pensa en cantas veces lle pides a Xehová que te perdoe e no agradecido que estás de que o faga de maneira tan xenerosa (Mat. 6:12). Se te centras en cantas veces te perdoa Xehová, serache máis fácil perdoar a outros.

5. Que principio bíblico nos pode axudar cando alguén nos ofende? (Proverbios 19:11, TNM). (Ver tamén as imaxes).

5 Le Proverbios 19:11 (TNM). A Biblia di que, cando nos ofenden, a perspicaciac pode frear a nosa furia. Este principio bíblico axudoulle a Rima, que leva poucos anos bautizada. Ela conta: “Cando vexo que algún irmán di ou fai algo que me ofende, primeiro acórdome de Proverbios 19:11 [TNM]. Despois póñome a pensar nas súas circunstancias, no seu pasado e nos motivos polos que dixo ou fixo iso que me ofendeu. Tamén intento quedar con eles para predicar xuntos. Isto axúdame a coñecelos mellor”. Este é un bo consello. Intenta coñecer mellor os teus irmáns xa agora. Canto mellor os coñezas, máis fácil che será perdoalos.

Serie de imaxes: 1. Un irmán ofendéndose pola maneira na que outro lle fala mentres colaboran no mantemento do exterior do Salón do Reino. 2. Despois, o irmán que estaba ofendido desfruta de predicar de casa en casa co outro irmán.

Se tiveches un malentendido cun irmán ou irmá, intentade saír a predicar xuntos (ver o parágrafo 5).


6. Que nos pode axudar a levarnos mellor cos irmáns da congregación?

6 Que che axudará a ter bos amigos na congregación? Mentres intentas coñecer os teus irmáns, céntrate nas súas boas calidades (compara con Proverbios 10:12; Rom. 12:10; Filip. 2:2, 3). Fíxate en como lle axudou iso a Mark pouco despois de bautizarse. Como agora pasaba máis tempo cos irmáns da súa congregación, empezou a ver as súas imperfeccións. Que lle axudou a non tropezar polas cousas negativas que vía? El di: “Deime conta de que eses fallos eran moi pequenos en comparación coas cousas tan malas que fai a xente deste mundo. Estaba claro que non tiña que pararme tanto nas imperfeccións dos meus irmáns. Así que empecei a centrarme nas súas boas calidades”. Se ti fas o mesmo, levaraste mellor cos irmáns da túa congregación.

QUE EMPECES A BOTAR DE MENOS O QUE DEIXACHES ATRÁS

7. Que podería facer que empezásemos a botar de menos o que deixamos atrás?

7 Cando aprendiches a verdade, seguro que foi un alivio deixar atrás este mundo malvado controlado polo Demo. Poida que pensases: “Como podería alguén botar isto de menos?”. Aínda así, cando pasamos por dificultades poderiamos empezar a pensar nalgunhas cousas que tiñamos ou faciamos antes de servir a Xehová. E pode ser que incluso empecemos a querer ter ou facer esas cousas outra vez (compara con Números 11:4-6). Por exemplo, algúns irmáns decidiron deixar un traballo no que tiñan un posto moi importante porque lles quitaba moito tempo. Outros quizais viron que os seus amigos se apartaban deles cando empezaron a estudar a Biblia. E outros pode que tivesen que superar adiccións que lles gustaban, pero que Xehová odia. Que triste sería que un cristián deixase que o seu pasado o apartase de Xehová. Que podes facer agora para non volver nunca ó que deixaches atrás, sen importar os problemas que teñas?

8. Que aprendemos do exemplo de Abrahán e Sara?

8 Na Biblia hai exemplos de servos fieis que tiveron a oportunidade de empezar a botar de menos o que deixaran atrás. Un deles é o de Abrahán e Sara. Eles obedeceron a Xehová e deixaron a cidade de Ur, que estaba protexida por unhas boas murallas, e foron vivir en tendas de campaña (Heb. 11:8, 9). Está claro que quizais se acordaban ás veces das comodidades que había naquela cidade. Pero “se seguisen pensando” niso ou se seguisen botando de menos o que tiñan, é posible que acabasen querendo volver a Ur. En vez diso, centráronse no futuro (Heb. 11:15, 16).

9. Que pensaba o apóstolo Paulo das cousas que deixara atrás? (Filipenses 3:7, 8, 13).

9 O apóstolo Paulo tamén fixo cambios na súa vida para servir a Xehová. Antes de facerse cristián, era un alumno de Gamaliel, un mestre da Lei moi respectado (Feit. 22:3). Ía camiño de ser un líder relixioso xudeu moi importante (Gál. 1:13, 14). Pero deixou todo iso atrás cando aceptou as boas noticias. Tivo unha vida fácil por facerse cristián? Non. Déronlle malleiras, metérono no cárcere e foi odiado polos xudeus (2 Cor. 11:23-26). Se se centrase só neses problemas e comparase a súa vida como cristián coa vida que tiña antes, podería pensar que tomara unha mala decisión. Pero el centrouse no honor tan grande que tiña de servir a Cristo e no futuro tan marabilloso que tiña por diante. Paulo estaba totalmente convencido de que esas bendicións superaban por moito calquera sacrificio que tivera que facer (le Filipenses 3:7, 8, 13).

10. En que cousas deberiamos pararnos a pensar regularmente? (Marcos 10:29, 30). (Ver tamén as imaxes).

10 Cal é a lección? Se empezas a pensar nas cousas ás que renunciaches por facerte cristián, pensa tamén en por que o fixeches (Ecl. 7:10). Compara o que deixaches atrás con tódalas cousas boas que tes agora. Por exemplo, agora es un moi bo amigo de Xehová, o Soberano do Universo (Prov. 3:32). Formas parte dunha familia espiritual que te quere moito (le Marcos 10:29, 30). E tes por diante un futuro marabilloso! (Is. 65:21-23) Se dedicas tempo regularmente a pensar en tódalas cousas boas que tes por servir a Xehová, serache máis fácil non botar de menos o que deixaches atrás.

En vez de querer recuperar as cousas que deixaches atrás, desfruta do labor tan bonito de predicar que che encargou Xehová (ver o parágrafo 10).e


11. Que che ensina o que lle pasou a Rosemary?

11 Fíxate no que fixo Rosemary, unha irmá que se bautizou cando tiña uns 50 anos, para non botar de menos o que deixara atrás. Ela conta: “Ó principio, botaba de menos o Nadal porque ese día sempre desfrutaba de estar coa familia. Gustábame darlles regalos ós meus, ver os nenos arredor da árbore de Nadal e ver as súas caras cheas de emoción mentres abrían os regalos”. Que foi o que lle axudou? Ela di: “Encontrei unha maneira de substituír o Nadal. Cada ano, xúntome coa familia outro día, doulles regalos e dígolle a cada un deles as razóns polas que os quero moito”. Pero Rosemary tamén tivo que afrontar outro problema. Ela conta: “Cando aprendín a verdade, os amigos que tiña apartáronse de min. Ás veces, botábaos de menos e sentíame soa”.d Que foi o que lle axudou? Empezou a facer plans con diferentes irmás para ir predicar. Ela di: “Grazas a iso, fixen novas amigas ás que valoro e quero moito”. Cal é a lección? Ó aprender a verdade, quizais botes de menos cousas que antes te facían feliz, pero recorda que podes cambialas por outras moito mellores que te fagan feliz de verdade (Filip. 4:8, 9). E non esquezas que Xehová sempre che vai dar moito máis que o que deixaches atrás.

QUE ALGUÉN DEIXE DE SERVIR A XEHOVÁ

12. Que problema podería ser especialmente difícil de afrontar na congregación?

12 Seguro que estabas moi contento cando te fixeches testemuña de Xehová, porque conseguiches deixar atrás este mundo malvado e agora formas parte do único grupo de persoas que ensina a verdade e intenta facer o que está ben (Is. 65:14). Pero pode que algún irmán cometa un pecado grave e que incluso teña que ser sacado da congregación porque non se arrepentiu (1 Cor. 5:13). Fíxate en como lle afectou isto a Samar. Ela conta: “Pouco despois de bautizarme, un ancián cometeu un pecado grave e foi sacado da congregación. Iso fixo que case perdese a miña fe, porque non me imaxinaba que un ancián puidese pecar contra Xehová e facerlle dano á congregación”. Claro, é certo que debemos confiar sempre en que os nosos irmáns aman a Xehová e queren serlle leais (1 Cor. 13:4, 7). Aínda así, temos que ser realistas, e sabemos que cada ano algunhas persoas son sacadas da congregación. E iso podería ser unha situación especialmente difícil cando un amigo, un familiar ou alguén a quen respectamos moito decide deixar a Xehová.

13. Como podes prepararte para non tropezar se un amigo ou un familiar deixa de servir a Xehová?

13 Como podes prepararte para non tropezar se un amigo ou un familiar deixa de servir a Deus? Sigue fortalecendo a túa amizade con Xehová (Sant. 4:8). Non deixes que a túa relación con Deus dependa do que fagan os demais. Por exemplo, aínda que é certo que normalmente adoramos xuntos a Xehová como familia e como congregación, cada un de nós tamén temos que ter o costume de orar e ler a Biblia (Sal. 1:2; 62:8).

14. Que aprendemos do exemplo do apóstolo Pedro? (Xoán 6:66-68).

14 Tamén podemos aprender unha lección de como reaccionou o apóstolo Pedro cando moitos discípulos deixaron de seguir a Xesús. Pode ser que nese momento Pedro tamén estivese un pouco confuso. Pero fíxate no que dixo, tal e como se menciona en Xoán 6:66-68 (leo). En vez de centrarse no que estaban facendo os demais, centrouse nas verdades que Xesús lle ensinara. Isto axudoulle a non tropezar. De maneira parecida, o que fagan os demais non cambia o valor da verdade que encontraches grazas á organización de Deus. Apégate ben a esa verdade! Samar, a irmá que mencionamos antes, di: “Sempre me recordo a min mesma que cando unha persoa fai algo mal non quere dicir que toda a congregación faga cousas malas, nin que a organización ensine cousas equivocadas. E tampouco quere dicir que esa persoa estea imitando as calidades de Xehová”.

15. Que che ensina o que lle pasou a Emily?

15 Pensa no que lle pasou a Emily. Só unha semana despois de bautizarse, súa nai abandonou a familia e foi sacada da congregación. Emily di: “Nunca me imaxinei que podería pasar algo así. Esa foi a cousa máis dura que me pasou na vida, e boto moito de menos a miña nai”. Que lle axudou a Emily? Ela conta: “Non estou soa. Teño o apoio de meu pai e tamén o dos irmáns da congregación, que foron coma unha familia para min. Tódolos que servimos a Xehová pasamos por problemas. Por iso é importante que nos manteñamos unidos e nos animemos uns ós outros” (1 Ped. 5:9). Non esperes a que veñan os problemas para fortalecer os lazos cos teus irmáns. Faino xa desde agora. Así, será máis difícil que te sintas só, pase o que pase.

16. Que deberiamos recordar? (Ver tamén a imaxe).

16 Ademais, recorda que Xehová disciplina os que ama (Heb. 12:6). El quere que volvan tódolos que son sacados da congregación (2 Ped. 3:9). Así que se un amigo ou un familiar ten que ser sacado da congregación, podes estar seguro de que os anciáns farán todo o posible para axudarlle a volver a ser amigo de Xehová (2 Tim. 2:24, 25).

Dous anciáns visitando a un home que foi sacado da congregación. Un ancián ten a Biblia aberta mentres o outro lle mostra unha lección do folleto “Volve a carón de Xehová”

Se un amigo ou un familiar ten que ser sacado da congregación, recorda que os anciáns queren axudarlle a volver a ser amigo de Xehová (ver o parágrafo 16).f


17. De que podemos estar seguros?

17 Neste artigo analizamos só algúns problemas que poderías ter despois de bautizarte. É certo que algúns poden dar algo de medo, pero non te preocupes. Podes prepararte para afrontalos. E nunca esquezas que contas coa axuda máis grande que existe: a de Xehová. El xa che axudou, e quere facelo para sempre! (1 Ped. 5:10) Sempre che dará as forzas e o aguante que necesites para facerlle fronte a calquera problema. Se segues deixando que Xehová che axude, non haberá nada que poida separarte del! (Sal. 119:165; Rom. 8:38, 39).

COMO PODEMOS PREPARARNOS PARA ESTES POSIBLES PROBLEMAS?

  • Que un irmán nos ofenda

  • Que empecemos a botar de menos o que deixamos atrás

  • Que alguén deixe de servir a Xehová

CANCIÓN sjj 154 O amor nunca falla

a Aínda que este artigo vai dirixido ós que se bautizaron hai pouco, todos podemos beneficiarnos desta información.

b Cambiáronse os nomes.

c A perspicacia inclúe a habilidade de ver máis alá do que é evidente. Esta calidade pode axudarnos a entender por que alguén di ou fai algo de certa maneira.

d Todos debemos axudarlles ás persoas que están estudando a Biblia e ós que se bautizaron hai pouco a sentirse queridos na congregación. Non é só unha responsabilidade dos que dirixen os cursos da Biblia. Mira os parágrafos 15 e 16 do artigo “Toda la congregación puede contribuir a que los estudiantes lleguen al bautismo” da revista La Atalaya de marzo de 2021.

e DESCRICIÓN DA IMAXE: Mentres está predicando, unha irmá fíxase nun equipo practicando un deporte e recorda o tempo no que ela tamén competía. Despois, a irmá predícalle a unha das xogadoras que quizais fose unha antiga compañeira.

f DESCRICIÓN DA IMAXE: Dous anciáns visitan un home que foi sacado da congregación e anímano a que volva ser amigo de Xehová.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir