ARTIGO DE ESTUDO 2
Que aprendemos do “discípulo a quen amaba Xesús”
“Sigamos amándonos uns ós outros, porque Deus foi o primeiro que amou” (1 XOÁN 4:7).
CANCIÓN sjj 105 “Deus é amor”
AVANCEa
1. Que che fai sentir o amor de Xehová?
O APÓSTOLO Xoán escribiu que “Deus é amor” (1 Xoán 4:8). Esta frase tan sinxela recórdanos unha verdade fundamental: Deus, a Fonte da vida, tamén é a Fonte do amor. Xehová ámanos e o seu amor fainos sentir seguros, felices e satisfeitos.
2. a) Segundo Mateo 22:37-40, cales son os dous mandamentos máis importantes? b) Por que podería ser un chisquiño máis difícil cumprir o segundo?
2 Para os cristiáns, mostrar amor non é unha opción, senón unha obrigación (le Mateo 22:37-40). Cando coñecemos ben a Xehová, resúltanos fácil obedecer o primeiro mandamento. Como é perfecto, cóidanos e preocúpase por nós. Pero pode que se nos faga máis difícil obedecer o segundo mandamento. Por que? Porque os nosos irmáns son imperfectos e, ás veces, poden dicir ou facer algo que nos faga dano ou que nos sente mal. Xehová sabía que isto ía ser un desafío para nós, por iso inspirou algúns escritores da Biblia para falar de como e por que debemos mostrar amor ós demais. Un deles foi Xoán (1 Xoán 3:11, 12).
3. Que idea recalcou Xoán?
3 Xoán recalca nos libros e cartas que escribiu que os cristiáns deben mostrar amor. De feito, no seu relato da vida de Xesús aparecen os verbos “amar” e “querer” máis veces que nos outros tres Evanxeos xuntos. Xoán tiña uns 100 anos cando escribiu o seu Evanxeo e as súas tres cartas. Estas palabras inspiradas ensínannos que calquera cousa que fagamos os cristiáns debe estar motivada polo amor (1 Xoán 4:10, 11). Aínda así, a Xoán levoulle un tempo aprender esta lección.
4. Comenta algún caso no que Xoán non amosou amor?
4 Cando Xoán era novo, non sempre demostrou amor. Por exemplo, nunha ocasión cando Xesús e os seus discípulos atravesaban Samaria de camiño a Xerusalén, os habitantes dunha aldea negáronse a mostrarlles hospitalidade. Como reaccionou Xoán? Propuxo que baixase lume do ceo e destruíse a tódolos habitantes (Luc. 9:52-56). Noutra ocasión, amosou pouco amor polos seus compañeiros. El mailo seu irmán Santiago convenceron a súa nai para que lle pedise a Xesús que lles dese posicións importantes no Reino. Cando os outros apóstolos o souberon, enfadáronse moito (Mat. 20:20, 21, 24). Pero a pesar dos seus erros, Xesús amábao (Xoán 21:7).
5. Que imos analizar neste artigo?
5 Neste artigo analizaremos o exemplo de Xoán e algunhas das cousas que escribiu sobre o amor. Tamén analizaremos como mostrarlles amor ós nosos irmáns e irmás e aprenderemos como os cabezas de familia poden demostrar que queren os seus.
O AMOR DEMÓSTRASE CON FEITOS
Xehová demostrou o amor que nos ten enviando á Terra o seu Fillo a morrer por nós (ver parágrafos 6 e 7).
6. Como nos demostrou amor Xehová?
6 Podemos pensar que o amor só implica ter bos sentimentos cara ás persoas ou dicirlles cousas bonitas. Pero o verdadeiro amor tamén debe demostrarse con feitos (compara con Santiago 2:17, 26). Por exemplo, Xehová ámanos (1 Xoán 4:19). E el expresa o seu amor a través da Biblia con palabras agarimosas (Sal. 25:10; Rom. 8:38, 39). Pero sabemos que Deus nos quere non só polo que nos di senón tamén polo que fai por nós. Xoán escribiu: “Así é como se mostrou o amor de Deus no noso caso: Deus enviou o seu Fillo unixénito ó mundo para que poidamos conseguir a vida por medio del” (1 Xoán 4:9). Permitiu que o seu querido Fillo sufrise e morrese por nós (Xoán 3:16). Existe algunha razón para dubidar de que Xehová nos quere?
7. Como nos demostrou amor Xesús?
7 Xesús díxolles ós seus discípulos que os amaba (Xoán 13:1; 15:15). Demostrou canto os quería tanto a eles coma a nós non só polo que dixo, senón tamén polo que fixo. Xesús dixo: “Ninguén ten un amor máis grande que o que dá a vida polos seus amigos” (Xoán 15:13). Cando pensamos no que Xehová e Xesús fixeron por nós, que deberiamos facer?
8. De acordo con 1 Xoán 3:18, que debemos facer?
8 Demostramos que queremos a Xehová e a Xesús obedecéndoos (Xoán 14:15; 1 Xoán 5:3). E Xesús mandou que nos amásemos uns ós outros (Xoán 13:34, 35). Non só debemos expresar o amor polos nosos irmáns con palabras, senón que tamén debemos demostrárllelo con feitos (le 1 Xoán 3:18). Que cousas podemos facer para demostrar que os queremos?
AMEMOS OS NOSOS IRMÁNS
9. Que cousas fixo Xoán motivado polo amor?
9 Xoán puido quedar co seu pai e gañar diñeiro traballando no negocio de pesca da familia. En vez diso, dedicou a súa vida para axudar a outros a coñecer a verdade sobre Xehová e Xesús. A vida que Xoán elixiu non foi a máis fácil. Sufriu persecución e case ó final do primeiro século, cando era maior, foi exiliado (Feit. 3:1; 4:1-3; 5:18; Apoc. 1:9). Incluso cando estivo en prisión por predicar sobre Xesús demostrou que pensaba nos demais. Por exemplo, mentres estivo na illa de Patmos, puxo por escrito a revelación que recibira e envióullela ás congregacións para que soubesen “as cousas que teñen que suceder dentro de pouco” (Apoc. 1:1). Entón, probablemente despois de que o liberasen de Patmos, Xoán escribiu o seu Evanxeo sobre a vida e ministerio de Xesús. Tamén escribiu tres cartas para animar e fortalecer os seus irmáns. Como podemos imitar o espírito de sacrificio de Xoán?
10. Como podemos demostrar que amamos as persoas?
10 Podemos demostrar que amamos as persoas polas decisións que tomamos na nosa vida. O mundo de Satanás quere que gastemos todo o noso tempo e enerxías en nós mesmos, tratando de facernos ricos ou famosos. En vez diso, por todo o mundo hai cristiáns que dedican todo o tempo que poden a predicar as boas noticias e axudar á xente a achegarse a Xehová. Incluso algúns deles poden facelo a tempo completo.
O que facemos polos nosos irmáns e familia demostra o moito que os queremos (ver parágrafos 11 e 17).b
11. Como demostran moitos cristiáns fieis o seu amor por Xehová e os seus irmáns?
11 Moitos cristiáns teñen que traballar todo o día para manterse a si mesmos e as súas familias. Aínda así, estes publicadores fieis fan todo o que poden por apoiar a organización de Deus. Por exemplo, algúns colaboran en labores de socorro, outros traballan en proxectos de construción e todos temos a oportunidade de doar á obra mundial. Fan todas estas cousas por amor a Deus e ós demais. Cada semana, demostramos que queremos os nosos irmáns asistindo ás reunións e participando nelas. A pesar de estar cansos, imos ás reunións. A pesar de poñernos nerviosos, esforzámonos por comentar. E a pesar de que todos temos os nosos propios problemas, animamos os demais antes ou despois das reunións (Heb. 10:24, 25). Canto agradecemos o traballo que fan os nosos queridos irmáns!
12. De que outra forma lles demostrou Xoán amor ós irmáns?
12 Xoán demostrou o seu amor polos irmáns non só dándolles ánimo, senón tamén consello. Por exemplo, nas súas cartas felicitounos pola súa fe e boas obras, pero tamén foi claro ó falar do pecado e aconsellounos sobre iso (1 Xoán 1:8–2:1, 13, 14). De maneira parecida, necesitamos felicitar os nosos irmáns polas boas cousas que fan. Pero se vemos que alguén comeza a ter unha mala actitude ou empeza a facer algo que poida danar a súa amizade con Xehová, podemos mostrarlle amor dicíndolle con tacto o que necesita escoitar. Necesitamos valor para aconsellar un amigo, pero a Biblia di que os verdadeiros amigos afíanse, ou corríxense o un ó outro (Prov. 27:17).
13. Que non debemos facer?
13 Ás veces podemos demostrar o amor que lles temos ós nosos irmáns polas cousas que non facemos. Por exemplo, non nos ofendemos facilmente se nos din algo que non nos gusta. Pensemos en algo que pasou ó final da vida de Xesús na Terra. Díxolles ós seus discípulos que para obter a vida eterna tiñan que comer a súa carne e beber o seu sangue (Xoán 6:53-57). Estas palabras foron tan chocantes que moitos dos seus discípulos o abandonaron. Pero os seus amigos verdadeiros, entre os que estaba Xoán, mantivéronse leais ó seu lado. Eles non entenderon o que Xesús dixera e seguramente tamén lles sorprendeu. Aínda así, non deron por sentado que estaba equivocado e non se ofenderon. Máis ben, confiaron nel porque sabían que o que dicía sempre era verdade (Xoán 6:60, 66-69). Que importante é que non nos ofendamos facilmente polo que din os nosos amigos! En vez diso, deámoslles a oportunidade de aclarar os malentendidos (Prov. 18:13; Ecl. 7:9).
14. Por que non debemos odiar os nosos irmáns?
14 Xoán tamén dixo que non debemos odiar os nosos irmáns. Se non obedecemos esta advertencia, deixaremos as portas abertas para que o Demo inflúa en nós (1 Xoán 2:11; 3:15). Isto foi xusto o que lles pasou a algúns a finais do primeiro século. Satanás fixo todo o que puido por promover o odio e dividir o pobo de Deus. Para cando Xoán escribira estas cartas, infiltráronse na congregación homes que mostraron o mesmo espírito que Satanás. Un deles foi Diótrefes, que estaba creando grandes divisións nunha congregación (3 Xoán 9, 10). Non respectaba os anciáns que enviaba o consello reitor. Incluso intentou botar da congregación a aqueles que eran hospitalarios coas persoas que non lle caían ben. Que cousas tan malas era capaz de facer! Satanás segue intentado desesperadamente dividir o pobo de Deus. Pero nunca permitamos que o odio nos separe.
AMEMOS A NOSA FAMILIA
Xesús pediulle a Xoán que coidase da súa nai física e espiritualmente. Hoxe en día, os cabezas de familia tamén deben coidar das necesidades dos seus (ver parágrafos 15 e 16).
15. Que deben lembrar os cabezas de familia?
15 Unha maneira importante na que un cabeza de familia demostra que ama os seus é cubrindo as súas necesidades materiais (1 Tim. 5:8). Iso si, debe recordar que as cousas materiais non poden satisfacer as necesidades espirituais da súa familia (Mat. 5:3, nota). Fíxate no bo exemplo que Xesús puxo ós cabezas de familia. Segundo o Evanxeo de Xoán, mentres Xesús estaba agonizando no madeiro de tortura, seguía preocupándose pola súa familia. Nese momento, Xoán estaba ó lado de María, a nai de Xesús. A pesar de estar sufrindo moito, Xesús pediulle a Xoán que coidase de María (Xoán 19:26, 27). Xesús tiña irmáns que sen dúbida podían coidar das necesidades físicas da súa nai, pero ó parecer, ningún deles se fixera o seu discípulo aínda. Así que quería asegurarse de que María estivese atendida tanto física como espiritualmente.
16. Que responsabilidades tiña Xoán?
16 Xoán tiña moitas responsabilidades. Como era un apóstolo, tiña que levar a dianteira na predicación. Tamén é posible que estivese casado, así que tiña que ser equilibrado entre coidar das necesidades materiais e espirituais da súa familia (1 Cor. 9:5). Cal é a lección para os cabezas de familia?
17. Por que é importante que os cabezas de familia atendan as necesidades espirituais dos seus?
17 Poida que un cabeza de familia teña unha chea de responsabilidades importantes. Por exemplo, ten que ser dilixente no seu traballo e así darlle louvanza a Xehová (Ef. 6:5, 6; Tito 2:9, 10). E probablemente teña responsabilidades na congregación, como pastorear os irmáns e levar a dianteira na predicación. Ó mesmo tempo, é importante que estude regularmente a Biblia coa súa muller e os seus fillos. De seguro que eles agradecerán os seus esforzos por coidalos física, emocional e espiritualmente (Ef. 5:28, 29; 6:4).
“MANTÉDEVOS NO MEU AMOR”
18. De que estaba convencido Xoán?
18 Xoán tivo unha vida longa e chea de experiencias. Enfrontouse a moitos desafíos que puideron debilitar a súa fe pero sempre fixo o que puido por obedecer os mandatos de Xesús, como o de amar os seus irmáns. Grazas a isto, Xoán estaba seguro de que Xehová e Xesús o amaban e de que lle darían as forzas para aguantar calquera dificultade (Xoán 14:15-17; 15:10; 1 Xoán 4:16). Ningún intento de Satanás nin do seu mundo puido impedir que Xoán lles demostrase ós irmáns mediante palabras e feitos que os quería.
19. Que nos anima a facer 1 Xoán 4:7, e por que?
19 Ó igual que Xoán, vivimos nun mundo dominado por Satanás, quen non sente amor por ninguén (1 Xoán 3:1, 10). É certo que quere impedir que amemos os irmáns, pero só o conseguirá se llo permitimos. Esteamos decididos a amar os nosos irmáns, a expresárllelo con palabras e a demostrárllelo con feitos. Se mostramos este amor, teremos a satisfacción de formar parte da familia de Xehová e desfrutaremos de ter unha vida feliz (le 1 Xoán 4:7).
CANCIÓN sjj 88 Ensíname os teus camiños
a É moi probable que o apóstolo Xoán fose o “discípulo a quen amaba Xesús” (Xoán 21:7). Incluso cando era novo, debeu ter moitas calidades excelentes. Xa de maior, Xehová usouno para escribir amplamente sobre o tema do amor. Neste artigo imos analizar algunhas das cousas que escribiu Xoán e imos ver que podemos aprender do seu exemplo.
b DESCRICIÓN DA IMAXE: Un cabeza de familia ocupado colabora en labores de socorro, apoia a obra mundial coas súas doazóns e invita a outros irmáns a facer a adoración en familia xunto coa súa muller e fillos.