BIOGRAFÍA
Xehová capacitoume dende que era novo
QUEDEI mirando o papeliño que me acababa de dar o irmán. Nel poñía: “David Splane, 8 de abril de 1953: ‘Prediquemos sobre o fin do mundo’”. Pregunteille que era iso, e el respondeume: “É a túa asignación para dar un discurso na Escola para Ensinar a Biblia”.a Eu contesteille: “Nunca dixen que faría tal cousa!”.
Pero antes de seguir, vou contar a miña historia dende o principio. Nacín durante a Segunda Guerra Mundial en Calgary, O Canadá. A finais dos anos 40, un pioneiro xove chamado Donald Fraser petou na nosa porta e miña nai aceptou un curso da Biblia. Ela namorouse da verdade, pero a miúdo non podía ir ás reunións porque tiña graves problemas de saúde. Aínda así, bautizouse en 1950. Por desgraza, faleceu menos de dous anos despois. Meu pai non era crente naquel tempo, pero estivo de acordo en que unha Testemuña dese un discurso no funeral de miña nai.
Uns días despois do funeral, Alice, unha irmá maior que era unxida, invitoume a ir con ela a unha reunión de congregación. Ela coñecíame porque fora a algunha reunión da fin de semana cando miña nai tiña as forzas suficientes para ir comigo. Pregunteille a meu pai se podía ir. A el pareceulle ben e decidiu ir “só esa vez” para agradecerlle ó irmán o discurso que fixera no funeral de miña nai. Aquela noite, facíase a Escola para Ensinar a Biblia e a Preparación para Predicar. Non puido haber unha reunión máis axeitada para que meu pai asistise por primeira vez. El fixera un curso de oratoria e quedou impresionado co que escoitou na reunión. Decidiu ir a esa reunión tódalas semanas e, ó pouco, empezou a ir a todas.
Naquel tempo, o irmán que dirixía a reunión lía en alto os nomes dos irmáns que participaban na Escola e cada un deles respondía: “Presente”. Unha noite pregunteille se podía ler o meu nome a próxima semana e o irmán felicitoume, pero non me preguntou se entendía o que aquilo implicaba.
Non tiña nin idea de que me estaba presentando voluntario para dar discursos na Escola, só quería que dixesen o meu nome en alto! Na seguinte semana, leron o meu nome e eu respondín moi orgulloso: “Presente”. Despois da reunión, os irmáns felicitáronme moito. Unhas semanas máis tarde, déronme a asignación da que falaba ó principio deste artigo.
Vaia problema tiña encima! Daquela, os estudantes tiñan que dar discursos de 6 a 8 minutos. Non había unha asignación que fose só ler a Biblia. Meu pai axudoume a preparar o discurso e fíxome ensaialo unhas 20 veces. Despois de presentalo, o superintendente deume consello e iso foime de moita axuda. Ó longo dos anos, Xehová capacitoume mediante meu pai, irmáns moi hábiles e a súa organización.
XEHOVÁ SEGUIU CAPACITÁNDOME
Alice, de quen falei antes, axudoume cando comecei a predicar. Por aquel tempo, animábasenos a lerlles tres textos da Biblia ás persoas e despois ofrecerlles un libro. Cando me tocaba falar, Alice presentábase, empezaba a conversación e despois pedíame que lese o primeiro texto. Despois, seguía falando eu, lía o segundo e o terceiro texto e ofrecía o libro. Máis adiante, aprendín a comezar unha conversa eu mesmo. Cando meu pai se bautizou a finais de 1954, seguiu ensinándome el a predicar. Aínda que estaba só, fixo todo o posible por ensinarme a amar a Xehová. Para el ir ás reunións e predicar era moi importante. Eu tiña claro que iamos ir a tódalas reunións e a predicar os fins de semana.
No colexio non destacaba, pero moitas cousas que aprendín naqueles 12 anos axudáronme durante o resto da miña vida. Por exemplo, aprendín moito sobre matemáticas e gramática inglesa. Aquelas clases de inglés e de escritura creativa agora sonme de moita axuda na miña asignación actual no Departamento de Redacción.
Moitas veces pregúntanme de onde vén o meu interese pola música. Ós meus pais encantáballes a música. Cando tiña 7 anos, fun a clases de piano por un tempo, pero a miña profesora pensaba que non era moi bo. Así que lle dixo a meu pai que debería parar coas clases. A verdade é que non me sorprendeu, xa que non estaba moi interesado en aprender.
Uns meses despois, meu pai encontroume outra profesora. Esta vez estudei tanto piano como canto, e empezou a dárseme mellor. Nesta época, sendo pequeno, tiña unha boa voz de soprano e gañei algunhas competicións. O meu obxectivo era chegar a ser profesor de música para gañar os suficientes cartos e así ser pioneiro. Pero, a medida que me ía achegando a obter o meu título, deime conta de que pasaría moito tempo estudando para os exames de harmonía, historia da música e composición. Así que deixei os meus estudos e comecei a ser pioneiro regular en 1963.
A ALEGRÍA QUE DÁ SER PIONEIRO
Despois de levar un ano como pioneiro, asignáronme como pioneiro especial a Kapuskasing, Ontario. O meu compañeiro era Daniel Skinner e tiña máis do dobre de anos ca min. Ensinoume moito sobre como está organizada unha congregación. Empecei a servir no Comité de Servizo da congregación con 20 anos, así que tiña moito que aprender. Encántame que a organización volva a destacar a importancia de capacitar os irmáns xoves. Se se esforzan, poden ser moi útiles para Xehová dende que son moi noviños!
A vida en Kapuskasing ás veces era moi difícil. En inverno, as temperaturas podían baixar a 44 ºC baixo cero e só subían a 33 ºC baixo cero, e Dan mais eu iamos camiñando a case calquera sitio. Pero unha das moitas alegrías foi coñecer a unha irmá chamada Linda Cole, que co tempo chegou a ser a miña muller.
A Linda encantáballe predicar e tiña moitas revisitas boas. Era xenerosa, amable e gustáballe pasar tempo coa xente. Súa nai, Goldie, era unha irmá fiel e seu pai, Allen, opoñíase a verdade ó principio. A pesar disto, Goldie a miúdo levaba a Linda e a seus irmáns, Jonh e Gordon, ó Salón do Reino e ensináballes a predicar. Tanto Goldie, Linda, John como Gordon chegaron a ser pioneiros. Anos máis tarde, Allen chegou a ser testemuña de Xehová e a facer moito pola congregación.
En 1965, invitáronme a asistir ó Curso do Ministerio do Reino, o cal duraba un mes, no Betel do Canadá para recibir máis capacitación. No curso, recomendáronme encher a solicitude para ir a Galaad. Nunca pensara en ser misioneiro porque sentía que non valía para iso, pero enchina igual. Invitáronme a asistir á clase 42. Alí os instrutores informábannos a miúdo sobre como nos estaba indo. O primeiro que fixeron foi animarme a aprender todo o que puidese sobre a organización durante o curso. Só tiña 21 anos, así que foi un consello moi bo.
Nunha das clases que tiñamos en Galaad aprendemos a tratar cos medios de comunicación, como a radio, a televisión e os periódicos. Encantoume o que aprendín. Nese momento non era consciente do ben que me viría ese curso no futuro, tal e como explicarei máis adiante.
VOU Ó SENEGAL
Uns días despois da graduación, Michael Höhle mais eu fomos á nosa asignación como misioneiros no Senegal, en África. Naquel tempo, había uns 100 publicadores no país.
Despois de levar uns meses na miña asignación, invitáronme a servir na sucursal un día á semana. A “sucursal” era só un cuarto no fogar misional. Aínda que era moi simple, Emmanuel Paterakis, o servo de sucursal, nunca me deixou esquecer que a sucursal representaba a organización de Xehová naquel país. Nunha ocasión, o irmán Paterakis decidiu que tiñamos que escribir unha carta para animar os misioneiros. Naqueles días non eran fácil nin barato duplicar as cartas, así que preparámolas todas usando unha máquina de escribir. Iso era moitísimo traballo porque se cometiamos algún erro non se podía borrar nada!
Cando me estaba preparando para volver ó meu fogar misional aquela tarde, o irmán Paterakis deume un sobre. Díxome: “David, a organización escribiuche”. Cando máis tarde abrín o sobre, vin que era unha das cartas que eu mesmo escribira! Aquilo ensinoume a respectar a organización sen importar o grande ou pequena que sexa a sucursal da zona.
Eu con outros misioneiros no Senegal, 1967
Fíxenme amigo de moitos publicadores da congregación e pasaba moitas tardes dos sábados coas familias de alí. Que tempos máis felices! Aínda seguimos en contacto hoxe. Ademais puiden usar os meus coñecementos en francés ó visitar sucursais arredor do mundo.
En 1968, Linda mais eu comprometémonos. Durante varios meses despois, intentei encontrar un traballo a xornada parcial para que os dous puidésemos ser pioneiros no Senegal, pero os que contrataban escollían a persoas da zona en vez de a estranxeiros. Ó final, despois de volver ó Canadá, casamos e recibimos a asignación de ser pioneiros especiais en Edmundston, unha pequena cidade de Novo Brunswick na fronteira do Quebec.
O día da nosa voda, 1969
SERVIMOS COMO PIONEIROS EN NOVO BRUNSWICK E NO QUEBEC
Na cidade non había publicadores e só uns poucos cursos da Biblia. A relixión católica controlaba case por completo a vida da xente de alí. En case tódalas casas había un cartel que poñía: “Testemuñas de Xehová non”. Naquel tempo, non nos preocupabamos moito por ese tipo de carteis como agora, así que chamabamos en tódalas casas. Cada semana, unha organización católica poñía o seguinte anuncio no periódico local: “Fagamos unha caza de bruxas de testemuñas de Xehová”. Só había catro “bruxas” na cidade: Víctor e Velda Norberg, Linda e mais eu. Así que non había dúbida de a quen se referían!
Nunca esquecerei a primeira visita do superintendente de circuíto. Despois de pasar unha semana con nós, díxonos: “Quizais o máximo que podedes esperar conseguir mentres esteades aquí é acabar co prexuízo”. Dende entón esa foi a nosa meta, e funcionou! Pouco a pouco a xente empezou a ver a diferenza entre a humildade das testemuñas de Xehová e o orgullo do clero da igrexa católica. Agora hai unha pequena congregación naquela cidade.
Despois de pasar arredor dun ano naquela asignación na que estabamos tan illados, invitáronnos a servir nunha congregación grande da cidade do Quebec. Pasamos seis meses moi agradables con estes irmáns tan hospitalarios e despois fun invitado a servir como superintendente viaxante.
Durante os seguintes 14 anos servimos en diferentes circuítos do Quebec. Aqueles foron tempos moi emocionantes! A obra alí avanzaba con forza, e era común ver varias familias da mesma congregación progresando cara ó bautismo!
UNHA MENCIÓN ÓS QUE TRABALLARON TAN DURO
Ós irmáns que viven na zona do Canadá onde se fala francés é fácil collerlles cariño. Son sinceros, alegres e moi animados. Aínda así, para eles non sempre foi fácil aceptar a verdade e algúns sufriron oposición moi forte por parte da súa familia. Os pais dalgúns irmáns moi noviños dixéronlles: “Deixade de estudar coas testemuñas de Xehová ou marchade da casa!”. Moi poucos, se acaso algún, cedeu á presión. Xehová debe de estar moi orgulloso deles!
Tamén me gustaría falar dos pioneiros regulares e especiais tan fieis que servían no Quebec durante aqueles anos. A maioría deles viñeran doutras partes do Canadá. Non só tiveron que aprender francés, senón tamén sobre a cultura e a maneira de pensar da xente da zona, que estaba moi influenciada pola relixión católica.
Normalmente, os pioneiros especiais eran asignados a territorios illados onde non había publicadores. Polos prexuízos da xente da zona, éralles difícil encontrar un lugar onde vivir e aínda máis un traballo a xornada parcial. Incluso había parellas que acababan de casar e que vivían en grupos de catro, seis ou oito irmáns para compartir gastos, porque non podían permitirse vivir eles sós. Estes fieis pioneiros traballaban moito. Cando empezaban un curso, facían todo o que podían por axudarlle. Agora que Quebec ten moitos publicadores locais, moitos daqueles pioneiros foron a lugares de máis necesidade.
Cando visitabamos as congregacións do circuíto, normalmente intentabamos estar cos adolescentes os sábados pola mañá. Iso permitíanos saber de primeira man que retos tiñan. Algúns deles agora serven como misioneiros no estranxeiro ou teñen outras asignacións.
Naquela época, algunhas congregacións non podían pagarnos a gasolina e a comida, así que ás veces a final de mes quedabamos sen cartos. Neses momentos tiñamos que confiar por completo en Xehová, pois era o único que coñecía a nosa situación. El nunca nos decepcionou pois dalgunha maneira sempre tiñamos o suficiente para ir á seguinte congregación.
LECCIÓNS QUE APRENDÍN DE IRMÁNS FIEIS
Antes mencionei canto me axudou aprender sobre relacións públicas en Galaad. Durante aquel tempo que estiven no Quebec, tivemos moitas oportunidades de dar bo testemuño a través da radio, da televisión e da prensa. A miúdo tocoume traballar con Léonce Crépeault, un compañeiro viaxante ó que se lle daba moi ben tratar cos medios. Cando tiña que falar con alguén importante daquela industria, en vez de intentar parecer un profesional, dicía: “Señor, o meu compañeiro mais eu somos só uns ministros relixiosos. Non sabemos moito de publicidade, pero asignáronnos informarlle á xente que as testemuñas de Xehová teremos un gran congreso. Agradeceremos moito calquera axuda que nos poida dar”. Ó ir con esa actitude humilde abríronse moitas portas que doutra maneira terían quedado pechadas.
Máis tarde, recibín a asignación da sucursal de colaborar co irmán Glen How, un dos nosos avogados, en casos sensibles que podían chamar a atención dos medios. Así que viume moi ben a capacitación de Galaad e a experiencia que gañara con Léonce. Foi un verdadeiro privilexio traballar co irmán Glen. El non tiña medo ningún cando defendía legalmente a organización, pero o máis importante é que quería moito a Xehová.
En 1985 fomos asignados a servir nun circuíto cerca da casa de meu pai, na zona oeste do Canadá, o que nos permitiu coidar del. Faleceu tres meses despois. Tras aquilo, seguimos servindo nos circuítos daquela zona ata 1989, cando recibimos por sorpresa unha invitación para formar parte da familia Betel dos Estados Unidos. Iso significaba deixar a obra de viaxantes despois de case 19 anos. Durante ese tempo, quedamos en centos de casas e desfrutamos de miles de comidas con irmáns moi hospitalarios. Estámoslles moi agradecidos a tódolos que nos abriron a porta da súa casa e compartiron a súa comida con nós!
MUDÁMONOS ÓS ESTADOS UNIDOS
Cando chegamos a Brooklyn, asignáronme ó Departamento de Servizo. Sempre estarei agradecido pola capacitación que recibín alí. Unha das leccións que aprendín foi asegurarme sempre de coñecer tódolos detalles dun asunto antes de presupoñer nada. Despois, en 1998 asignáronme ó Departamento de Redacción, onde aínda sigo aprendendo moito. Durante varios anos tiven o privilexio de axudar ó irmán John Barr cando era o coordinador do Comité de Redacción. Valoro moito a capacitación que recibín e o tempo que pasei con el. Era un irmán que realmente imitaba a Xesucristo.
Con John e Mildred Barr
É un verdadeiro pracer traballar xunto cos irmáns tan humildes que están no Departamento de Redacción. Sempre lle piden a Xehová a súa axuda para cumprir coa súa asignación e saben que non conseguen nada grazas ás súas habilidades, senón ó espírito de Deus.
Dirixindo o coro da Watchtower na reunión anual de 2009
Entregando Biblias no Congreso Internacional de Seúl en Corea do Sur, 2014
Tamén foi un privilexio para Linda e para min visitar ós nosos fieis irmáns de 110 países diferentes. Puidemos ver de primeira man o amor que lle teñen a Xehová os misioneiros, os membros do Comité de Sucursal e outros irmáns que serven a tempo completo. Ademais, puidemos observar o entusiasmo e a lealdade dos publicadores deses países, que serven a Xehová a pesar da guerra, dos problemas económicos e da persecución. Seguro que Xehová os quere moito!
Ó longo dos anos, Linda axudoume moitísimo a cumprir coas miñas asignacións. Ela ama as persoas e sempre está buscando maneiras de axudarlles. Ademais, dáselle moi ben empezar conversas informais e facer que a xente se sinta atraída á verdade, e isto conseguiuno incluso con algúns que estaban inactivos. Dende logo, foi un verdadeiro regalo de Xehová! A medida que nos imos facendo maiores, agradecemos moito a axuda práctica que nos dan irmás e irmáns máis novos en diferentes aspectos da nosa vida (Mar. 10:29, 30).
Cando penso nos últimos 80 anos síntome agradecido e estou de acordo coas palabras do salmista cando escribiu: “Oh, Deus, ti ensináchesme desde que era xove, e ata agora sigo declarando as túas marabillosas obras” (Sal. 71:17, TNM). Quero seguir facendo isto o resto da miña vida.
a Hoxe en día isto é parte da nosa reunión de entre semana