Coñece os camiños de Xehová
“Ensíname o teu camiño, para que eu te coñeza” (ÉXODO 33:13).
1, 2. a) Porque actuou Moisés así cando viu que un exipcio estaba maltratando un hebreo? b) Que necesitaba aprender Moisés se quería servir a Xehová?
MOISÉS crecera na casa do faraón e fora educado de acordo coa sabedoría necesaria para ser gobernador de Exipto. Aínda así, Moisés sabía que non era exipcio porque os seus pais eran hebreos. Cando tiña 40 anos, foi ver como estaban os seus irmáns, os fillos de Israel. E cando viu que un exipcio estaba maltratando un hebreo, non quedou quieto. Matou o exipcio e así demostrou que escollía poñerse de parte do pobo de Xehová. De feito, pensaba que Deus o estaba usando para liberar os seus irmáns (Feitos 7:21-25; Hebreos 11:24, 25). Cando se soubo o que pasara, a casa real exipcia considerou que Moisés era un delincuente, e el tivo que fuxir para salvar a súa vida (Éxodo 2:11-15). Se Xehová ía usar a Moisés, era necesario que Moisés coñecese mellor os camiños de Xehová. Estaría disposto a aprender? (Salmo 25:9).
2 Durante os seguintes corenta anos, Moisés viviu no exilio e foi pastor. En vez de amargarse porque parecía que os seus irmáns hebreos non o valoraban, entendeu que Deus estaba permitindo que pasase por todo iso. Aínda que durante moitos anos non recibiu ningún tipo de recoñecemento, deixou que Xehová o moldease. De feito, máis tarde, baixo a inspiración do espírito santo e sen intención de darse honra, escribiu: “Era Moisés un home moi humilde, máis ca tódolos homes que había na terra” (Números 12:3). Xehová usou a Moisés de formas incribles. E tamén nos bendicirá a nós se nos esforzamos por ser mansos (Sofonías 2:3).
Recibe unha misión
3, 4. a) Que misión lle deu Xehová a Moisés? b) Que axudas recibiu Moisés?
3 Un día, Xehová falou con Moisés mediante un anxo cerca do monte Horeb, na península do Sinaí. Díxolle: “Teño visto as miserias do meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os seus sufrimentos. Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta terra a unha terra boa e largacía, terra que deita leite e mel” (Éxodo 3:2, 7, 8). Deus tiña unha misión para Moisés que estaba relacionada con isto, pero tiña que facerse á maneira de Xehová.
4 O anxo de Xehová engadiu: “Agora anda. Mándote onda o faraón, para que saques de Exipto ó meu pobo, os fillos de Israel”. Pero a Moisés entráronlle dúbidas porque non se sentía capacitado. E o certo é que non o estaba se só tiña en conta as súas propias habilidades. Pero Xehová aseguroulle: “Eu estarei contigo” (Éxodo 3:10-12). Xehová deulle poder a Moisés para que puidese facer milagres que demostrasen que de verdade fora enviado por Deus. Ademais, o seu irmán Aarón ía acompañalo para ser o seu portavoz, e Xehová diríalles o que tiñan que dicir e facer (Éxodo 4:1-17). Cumpriría Moisés fielmente esa misión?
5. Por que foi un desafío para Moisés a actitude dos israelitas?
5 Ó principio, os anciáns de Israel confiaron en Moisés e Aarón (Éxodo 4:29-31). Pero pouco despois, “os inspectores israelitas” dixeron que Moisés e seu irmán eran os culpables de que o faraón e os seus servos os odiasen (Éxodo 5:19-21; 6:9). Cando os israelitas se ían afastando de Exipto e viron que os carros exipcios os perseguían, entroulles moito medo. Sentiron que estaban atrapados diante do Mar Vermello e botáronlle a culpa a Moisés. Que farías ti nesa situación? Aínda que os israelitas non tiñan barcos, Moisés seguiu as instrucións de Xehová e fixo que levantasen o campamento. Entón, Deus separou as augas do Mar Vermello para que os israelitas puidesen cruzar por terra seca (Éxodo 14:1-22).
Un asunto máis importante que a liberación
6. Que destacou Xehová cando lle deu a Moisés a súa misión?
6 Cando Xehová lle deu a Moisés a súa misión, destacou o importante que é o nome divino. Era fundamental respectar ese nome e a quen representaba. Cando Moisés lle preguntou a Xehová polo seu nome, el díxolle: “EU SON O QUE SON”. Esta expresión tamén podería traducirse como “Eu Serei o que Eu Decida Ser”. Ademais, Moisés tería que dicirlles ós fillos de Israel: “Iavé, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob mándame onda vós”. E Xehová engadiu: “Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme tódalas xeracións” (Éxodo 3:13-15). Xehová, ou Iavé, segue sendo o nome polo que coñecen a Deus os seus servos por toda a terra (Isaías 12:4, 5; 43:10-12).
7. A pesar de que o faraón era moi orgulloso, que lle mandou facer Xehová a Moisés?
7 Moisés e Aarón presentáronse diante do faraón e transmitíronlle a súa mensaxe no nome de Xehová. Pero o faraón, que era moi orgulloso, dixo: “¿E quen é Iavé, para que eu o obedeza e deixe saír a Israel? Non coñezo a Iavé, e non deixarei saír a Israel” (Éxodo 5:1, 2). Aínda que o faraón demostrou ser un home mentireiro e cabezón, Xehová fixo que Moisés lle transmitise unha e outra vez as súas mensaxes (Éxodo 7:14-16, 20-23, 26, 27; 8:16 [8:1, 2, 20, TNM]). Moisés puido ver que o faraón estaba enfadado. Sería bo volver a enfrontarse a el? O pobo de Israel desexaba que chegase a súa liberación, pero o faraón seguía negándose a deixalos marchar. Que farías ti nesa situación?
8. Por que foi bo que Xehová fose paciente co faraón, e que aprendemos do que pasou?
8 Moisés transmitiulle esta outra mensaxe: “Iavé, o Deus dos hebreos, manda isto: Deixa saí-lo meu pobo, para que me ofreza culto. Pois desta botarei tódalas pragas enriba de ti, dos teus ministros, do teu pobo, para que saibas que non hai ninguén coma min en toda a terra. Se alongase agora mesmo a miña man e te batese coa peste a ti e ó teu pobo, esvaeceríaste da terra. Se te manteño vivo, é para facerche ve-la miña forza e para que se fale do meu nome en todo o mundo” (Éxodo 9:13-16). Xehová tiña pensado castigar o faraón, que seguía sendo insensible, e iso deixaría claro canto poder ten ante calquera que o desafiase. Isto incluía a Satanás o Demo, a quen Xesucristo chamou tempo despois “o gobernante do mundo” (Xoán 14:30; Romanos 9:17-24). Tal como se predixo, falouse do nome de Xehová por toda a terra. E grazas á gran paciencia de Deus, os israelitas e unha gran multitude de diversas persoas que se uniron a eles para louvar a Deus conservaron a vida (Éxodo 9:20, 21; 12:37, 38). Desde entón, millóns de persoas beneficiáronse de que se fale do nome de Xehová e uníronse á adoración verdadeira.
Tratar cun pobo difícil
9. Como lle faltou ó respecto a Xehová o pobo de Israel?
9 Os hebreos coñecían o nome de Deus. De feito, Moisés usouno cando falou con eles, pero non sempre trataron ó dono dese nome co respecto que se merecía. Pouco despois de que Xehová os liberase milagrosamente de Exipto, déronse conta de que non sería fácil encontrar auga potable. E que fixeron? Puxéronse a murmurar contra Moisés e despois queixáronse da comida. Moisés díxolles que tivesen coidado porque esas murmuracións non eran só contra el e Aarón, senón contra Xehová (Éxodo 15:22-24; 16:2-12). No monte Sinaí, no medio de fenómenos sobrenaturais, Xehová deulles a Lei ós israelitas. Pero eles foron desobedientes e fixeron un becerro de ouro para adoralo, coa escusa de que estaban celebrando unha “festa en honor do Señor” (Éxodo 32:1-9).
10. Por que deberían os superintendentes cristiáns fixarse na petición de Moisés que aparece en Éxodo 33:13?
10 Como ía Moisés dirixir un pobo do que o propio Xehová dixo que era de cerviz dura? Moisés pediulle a Xehová: “Se merezo o teu favor, ensíname o teu camiño, para que eu te coñeza e faga por merece-lo teu favor” (Éxodo 33:13). Hoxe en día, os superintendentes cristiáns pastorean un rabaño que está formado por servos de Xehová moito máis humildes que os israelitas. Pero aínda así, pídenlle a Deus algo parecido: “Móstrame, Señor, os teus camiños, ensíname os teus sendeiros” (Salmo 25:4). Coñecer os camiños de Xehová permítelles solucionar os problemas dunha maneira que estea de acordo coa Palabra de Deus e coa súa personalidade.
O que espera Xehová do seu pobo
11. Que normas lle deu Xehová a Moisés, e por que nos interesan a nós?
11 No monte Sinaí, Xehová explicou de maneira oral o que esperaba do seu pobo, e despois deulle a Moisés dúas táboas onde estaban escritos os Dez Mandamentos. Pero cando Moisés baixou da montaña e viu que os israelitas estaban adorando o becerro de ouro, enfadouse e rompeu as táboas de pedra tirándoas ó chan. Entón, Xehová volveu a escribir os Dez Mandamentos noutras táboas de pedra que o propio Moisés preparara (Éxodo 32:19; 34:1). Estes mandamentos eran os mesmos que os da primeira vez, e Moisés tiña que actuar de acordo con eles. Deus tamén explicou que clase de persoa é, e así deixoulle claro a Moisés como esperaba que se comportase ó ser o seu representante. É certo que os cristiáns non estamos baixo a Lei mosaica, pero no que Xehová lle dixo a Moisés podemos encontrar moitos principios fundamentais que non cambiaron e que se poden aplicar a tódolos que adoran a Xehová (Romanos 6:14; 13:8-10). Analicemos algúns deles.
12. Como debería influír no pobo de Israel saber que Xehová esixe devoción exclusiva?
12 Deámoslle devoción exclusiva a Xehová. A nación de Israel estaba presente cando Xehová dixo que esixe devoción exclusiva (Éxodo 20:2-5). Os israelitas tiñan moitas probas de que el é o Deus verdadeiro (Deuteronomio 4:33-35). Xehová deixou claro que non ía tolerar ningunha clase de idolatría nin de ocultismo no seu pobo, sen importar o que fixesen outras nacións. A devoción que lle tiñan os seus servos non debía consistir nun simple ritual que tiñan seguir. Todos tiñan que amar a Xehová con todo o seu corazón, con toda a súa alma e con tódalas súas forzas (Deuteronomio 6:5, 6). E isto notaríase na súa maneira de falar e na súa conduta, é dicir, en tódolos aspectos da súa vida (Levítico 20:27; 24:15, 16; 26:1). De feito, o propio Xesucristo dixo claramente que Xehová esixe devoción exclusiva (Marcos 12:28-30; Lucas 4:8).
13. Por que debía ser obediente a Deus o pobo de Israel, e que debería motivarnos a nós a obedecelo? (Eclesiastés 12:13)
13 Obedezamos tódolos mandatos de Xehová. O pobo de Israel necesitaba recordar que cando aceptaran as condicións do pacto con Xehová, fixeran un voto no que prometían serlle obedientes. Tiñan bastante liberdade en asuntos persoais, pero nos asuntos nos que Xehová dera algunha norma debían obedecelo estritamente. Se o facían, demostrarían que o amaban e beneficiaríanse eles e os seus descendentes porque todos eses mandatos eran para o seu ben (Éxodo 19:5-8; Deuteronomio 5:27-33; 11:22, 23).
14. Como lle mostrou Deus ó pobo de Israel que era importante dar prioridade ós asuntos espirituais?
14 Deámoslle prioridade ós asuntos espirituais. Os israelitas non debían dedicar tanto tempo e enerxías a cubrir as súas necesidades físicas que descoidasen as súas actividades espirituais. Non debían centrar toda a súa vida nas actividades diarias. Xehová díxolles que reservasen certo tempo cada semana e que debían usar ese tempo sagrado só para actividades relacionadas coa adoración a el, o Deus verdadeiro (Éxodo 35:1-3; Números 15:32-36). Ademais, tódolos anos tiñan que apartar tempo para ir ás asembleas santas (Levítico 23:4-44). Nelas tiñan a oportunidade de recordar tódolos milagres poderosos que fixera Xehová e os seus camiños, e de darlle grazas pola súa bondade. Ó expresar a devoción que lle tiñan, os israelitas aumentarían o seu temor de Deus e o amor que sentían por el, e recibirían axuda para andar nos camiños de Xehová (Deuteronomio 10:12, 13). Os bos principios que hai detrás destas instrucións tamén nos benefician ós servos de Deus hoxe en día (Hebreos 10:24, 25).
Comprendamos mellor as calidades de Xehová
15. a) Como beneficiou a Moisés comprender mellor as calidades de Xehová? b) Que preguntas nos axudarán a reflexionar en cada unha das calidades de Xehová?
15 Algo que lle axudaría a Moisés a tratar co pobo sería comprender ben as calidades de Xehová. Éxodo 34:5-7 (TNM) di que Deus foi pasando diante de Moisés e proclamando: “Xehová, Xehová, un Deus misericordioso e compasivo, paciente e cheo de amor leal e verdade, que demostra amor leal a miles, perdoa erros, ofensas e pecados, pero que xamais deixa sen castigo ó culpable e fai que o castigo polo erro dos pais recaia sobre o fillos e os netos, sobre a terceira xeración e sobre a cuarta xeración”. Dediquemos tempo a meditar nestas palabras. Poderiamos preguntarnos: “En que consiste cada unha destas calidades? Como as demostrou Xehová? Como poden demostralas os superintendentes cristiáns? Como debe influír cada unha destas calidades nas nosas accións?”. Vexamos tan só algúns exemplos.
16. Como podemos valorar aínda máis a misericordia de Deus, e por que é importante facelo?
16 Xehová é “un Deus misericordioso e compasivo”. Se tes a obra de consulta Perspicacia para comprender las Escrituras, por que non les o que pon na entrada “Misericordia”? Tamén podes buscar información na Guía de estudo para as testemuñas de Xehová ou na Biblioteca en liña.a E podes usar a publicación Textos bíblicos para a nosa vida ou o cadro de busca de JW Library para encontrar textos bíblicos que falen desta calidade. Así comprobarás que ademais de suavizar o castigo ás veces, a misericordia de Xehová implica demostrar compaixón e que tamén o motiva a tomar medidas para aliviar o sufrimento do seu pobo. Como proba disto, Deus proporcionoulles ós israelitas alimento físico e espiritual durante a súa viaxe cara á Terra Prometida (Deuteronomio 1:30-33; 8:4). Tamén lles demostrou misericordia ó perdoar os seus erros. Está claro que Xehová foi misericordioso co seu pobo na antigüidade. Hoxe en día os seus servos tamén deberían imitar esta calidade e ser compasivos entre eles (Mateo 9:13; 18:21-35).
17. Como nos axuda a promover a adoración verdadeira imitar a compaixón de Xehová?
17 A misericordia de Xehová vai acompañada da súa compaixón. Se tes un dicionario, busca a palabra compaixón. Despois compara a definición cos textos bíblicos que din que Xehová é compasivo. A Biblia di que esta calidade de Deus implica unha preocupación cariñosa polos máis desfavorecidos que hai no seu pobo (Éxodo 22:25, 26 [22:26, 27, TNM]). En calquera país, os inmigrantes son un dos grupos máis desfavorecidos. Xehová díxolle ó seu pobo que tiñan que ser imparciais e bondadosos cos eles, e recordoulles que eles tamén foran estranxeiros en Exipto (Deuteronomio 24:17-22). E que se pode dicir de nós, os servos de Deus da actualidade? A compaixón axúdanos a estar unidos e fai que outras persoas se sintan atraídas a adorar a Xehová (Feitos 10:34, 35; Apocalipse 7:9, 10).
18. Que podemos aprender de que Xehová lle dixese ó seu pobo que non imitase as prácticas das outras nacións?
18 Aínda así, este interese bondadoso que debían demostrar os israelitas polas persoas doutras nacións non debía superar o amor que lle tiñan a Xehová e ás súas normas morais. De feito, díxoselles que non imitasen as prácticas das nacións veciñas, coma os seus costumes relixiosos ou o seu estilo de vida inmoral (Éxodo 34:11-16; Deuteronomio 7:1-4). Isto tamén nos aplica a nós hoxe en día. Debemos ser un pobo santo, coma o noso Deus, Xehová (1 Pedro 1:15, 16).
19. Como pode protexer os servos de Deus o feito de que entendan cal é o seu punto de vista sobre a maldade?
19 Como Xehová quería que Moisés comprendese ben os seus camiños, deixoulle claro que, aínda que non aproba o pecado, é paciente. Dálles tempo dabondo ás persoas para que aprendan cales son as súas normas e para que poidan cumprilas. Ademais, perdoa os pecados das persoas que se arrepinten, pero non elimina as consecuencias dos erros que cometeron. Xehová advertiu a Moisés de que o que fixese o pobo de Israel podía afectar para ben ou para mal ás xeracións futuras. Coñecer os camiños de Xehová protexe os seus servos porque evita que se equivoquen ó pensar que Deus é lento ou que o culpen polas consecuencias das súas propias accións.
20. Que pode axudarnos a tratar ben os nosos irmáns e as persoas que encontramos na predicación? (Salmo 86:11)
20 Se desexas coñecer mellor a Xehová e os seus camiños, sigue estudando a Biblia e meditando no que les. Investiga ben os diferentes e incribles aspectos da personalidade de Xehová. Analiza baixo oración como podes imitalo e adaptar máis a túa vida ó seu propósito. Isto axudarache a evitar perigos, a tratar ben os teus irmáns e a axudar a outras persoas a coñecer e amar o noso marabilloso Deus.
[Nota]
a Tódalas publicacións están editadas polas Testemuñas de Xehová.
Que aprendiches?
• Por que necesitaba Moisés ser manso, e por que é fundamental que nós tamén o sexamos?
• Por que foi bo que Moisés fose unha e outra vez onde o faraón para transmitirlle a mensaxe de Xehová?
• Que principios importantes aprendeu Moisés que tamén podemos aplicar nós?
• Como podemos coñecer mellor as calidades de Xehová?
[Imaxe]
Moisés transmitiulle fielmente as palabras de Xehová ó faraón.
[Imaxe]
Xehová reveloulle a Moisés cales eran as súas normas.
[Imaxe]
Medita nas calidades de Xehová.