Xuño
Luns 1 de xuño
Ti, oh, Xehová, es bo e estás disposto a perdoar (Sal. 86:5).
Xa nos estamos beneficiando do sacrificio de rescate de Cristo. Por exemplo, grazas a el, Xehová perdoa os nosos pecados. Non está obrigado, pero quere facelo (Sal. 103:3, 10-13). Quizais hai quen sente que non merece o perdón de Xehová pero, en realidade, ningún de nós o merecemos. Falando sobre isto, o apóstolo Paulo dixo: “Nin son merecente de me chamar apóstolo”. E, aínda así, engadiu: “Pola gracia de Deus son o que son” (1 Cor. 15:9, 10). Cando nos arrepentimos dos nosos pecados, Xehová perdóanos. Por que? Non porque o merezamos, senón porque nos quere. Se te sentes triste porque pensas que non es digno de recibir ese perdón, recorda que Xehová non proveu o rescate por persoas perfectas que nunca se equivocan, senón polas imperfectas que se senten mal polos seus pecados e intentan cambiar (Luc. 5:32; 1 Tim. 1:15). w25.01 páxs. 26-27 pars. 3, 4
Martes 2 de xuño
O home piadoso para si mesmo é bo, o cruel a si mesmo se dana (Prov. 11:17).
Non podemos controlar o que outros nos din ou nos fan, pero si que podemos intentar controlar a nosa resposta, e normalmente o mellor é perdoar. Por que? Porque amamos a Xehová e el quere que perdoemos. Se seguimos estando enfadados e non perdoamos é probable que fagamos algunha parvada e que incluso danemos a nosa saúde (Prov. 14:17, 29, 30). Cando deixamos de estar resentidos non permitimos que a amargura lle afecte á nosa maneira de tratar os demais. Tamén é bo para nós, porque deixamos de pensar no asunto e volvemos a desfrutar da vida. Como podemos deixar de estar enfadados ou ofendidos? Unha maneira é dándonos un tempo para curar. Despois de recibir un tratamento médico, unha persoa que foi ferida de gravidade necesita tempo para recuperarse. De maneira parecida, necesitamos un tempo para recuperarnos en sentido emocional antes de poder perdoar alguén de todo corazón (Ecl. 3:3; 1 Ped. 1:22). Óralle a Xehová pedindo que che axude a perdoar. w25.02 páxs. 16-17 pars. 8-11
Mércores 3 de xuño
O alimento sólido é para persoas espiritualmente maduras (Heb. 5:14).
Algunhas ensinanzas básicas son o arrepentimento, a fe, o bautismo e a resurrección (Heb. 6:1, 2). Estas ensinanzas son a base do cristianismo. Por iso o apóstolo Paulo falou delas cando lle predicou a unha multitude no Pentecostés (Feit. 2:32-35, 38). Para chegar a ser discípulos de Cristo temos que aceptar estas ensinanzas. Por iso, Paulo escribiu que quen non cre na resurrección non pode dicir que é un cristián verdadeiro (1 Cor. 15:12-14). Pero, se queremos ser maduros en sentido espiritual, non debemos conformarnos con saber as verdades básicas. A diferenza destas, o alimento espiritual sólido non só inclúe as leis de Xehová senón tamén os seus principios. Estes axúdannos a entender a súa maneira de pensar. Para beneficiarnos dese alimento temos que estudar a Biblia, meditar no que aprendemos e despois esforzarnos ó máximo por aplicalo. Se o facemos, aprenderemos a tomar decisións que lle gusten a Xehová. w24.04 páx. 5 pars. 12, 13
Xoves 4 de xuño
Os habitantes de Nínive resucitarán no Día do Xuízo (Mat. 12:41).
Deus recordoulle a Xonás que os ninivitas nin sequera sabían distinguir o que estaba ben do que estaba mal (Xon. 1:1, 2; 3:10; 4:9-11). Máis adiante, Xesús usou este exemplo para ensinar unha lección sobre a misericordia e a xustiza de Xehová. Que significa que os ninivitas resuciten “no Día do Xuízo”? Como vimos, Xesús dixo que haberá unha “resurrección de condena”, ou de xuízo (Xoán 5:29). Estábase referindo ó que ocorrerá durante o seu Reinado de Mil Anos, no que haberá “unha resurrección tanto de xustos coma de inxustos” (Feit. 24:15). Para os inxustos esta será unha “resurrección de condena”, ou de xuízo. Por que dicimos isto? Porque Xehová e Xesús observarán e xulgarán o comportamento destas persoas e se poñen en práctica o que aprenden. Se un ninivita que resucite rechaza adorar a Xehová, el non deixará que siga vivindo (Is. 65:20). Pero tódolos que escollan servir a Deus fielmente terán a oportunidade de vivir para sempre (Dan. 12:2). w24.05 páx. 5 pars. 13, 14
Venres 5 de xuño
O Fillo do Home veu a buscar e a salvar os que estaban perdidos (Luc. 19:10).
Xesús imitou á perfección a misericordia de seu Pai (Xoán 14:9). Coas súas palabras e accións, mostrounos que Xehová nos ama e é moi compasivo, e que quere axudarnos a vencer o pecado. Xesús facía que os pecadores sentisen o desexo de cambiar e quixesen seguilo (Luc. 5:27, 28). Xesús sabía moi ben o que lle esperaba. En varias ocasións díxolles ós seus seguidores que ía ser traizoado e executado nun madeiro (Mat. 17:22; 20:18, 19). Tamén sabía que o seu sacrificio quitaría o pecado do mundo. Ademais, ensinou que despois de morrer atraería a el todo tipo de persoas (Xoán 12:32). Os que puxesen fe en Xesús e seguisen os seus pasos poderían agradarlle a Xehová e ser “liberados do pecado” por fin (Rom. 6:14, 18, 22; Xoán 8:32). Para logralo, Xesús foi valente e estivo disposto a sufrir unha morte terrible (Xoán 10:17, 18). w24.08 páx. 5 pars. 11, 12
Sábado 6 de xuño
Primeiro teñen que predicarse as boas noticias en tódalas nacións (Mar. 13:10).
Pensa en como te sentiches cando aprendiches a verdade da Palabra de Deus. Soubeches que o teu Pai celestial te ama e que quere que sexas parte da súa familia de servos fieis. Tamén descubriches que promete acabar coa dor e o sufrimento, que podes ter a esperanza de volver a ver no novo mundo os teus seres queridos que morreron e moitas outras promesas fermosas (Mar. 10:29, 30; Xoán 5:28, 29; Rom. 8:38, 39; Apoc. 21:3, 4). Estas verdades chegáronche ó corazón e fixéronte moi feliz (Luc. 24:32). Amabas o que estabas aprendendo e querías contarllo a todo o mundo! (Compara con Xeremías 20:9). Cando o que aprendemos da Biblia nos chega ó corazón, non podemos quedar calados (Luc. 6:45). Sentímonos coma os discípulos de Xesús do primeiro século que dixeron: “Non podemos deixar de falar das cousas que vimos e oímos” (Feit. 4:20). Amamos tanto a verdade que queremos compartila co maior número de persoas posible. w24.05 páx. 15 par. 5; páx. 16 par. 7
Domingo 7 de xuño
Servide o Señor con alegría (Sal. 100:2).
Os servos de Xehová predicamos porque amamos o noso Pai celestial e queremos axudarlles ós nosos veciños a coñecelo. Pero hai a quen lle resulta difícil desfrutar da predicación. Por que? Algúns quizais son moi tímidos e fáltalles confianza en si mesmos. Outros non se senten cómodos indo ás casas da xente sen que os inviten. Tamén hai a quen lle dá medo que o traten mal. Ademais hai irmáns ós que quizais, dende pequenos, lles inculcaron que deben evitar contradicir a outros para que non se molesten. A estes irmáns fáiselles difícil abordar persoas que non coñecen para falarlles das boas noticias. Cústache ás veces desfrutar da predicación por culpa dalgúns dos sentimentos que se describiron no parágrafo anterior? Se é así, non te desanimes! A falta de confianza en ti mesmo indica que es humilde, que non che gusta ser o centro de atención e que queres evitar discutir coas persoas. A ninguén lle gusta sentirse rechazado, especialmente se está intentando facer algo bo polos demais. O teu Pai celestial coñece ben os desafíos ós que te enfrontas e quere axudarche (Is. 41:13). w24.04 páx. 14 pars. 1, 2
Luns 8 de xuño
A sabedoría vai cos modestos (Prov. 11:2).
Cando les a Biblia, en vez de querer aplicar todo á vez, ponte un número razoable de metas. Por exemplo, intenta o seguinte: fai unha lista coas cousas nas que tes que mellorar, escolle unha ou dúas para empezar e deixa o resto para máis adiante. Pero, por onde deberías empezar? Quizais decidas empezar cunha meta que che resulte fácil de alcanzar. Ou pode ser que escollas traballar en algo que necesitas mellorar especialmente. Unha vez que xa teñas claro cal será a túa próxima meta, investiga nas nosas publicacións. Ora sobre o teu obxectivo pedíndolle a Xehová que che dea “tanto o querer coma o facer” (Filip. 2:13). Despois pon en práctica o que aprendiches. Cando consigas alcanzar a primeira meta, estarás máis motivado para seguir traballando na seguinte. De feito, cando melloras nunha cualidade ou nun aspecto da vida cristiá é probable que te sintas máis animado e que che resulte máis fácil facer outros cambios. w24.09 páx. 6 pars. 13, 14
Martes 9 de xuño
Neste asunto demostrastes que sodes puros en todo sentido (2 Cor. 7:11).
Quizais te sintas moi mal porque con algúns dos teus erros lles fixeches moito dano a outros. Que che pode axudar nese caso? Fai o posible por reparar o dano causado. Ademais, descúlpate sinceramente. Pídelle a Xehová que lles axude ós que lles fixeches dano. El pode facer que tanto eles coma ti volvades sentir paz e poidades seguir servíndoo. Aprende dos erros que cometiches no pasado e deixa que Xehová te use da maneira que el escolla. Pensa no exemplo do profeta Xonás. En vez de viaxar a Nínive tal e como Deus lle mandara, fuxiu en dirección contraria. Xehová corrixiuno, e el aprendeu do seu erro (Xon. 1:1-4; 1:15-2:1 [1:15-17, TNM]; 2:8-11 [2:7-10, TNM]). Deus non o deu por perdido, máis ben, deulle outra oportunidade de ir a Nínive e Xonás aproveitouna. Este profeta non permitiu que os remordementos polos erros do pasado lle impedisen aceptar esta responsabilidade que Xehová lle encargara (Xon. 3:1-3). w24.10 páxs. 8-9 pars. 10, 11
Mércores 10 de xuño
Arrepentídevos e dade media volta para que os vosos pecados sexan borrados, e así Xehová fará vir tempos para recuperar as forzas e o ánimo (Feit. 3:19).
Xehová non simplemente salda as nosas débedas, ou pecados, senón que tamén as borra. Cando falamos de cancelar unha débeda quizais pensamos en alguén facendo unha X sobre a cantidade de cartos que debiamos. Aínda así, calquera podería ver os números que hai debaixo da X. Pero borrar algo é diferente. Para entender esta comparación temos que recordar que a tinta que se usaba no pasado podía borrarse con auga, por exemplo, cunha esponxa mollada. Así que, cando dicimos que se borrou unha débeda, significa que desapareceu por completo. O que estaba escrito antes xa non se pode ver, así que é coma se nunca chegase a existir. Que bonito é pensar en que Xehová non só cancela os nosos pecados senón que os elimina por completo (Sal. 51:11 [51:9, TNM]). w25.02 páx. 10 par. 11
Xoves 11 de xuño
Non te irrites: poderías facer mal (Sal. 37:8).
Cando outros nos xulgan de maneira incorrecta ou nos tratan mal, confiamos en que Xehová sabe a verdade. Esa confianza axúdanos a aguantar porque sabemos que, co tempo, Xehová solucionará o asunto. Se deixamos as cousas nas mans de Xehová e esperamos a que el resolva tódolos problemas, non seguiremos enfadados nin odiaremos a outros. Estas emocións poderían facer que actuemos mal, perdamos a alegría e danemos a nosa relación con Xehová. Claro, nunca seremos capaces de seguir o exemplo de Xesús á perfección. Ás veces, é posible que digamos ou fagamos algo do que despois nos arrepintamos (Sant. 3:2). Tamén é posible que algunhas inxustizas nos deixen cicatrices emocionais e físicas que poden ser difíciles de curar. Se este é o teu caso, podes estar seguro de que Xehová sabe polo que estás pasando. E Xesús, que tamén sufriu inxustizas, entende moi ben os teus sentimentos (Heb. 4:15, 16). Que felices estamos de que Deus nos dea consellos prácticos que nos axudan cando nos tratan mal. w24.11 páx. 6 pars. 12, 13
Venres 12 de xuño
Isto é o que Deus aproba: que demostredes fe naquel que el enviou (Xoán 6:29).
Para conseguir a “vida eterna” é necesario crer en Xesús (Xoán 3:16-18, 36; 17:3). Moitos xudeus non creron que tiñan que demostrar fe en Xesús. Preguntáronlle: “Que sinal farás para que poidamos velo e te creamos?” (Xoán 6:30). Tamén contaron que, nos días de Moisés, os seus antepasados recibiran milagrosamente maná, que era o que comían cada día (Neh. 9:15; Sal. 78:24, 25). Era evidente que só se preocupaban por ter comida literal. De feito, nin sequera lle preguntaron a Xesús que quería dicir cando falou do “verdadeiro pan do ceo” que, a diferenza do maná, podía darlles vida eterna (Xoán 6:32). Estaban tan centrados nas súas necesidades físicas que non escoitaron o que Xesús estaba intentando ensinarlles sobre como conseguir a vida eterna. w24.12 páxs. 5-6 pars. 10, 11
Sábado 13 de xuño
O que construíu tódalas cousas é Deus (Heb. 3:4).
Na escola o voso fillo aprenderá sobre outras formas que se repiten na natureza. Por exemplo, cada folerpa de neve está formada seguindo uns modelos xeométricos coñecidos como fractais. Hai moitos destes modelos xeométricos na natureza. E quen os deseñou? Canto máis pense o voso rapaz nesta pregunta, máis probable será que chegue a estar convencido de que Deus creou tódalas cousas. A medida que se vaia facendo maior, tedes que axudarlle a entender por que é importante obedecer os mandatos de Xehová. Para conseguilo poderiades facerlle a seguinte pregunta: “Se Deus nos creou, non pensas que el é quen mellor sabe como debemos comportarnos para ser felices?”. Despois podedes destacar que a súa valiosa guía se encontra na Biblia. w24.12 páx. 16 par. 8
Domingo 14 de xuño
Informáronme de que entre vós hai un caso de inmoralidade sexual, un caso de inmoralidade tan grave que nin sequera se ve entre os que non son crentes. Refírome ó caso dun home que vive coa muller do seu pai (1 Cor. 5:1).
Xehová inspirou o apóstolo Paulo para que escribise unha carta dicindo que se tiña que sacar da congregación o pecador que non se arrepentira (1 Cor. 5:13). E como debían tratalo os cristiáns fieis? Paulo díxolles que deixasen de relacionarse con el e que nin sequera comesen con el (1 Cor. 5:11). Comer con alguén normalmente lévanos a conversar con esa persoa e a pasar máis tempo con ela. Así que Paulo quixo dicir que os irmáns da congregación non debían socializar con aquel home. Desta maneira, protexeríase a congregación da súa mala influencia (1 Cor. 5:5-7). Ademais, isto podería facer que o home se dese conta de que ferira a Xehová, que se avergonzase polo que fixera e que se sentise motivado a arrepentirse. w24.08 páx. 15 pars. 4, 5
Luns 15 de xuño
Deus amou tanto o mundo que deu o seu Fillo unixénito (Xoán 3:16).
En Israel, o Día de Expiación celebrábase cada ano. Nese día, o sumo sacerdote ofrecía sacrificios de animais en nome do pobo. Claro, como os animais son inferiores ós humanos, estas ofrendas non podían cubrir por completo os seus pecados. Pero, mentres os israelitas arrepentidos ofrecesen o que Xehová lles pedía, el estaba disposto a perdoalos (Heb. 10:1-4). Isto axudáballes a darse conta de que eran pecadores. Pero que fixo Xehová para que os humanos puidesen recibir o perdón dos seus pecados? Planificou que o seu querido Fillo se ofrecese unha soa vez “para quita-los pecados” de moita xente (Heb. 9:28). Xesús deu “a súa vida como rescate a cambio de moitas persoas” (Mat. 20:28). w25.02 páx. 4 pars. 9, 10
Martes 16 de xuño
Mantédevos despertos e orade constantemente para que non caiades na tentación (Mat. 26:41).
“O home quere facer o que está ben, pero a carne é débil” (Mat. 26:41b). Con estas palabras Xesús deixou claro que entendía que somos imperfectos e que cometemos erros. Pero tamén eran unha advertencia: temos que ter coidado co exceso de confianza. Unhas poucas horas antes de que Xesús dixese aquelas palabras, os seus discípulos prometéranlle que nunca o abandonarían (Mat. 26:35). A súa intención era boa, pero non se deron conta do rápido que poderían ceder á presión ó verse nunha situación difícil. Por iso Xesús os advertiu coas palabras do texto de hoxe. Tristemente os discípulos non foron capaces de manterse despertos. Que fixeron cando arrestaron a Xesús? Mantivéronse ó seu lado ou tiveron medo e fuxiron? Como non estiveron alerta, fixeron xusto o que dixeran que nunca farían: abandonar a Xesús (Mat. 26:56). w24.07 páx. 14 pars. 1, 2
Mércores 17 de xuño
Fomos reconciliados con Deus por medio da morte do seu Fillo (Rom. 5:10).
Adán e Eva convertéronse en inimigos do seu Pai, Xehová. Antes de pecar, eles eran parte da familia de Deus (Luc. 3:38). Pero, ó desobedecer, Xehová non lles permitiu seguir nela (Xén. 3:23, 24; 4:1). Como isto sucedeu antes de que empezasen a ter fillos, ningún dos seus descendentes poderiamos ser parte da familia de Xehová. Así que necesitabamos axuda para poder reconciliarnos e ter unha boa relación con el (Rom. 5:10, 11). Segundo unha obra de consulta, a palabra grega que se utilizou neste versículo para reconciliar pode significar “facernos amigos de quen era un inimigo”. É impresionante que Xehová fose quen tomou a iniciativa para facer isto posible. Como o conseguiu? Mediante a expiación, que é a solución de Xehová para restaurar a súa boa relación cos seres humanos pecadores. Organizou unha maneira de recuperar o que Adán perdera substituíndoo por algo do mesmo valor. w25.02 páxs. 3-4 pars. 7, 8
Xoves 18 de xuño
A tristeza que lle agrada a Deus provoca un arrepentimento que leva á salvación (2 Cor. 7:10).
O apóstolo Paulo dixo que a “reprensión que recibiu da maioría” fora suficiente para aquel home (2 Cor. 2:5-8). Noutras palabras, a disciplina cumprira co seu propósito co home que antes tivera relacións sexuais coa muller do seu pai (1 Cor. 5:1). Cal era o propósito? Levar aquel home ó arrepentimento (Heb. 12:11). A continuación, Paulo díxolles o que tiñan que facer co irmán que cometera aquel pecado: “Debedes perdoalo con bondade e consolalo”. Tamén engadiu: “Aconséllovos que lle demostredes o voso amor”. Como vemos, Paulo non só quería que lle permitisen volver á congregación, senón que tamén lle demostrasen coas súas palabras e accións que de verdade o perdoaran e o querían. Así aquel home arrepentido sentiría que os irmáns da congregación estaban contentos de que volvese. w24.08 páx. 15 par. 4; páxs. 16-17 pars. 6-8
Venres 19 de xuño
Expuxéronvos publicamente tanto a insultos como a persecución (Heb. 10:33).
O apóstolo Paulo comprendía moi ben o que se necesitaba para aguantar. El recordoulles ós cristiáns que, ó pasar por probas, tiñan que confiar en Xehová e non en si mesmos. O apóstolo puido dicir con valor: “Teño no Señor o meu abeiro: por iso non teño medo” (Heb. 13:6). Algúns dos nosos irmáns están pasando por persecución nestes momentos. Podemos apoialos lealmente por medio das nosas oracións e, ás veces, incluso de maneiras prácticas. Pero a Biblia di claramente que “tódolos que queiran vivir coma bos cristiáns padecerán persecución” (2 Tim. 3:12). Por iso, todos necesitamos prepararnos para os tempos difíciles que virán. Debemos confiar totalmente en Xehová xa agora e estar seguros de que nos axudará a superar calquera proba. Ó seu debido tempo, el liberará a tódolos que lle son leais (2 Tes. 1:7, 8). w24.09 páx. 13 pars. 17, 18
Sábado 20 de xuño
Moitos corintios que escoitaron a mensaxe tamén empezaron a crer e bautizáronse (Feit. 18:8).
Que lles axudou ós corintios a bautizarse? (2 Cor. 10:4, 5) A Biblia e mais o poderoso espírito santo de Deus axudáronlles a facer cambios drásticos na súa vida (Heb. 4:12). Os corintios que aceptaron as boas noticias sobre o Cristo foron capaces de deixar atrás hábitos e prácticas, como a borracheira, o roubo e a homosexualidade (1 Cor. 6:9-11). Fíxate en que, a pesar de que algúns corintios tiñan que superar hábitos moi arraigados, non pensaron que para eles sería demasiado difícil facerse cristiáns. Esforzáronse moito por andar polo camiño estreito que leva á vida eterna (Mat. 7:13, 14). E ti? Estás loitando por superar un mal hábito para poder bautizarte? Nunca deixes de loitar! Suplícalle a Xehová que o seu espírito santo che axude a resistir o desexo de facer o que está mal. w25.03 páx. 6 pars. 15-17
Domingo 21 de xuño
Se a algún de vós lle falta sabedoría, que lla pida constantemente a Deus (Sant. 1:5).
Pídelle a Xehová que che axude a entender o que pensa sobre o asunto. El promete darnos a sabedoría que necesitemos para diferenciar as decisións que lle gustan das que non. El dá esta sabedoría “abondosamente e sen roñar”. Despois de orarlle a Xehová para que che dea a súa guía, presta moita atención á súa resposta. Por exemplo, se te perdes mentres estás de viaxe, é posible que lle pidas axuda a unha persoa que vive nesa zona. Pero, verdade que non marcharías antes de que che responda? Claro que non! Máis ben, escoitarías con atención as súas indicacións. De maneira parecida, despois de pedirlle sabedoría a Xehová, intenta identificar a súa resposta buscando na Biblia leis e principios que apliquen na túa situación. No caso de estar decidindo se asistir ou non a unha reunión social, poderías investigar o que di a Biblia sobre as festas descontroladas, as malas compañías e a importancia de poñer o Reino antes que as túas preferencias persoais (Mat. 6:33; Rom. 13:13; 1 Cor. 15:33). w25.01 páx. 16 pars. 6, 7
Luns 22 de xuño
Velaí os meus servos: eles comerán e vós pasaredes fame (Is. 65:13).
A profecía de Isaías describe un contraste moi grande entre os que viven dentro do paraíso espiritual e os que viven fóra del. Xehová dálles ós seus adoradores alimento espiritual en abundancia para cubrir as súas necesidades. Por exemplo, contan co espírito santo, coa Biblia e cunha gran variedade de publicacións baseadas nela. Así cúmprese a profecía que di que “comerán”, “beberán” e “alegraranse” (compara con Apocalipse 22:17). Pola contra, os que viven fóra do paraíso espiritual pasan “fame”, “sede” e senten vergonza. Como non teñen unha relación persoal con Xehová, non poden satisfacer as súas necesidades espirituais (Amós 8:11). Xehová dálles ós seus servos todo o que necesitan para ter unha fe forte, o que inclúe o alimento espiritual (Xoel 2:21-24). Faino a través da Biblia, das publicacións baseadas nela, da nosa páxina web e tamén das reunións e dos congresos. Podemos beneficiarnos destas abundantes provisións espirituais cada día. Como resultado, estamos ben alimentados e sentímonos reconfortados. w24.04 páx. 21 pars. 5, 6
Martes 23 de xuño
Que as vosas palabras sexan sempre agradables (Col. 4:6).
Se quixeses dicirlle a alguén que che gustaría que fósedes mozos, poderías quedar para falar coa persoa nun lugar público, nunha conversación telefónica ou por videoconferencia. Dille claramente que tes interese romántico nela e que che gustaría que vos coñecésedes mellor (1 Cor. 14:9). Se é necesario, dálle tempo para que o pense (Prov. 15:28). E se a persoa non está interesada en saír contigo, respecta os seus sentimentos e acepta a súa resposta. E que farás se alguén che di que quere saír contigo? É moi probable que esa persoa necesitase valor para expresarche como se sente, así que sé amable e respectuoso. Se necesitas un tempo para darlle unha resposta, dillo. Iso si, intenta contestarlle o antes posible (Prov. 13:12). Se non estás interesado, faillo saber con tacto pero de maneira clara. E se estás interesado, expresa os teus sentimentos e despois falade de como vos gustaría xestionar esta nova situación. Quizais teñades expectativas diferentes. w24.05 páxs. 23-24 pars. 12, 13
Mércores 24 de xuño
Eu vou cara a ti no nome de Xehová dos exércitos (1 Sam. 17:45).
Tendo aínda menos de 20 anos, David visitou o campamento do exército israelita. Ó chegar, atopouse cos soldados mortos de medo porque un xigante filisteo chamado Goliat estaba desafiando o exército de Israel (1 Sam. 17:10, 11). Os soldados estaban asustados porque se fixaban no grande que era Goliat e nas cousas que lles dicía (1 Sam. 17:24, 25). Pero David tiña outro punto de vista. El vía o que estaba dicindo este xigante non só coma un desafío contra o exército de Israel, senón tamén coma un insulto contra as “hostes do Deus vivo” (1 Sam. 17:26). David tiña en conta a Xehová. Confiaba en que, igual que lle axudara cando era un pastor, tamén lle axudaría nesta situación. Tendo esa seguridade, enfrontouse a Goliat e, por suposto, venceuno (1 Sam. 17:45-51). w24.06 páx. 21 par. 7
Xoves 25 de xuño
Non teñas medo, que estou contigo; non mires con medo, que eu son o teu Deus. Fortalecinte e axudeite, collinte coa miña destra xustificadora (Is. 41:10).
Imaxinemos o diferente que sería a nosa vida se non servísemos a Xehová. Isto axudaranos a serlle fieis, e igual que o salmista poderemos dicir: “O meu ben é estar cerca de Deus” (Sal. 73:28). Poderemos superar calquera dificultade que se nos presente durante estes últimos días porque servimos o “Deus vivo e verdadeiro” (1 Tes. 1:9). El preocúpase por nós e sempre nos vai axudar. Demostrou estar ó lado dos seus servos no pasado, e tamén estará co seu pobo na actualidade. Pronto nos enfrontaremos a unha tribulación sen precedentes, pero non estaremos sós. Así que “cheos de confianza, podemos dicir: ‘Teño no Señor o meu abeiro: por iso non teño medo’” (Heb. 13:5, 6). w24.06 páx. 25 pars. 17, 18
Venres 26 de xuño
Veredes a diferenza entre o xusto e o malvado (Mal. 3:18).
A Biblia menciona a máis de corenta homes que foron reis de Israel. Os reis bos fixeron algunhas cousas malas. Pensa no rei David. Xehová dixo del: “O meu servo David, que [...] me seguiu de todo corazón, facendo sempre o que é xusto ós meus ollos” (1 Reis 14:8). Pero este home cometeu inmoralidade sexual cunha muller casada e planeou a morte do seu marido na guerra (2 Sam. 11:4, 14, 15). Por outro lado, moitos dos reis infieis fixeron algunhas cousas boas. Por exemplo, Xehová describiu a Roboam como un home que “obrou mal” (2 Crón. 12:14). Pero este rei obedeceu o mandato de Deus de non loitar contra as dez tribos e de permitirlles que escollesen outro rei. Ademais, fortificou moitas cidades no seu reino para protexer os servos de Deus dos inimigos (1 Reis 12:21-24; 2 Crón. 11:5-12). En que se baseou Xehová para decidir se un rei foi fiel ou non? Parece que tivo en conta se o serviu cun corazón completo, se se arrepentiu cando cometeu erros e se o seguiu servindo como el quere. w24.07 páx. 20 pars. 1-3
Sábado 27 de xuño
Seguídeos criando de acordo coa disciplina e os consellos de Xehová (Ef. 6:4).
Que pasa se o cristián bautizado que cometeu o pecado grave ten menos de 18 anos? O corpo de anciáns escollerá dous anciáns para que se reúnan co menor e cos seus pais Testemuñas. Estes anciáns preguntaranlles ós pais que pasos deron xa para axudarlle ó seu fillo a facer os cambios necesarios e arrepentirse. Se o menor ten unha boa actitude e está aceptando a axuda dos seus pais, os dous anciáns poden decidir que non é necesario que un comité se reúna con eles. Ó fin e ó cabo, Deus deulles ós pais a responsabilidade de corrixir con amor os seus fillos (Deut. 6:6, 7; Prov. 6:20; 22:6; Ef. 6:2-4). Despois, os anciáns falarán cos pais de vez en cando para asegurarse de que o menor segue recibindo a axuda que necesita. Pero, e se o menor bautizado non se arrepinte e se nega a cambiar? Nese caso, un comité de anciáns reunirase con el e cos seus pais Testemuñas. w24.08 páx. 25 par. 18
Domingo 28 de xuño
Hai máis felicidade en dar que en recibir (Feit. 20:35).
A todos nos gusta que fagan cousas por nós. Pero aínda nos sentimos máis felices se somos nós os que as facemos por outros. Ó crearnos desta forma, Xehová permítenos facernos máis felices a nós mesmos. Podemos aumentar a nosa alegría buscando máis oportunidades para ser xenerosos. Verdade que é marabilloso que fósemos feitos así? (Sal. 139:14). A Biblia asegúranos que os que dan a outros son felices, e por iso podemos entender facilmente por que Xehová é o “Deus feliz” (1 Tim. 1:11, TNM). El foi o primeiro en ser xeneroso con outros e ninguén o é coma el. Como dixo o apóstolo Paulo, grazas a Xehová “temos vida, movémonos e existimos” (Feit. 17:28). De feito, “todo bo regalo e toda dádiva perfecta” vén del (Sant. 1:17). É posible que todos queiramos sentir aínda máis a felicidade que produce axudar a outros. Podemos facelo imitando a xenerosidade de Xehová (Ef. 5:1). w24.09 páx. 26 pars. 1-4
Luns 29 de xuño
Sen importar canto progresásemos ata agora, sigamos andando correctamente por este mesmo camiño (Filip. 3:16).
Despois de repasar os requisitos para ser ancián, poida que algúns servos ministeriais sintan que nunca serán capaces de cumprilos. Pero recorda que nin Xehová nin a súa organización esperan que os demostres á perfección (1 Ped. 2:21). Ademais, é o poderoso espírito de Xehová o que che permite cultivar estas cualidades (Filip. 2:13). Hai algunha en particular na que che gustaría mellorar? Óralle a Xehová sobre o tema, investiga e pídelle a un dos anciáns que che dea ideas de como mellorar. Sigue progresando! Pídelle a Xehová que te capacite e te moldee para serlle aínda máis útil a el e á congregación (Is. 64:7 [64:8, TNM]). Seguro que Xehová bendicirá os teus esforzos por cumprir cos requisitos para ser ancián. w24.11 páx. 25 pars. 17, 18
Martes 30 de xuño
Deus non é inxusto e non se esquece do que fixestes nin do amor que demostrastes polo seu nome ó servir os santos e ó continuar servíndoos (Heb. 6:10).
Ninguén de nós debería pensar que, por levar moitos anos servindo a Xehová, ten dereito a que el o perdoe. Por suposto Deus valora e recorda todo o que fixemos por el. Pero non nos deu o seu Fillo para pagar o noso servizo, senón coma un regalo gratuíto. Se dicimos que polas cousas que fixemos por Xehová gañamos a súa misericordia ou que temos dereito a unha consideración especial, sería como dicir que non necesitamos o rescate e que, polo tanto, Cristo morreu para nada (compara con Gálatas 2:21). O apóstolo Paulo sabía que, sen importar o moito que fixera por Xehová, El non tiña por que perdoalo. Entón, por que se esforzou tanto? Non para demostrar que merecese algo, senón para expresarlle a Deus agradecemento pola súa bondade e misericordia (Ef. 3:7). Igual que Paulo, seguimos servindo a Xehová con entusiasmo, non para ter dereito á súa misericordia, senón para demostrar agradecemento por ela. w25.01 páx. 27 pars. 5, 6