Achégate a Deus
“Procurou aplacar ó Señor”
“SENTÍA que non o merecía”, dixo un home que se afastara de Deus despois de criarse nun fogar cristián. Cando empezou a dar pasos para volver, tiña medo de que Deus nunca puidese perdoalo. Pero este home arrepentido atopou esperanza no relato bíblico de Manasés, que aparece en 2 Crónicas 33:1-17. Se ti tamén sentes que non mereces o perdón de Xehová por erros que cometiches no pasado, seguro que che virá ben repasar ese relato.
Manasés era fillo de Ezequías, un dos mellores reis que gobernou en Xudá. Naceu tres anos despois de que Deus curase a seu pai dunha enfermidade mortal (2 Reis 20:1-11). É probable que Ezequías vise o seu fillo coma un agasallo de Xehová, e seguro que fixo todo o posible por inculcarlle amor pola adoración pura. Pero os fillos de pais que adoran fielmente a Xehová non sempre seguen os seus pasos. Iso foi o que lle pasou a Manasés.
Manasés non debía ter máis de 12 anos cando morreu seu pai. Por desgraza, empezou a facer “o que estaba mal ós ollos de Xehová” (versículos 1 e 2, TNM). Deixouse levar por conselleiros que non respectaban a adoración verdadeira? A Biblia non o aclara. O que si di é que Manasés acabou caendo nunha idolatría e crueldade aberrantes. Construíu altares a deuses falsos, ofreceu os seus propios fillos en sacrificio, practicou espiritismo e incluso colocou unha imaxe tallada no templo de Xehová en Xerusalén. Manasés foi cabezón e non quixo escoitar as innumerables advertencias de Xehová, o Deus que o fixera nacer grazas a un milagre (versículos 3 a 10).
Finalmente, Xehová permitiu que levasen preso a Manasés ata Babilonia. Estando no exilio, tivo tempo para meditar no que fixera. Sería capaz de ver por fin que os seus deuses sen vida non valían nada e que non podían axudarlle? Lembraría o que lle ensinara o seu pai, un home profundamente espiritual? En calquera caso, Manasés cambiou radicalmente. O relato di: “Procurou aplacar ó Señor seu Deus, e humillouse profundamente [...] e suplicoulle” (versículos 12 e 13). Pero, de verdade podería recibir o perdón de Deus alguén que cometera pecados tan noxentos?
A Xehová conmoveuno o arrepentimento sincero que viu en Manasés. Deus “escoitou a súa súplica e fíxoo volver a Xerusalén, ó seu reino” (versículo 13). E para demostrar que estaba arrepentido de verdade, Manasés fixo todo o que puido por corrixir os seus erros: eliminou do seu reino todo rastro de idolatría e animou os habitantes a que “desen culto ó Señor” (versículos 15 a 17).
Se pensas que non mereces o perdón de Deus polos erros que cometiches, garda no teu corazón o exemplo de Manasés. Este relato forma parte da Palabra inspirada de Deus (Romanos 15:4). Xehová deixounos claro que está “disposto a perdoar” (Salmo 86:5, TNM). O que a el lle importa non é o pecado, senón a actitude do pecador. Cando alguén que está arrepentido de verdade ora, deixa atrás o que está mal e se esforza por facer o correcto, Xehová pode sentirse conmovido, igual que lle pasou con Manasés (Isaías 1:18; 55:6, 7).
Lectura bíblica recomendada para xaneiro:
◼ 2 Crónicas 29–Esdras 10