BIOGRAFÍA
Toda unha vida aprendendo do noso Grande Instrutor
POSTOS de control armados, barricadas ardendo, ciclóns, guerras civís e evacuacións. Estas son algunhas das situacións perigosas polas que tivemos que pasar a miña muller mais eu no noso servizo como pioneiros e misioneiros. Aínda así, non cambiariamos a nosa vida por nada! Xehová sempre nos apoiou, bendiciu e, como o noso Grande Instrutor, ensinounos leccións importantes (Xob 36:22; Is. 30:20).
O EXEMPLO DOS MEUS PAIS
A finais dos anos cincuenta, meus pais emigraron de Italia a Kindersley, en Saskatchewan, O Canadá. Pouco despois, coñeceron a verdade e converteuse no máis importante das nosas vidas. Recordo pasar longos días predicando coa familia cando era pequeno, por iso ás veces digo de broma que fun “pioneiro auxiliar” cando tiña 8 anos!
Coa miña familia, arredor do ano 1966
Aínda que meus pais non tiñan moitos cartos, puxéronme un bo exemplo de como facer sacrificios por Xehová. Por exemplo, en 1963 venderon moitas das súas cousas para poder ir ó Congreso Internacional de Pasadena, en California (EEUU). En 1972 mudámonos a Trail, no Canadá, unha cidade da Columbia Británica que estaba a uns 1000 quilómetros para apoiar o campo italiano. Meu pai traballou limpando e mantendo un supermercado, e rechazou varios ascensos para así poder centrarse en servir a Xehová.
Estou moi agradecido polo exemplo que nos puxeron nosos pais ós meus irmáns e a min. Iso foi unha boa base para o meu progreso no servizo a Xehová. Eles ensináronme algo que recordarei toda a vida: se busco primeiro o Reino, Xehová coidará de min (Mat. 6:33).
O NOSO INICIO NO TEMPO COMPLETO
En 1980 casei con Debbie, unha fermosa irmá que estaba centrada en servir a Xehová. Queriamos empezar no servizo a tempo completo, así que Debbie fíxose pioneira tres meses despois da nosa voda. Cando levabamos un ano de casados, mudámonos a unha pequena congregación de necesidade e alí eu tamén me fixen pioneiro.
A nosa voda, 1980
Despois dalgún tempo, desanimámonos na nosa asignación e decidimos mudarnos de novo. Pero antes falamos co superintendente de circuíto. El, de maneira cariñosa pero honesta, díxonos: “Vós sodes parte do problema. Estádesvos centrando en tódalas dificultades que tedes. Pero, se intentades buscar as cousas positivas, encontrarédelas”. Ese consello era xusto o que necesitabamos (Sal. 141:5). Aplicamos o consello de inmediato e démonos conta de que, en realidade, si que había moitas cousas positivas. Moitos irmáns querían facer máis por Xehová, incluídos os rapaces e algunhas irmás que non tiñan os seus homes na verdade. Esa foi unha lección moi importante para nós. Aprendemos a buscar as cousas positivas e a confiar en que Xehová nos ía axudar en calquera circunstancia (Miq. 7:7). Recuperamos a alegría e as cousas melloraron.
Os instrutores do noso primeiro Curso para Pioneiros tiveran varias asignacións noutros países. Eles ensináronnos diapositivas de fotos que sacaran e faláronnos dos desafíos e das bendicións que tiveron. Isto fixo que quixésemos ser misioneiros. Así que nos puxemos esa meta.
Nun salón do Reino na Columbia Británica, 1983
Para traballar nela, en 1984 mudámonos á parte francesa do Quebec, a máis de 4000 quilómetros da Columbia Británica. Iso significaba que tiñamos que aprender un idioma e sobre unha cultura completamente diferentes. Outro desafío era que non tiñamos moitos cartos. Durante un tempo, saímos adiante recollendo as patacas que lle sobraban ó dono dunha granxa. Debbie tivo que ser moi creativa preparando comidas con esas patacas! A pesar das dificultades, esforzámonos por aguantar con alegría. Ademais, puidemos ver como nos coidaba Xehová (Sal. 64:11 [64:10, TNM]).
Un día, recibimos unha chamada inesperada: unha invitación para servir no Betel do Canadá. Nós solicitaramos ir ó Curso de Galaad, así que tiñamos sentimentos encontrados sobre ir a Betel, pero aceptamos a invitación. Cando chegamos, preguntámoslle ó irmán Kenneth Little, un membro do Comité de Sucursal: “Que facemos se agora nos invitan a Galaad?”. El díxonos: “Cruzaremos esa ponte cando cheguemos a ela”.
Unha semana despois, tivemos que cruzar esa ponte porque nos invitaron a ir a Galaad. Así que tiñamos que tomar unha decisión. O irmán Little díxonos: “Sen importar o que escollades, algúns días desexaredes ter tomado outra decisión. Non hai un camiño mellor ca outro, Xehová pode bendicir calquera dos dous”. Decidimos aceptar a invitación de Galaad e, cos anos, vimos o certo que era o consello do irmán Little. Moitas veces compartimos as súas palabras con irmáns que tiveron que escoller entre diferentes asignacións.
A NOSA VIDA COMO MISIONEIROS
(Esquerda) Ulysses Glass
(Dereita) Jack Redford
Estabamos moi emocionados de formar parte dos 24 estudantes da clase número 83 de Galaad que empezou en abril do ano 1987 en Brooklyn, Nova York. Os nosos instrutores principais foron Ulysses Glass e Jack Redford. Os cinco meses do curso pasaron moi rápido e graduámonos o 6 de setembro de 1987. Asignáronnos como misioneiros a Haití xunto con John e Marie Goode.
En Haití, 1988
Non se mandaban misioneiros a Haití dende 1962, cando os últimos que quedaban foron expulsados do país. Tres semanas despois de graduarnos, xa estabamos servindo en Haití, nunha pequena congregación de 35 publicadores perdida na montaña. Eramos xoves e inexpertos, e viviamos sós no fogar misional. A xente da zona era moi pobre e a maioría non sabía ler. Durante os nosos primeiros días como misioneiros vivimos disturbios civís, golpes de estado, barricadas ardendo e ciclóns.
A pesar diso, aprendemos moito da fortaleza e alegría dos irmáns de Haití. Moitos tiveran unha vida moi dura pero amaban a Xehová e a predicación. Había unha irmá maior que non sabía ler e, aínda así, coñecía 150 textos de memoria. As condicións do territorio facían que quixésemos compartir con máis ganas cada día a mensaxe de que o Reino de Deus é o único que pode solucionar os problemas da humanidade. Fíxonos moi felices ver como algúns dos nosos primeiros estudantes da Biblia chegaron a ser pioneiros regulares, pioneiros especiais e anciáns.
Mentres estabamos en Haití, coñecín un misioneiro mormón duns 20 anos chamado Trevor co que puiden conversar sobre a Biblia en diferentes ocasións. Anos máis tarde, sorprendeume recibir unha carta del na que dicía: “Voume bautizar no seguinte congreso! Quero volver a Haití como pioneiro especial e predicar na mesma zona na que estiven cando era misioneiro mormón”. E iso foi o que fixo durante moitos anos coa súa muller.
EUROPA E DESPOIS ÁFRICA
Traballando en Eslovenia, 1994
Asignáronnos a servir a unha parte de Europa onde se estaban eliminando as restricións que había para predicar. En 1992 chegamos a Liubliana, en Eslovenia, cerca de onde se criaran meus pais antes de mudarse a Italia. Naquel entón aínda había zonas en guerra no territorio da antiga Iugoslavia. A predicación na zona estivera supervisada pola sucursal de Viena (Austria) e polas oficinas de Zagreb (Croacia) e de Belgrado (Serbia). Agora, cada república independente ía ter o seu propio Betel.
Isto significaba que tiñamos que aprender outro idioma e adaptarnos a unha nova cultura. Os de alí adoitan dicir: “Jezik je težek”, que significa: “O noso idioma é difícil”. E era verdade! Admiramos a lealdade dos irmáns e irmás que aceptaban de boa gana calquera cambio que facía a organización e vimos como Xehová os bendicía. Unha vez máis, comprobamos como Xehová sempre corrixe as cousas de maneira amorosa e no momento apropiado. Os anos que pasamos en Eslovenia reforzaron moitas leccións que aprenderamos no pasado e ensináronnos novas.
Pero a nosa vida continuou cambiando. No ano 2000 asignáronnos a Costa do Marfil, en África Occidental. Despois, en novembro de 2002, por culpa da guerra civil evacuáronnos a Serra Leoa, onde acababa de terminar outra guerra civil que durara 11 anos. Estabamos moi tristes por ter que deixar tan rápido Costa do Marfil, pero as leccións que aprenderamos axudáronnos a manter a felicidade.
Centrámonos en tódalas persoas do territorio que estaban interesadas en aprender a verdade e nos nosos queridos irmáns que aguantaran durante os anos que durou a guerra. Non tiñan moitas cousas, pero querían compartilas. Por exemplo, cando unha irmá lle ofreceu algo de roupa á miña muller e Debbie dubidou en aceptala, a irmá insistiu dicíndolle: “Durante a guerra, os irmáns doutros países axudáronnos. Agora tócanos a nós”. Puxémonos a meta de imitar o seu exemplo.
Co tempo volvemos a Costa do Marfil, pero os problemas políticos fixeron que houbese violencia outra vez. Así que, en novembro de 2004, evacuáronnos en helicóptero só cunha maleta de 10 quilos cada un. Esa noite tivemos que durmir no chan dunha base militar francesa e ó día seguinte voamos a Suíza. Cando chegamos á sucursal pola medianoite, os irmáns do Comité de Sucursal, os instrutores do Curso de Adestramento Ministerial e as súas mulleres déronnos unha benvida moi cariñosa con moitos abrazos, unha comida quente e moito chocolate suízo. Isto fixo que nos sentísemos moi queridos.
Dirixíndose ós refuxiados en Costa do Marfil, 2005
Asignáronnos temporalmente a Ghana e máis tarde fomos outra vez a Costa do Marfil, despois de que se calmaran os disturbios civís. A amabilidade da irmandade axudounos a aguantar durante estas evacuacións tan estresantes e as asignacións temporais. Debbie e eu estamos de acordo en que o amor entre os irmáns é algo que distingue o pobo de Xehová, pero non queremos dalo por sentado. É máis, démonos conta de que pasar por eses momentos difíciles chegou a ser unha parte importante do noso progreso.
ORIENTE PRÓXIMO
En Oriente Próximo, 2007
No 2006 chegounos unha carta da sede central na que se nos informaba da nosa nova asignación en Oriente Próximo. De novo, isto significaría novas aventuras, desafíos, idiomas e culturas. Tiñamos moito que aprender sobre esta zona na que houbo tantos problemas causados pola política e pola relixión. Encantábanos a variedade de idiomas que había nas congregacións e vimos a unidade que había cando se seguía a dirección da organización de Xehová. Admiramos os irmáns porque a maioría tivo que aguantar con valor a oposición da familia, dos compañeiros de clase ou de traballo e dos veciños.
No 2012 fomos ó Congreso Especial que se celebrou en Tel Aviv, Israel. Este congreso foi a primeira vez, dende o Pentecostés do ano 33 n. e., que se reunía un grupo tan grande de servos de Xehová. Foi unha ocasión moi especial!
Durante aqueles anos, enviáronnos a visitar un país onde a nosa obra está prohibida. Levamos algunhas das nosas publicacións, predicamos e fomos a pequenos congresos. Había soldados armados e postos de control por todas partes, pero sentiámonos a salvo mentres nos desprazabamos con coidado xunto a uns poucos publicadores.
DE VOLTA A ÁFRICA
Preparando un discurso na República Democrática do Congo, 2014
No 2013 recibimos unha asignación moi diferente: ir servir á sucursal de Kinshasa, na República Democrática do Congo. Este é un país moi grande e moi bonito, pero con moita pobreza e conflitos armados. Ó principio dixemos: “Xa coñecemos África, estamos listos”. Pero tiñamos moito que aprender, especialmente sobre como viaxar por zonas onde non había estradas nin pontes. Encontramos moitas cousas positivas nas que centrarnos, como a persistencia e a alegría dos irmáns a pesar dos seus problemas económicos, o seu amor pola predicación e os seus esforzos por ir ás reunións e ós congresos. Vimos por nós mesmos como máis e máis persoas estaban aprendendo a verdade grazas á axuda e á bendición de Xehová. Os anos que pasamos no servizo a tempo completo na República Democrática do Congo ensináronnos leccións moi importantes e déronnos amigos que son como a nosa familia.
Predicando en Suráfrica, 2023
A finais do 2017, chegamos a outra nova asignación: Suráfrica. Esta é a sucursal máis grande na que estivemos e incluso as nosas asignacións alí tamén eran novas para nós. De novo, había moito que aprender, pero o que vivimos no pasado axudounos. Queremos moito a tantos irmáns e irmás que levan décadas demostrando aguante. E emociónanos ver o unida que está a familia Betel aínda que haxa irmáns de tantas razas e culturas diferentes. É evidente que Xehová bendice o seu pobo con paz cando nos poñemos a nova personalidade e aplicamos os principios bíblicos.
Ó longo dos anos, Debbie mais eu recibimos asignacións moi emocionantes, tivemos que adaptarnos a diferentes culturas e aprender novos idiomas. Non sempre foi fácil, pero sentimos constantemente o amor leal de Xehová a través da súa organización e dos irmáns (Sal. 144:2). Estamos seguros de que tódalas cousas que aprendemos no noso servizo a tempo completo fixéronnos mellores servos seus.
Estou moi agradecido polo que me ensinaron meus pais, polo apoio da miña querida muller Debbie e polo excelente exemplo dos nosos irmáns e irmás arredor do mundo. Cando pensamos no futuro, estamos decididos a seguir aprendendo leccións do noso Grande Instrutor.