BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w21 xaneiro
  • Sigamos amosando tenro cariño

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Sigamos amosando tenro cariño
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2021
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • XEHOVÁ É MOI CARIÑOSO
  • “IONATÁN ENCARIÑOUSE CON DAVID”
  • COMO PODEMOS AMOSAR TENRO CARIÑO NESTES TEMPOS?
  • Ionatán, un home valente e leal
    Aprendamos das historias da Biblia
  • Necesitou valor para ser leal
    Sirve a Xehová con valor
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2021
w21 xaneiro

ARTIGO DE ESTUDO 4

Sigamos amosando tenro cariño

“Mostrádevos amor fraternal e profundo cariño” (ROM. 12:10).

CANCIÓN sjj 109 Amémonos de corazón

AVANCEa

1. Que probas hai de que se está a perder o cariño natural?

A BIBLIA predixo que nos últimos días as persoas non terían “cariño natural” (2 Tim. 3:1, 3). Podemos ver como se está a cumprir na actualidade. Por exemplo, millóns de familias rompéronse polos divorcios, o que deixa os pais enfrontados e os nenos co sentimento de que ninguén os quere. Incluso hai familias que seguen convivindo no mesmo fogar pero trátanse coma estraños. Un terapeuta familiar di: “O pai, a nai e os nenos estás máis conectados á pantalla do ordenador, da tableta, do móbil ou da consola que a súa propia familia. Aínda que viven baixo o mesmo teito, apenas se coñecen”.

2, 3. a) Segundo Romanos 12:10, por quen debemos sentir tenro cariño? b) Que imos analizar neste artigo?

2 Non queremos que se nos pegue a falta de amor deste mundo (Rom. 12:2). Todo o contrario, queremos cultivar un profundo cariño pola nosa familia e tamén polos nosos irmáns (le Romanos 12:10). Pero, que significa a expresión profundo cariño? Descríbese coma esa agarimosa amizade que hai entre os familiares máis achegados. Ese é o tipo de amor que debemos mostrarlle á nosa familia espiritual. Cando lle mostramos tenro cariño, axudamos a manter a unidade, a cal é unha parte fundamental da adoración verdadeira (Miq. 2:12).

3 Imos analizar exemplos bíblicos que nos axudarán a cultivar e amosar este tipo de amor.

XEHOVÁ É MOI CARIÑOSO

4. Como nos axuda Santiago 5:11 a entender canto nos quere Xehová?

4 A Biblia móstranos as fermosas cualidades de Xehová. Por exemplo, dinos que “Deus é amor” (1 Xoán 4:8). Saber isto achéganos a el. Pero a Biblia non queda aí, tamén di que “Xehová é moi cariñoso” (le Santiago 5:11). Que forma tan bonita de expresar o sentir profundo que Xehová ten por nós!

5. Como demostra Xehová misericordia, e como podemos imitalo?

5 Fíxate en que Santiago 5:11 relaciona o profundo cariño de Xehová con outra cualidade que tamén nos achega a el: a súa misericordia (Éx. 34:6, TNM). Un xeito no que Xehová é misericordioso connosco é cando nos perdoa os errores que cometemos (Sal. 51:3 [51:1, TNM]). Na Biblia a misericordia implica moito máis que simplemente perdoar. A misericordia é un sentimento intenso que abrolla dende o interior dunha persoa cando ve alguén sufrindo e se sente motivada a axudarlle. Xehová explica que o seu desexo de axudarnos é tan intenso que mesmo supera o que sente unha nai polo seu fillo (Is. 49:15). Cando estamos angustiados, a misericordia de Xehová motívao a axudarnos (Sal. 37:39; 1 Cor. 10:13). E nós podemos mostrar misericordia ós nosos irmáns cando os perdoamos e non lles gardamos rencor se fan algo que nos enfada (Ef. 4:32). Digamos que a principal maneira de ser misericordiosos é apoiando os nosos irmáns cando pasan por dificultades. Cando o amor nos motiva a ser misericordiosos con eles, estaremos imitando a Xehová, o mellor exemplo que existe de como mostrar un profundo cariño (Ef. 5:1).

“IONATÁN ENCARIÑOUSE CON DAVID”

6. Como se demostraron tenro cariño Ionatán e David?

6 Na Biblia atopamos relatos nos que humanos imperfectos mostraron tenro cariño. Analicemos o exemplo de Ionatán e David. A Biblia di: “Ionatán encariñouse con David. Queríalle coma a si mesmo” (1 Sam. 18:1). David foi unxido para ser rei despois de Saúl. Como se sentiu ameazado, Saúl gardoulle rencor a David e intentou asasinalo. Pero Ionatán, o fillo de Saúl, non se uniu a seu pai nesta campaña para matar a David. Ionatán mais David prometéronse ser amigos por sempre e axudarse o un ó outro (1 Sam. 20:42).

David escoita mentres Ionatán lle está a falar.

A diferenza de idade non impediu que David e Ionatán chegasen a ter unha boa amizade (ver os parágrafos 6 a 9).

7. Que factor podería impedir que Ionatán e David fosen amigos?

7 É impresionante o profundo cariño que se amosaron Ionatán e David a pesar dos moitos factores que poderían impedir que fosen amigos. Por exemplo, Ionatán tiña uns 30 anos máis ca David. Puido pensar que non tiña nada en común con este home tan novo e sen experiencia na vida. Pero aínda así, non o viu nin o tratou coma alguén inferior.

8. Por que pensas que Ionatán foi tan bo amigo de David?

8 Como era o fillo de Saúl, Ionatán puido sentir celos de David e insistir en que el era o herdeiro lexítimo ó trono (1 Sam. 20:31). Pero máis ben foi humilde e mantívose leal a Xehová. Polo que apoiou de corazón a Súa decisión, David sería o futuro rei. E Ionatán foille leal a David, aínda sabendo que enfurecería a seu pai (1 Sam. 20:32-34).

9. Como sabemos que Ionatán non vía a David coma un rival?

9 Ionatán tíñalle un profundo cariño a David, por iso non o vía coma un rival. Ionatán era un arqueiro experimentado e un guerreiro valente. Tanto el coma seu pai tiñan a reputación de ser “máis lixeiros cás aguias” e “máis fortes cós leóns” (2 Sam. 1:22, 23). De aí que Ionatán se puidese sentir co dereito a presumir dos seus logros. Pero non o fixo. Non foi competitivo nin quedou resentido. Todo o contrario, admirou a David polo seu valor e confianza en Xehová. De feito, foi no momento no que David matou a Goliat cando Ionatán empezou a querer a David coma a si mesmo. E nós? Como podemos mostrar ese tenro cariño polos nosos irmáns?

COMO PODEMOS AMOSAR TENRO CARIÑO NESTES TEMPOS?

10. Que significa amarse “uns ós outros intensamente desde o corazón”?

10 A Biblia dinos: “Amádevos uns ós outros intensamente desde o corazón” (1 Ped. 1:22). Xehová púxonos o exemplo neste asunto. O seu amor é tan intenso que, se lle somos leais, nada pode romper ese vínculo (Rom. 8:38, 39). A palabra grega que se traduciu como “intensamente” transmite a idea de estirarse, de ir máis alá do cómodo, de esforzarse. E iso é o que necesitamos facer ás veces para mostrarlle profundo cariño a un irmán. Cando alguén nos enfada, necesitamos soportarnos “uns ós outros con amor e [facer] todo o posible por manter a unidade que produce o espírito mediante o vínculo da paz” (Ef. 4:1-3). Cando traballamos para manter o “vínculo da paz” non nos centraremos nos seus defectos. Intentaremos facer todo o posible para ver os nosos irmáns tal e como os ve Xehová (1 Sam. 16:7; Sal. 130:3).

Evodia e Síntique bótanse olladas fulminantes no medio dunha sala. Cada unha está conversando cun pequeno grupo de irmáns na congregación.

Paulo díxolles a Evodia e a Síntique que se esforzasen por levarse ben. Ás veces pode que tamén se nos faga difícil levarnos ben cun irmán (ver o parágrafo 11).

11. Por que non é sempre doado amosar tenro cariño?

11 Está claro que non sempre nos resulta fácil mostrarlles cariño profundo ós nosos irmáns, sobre todo cando somos conscientes dos seus erros. Polo visto isto foi un reto para algúns cristiáns do primeiro século. Por exemplo, Evodia e Síntique parece que non tiveron problemas en “dar a coñecer as boas noticias [con Paulo]”. Pero por algunha razón non lles foi fácil levarse ben entre elas. Así que Paulo animounas a ter “a mesma forma de pensar como seguidoras do Señor” (Filip. 4:2, 3).

Un ancián maior escoitando a un máis novo nunha reunión de anciáns.

Sen importar a idade, os anciáns poden chegar a ser bos amigos (ver o parágrafo 12).

12. Que hai que facer para sentir un cariño profundo polos nosos irmáns?

12 E nós? Como podemos cultivar un profundo cariño polos nosos irmáns? Cando os imos coñecendo mellor, énos máis fácil entendelos e terlles máis cariño. A diferenza de idade e as culturas non poden sen unha barreira. Lembremos que Ionatán tiña uns 30 anos máis ca David, e aínda así tivo unha boa amizade con el. Poderías ser amigo de alguén na túa congregación que sexa máis maior ou novo ca ti? Se o intentamos, estaremos “[amando] a tódolos irmáns” (1 Ped. 2:17).

Ver o parágrafo 12b

13. Por que igual non temos a mesma amizade con tódolos irmáns da congregación?

13 Terlles tenro cariño ós irmáns implica ter unha amizade estreita con todos? Esperar iso non sería realista. Non é necesariamente malo que encaixemos mellor con algúns por ter cousas en común. Xesús chamoulles a tódolos seus apóstolos “amigos”, pero tíñalle un cariño especial a Xoán (Xoán 13:23; 15:15; 20:2). Iso non significa que lle mostrase favoritismo. De feito, cando Xoán e o seu irmán Santiago lle pediron unha boa posición no Reino de Deus, Xesús díxolles: “Non son eu o que escolle quen se vai sentar á miña dereita ou á miña esquerda” (Mar. 10:35-40). Debemos imitar a Xesús e non mostrar favoritismo ós nosos mellores amigos (Sant. 2:3, 4). Iso podería causar divisións, algo que non ten lugar na congregación cristiá (Xud. 17-19).

14. Segundo Filipenses 2:3, que nos axudará a evitar un espírito competitivo?

14 Cando mostramos tenro cariño uns polos outros, estamos protexendo a congregación dun espírito competitivo. Lembra que Ionatán non intentou competir contra David coma un rival polo trono. Todos podemos imitar o seu exemplo. Non vemos os irmáns coma rivais polas habilidades que teñen. En vez diso, fagamos o que dixo Paulo: “Pensade con humildade que os demais son superiores a vós” (le Filipenses 2:3). Teñamos presente que cada persoa contribúe dalgún xeito na congregación. Se mantemos unha opinión humilde sobre nós mesmos, veremos as boas cualidades dos nosos irmáns e beneficiarémonos do seu exemplo de lealdade (1 Cor. 12:21-25).

15. Que aprendes do que lles pasou a Tanya e á súa familia?

15 Cando nos enfrontamos a probas inesperadas, Xehová consólanos mediante o profundo cariño e a axuda práctica dos irmáns. Analicemos o que lle pasou a unha familia despois de asistir o sábado a un dos congresos internacionais ”‏El amor nunca falla”‏ que se celebraron nos Estados Unidos en 2019. Tanya, que é a nai de tres nenos conta: “Estabamos conducindo de volta ó hotel cando outro vehículo perdeu o control, invadiu o noso carril e bateu contra nós. Ninguén sufriu danos, saimos do coche e quedámonos alí de pé na autoestrada, desconcertados. Entón, alguén díxonos que entrásemos no seu coche para poñernos a salvo. Era un dos nosos irmáns que tamén acababa de saír do congreso. E non foi o único que parou. Outros cinco delegados de Suecia tamén pararon. As irmás déronnos á miña filla mais a min os abrazos máis agradables que puidemos recibir, os abrazos que tanto necesitabamos nese momento! Aínda que lles dixemos que estabamos ben, seguiron ó noso lado. Estiveron connosco ata que chegaron os servizos de urxencias e aseguráronse de que tivésemos todo o que precisabamos. Pasar por isto fortaleceu o noso amor polos irmáns. Tamén axudou a que o amor e aprecio por Xehová se fixesen máis profundos”. Acórdaste dalgunha ocasión na que un irmán che mostrara tenro cariño cando máis o necesitabas?

16. Que motivos temos para amosarnos tenro cariño?

16 Pensa nos bos resultados que obtemos de amosar tenro cariño ós demais. Dámoslles consolo ós nosos irmáns cando máis o necesitan. Fortalecemos a unidade do pobo de Deus. Demostramos que somos discípulos de Xesús, e iso fai que as persoas de bo corazón queiran servir a Xehová. Pero sobre todo, dámoslle gloria ó “Pai de tenras misericordias e o Deus de todo consolo” (2 Cor. 1:3). Todos nós queremos ter a determinación de seguir cultivando e mostrando un profundo cariño!

LÉMBRALO?

  • Que é o tenro cariño?

  • Que aprendiches dos exemplos de Xehová e de Ionatán e David sobre amosar tenro cariño?

  • Como podemos amosar tenro cariño nestes tempos?

CANCIÓN sjj 130 Perdoemos os demais

a Xesús dixo que recoñecerían os seus discípulos polo amor que se mostrarían entre eles. Todos nos esforzamos para estar á altura do que se espera de nós. Podemos fortalecer o amor polos irmáns se lles mostramos profundo cariño, ese tipo de amor que temos cos nosos familiares máis queridos. Este artigo axudaranos a cultivar e a manter un cariño profundo polos irmáns da congregación.

b DESCRICIÓN DAS IMAXES: Un ancián xove benefíciase da experiencia dun ancián maior. Noutra ocasión, o de máis idade invita o máis novo á súa casa. Eles e as súas mulleres mostran cariño e xenerosidade.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir