Cando sentes que xa non podes máis
SENTÍCHESTE algunha vez tan mal que non querías seguir vivindo? Entón é posible que entendas ben a Adriana. Ela tiña un trastorno de ansiedade moi forte e sentíase triste e sen esperanza. Finalmente diagnosticáronlle unha depresión grave.
Pensa tamén no caso de Kaoru, un home do Xapón que estaba coidando dos seus pais maiores, que estaban enfermos. El explica: “Naquel momento tiña moita presión no traballo. Co tempo, perdín as ganas de comer e tiven problemas para durmir. Quería morrer para deixar de sufrir”.
Un home de Nixeria que se chama Ojebode di: “Sempre estaba triste e con ganas de chorar. Así que busquei a maneira de acabar coa miña vida”. Afortunadamente, nin Ojebode nin Kaoru nin Adriana se quitaron a vida. Pero cada ano suicídanse unhas 800.000 persoas.
ONDE ATOPAR AXUDA
A maioría das persoas que se suicidan son homes. Moitos deles fano porque lles dá vergonza pedir axuda. Pero Xesús dixo que os que están enfermos necesitan un médico (Lucas 5:31). Así que, se te sentes tan deprimido que estás pensando en acabar coa túa vida, que non che dea vergonza pedir axuda. A moitas persoas que teñen depresión axudoulles moito recibir tratamento médico. Ojebode, Kaoru e Adriana buscaron axuda profesional e agora séntense moito mellor.
Os médicos poden usar medicamentos, terapia psicolóxica ou ambas cousas para tratar a depresión. As persoas que teñen depresión tamén necesitan que a súa familia e amigos sexan comprensivos, cariñosos e que as apoien. O mellor amigo que alguén pode ter é Xehová, que nos axuda dunha maneira extraordinaria a través da súa Palabra: a Biblia.
HAI UNHA SOLUCIÓN DEFINITIVA?
As persoas que teñen depresión moitas veces necesitan un tratamento médico longo e facer cambios nos seus hábitos de vida. Aínda así, se estás pasando por unha depresión, podes ter a mesma confianza que ten Ojebode de que teremos un futuro feliz. El di: “Teño moitas ganas de ver como se cumpre a promesa de Isaías 33:24 (TNM) de que chegará o día no que ninguén dirá ‘estou enfermo’”. Igual que Ojebode, pensa na promesa que menciona a Biblia de que haberá “unha terra nova”, na que a dor xa non existirá (Apocalipse 21:1, 4). Isto implica que ninguén terá problemas mentais e emocionais. Os sentimentos dolorosos desaparecerán para sempre. Ademais, as cousas que agora te fan sufrir “non serán lembradas [...], nin pasarán á consideración de ninguén” (Isaías 65:17).