Anda con Deus nestes tempos difíciles
“[Enoc] andou o camiño con Deus, e logo desapareceu, porque Deus o levou” (XÉNESE 5:24).
1. Cales son algunhas das características que fan que os nosos tempos sexan difíciles?
TEMPOS difíciles! Estas palabras describen ben os anos de intranquilidade e violencia que leva vivindo a humanidade dende que se estableceu o Reino Mesiánico en 1914. A partir dese momento, vivimos “nos últimos días”. Nunca houbo tanta fame, enfermidades, terremotos e guerras coma agora (2 Timoteo 3:1; Apocalipse 6:1-8). E as persoas que adoramos a Xehová non estamos libres diso. Dunha maneira ou doutra, todos nos afrontamos as dificultades e a inseguridade de vivir neste tempo. A presión económica, a inestabilidade política, os crimes e as enfermidades son algunhas das cousas que fan que a vida sexa moi difícil.
2. A que desafíos nos enfrontamos os servos de Xehová?
2 Ademais, moitos servos de Xehová tiveron que aguantar unha forte persecución en repetidas ocasións porque Satanás segue loitando contra “os que obedecen os mandamentos de Deus e ós que se lles encargou dar testemuño acerca de Xesús” (Apocalipse 12:17). E aínda que non todos teñamos que enfrontarnos a persecución directa, tódolos cristiáns verdadeiros temos que loitar contra o Demo e contra o espírito, ou actitude, que el promove entre a xente (Efesios 2:2; 6:12). Temos que estar sempre alerta para non deixarnos influír por ese espírito debido a que está en todas partes: no traballo, na escola e en calquera outro sitio no que nos relacionemos con persoas que non queren adorar a Deus.
Anda con Deus, non coa xente das nacións
3, 4. En que sentido somos os cristiáns diferentes ó mundo?
3 Os cristiáns do primeiro século tamén tiveron que esforzarse por loitar contra o espírito deste mundo e iso fixo que fosen diferentes ós que non formaban parte da congregación. Paulo explicou esa diferenza que había cando escribiu: “Por iso vos digo e vos suplico no nome do Señor que non sigades vivindo coma a xente das nacións, que vive coa súa mente centrada en cousas inútiles. Eles están en escuridade mental e separados da vida que lle pertence a Deus porque deciden ser ignorantes e teñen o corazón duro. Ademais, como xa non lles importa o que está ben e o que está mal, entregáronse á conduta descarada e practican todo tipo de impureza con avidez” (Efesios 4:17-19).
4 Que ben describen estas palabras a escuridade espiritual e moral tan profunda deste mundo, tanto no tempo de Paulo coma no noso! Igual que no primeiro século, os cristiáns hoxe en día non seguen “vivindo coma a xente das nacións”. En vez diso, desfrutamos do marabilloso privilexio de andar con Deus. O certo é que moitas persoas quizais cuestionen se é razoable dicir que simples humanos imperfectos poden andar con Xehová. Pero a Biblia demostra que si que poden. E ademais, Xehová espera que o fagan. No século VIII antes da nosa era, o profeta Miqueas escribiu estas palabras inspiradas: “Que é o que Xehová espera de ti? Só que practiques a xustiza, ames a lealdade e andes con modestia xunto ó teu Deus!” (Miqueas 6:8, TNM).
Como e por que andar con Deus
5. Como pode un ser humano imperfecto andar con Deus?
5 Como podemos andar co Deus invisible e todopoderoso? Está claro que é nun sentido diferente ó que camiñamos cos humanos. Na Biblia a expresión andar pode significar “seguir certa maneira de actuar”.a Tendo en conta isto, andar con Deus implica vivir de acordo coas súas normas e facer o que lle agrada. Isto fai que sexamos diferentes á maioría das persoas que nos rodean. Pero esa é a única opción correcta para un cristián. Por que? Por moitas razóns.
6, 7. Por que andar con Deus é o mellor que podemos facer?
6 Primeiro, Xehová é o noso Creador, a Fonte da vida e quen nos dá todo o que necesitamos para seguir vivos (Apocalipse 4:11). Por iso, el é o único que ten o dereito a dicirnos como debemos vivir. Ademais, andar con Deus é o mellor que podemos facer porque nos beneficiamos do medio que el puxo para perdoar os pecados e temos a esperanza segura de vivir para sempre. O noso amoroso Pai celestial tamén lles dá consellos sabios ós que andan con el. Estes consellos axúdannos a ter éxito na vida agora, a pesar de ser imperfectos e a vivir nun mundo que está baixo o control do Demo (Xoán 3:16; 2 Timoteo 3:15, 16; 1 Xoán 1:8; 2:25; 5:19). Outra razón para andar con Deus é que estar dispostos a facelo contribúe a que haxa paz e unidade na congregación (Colosenses 3:15, 16).
7 Por último, o máis importante é que cando andamos con Deus demostramos de que lado estamos na cuestión tan importante que xurdiu no xardín de Edén: a cuestión da soberanía (Xénese 3:1-6). Coa nosa forma de vivir demostramos que nos mantemos firmes do lado de Xehová e anunciamos sen medo que el é o único que ten dereito a gobernar (Salmo 83:19 [83:18, TNM]). Desta maneira, tamén actuamos de acordo co que lle pedimos a Deus cando oramos para que o seu nome sexa santificado e que se faga a súa vontade (Mateo 6:9, 10). Que sabios son os que deciden andar con Deus! Poden estar seguros de que están indo na dirección correcta porque Xehová é “o único que é sabio”, e ademais nunca se equivoca (Romanos 16:27).
8. En que se parecen os tempos de Enoc e Noé ós nosos?
8 Vivimos en tempos moi difíciles e á maioría da xente non lle interesa servir a Xehová. De verdade é posible vivir como se espera dun cristián? Para saber a resposta podemos analizar o exemplo de servos fieis do pasado que foron íntegros en momentos moi difíciles. Dous deles foron Enoc e Noé. Ambos viviron en tempos nos que había moita maldade, moi parecidos ós nosos. Nos días de Noé a Terra estaba chea de violencia e inmoralidade. Aínda así, Enoc e Noé resistiron e espírito do mundo daquel tempo e andaron con Xehová. Como conseguiron facelo? Para responder esta pregunta, neste artigo analizaremos o exemplo de Enoc, e no seguinte o de Noé.
Enoc andou con Deus en tempos difíciles
9. Que información temos sobre Enoc?
9 Enoc é o primeiro do que se di nas Escrituras que andou con Deus. A Biblia di del: “Andou o camiño con Deus” (Xénese 5:22). Entón, despois de dicir cantos anos viviu (que foron poucos para o seu tempo, aínda que parezan moitos comparados con hoxe en día), a Biblia engade: “Andou o camiño con Deus, e logo desapareceu, porque Deus o levou” (Xénese 5:24). Parece ser que Xehová fixo que Enoc pasase de estar vivo a quedar durmido na morte antes de que os seus inimigos puidesen facerlle dano (Hebreos 11:5, 13). Na Biblia fálase moi pouco de Enoc. Aínda así, pola información que temos e outros indicios, hai boas razóns para dicir que os tempos de Enoc foron difíciles.
10, 11. a) Como se espallou a corrupción despois da rebelión de Adán e Eva? b) Que profecía anunciou Enoc, e como reaccionou a xente seguramente?
10 Pensa por exemplo no rápido que se espallou a corrupción entre as persoas despois de que Adán pecase. A Biblia dinos que Caín, o primeiro fillo de Adán, foi o primeiro ser humano que cometeu un asasinato porque matou o seu irmán Abel (Xénese 4:8-10). Despois da morte violenta de Abel, Adán e Eva tiveron outro fillo e chamáronlle Set. A Biblia di sobre el: “Tivo un fillo, a quen puxo o nome de Enox. Daquela empezaron os homes a invoca-lo nome do Señor” (Xénese 4:25, 26). Por desgraza, esa forma de “invoca-lo nome do Señor” estaba relacionada coa apostasía.b Moitos anos despois de nacer Enós, ou Enox, un descendente de Caín chamado Lamec compuxo unha canción para as súas mulleres na que dicía que matara un home que lle fixera dano. E tamén advertiu: “Se Caín é vingado sete veces, Lámec serao setenta e sete” (Xénese 4:10, 19, 23, 24).
11 Estes breves datos indican que a corrupción que apareceu no xardín de Edén por culpa de Satanás provocou que se estendese a maldade rapidamente entre os descendentes de Adán. Nun mundo coma ese, Enoc serviu como profeta de Xehová e as súas palabras incluso chegan ata os nosos días. De feito, a carta de Xudas contén esta profecía que fixo Enoc: “Mirade! Xehová veu cos seus moitos miles de anxos santos para xulgar a todos e para demostrar que tódolos que non tiñan ningún respecto por Deus eran culpables de tódalas cousas malvadas que fixeron con maldade e de tódalas cousas terribles que eses pecadores malvados falaron contra el” (Xudas 14, 15). Estas palabras cumpriranse por completo no Armaxedón (Apocalipse 16:14, 16). Aínda así, podemos estar seguros de que incluso naquel tempo houbo moitos “pecadores malvados” que se enfadaron ó escoitar a profecía de Enoc. Xehová demostrou moito amor ó poñer o seu profeta fóra do alcance desa xente.
Que lle deu forzas a Enoc para andar con Deus?
12. Que diferenciaba a Enoc das persoas que vivían no seu tempo?
12 No xardín de Edén, Adán e Eva fixéronlle caso a Satanás e Adán rebelouse contra Xehová (Xénese 3:1-6). Aínda así, o seu fillo Abel seguiu outro camiño e iso gustoulle a Xehová (Xénese 4:3, 4). Tristemente, a maioría dos descendentes de Adán non foron coma Abel. Pero Enoc, que naceu centos de anos máis tarde, si que o foi. Que diferenciaba a Enoc de moitos outros descendentes de Adán? O apóstolo Paulo respondeu esta pregunta ó escribir: “Pola fe, Enoc foi transferido para que non sufrise cando morreu, e ninguén puido encontralo porque Deus o transferira. Pero antes diso, mostróuselle que Deus estaba moi contento con el” (Hebreos 11:5). Enoc formou parte dunha “nube de testemuñas” precristiás moi grande. Todos eles foron excelentes exemplos de fe (Hebreos 12:1). Grazas á fe Enoc seguiu facendo o correcto durante os máis de 300 anos que durou a súa vida, máis de tres veces a esperanza de vida actual.
13. Que tipo de fe tiña Enoc?
13 Paulo describiu a fe de Enoc e doutras testemuñas cando dixo: “A fe é a seguridade de que vai pasar o que se espera, a proba convincente de que existen realidades que non se ven” (Hebreos 11:1). A fe é a confianza, baseada en probas, de que as cousas que esperamos se van facer realidade. Esta esperanza é tan forte que inflúe nas prioridades que nos poñemos na vida. Foi este tipo de fe o que lle axudou a Enoc a andar con Deus, aínda que a xente que o rodeaba non o facía.
14. En que coñecemento é posible que basease Enoc a súa fe?
14 A fe verdadeira está baseada no coñecemento exacto. Que coñecemento tiña Enoc? (Romanos 10:14, 17; 1 Timoteo 2:4) Sen dúbida sabía o que pasara no xardín de Edén e probablemente escoitara falar de como era a vida nese lugar. Este xardín quizais aínda existía pero os humanos non podían acceder a el (Xénese 3:23, 24). Tamén coñecía o propósito que tiña Deus de que os descendentes de Adán enchesen a Terra e a convertesen nun paraíso (Xénese 1:28). Ademais, Enoc seguramente valoraba a promesa de Xehová de proporcionar unha Descendencia que lle esmagaría a cabeza ó Demo e que desfaría os estragos que causou o seu engano (Xénese 3:15). De feito, a propia profecía da que falou Enoc, rexistrada no libro de Xudas, trata da destrución da descendencia de Satanás. Enoc adorou a Xehová porque tiña fe en que “recompensa os que se esforzan moito por buscalo” (Hebreos 11:6). Aínda que este home non tiña todo o coñecemento que temos nós, o que sabía foi suficiente para chegar a ter unha fe forte. Con esa fe puido manterse íntegro en tempos difíciles.
Imita o exemplo de Enoc
15, 16. Como podemos imitar a Enoc?
15 Se queremos agradar a Xehová durante os tempos difíciles nos que vivimos, faremos ben en seguir o exemplo de Enoc. Temos que obter coñecemento exacto de Xehová e do seu propósito, e non esquecelo. Pero aínda necesitamos algo máis: temos que permitir que ese coñecemento exacto dirixa a nosa vida (Salmo 119:101; 2 Pedro 1:19). Necesitamos deixarnos guiar pola maneira de pensar de Deus e esforzarnos por agradarlle sempre cos nosos pensamentos e coas nosas accións.
16 Aínda que as Escrituras non din se no tempo de Enoc había outras persoas que servisen a Xehová, é evidente que ou estaba só ou formaba parte dunha pequena minoría. Nós tamén somos un pequeno grupo neste mundo, pero iso non nos desanima. Xehová axudaranos sen importar quen estea na nosa contra (Romanos 8:31). Enoc foi valente ó anunciar que as persoas malas serían destruídas. E nós tamén somos valentes cando predicamos “as boas noticias do Reino” a pesar das burlas, da oposición e da persecución (Mateo 24:14). Enoc non viviu tanto tempo como moitos da súa época. Aínda así, el non puxo a súa esperanza neste mundo senón que se centrou en algo máis grande (Hebreos 11:10, 35). Nós tamén nos centramos no cumprimento do propósito de Xehová e por iso non usamos plenamente as cousas que ofrece este mundo (1 Corintios 7:31). En vez diso, usamos as nosas forzas e os nosos recursos principalmente para servir a Xehová.
17. Que coñecemento temos nós que non tiña Enoc, e que deberiamos facer?
17 Enoc tiña fe en que a Descendencia prometida aparecería no momento que Xehová marcara. Xa pasaron case 2000 anos dende que esa Descendencia —Xesucristo— apareceu, pagou o rescate e abriu o camiño para que servos fieis do pasado coma Enoc e tamén nós consigamos vida eterna. Esta Descendencia, que agora é o Rei do Reino de Deus, botou o Demo do ceo á terra. Por iso estamos rodeados de problemas (Apocalipse 12:12). A verdade é que nós temos moito máis coñecemento dispoñible do que tiña Enoc. Así que, esforcémonos por ter unha fe firme coma a que tivo el. Confiemos en que Deus vai cumprir as súas promesas e permitamos que iso inflúa en todo o que facemos. E por último, igual que Enoc, andemos con Deus aínda que pasemos por tempos difíciles.
[Notas]
a Mira a entrada “Posturas y ademanes” da obra Perspicacia para comprender las Escrituras, parágrafo 55 (dispoñible en español).
b Antes dos días de Enós, Xehová falara con Adán. Tamén aceptara as ofrendas de Abel. E incluso se comunicara con Caín cando el aínda non deixara que os celos e a ira o levasen a cometer un asasinato. Así que neste caso a expresión “empezaron os homes a invoca-lo nome do Señor” debe referirse a algo novo que non ten nada que ver coa adoración pura.
Que responderías?
• Que significa andar con Deus?
• Por que andar con Deus é o mellor que podemos facer?
• Como puido Enoc andar con Deus en tempos difíciles?
• Como podemos imitar a Enoc?
[Imaxe]
Pola fe, Enoc “andou o camiño con Deus”.
[Imaxe]
Confiamos por completo en que Xehová cumprirá as súas promesas.
[Recoñecementos da imaxe]
Woman, far right: FAO photo/B. Imevbore; collapsing building: San Hong R-C Picture Company