Os fillos son unha “herdanza do Señor”
EN QUE pensas cando escoitas a palabra herdanza? Pode que en cartos, nunha propiedade ou nunha reliquia valiosa que che deixou un familiar. Así que unha herdanza é algo de gran valor que seguro que queres coidar moi ben.
A Biblia di que os fillos son unha “herdanza do Señor” (Sal. 127:3). Está claro que os pais cristiáns ven os seus fillos coma un regalo moi valioso que lles deu o seu Pai celestial e queren facer todo o posible por coidalos para que estean ben física, emocional e espiritualmente.
Pero tristemente, algúns pais non ven os seus fillos coma un regalo de Deus (Is. 49:15; 2 Tim. 3:1-3). Outros realmente queren coidar deles, pero cústalles facelo por diferentes desafíos. Cales son algúns deles? Que espera Xehová dos pais? E como poden os pais cristiáns criar os seus fillos para que teñan unha vida feliz?
OS DESAFÍOS
A presión da familia e doutras persoas. Nalgunhas partes do mundo os pais que teñen moitos fillos son máis respectados na súa comunidade. Por iso, algunhas parellas pensan que deben ter máis fillos dos que realmente poden coidar por cumprir coas expectativas da súa familia e dos veciños.
A preocupación polo futuro. En países onde a taxa de mortalidade é elevada pola desnutrición, as enfermidades e os servizos médicos limitados, algunhas parellas teñen moitos fillos para asegurarse de que polo menos algúns deles cheguen a ser adultos. Outros fano quizais para que alguén coide deles na vellez, sobre todo nos países onde non hai axudas para os maiores.
Planificación familiar. Hai lugares onde as parellas apenas poden acceder a métodos anticonceptivos. Outros teñen medo ós efectos secundarios dos produtos de baixa calidade que teñen á súa disposición. E hai quen non pode compralos porque son moi caros.a
QUE ESPERA XEHOVÁ DOS PAIS?
Pasade tempo con cada un dos vosos fillos.
Dádelles ós vosos fillos o que necesitan. Xehová confíalles ós pais a responsabilidade de darlles ós seus fillos menores o que necesitan en sentido material. Espera que estean dispostos a traballar duro para darlles comida, roupa e un lugar onde vivir a tódolos seus fillos. Ademais tamén lles pide que os eduquen. Así que os pais cristiáns non mandan simplemente os seus fillos a internados. Máis ben, asegúranse de que os seus fillos vivan con eles ata que crezan para que poidan aprender as habilidades necesarias do día a día. Tamén pasan tempo con cada un deles para que se sintan seguros, protexidos e queridos. Pero Deus, que é razoable, non espera que os pais sexan ricos. De feito, el escolleu uns pais moi traballadores pero pobres para que criasen o seu querido Fillo (Mat. 13:55, 56; Luc. 2:24).
Principio bíblico: “Porque se alguén non mantén os seus, e sobre todo os membros da súa familia, rechazou a fe e é peor que unha persoa sen fe” (1 Tim. 5:8).
Xehová entende que os pais quizais necesiten axuda a medida que se van facendo maiores. De feito, unha maneira na que os fillos poden honrar os seus pais é asegurándose de que reciban a axuda necesaria (Éx. 20:12; 1 Tim. 5:4). Pero a Deus encántalle ver como os pais pensan primeiro en como coidarán dos seus fillos en vez de en como os seus fillos coidarán deles (2 Cor. 12:14).
Ensínalles sobre Xehová. Os pais cristiáns tamén teñen a responsabilidade de axudarlles ós seus fillos a amar a Xehová e de ensinarlles como adoralo. Para el isto é o máis importante que os pais lles poden ensinar ós fillos (Deut. 6:6, 7).
Principio bíblico: “[Seguide criando os vosos fillos] de acordo coa disciplina e os consellos de Xehová” (Ef. 6:4).
XEHOVÁ QUERE AXUDARVOS
Planeade con antelación cantos nenos vos gustaría ter.
Planificade o voso futuro. Se estades pensando en ter fillos, analizade ben as vosas circunstancias. Por exemplo, tedes os medios para alimentar, vestir e educar a varios nenos? Se non, falade sobre cantos fillos ides ter para poder coidar de todos eles tal e como Xehová espera que o fagades. Por suposto, el entende que non se pode planificar todo nesta vida (Ecl. 9:11). Pero bendicirá tódolos vosos esforzos por ser uns bos pais.
Principio bíblico: “Os planos do dilixente dan boa renda, pero quen anda ás présas anda ás perdas” (Prov. 21:5).
“Se algún de vós quere construír unha torre, quen non se senta antes a calcular os gastos para ver se ten abondo para terminala?” (Luc. 14:28).
Poñede a Xehová primeiro na vosa familia. Facede que a adoración a Xehová sexa unha prioridade para vós. Se xa tedes nenos, dedicade tempo a ensinarlles a cada un deles a amar a Xehová. Axudádelles a prestar atención e a aprender nas reunións de congregación. Asegurádevos de facer a adoración en familia tódalas semanas. Ensinádelles a predicar. Non lles carguedes as vosas responsabilidades como pais ós vosos fillos maiores ou a outros familiares. Hai que dedicar tempo e esforzo para axudarlles ós fillos a amar a Xehová, pero merece moito a pena.
Principio bíblico: “Nada me alegra máis que escoitar que os meus fillos seguen andando no camiño da verdade” (3 Xoán 4).b
Confiade en Xehová. Sen importar se estades pensando en ter fillos ou se xa os tedes, podedes estar seguros de que as expectativas de Xehová son máis importantes que as das persoas da vosa zona.
Ensinarlles ós nenos como adorar e agradar a Xehová require tempo e esforzo.
Se decidides limitar o número de fillos que teredes, confiade en que Xehová coidará de vós cando sexades maiores. Resistide a presión de ver os vosos fillos coma un “plan de xubilación”. Non pensedes que ninguén coidará de vós. Xehová prometeu facelo, e el sempre cumpre as súas promesas (Xos. 23:14).
Principio bíblico: “Confía en Xehová con todo o teu corazón e non te apoies no teu propio entendemento. Tómao en conta en tódolos teus camiños, e el fará rectas as túas sendas” (Prov. 3:5, 6, TNM).
“Fun mozo e agora vou vello, e nunca vin un xusto abandonado, nin os seus fillos pedindo pan” (Sal. 37:25).
“Seguide buscando primeiro o Reino e a xustiza de Deus, e recibiredes tódalas cousas que necesitades” (Mat. 6:33).
Os fillos son un regalo moi valioso que Xehová lles confiou ós pais. Que contento debe estar ó ver como os matrimonios cristiáns coidan deles tal e como el espera. Eles coidan con cariño dos nenos tanto física, emocional como espiritualmente. Ademais, planifican o tamaño da súa familia e demostran que son fieis ó poñer os requisitos de Xehová por encima dos da súa cultura. Así lles demostran ós fillos que son un regalo moi valioso para eles, unha “herdanza do Señor”.
a Cada matrimonio é o que decide cantos fillos terá, cando os terá e se usará algún método anticonceptivo que non sexa abortivo. Ninguén debería xulgalos polas súas decisións persoais (Rom. 14:4, 10-13). Ademais, os matrimonios cristiáns deben ter en conta o consello de 1 Corintios 7:3-5 á hora de tomar estas decisións.
b Neste versículo os “fillos” eran algúns discípulos ós que Xoán lles ensinou a verdade. Pero os pais senten o mesmo polo fillos que serven a Xehová.