Unha terra na que abonda o leite e o mel
CANDO Xehová Deus liberou os israelitas de Exipto, prometeu levalos “a unha terra boa e largacía [ou extensa], terra que deita leite e mel” (Éxodo 3:8).
Na Terra Prometida os israelitas criaron vacas, ovellas e cabras, e así conseguiron leite dabondo para todos. Pero, e o mel? Algúns cren que cando aquí fala do mel en realidade estase referindo a un zume doce e espeso feito de dátiles, figos ou uvas. E que a maioría das veces nas que a Biblia fala especificamente do mel das abellas refírese ó mel silvestre, e non ó mel obtido da cría de abellas (Xuíces 14:8, 9; 1 Samuel 14:27; Mateo 3:1, 4). Se isto fose certo, sería realmente unha terra abundante tanto en leite como en mel?
Un descubrimento recente no Israel actual acláranos moitas cousas. A Universidade Hebrea deu un comunicado de prensa que afirmaba: “Esta é a colonia de colmeas máis antiga descuberta ata hoxe nunha escavación arqueolóxica do antigo Oriente Próximo, dixo o profesor Amihai Mazar. Data de entre os séculos X e IX a. n. e.”.
Os arqueólogos encontraron máis de trinta colmeas colocadas en tres filas, e estimaron que na zona habería unhas cen colmeas en total. Ó estudar estas colmeas tamén atoparon partes das abellas e moléculas de cera. Os expertos calculan que “destas colmeas podería obterse ata media tonelada de mel ó ano”.
En tempos antigos, o mel non só era un alimento delicioso. A cera de abellas usábase na industria do metal e na do coiro. Tamén se utilizaba para cubrir os taboleiros de madeira que se usaban para escribir. Deste xeito, podía fundirse a cera e volver a escribir neles. Que conclusión sacan os arqueólogos despois deste descubrimento?
O comunicado segue dicindo: “Aínda que a Biblia non nos di nada sobre a apicultura en Israel naquela época, o descubrimento das colmeas de Tel Rehov indica que a apicultura e a extracción de mel e paneis de abellas era unha industria moi avanzada xa no período anterior ó exilio de Babilonia. Así que é posible que o termo mel na Biblia si que se refira ó mel de abella”.
[Recoñecementos da imaxe]
Institute of Archaeology/Hebrew University © Tel Rehov Excavations