A aprobación de Deus condúcenos á vida eterna
“Ti, Señor, bendís ós xustos, cóbrelos co teu favor, coma escudo” (SAL. 5:13 [5:12, TNM]).
1, 2. Que lle pediu Elías a viúva de Sarepta, e que garantía lle deu?
A MULLER e o seu fillo estaban famentos, ó igual que o profeta de Deus. Esta viúva que vivía en Sarepta estaba a preparar un lume cando o profeta Elías lle pediu unha pouca auga e algo de pan. Ela estaba disposta a darlle algo de beber, pero para comer non tiña máis que “unha presa de fariña e unha pinga de aceite na aceiteira”. A pobre muller sentíase incapaz de axudarlle porque non tiña comida e fíxollo saber (1 Reis 17:8-12).
2 Pero Elías seguiu insistindo: “Primeiro prepara un panciño con iso e tráemo a min. Despois xa prepararás para ti e para teu fillo. Pois isto di o Señor, Deus de Israel: a tina de fariña non se acabará e a aceiteira do aceite non mermará” (1 Reis 17:13, 14).
3. Que decisión importante temos que tomar cada un de nós?
3 A viúva tiña que decidir cal das opcións era a correcta. Confiaría en que Xehová salvaría o seu fillo, ou estaría máis preocupada por comer que por ter a aprobación de Deus e a súa amizade? Nós temos que tomar unha decisión parecida. Cremos que ter as cousas necesarias para o día a día é máis importante que gañar a aprobación de Xehová? Temos razóns abondo para servir a Deus e confiar nel. Ademais, díxonos que pasos podemos dar para ter a súa aprobación.
Xehová merece recibir adoración
4. Por que merece Xehová recibir a nosa adoración?
4 Xehová ten o dereito de pedirnos que o sirvamos dun xeito determinado. Un grupo de anxos destacou esta idea cando dixo: “Xehová, noso Deus, ti mereces recibir a gloria, a honra e o poder, porque ti creaches tódalas cousas e pola túa vontade chegaron a existir e foron creadas” (Apoc. 4:11). Xehová merece que o adoremos polo simple feito de que foi el quen nos creou.
5. Por que nos debería motivar o amor de Deus a servilo?
5 Outra razón pola que deberiamos servir a Deus é polo amor que nos ten. A Biblia di: “E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, creouno varón e femia” (Xén. 1:27). Deus creounos coa capacidade de pensar pola nosa conta e de poder tomar as nosas propias decisións. Como é o noso Creador, Xehová converteuse no Pai de toda a humanidade (Luc. 3:38). Ó igual que un bo pai, fíxoo todo para asegurarse de que os seus fillos e fillas tivésemos todo o necesario para desfrutar da vida. “El fai saír o sol” e “fai chover” para que a Terra produza unha morea de alimentos e para que poidamos vivir rodeados de cousas fermosas (Mat. 5:45).
6, 7. a) Que dano lle fixo Adán a toda a humanidade? b) Que conseguirá o sacrificio de Cristo para os que buscan a aprobación de Deus?
6 E por se fose pouco, Xehová tamén nos rescatou das terribles consecuencias do pecado. Pódese dicir que cando Adán pecou foi coma un xogador que lle quita os cartos á súa familia para apostalos. E logo? Porque cando se rebelou contra Deus rouboulles ós seus fillos o dereito que tiñan a ser felices por sempre. Por culpa do seu egoísmo, a humanidade sufre a escravitude do pecado. Por iso, tódolos humanos teñen que padecer por culpa das enfermidades, da tristeza e da morte. Pero Xehová rescatounos, pagou o prezo do rescate para liberarnos destas horribles consecuencias (le Romanos 5:21). Cal foi ese prezo? Xesucristo deu “a súa vida como rescate a cambio de moitas persoas” (Mat. 20:28). Moi pronto, aqueles que teñan a aprobación de Deus poderán desfrutar de tódolos beneficios do rescate.
7 Xehová, o noso Creador, foi a persoa que máis fixo por nós para que teñamos unha vida feliz e con propósito. Se temos a súa aprobación, veremos como soluciona tódolos estragos polos que pasa a humanidade. Xehová vai seguir demostrando a cada un de nós como “recompensa os que se esforzan moito por buscalo” (Heb. 11:6).
“O teu pobo ofrecerase voluntariamente”
8. Que nos ensina o exemplo de Isaías sobre servir a Deus?
8 Para gañar a aprobación de Deus necesitamos usar ben o noso libre albedrío porque el non nos obriga a obedecelo. Un exemplo que o demostra é cando na época do profeta Isaías preguntou: “¿A quen mandarei? ¿Quen irá da nosa parte?”. Ó darlle a escoller, Xehová dignificou o profeta. Intenta imaxinar a ilusión que lle fixo e o ben que se sentiu Isaías cando respondeu: “Aquí estou, mándame a min” (Is. 6:8).
9, 10. a) Con que actitude debemos servir a Deus? b) Por que é bo servir a Deus con toda a nosa alma?
9 Xehová quere que o sirvamos de todo corazón. Aínda así, tódalas persoas teñen a liberdade de escoller servir a Deus ou non (le Xosué 24:15). Xehová non vai aceptar a nosa adoración se o servimos por obriga ou por contentar a outros (Col. 3:22). Tampouco a vai aceptar se a descoidamos por estar máis interesados en acumular cousas materias e ter éxito (Éx. 22:28 [22:29, TNM]). Sabe que somos os primeiros beneficiados se o servimos con toda a nosa alma. Por iso Moisés animou os israelitas a escoller unha vida “amando ó Señor, o teu Deus, facéndolle caso á súa voz e apegándote a El” (Deut. 30:19, 20).
10 David, o rei do antigo Israel, cantoulle a Xehová: “O teu pobo ofrecerase voluntariamente o día no que dirixas as túas forzas militares. En espléndida santidade, desde o amencer, tes un batallón de mozos, coma gotas de orballo” (Sal. 110:3, TNM). Hoxe moita xente vive centrada en pasalo ben e en ter seguridade financeira. Pero os que aman a Xehová poñen por riba de todo o seu servizo sagrado. E unha maneira na que demostran cales son as súas prioridades na vida é predicando con entusiasmo. Confían de cheo en que Xehová cubrirá as súas necesidades do día a día (Mat. 6:33, 34).
Sacrificios que contan coa aprobación de Deus
11. Que beneficio esperaban recibir os israelitas por ofrecerlle sacrificios a Xehová?
11 Cando o pobo de Deus obedecía a Lei mosaica, ofrecía sacrificios que eran do Seu agrado. Levítico 22:29 di: “Cando ofrezades un sacrificio de louvanza ó Señor, facédeo de maneira que vos sexa ben acolleito”. Cando os israelitas presentaban un sacrificio animal axeitado sobre o lume do altar, ese fume que subía era coma un “recendo para o Señor” (Lev. 1:9, 13). A Xehová encantábanlle esas mostras de amor por parte do seu pobo (Xén. 8:21). Grazas a estes detalles da Lei podemos atopar un principio que aplica na actualidade: recibiremos a aprobación de Xehová se lle ofrecemos sacrificios que lle agradan. Cales son os sacrificios que acepta? Podemos dividilos en dúas categorías: a nosa conduta e a nosa fala.
12. Que tipo de cousas impedirían presentar os nosos “corpos como un sacrificio vivo” a Deus?
12 Na súa carta ós Romanos, o apóstolo Paulo escribiu: “Suplícovos que ofrezades os vosos corpos como un sacrificio vivo, santo e que lle agrade a Deus. Así usaredes a vosa capacidade de razoar para darlle servizo sagrado” (Rom. 12:1). Obter a aprobación de Deus esixe que unha persoa manteña o seu corpo aceptable para Deus. Por iso, o noso servizo non valerá nada se nos contaminamos co abuso do alcol ou o consumo de tabaco, bétel ou outras drogas (2 Cor. 7:1). Tamén o consideraría ofensivo se tivésemos unha conduta inmoral porque “quen practica a inmoralidade sexual peca contra o seu propio corpo” (1 Cor. 6:18). Se queremos agradarlle a Deus debemos ser “santos en todo” o que fagamos (1 Ped. 1:14-16).
13. Por que é apropiado louvar a Xehová?
13 Outra maneira na que podemos alegrar a Xehová é mediante a nosa fala. As persoas que serven a Deus falan ben del tanto en público como en privado (le Salmo 34:2-4 [34:1-3, TNM]). Le os salmos 148 a 150 e fíxate na cantidade de veces que se nos anima a louvar a Xehová. Está claro que é apropiado que os xustos louven a Deus (Sal. 33:1). De feito, Xesucristo demostrou o importante que é louvar a Deus predicando as boas noticias (Luc. 4:18, 43, 44).
14, 15. Que tipo de sacrificios lles animou a facer Oseas ós israelitas, e como reaccionou Xehová?
14 Cando predicamos con entusiasmo demostramos o amor que lle temos a Xehová e o desexo de ter a súa aprobación. Por exemplo, pensa no que lles dixo o profeta Oseas ós israelitas que empezaron a participar na adoración falsa e perderon a aprobación de Deus (Os. 13:1-3). Animounos a que lle rogasen a Xehová: “Perdoa totalmente a culpa; si, acólleno-la palabra; queremos agradecercho co froito dos nosos labios” (Os. 14:2, 3 [14:1, 2, TNM]).
15 A expresión “froito dos nosos labios” refírese a usar palabras honestas e ben pensadas para louvar o Deus verdadeiro. Como se sentiu Xehová ante os que usaban este tipo de fala? El mesmo dixo: “Amareinos por vontade propia” (Os. 14:5 [14:4, TNM]). Xehová será amigo daqueles que ofrezan sacrificios coma estes, daralles a súa aprobación e ofreceralles o seu perdón cando comentan un erro.
16, 17. Cando a fe motiva unha persoa a predicar as boas noticias, como se sente Xehová?
16 Louvar a Xehová en público sempre foi un aspecto importantísimo da adoración verdadeira. Darlle gloria a Deus tamén tiña un significado moi profundo para o salmista que lle suplicou a Xehová: “Acolle ista oferenda dos meus labres, Yaveh” (Sal. 119:108, Sagra Biblia en Galego, Manuel Casado Nieto). Isto foi no pasado pero, que pasa na actualidade? Falando profeticamente dunha gran multitude de xente da nosa época, Isaías dixo: “Proclamarán lediciosos a louvanza do Señor. [...] Subirán ó meu altar por amor” (Is. 60:6, 7). Esta profecía estase a cumprir na actualidade. Millóns de persoas están ofrecendo a Deus “un sacrificio de louvanza, é dicir, o froito dos nosos labios que anuncian publicamente o seu nome” (Heb. 13:15).
17 E que hai de ti? Estás ofrecendo sacrificios que lle agraden a Xehová? Se non é así, por que non fas os cambios necesarios para empezar a louvalo de casa en casa? A fe motivarache a empezar a predicar as boas noticias e ese sacrificio de louvanza é a cousa máis valiosa que lle podes ofrecer a Xehová (le Salmo 69:31, 32 [69:30, 31, TNM]). Este tipo de sacrificio será coma un “perfume” para Xehová e dese xeito faralo feliz e recibirás a súa aprobación (Ezeq. 20:41). Non hai nada que che poida facer máis feliz.
O propio Xehová bendicirá os xustos
18, 19. a) Que opina moita xente sobre servir a Deus? b) Que pasará se perdemos a aprobación de Deus?
18 Hoxe en día hai xente que pensa o mesmo cás persoas da época de Malaquías: “¡É cousa inútil servir a Deus! ¿Que proveito quitamos de garda-los seus mandamentos?” (Mal. 3:14). Ganar cartos é o seu obxectivo principal porque pensan que Deus nunca cumprirá o que prometeu e que as súas normas quedaron anticuadas. Pensan que, cando imos predicar ás súas casas, o único que facemos é perder o tempo e molestar os veciños.
19 Esa forma de pensar xa se remonta ó xardín de Edén. Alí, Satanás convenceu a Eva de que a marabillosa vida que lles dera Xehová non era tan boa e de que ter a aprobación de Deus non era tan importante. Satanás estase esforzando para que pensemos que servir a Deus non vale de nada. Pero Eva mailo seu home descubriron polas malas que perder a aprobación de Deus tamén implica perder a vida. E esta é a amarga lección que aprenderán pronto as persoas que teñen esta forma de pensar (Xén. 3:1-7, 17-19).
20, 21. a) Que fixo a viúva de Sarepta e en que resultou? b) Como e por que deberiamos imitar a viúva de Sarepta?
20 O que lles pasou a Adán e Eva foi moi diferente ó que lles pasou a Elías e a viúva de Sarepta. Despois de escoitar as palabras do profeta, a viúva púxose a preparar a comida e serviulle a el primeiro. Entón, Xehová cumpriu a promesa que fixo a través de Elías. O relato di: “E comeu el, ela e seu fillo, moito tempo, sen que se acabase a fariña da tina nin mermara o aceite na aceiteira, como dixera o Señor por medio de Elías” (1 Reis 17:15, 16).
21 A maioría das persoas da actualidade non están dispostas a facer o mesmo que fixo a viúva de Sarepta. Ela confiou por completo no Deus da salvación e el non a decepcionou. Este e moitos outros relatos da Biblia demostran que Xehová merece que confiemos nel (le Xosué 21:43-45; 23:14). E na actualidade aínda vemos máis probas de que el nunca abandona os que teñen a súa aprobación (Sal. 34:7, 8, 18-20 [34:6, 7, 17-19, TNM]).a
22. Por que é urxente que busquemos de inmediato a aprobación de Deus?
22 O día do xuízo de Deus moi pronto “virá sobre tódolos que viven na terra” (Luc. 21:34, 35). Non hai escapatoria. Ningunha cousa no mundo ten máis valor que escoitar o Xuíz nomeado por Deus dicir: “Vinde, vós, os que meu Pai bendiciu, e herdade o Reino preparado para vós” (Mat. 25:34). Veremos de primeira man cumprirse estas palabras: “Ti, Señor, bendís ós xustos, cóbrelos co teu favor, coma escudo” (Sal. 5:13 [5:12, TNM]). Agora é o tempo de buscar a aprobación de Deus.
[Nota]
a Mira La Atalaya do 15 de marzo de 2005, páxina 13, parágrafo 15 e a do 1 de agosto de 1997, páxinas 20 a 25 (dispoñibles en español).
Recórdalo?
• Por que merece Xehová que o adoremos de corazón?
• Que tipo de sacrificios acepta Xehová na actualidade?
• A que se refire a expresión “froito dos nosos labios”, e por que debemos facer este tipo de ofrenda?
• Por que deberiamos buscar a aprobación de Deus?
[Imaxe]
Que importante decisión lle fixo tomar un profeta a unha nai?
[Imaxe]
Que bendicións recibimos cando lle ofrecemos sacrificios de louvanza a Xehová?
[Imaxe]
Se confías en Xehová de corazón nunca quedarás decepcionado.