Maio
Venres 1 de maio
Deus non fai diferenzas entre as persoas (Rom. 2:11).
Despois de liberar o seu pobo da escravitude en Exipto, Deus nomeou sacerdotes para servir no tabernáculo. Tamén lles encargou ós levitas outros traballos relacionados con aquela tenda sagrada. Tratou mellor Xehová aqueles que servían no tabernáculo ou que vivían cerca del? Non! El non é parcial. Cada israelita podía ter unha amizade estreita con Xehová. Por exemplo, Xehová asegurábase de que toda a nación puidese ver a columna de nube e a columna de lume que estaba sobre o tabernáculo (Éx. 40:38). Cada vez que a nube comezaba a moverse nunha nova dirección, incluso os que vivían máis lonxe no campamento podían velo, recoller as súas cousas, desmontar as tendas e marchar co resto da nación (Núm. 9:15-23). De forma parecida, hoxe en día Xehová cóidanos, quérenos e protéxenos sen importar o lugar da Terra no que vivamos. w24.06 páx. 4 pars. 10-12
Sábado 2 de maio
Preparádevos e fuxamos; se non, non daremos escapado de Abxalom (2 Sam. 15:14).
David estaba en perigo. O seu fillo Abxalom estaba decidido a matalo para roubarlle o trono (2 Sam. 15:12, 13). Así que tiña que fuxir de Xerusalén de inmediato! Mentres os seus servos fuxían, David deuse conta de que necesitaba que algúns quedasen en Xerusalén para que o mantivesen informado dos plans do seu fillo. Así que lles mandou a Sadoc e a outros sacerdotes que volvesen á cidade para ser os seus espías (2 Sam. 15:27-29). Facer isto era moi perigoso. David pediulles a Sadoc e a Huxai, que eran amigos leais, que lle axudasen co seu plan (2 Sam. 15:32-37). Primeiro, Huxai ganou a confianza de Abxalom e recomendoulle unha estratexia militar que lle daba a David tempo para prepararse. A continuación, Huxai informou a Sadoc e a Abiatar do que sucedía (2 Sam. 17:8-16). Entón estes dous homes fixéronlle chegar a mensaxe a David que lle axudou a salvar a vida (2 Sam. 17:21, 22). w24.07 páxs. 4-5 pars. 9, 10
Domingo 3 de maio
“Vide e arranxemos as cousas entre nós”, di Xehová (Is. 1:18).
Algúns servos de Xehová séntense moi mal por cousas que fixeron no pasado, xa fose antes ou despois de bautizarse. Pero é bo recordar que Deus nos quere moito e que deu o rescate para perdoar os nosos pecados. Está claro que quere que aceptemos ese regalo. Xehová asegúranos que, despois de que arranxemos as cousas con el, perdoaranos por completo. Que amoroso é ó non recordar os nosos erros do pasado! Ó mesmo tempo, el nunca esquece o bo que fixemos (Sal. 103:9, 12; Heb. 6:10). Se te segues sentindo angustiado por erros que cometiches no pasado, fai todo o posible por centrarte no que estás facendo agora e no que poderás facer no futuro. Non podes cambiar o pasado, pero si que podes honrar a Xehová coas túas circunstancias actuais e mirar cara ó bonito futuro que el che prometeu. w24.10 páx. 8 pars. 8, 9
Luns 4 de maio
Vestídevos coa nova personalidade (Col. 3:10).
Mentres les a Biblia, quizais te desanimes ó darte conta de que necesitas mellorar en moitas cousas. Pensa na seguinte situación. O luns, durante a túa lectura, les un consello sobre non mostrar favoritismo (Sant. 2:1-8). Cres que poderías mellorar neste asunto, así que decides facer algúns cambios. O martes les unha pasaxe na que se destaca a importancia de controlar o que dis (Sant. 3:1-12). Notas que ás veces falas de maneira negativa así que te propós ser máis positivo e animador. O mércores les na Biblia unha advertencia sobre o perigoso que é ser amigo do mundo (Sant. 4:4-12). De novo, dáste conta de que debes escoller mellor o teu entretemento. Como te sentirás o xoves? Seguramente frustrado porque tes que mellorar en moitas cousas. Pero non te desanimes. Recorda que vestir “do home novo”, ou poñer a nova personalidade, é un proceso continuo. w24.09 páxs. 5-6 pars. 11, 12
Martes 5 de maio
Recoñecede nos vosos corazóns que Cristo é o Señor e que é santo. Estade sempre listos para facer unha defensa diante de calquera que vos pregunte sobre a vosa esperanza, pero facédeo con apracibilidade e profundo respecto (1 Ped. 3:15).
Xesús sabía que seu Pai estaba vendo como o trataban e confiaba en que se encargaría de resolvelo ó seu debido tempo. Podemos imitar o bo exemplo de Xesús controlando o que dicimos cando nos tratan mal. Algunhas inxustizas non son graves e simplemente podemos pasalas por alto. Ou quizais decidamos non dicir nada para non empeorar a situación (Ecl. 3:7; Sant. 1:19, 20). Pero, noutras ocasións, quizais teñamos que defender alguén que está sendo tratado inxustamente ou necesitemos contar a verdade sobre as nosas crenzas (Feit. 6:1, 2). Se decidimos falar, debemos esforzarnos por facelo con calma e respecto. Tamén podemos imitar a Xesús poñéndonos “nas mans do que xulga con xustiza” (1 Ped. 2:23). w24.11 páxs. 5-6 pars. 10-12
Mércores 6 de maio
Os anxos de Deus alégranse moito cando un pecador se arrepinte (Luc. 15:10).
Que un pecador se arrepinta é un motivo para estar moi felices (Luc. 15:7). Pero, de quen é o mérito? Dos anciáns? Recordemos que o apóstolo Paulo dixo que “quizais Deus lles dea o arrepentimento” ós pecadores (2 Tim. 2:25, TNM). Así que o mérito deste cambio tan importante de mentalidade e de actitude non é de ningún humano, senón de Xehová, que lle axuda a cambiar ó cristián que se desencamiñou. A continuación Paulo mencionou algúns dos bos resultados dese arrepentimento: leva o pecador a coñecer a verdade de maneira máis exacta, axúdalle a recuperar o xuízo e permítelle escapar das trampas de Satanás (2 Tim. 2:26). Se a persoa se arrepinte, os anciáns seguirán facéndolle visitas de pastoreo para axudarlle a fortalecer a súa fe, a resistir as tentacións de Satanás e a facer o correcto (Heb. 12:12, 13). w24.08 páxs. 23-24 pars. 14, 15
Xoves 7 de maio
Non me buscades porque vísedes milagres, senón porque comestes dos pans ata que xa non tivestes máis fame (Xoán 6:26).
As persoas que Xesús alimentou estaban centradas en satisfacer os seus desexos e as súas necesidades físicas. Por que dicimos isto? Ó día seguinte viron que Xesús e os seus discípulos marcharan. Entón estas persoas subíronse a uns botes que chegaran de Tiberíades e dirixíronse a Capernaúm para buscar a Xesús (Xoán 6:22-24). Irían tras el porque querían saber máis sobre o Reino? Non. O que querían é que Xesús lles dese máis pan. Como o sabemos? Fíxate no que pasou cando a xente encontrou a Xesús cerca de Capernaúm. El díxolles directamente que só viñan onda el porque querían satisfacer as súas necesidades físicas. Aínda que comeran “dos pans ata que xa non [tiñan] máis fame”, Xesús explicoulles que ese era un “alimento que se bota a perder”, e animounos a buscar máis ben o pan que “dá vida eterna” (Xoán 6:26, 27). w24.12 páx. 5 pars. 8, 9
Venres 8 de maio
A mente do sabio fai atinado o seu falar, polos seus labios progresa a doutrina (Prov. 16:23).
Irmán, para ser mellor mestre, baséate na Biblia tanto cando fales en público como cando deas un consello en privado. Para facer isto, sé un bo estudante da Palabra de Deus e das nosas publicacións (Prov. 15:28). Cando estudes, fíxate en como as publicacións explican os versículos e así poderás aplicalos ben. E cando ensines, esfórzate moito por chegarlles ó corazón ós que te escoitan. Podes mellorar se lles pides consellos ós anciáns de experiencia e os pos en práctica (1 Tim. 5:17). Os anciáns teñen que ser capaces de animar os irmáns, pero as veces tamén terán que dar consellos ou incluso censurar. En calquera dos casos, deben ser sempre amables. Se es respectuoso, cariñoso e baseas o que ensinas na Biblia, poderás ser un bo mestre porque estarás imitando a Xesús, o Gran Mestre (Mat. 11:28-30; 2 Tim. 2:24). w24.11 páx. 24 par. 16
Sábado 9 de maio
Cantade entre as xentes a súa gloria (Sal. 96:3).
Podemos darlle gloria a Xehová co que dicimos sobre el. Ós servos de Xehová dísenos: “Cantádelle ó Señor”, “bendicide o seu nome”, “pregoade tódolos días a súa salvación” e “cantade entre as xentes a súa gloria” (Sal. 96:1-3). Todas estas son maneiras nas que podemos glorificar o noso Pai celestial (Feit. 4:29). Tamén podemos darlle gloria a Xehová cos nosos bens materiais. Os verdadeiros servos de Xehová sempre o honraron desta maneira (Prov. 3:9). Por exemplo, os israelitas contribuíron para a construción e o mantemento do templo (2 Reis 12:5, 6 [12:4, 5, TNM]; 1 Crón. 29:3-9). Ademais, algúns discípulos de Xesús “usaban o que tiñan” para que el e os seus apóstolos tivesen o necesario (Luc. 8:1-3). Os cristiáns do primeiro século tamén lles mandaron cartos ós irmáns cando houbo unha época de fame (Feit. 11:27-29). E hoxe en día tamén podemos glorificar a Xehová coas nosas doazóns voluntarias. w25.01 páx. 4 par. 8; páx. 5 par. 11
Domingo 10 de maio
Quen pode impedir que se bauticen con auga? (Feit. 10:47).
Que lle axudou a Cornelio a bautizarse? A Biblia di que “era un home devoto que temía a Deus con tódolos da súa casa”. Ademais suplicáballe a Xehová constantemente (Feit. 10:2). Cando Pedro lle predicou as boas noticias, tanto el coma a súa familia puxeron fe en Cristo e bautizáronse rapidamente (Feit. 10:47, 48). É evidente que Cornelio estaba disposto a facer calquera cambio que fose necesario para poder adorar a Xehová xunto coa súa familia (Xos. 24:15; Feit. 10:24, 33). Cornelio puido permitir que a súa posición lle impedise facerse cristián. Pero non deixou que isto pasase. E ti? Tes que facer cambios importantes para bautizarte? Nese caso, Xehová será o teu Axudante. El bendicirá a túa determinación de aplicar os principios bíblicos na túa vida para poder servilo. w25.03 páx. 5 pars. 12, 13
Luns 11 de maio
Rechaza os contos falsos (1 Tim. 4:7).
Se escoitas noticias negativas sobre a organización de Xehová e os que a dirixen, recorda como trataron os inimigos de Deus a Xesús e os seus discípulos no primeiro século. Tal e como predixo a Biblia, os servos de Xehová de hoxe en día están sendo perseguidos e acusados inxustamente (Mat. 5:11, 12). As historias falsas non nos enganarán se recordamos quen está detrás e actuamos rapidamente para protexernos delas. Que medidas debemos tomar? Rechaza a información falsa. O apóstolo Paulo dixo claramente o que deberiamos facer se nos chega algunha historia falsa. Díxolle a Timoteo que lles mandase a algúns que non lles prestasen atención ós contos falsos, senón que os rechazasen (1 Tim. 1:3, 4). Rechazamos a información falsa porque sabemos quen está detrás desas mentiras. Máis ben, só escoitamos as “palabras saudables” da verdade (2 Tim. 1:13). w24.04 páx. 13 pars. 16, 17
Martes 12 de maio
Seducen os corazóns dos inxenuos con palabras melosas e aduladoras (Rom. 16:18).
Mantente unido ós que lle son leais a Xehová. Xehová quere que o adoremos de maneira unida. Isto conseguirémolo se nos apegamos á verdade. Os que difunden mentiras crean divisións dentro da congregación, por iso Xehová quere que nos manteñamos lonxe deles. Se non o fixésemos, poderían enganarnos e conseguir que deixemos a Xehová (Rom. 16:17). Se recoñecemos a verdade e nos apegamos a ela, manterémonos cerca de Xehová e teremos unha fe forte (Ef. 4:15, 16). Desta maneira, non nos deixaremos enganar polas mentiras de Satanás e estaremos seguros baixo a protección de Xehová durante a gran tribulación. Así que, permanezamos firmes na verdade “e o Deus da paz irá [con nós]” (Filip. 4:8, 9). w24.07 páx. 13 pars. 16, 17
Mércores 13 de maio
Este home ofreceu un só sacrificio para sempre polos pecados (Heb. 10:12).
Xesús prestáballes especial atención ós que se sentían moi mal porque eran pecadores, e invitábaos a seguilo. Sabía que o pecado é a verdadeira raíz do sufrimento de tódolos humanos. Por iso tomaba a iniciativa de acercarse a homes e mulleres que tiñan a reputación de ser pecadores. De feito, el mesmo puxo este exemplo: “Os que están sans non necesitan un médico, pero os enfermos si”. E engadiu: “Non vin para chamar os xustos, senón os pecadores” (Mat. 9:12, 13). E iso foi xusto o que fixo. Por exemplo, con moita bondade perdoou os pecados da muller que lle lavou os pés coas súas lágrimas (Luc. 7:37-50). E, aínda que sabía que a samaritana do pozo levaba unha vida inmoral, ensinoulle valiosas verdades espirituais (Xoán 4:7, 17-19, 25, 26). Xehová incluso lle deu ó seu Fillo o poder de resucitar homes, mulleres e nenos, e así vencer a consecuencia final do pecado, que é a morte (Mat. 11:5). w24.08 páx. 4 pars. 9, 10
Xoves 14 de maio
El rexerá o mundo con xustiza e os pobos con rectitude (Sal. 96:13).
Como glorificará Xehová o seu nome dentro de pouco? Facendo xustiza. Pronto eliminará a Babilonia a Grande polas cousas horribles que fixo e polas mentiras que contou sobre el (Apoc. 17:5, 16; 19:1, 2). Algúns que vexan a destrución de Babilonia a Grande quizais empecen a adorar a Xehová xunta nós. Finalmente, no Armaxedón, Deus eliminará a tódolos que o odian e din mentiras sobre el, destruíndo así por completo o sistema de Satanás. Pero salvará os que o aman, o obedecen e queren glorificalo (Mar. 8:38; 2 Tes. 1:6-10). Unha vez que termine a proba final despois do Reinado de Mil Anos de Cristo, o nome de Xehová estará completamente santificado (Apoc. 20:7-10). Nese tempo “toda a terra coñecerá a gloria do Señor, como as augas enchen o mar” (Hab. 2:14). Que emocionante será cando todos lle deamos a Xehová a gloria que merece! w25.01 páx. 7 pars. 15. 16
Venres 15 de maio
Como parte da vosa disciplina, é necesario que aguantedes (Heb. 12:7).
Que lles axudaría ós cristiáns hebreos a aguantar a oposición? O apóstolo Paulo quería facerlles ver os beneficios de aguantar as probas. Por iso lles explicou que Deus quizais permita que un cristián pase por dificultades para poñelo en forma. Desta maneira pode conseguir e mellorar as cualidades que lle gustan a Xehová. Ó centrarse nos bos resultados de pasar por probas, a aqueles cristiáns hebreos seríalles máis fácil aguantar (Heb. 12:11). Paulo animou os cristiáns hebreos a ter valor e a non renderse ante as probas. El podía darlles un bo consello sobre este tema, xa que antes de ser cristián el mesmo os perseguira e vira como os maltrataran. Tamén sabía como soportar a persecución. Ó fin e ó cabo, sufrira diferentes formas de oposición despois de facerse cristián (2 Cor. 11:23-25). w24.09 páxs. 12-13 pars. 16, 17
Sábado 16 de maio
Estade sempre vixiantes (Mat. 25:13).
Cada día que pasa é máis urxente predicar. Por que? Porque falta pouco tempo para que chegue o fin. Analicemos o que predixo Xesús sobre a obra de predicar nos últimos días, tal e como podemos ler en Marcos 13:10. Segundo o relato de Mateo, Xesús dixo que as boas noticias se predicarían por toda a terra habitada antes de que chegue “o fin” (Mat. 24:14). Esta expresión refírese a cando o mundo de Satanás sexa destruído por completo. Xehová xa marcou “o día e a hora” destes sucesos que pronto ocorrerán (Mat. 24:36; Feit. 1:7). Cada vez están máis cerca e temos que seguir predicando ata que chegue o fin (Rom. 13:11). Cando reflexionamos na nosa predicación, facemos ben en pensar nesta importante pregunta: Por que predicamos as boas noticias? En poucas palabras: por amor. Cando predicamos demostramos o noso amor polas boas noticias, polas persoas e, sobre todo, por Xehová e o seu nome. w24.05 páx. 14 pars. 2, 3
Domingo 17 de maio
Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo (Xén. 1:31).
Pais, animade o voso fillo a meditar na creación. Cando camiñedes polo campo ou esteades coidando dun xardín, dirixide a atención do voso fillo ás interesantes formas que se repiten na natureza. Por que? Porque demostran que alguén moi intelixente e sabio debeu crealas. Por exemplo, moitas cousas na natureza teñen forma de espiral e os científicos levan anos investigándoas. O biofísico Nicola Fameli explica que, cada vez que contes o número de espirais que hai nun obxecto na natureza, descubrirás o mesmo padrón de números. Estes números forman a chamada secuencia de Fibonacci. Pódense encontrar espirais en moitas cousas, como por exemplo na forma dalgunhas galaxias, nas cunchas dos caracois, nas follas de plantas e nos xirasoles. w24.12 páx. 16 par. 7
Luns 18 de maio
El é a vosa vida (Deut. 30:20).
Moisés, David e Xoán viviron en circunstancias e tempos moi diferentes ós nosos pero, aínda así, temos moito en común con eles. Por exemplo, serviron a Deus e nós facemos o mesmo. Igual ca eles, orámoslle, confiamos nel, e buscamos a súa guía. E, coma estes homes da antigüidade, temos a confianza de que Xehová bendice moito os que o obedecen. Sigamos o consello destes homes fieis e obedezamos os mandatos de Xehová. Desta maneira teremos verdadeiro éxito en todo o que fagamos. Tamén viviremos para sempre. E ademais, sentiremos a alegría de estar agradándolle ó noso querido Pai celestial, quen cumpre tódalas súas promesas de maneiras que nin sequera podemos imaxinar (Ef. 3:20). w24.11 páx. 13 pars. 20, 21
Martes 19 de maio
Deus deulle un sitio a cada un na congregación (1 Cor. 12:28).
No primeiro século, algúns cristiáns foron nomeados servos ministeriais (1 Tim. 3:8). Parece que estes eran os que daban a asistencia, ou axuda, que o apóstolo Paulo mencionou. Polo visto, os servos ministeriais encargábanse de moitas tarefas prácticas e importantes para que os anciáns puidesen centrarse en ensinar e pastorear. Por exemplo, quizais axudasen a facer copias das Escrituras ou comprasen as cousas necesarias para facelas. Pensa nalgunha das importantes tarefas que realizan os servos ministeriais na túa congregación (1 Ped. 4:10). Quizais se ocupen da contabilidade, dos territorios, de facer os pedidos de publicacións para a congregación, de manexar o equipo de audio e vídeo, de ser acomodadores ou de axudar no mantemento do Salón do Reino. Todas estas tarefas son necesarias para que a congregación funcione correctamente (1 Cor. 14:40). w24.10 páx. 19 pars. 4, 5
Mércores 20 de maio
Teño forzas para todo grazas a Deus, que me dá poder (Filip. 4:13).
Seremos capaces de soportar todo tipo de proba, sexa grande ou pequena, se recordamos que Xehová está vivo e que está aí para apoiarnos. Ó fin e ó cabo el é o Todopoderoso, así que pode darnos as forzas que necesitemos para aguantar. Polo tanto, temos razóns de sobra para enfrontarnos ás probas con confianza. Ver a man de Xehová nos pequenos desafíos axudaranos a confiar en que tamén nos vai apoiar cando pasemos por outros máis grandes. Vexamos dúas situacións polas que pasou o rei David que fortaleceron a súa confianza en Xehová. De mozo, cando era pastor, tanto un oso coma un león lle marcharon cunha ovella de seu pai. Nas dúas ocasións, David tivo o valor de perseguir estes animais e salvar as ovellas. Aínda así, nunca se atribuíu o mérito destas vitorias. El sabía que o conseguira grazas a Xehová (1 Sam. 17:34-37). Meditar nestas experiencias deulle confianza en que o Deus vivo tamén o ía fortalecer no futuro. w24.06 páx. 21 pars. 5, 6
Xoves 21 de maio
Responder a un asunto antes de oír os feitos é parvo e humillante (Prov. 18:13).
Imaxina que te invitaron a unha reunión social. Deberías ir? Se non coñeces moi ben a quen a organiza nin os plans que se fixeron, terás que facerlle algunhas preguntas como: “Onde e cando será? Canto tempo durará? Quen se asegurará de que todo vaia ben? Quen asistirá? Que se vai facer? Haberá alcohol?”. As respostas a estas preguntas axudaranche a tomar a mellor decisión. Unha vez que xa teñas toda a información, trata de ver o cadro completo. Por exemplo, e se descobres que algunhas das persoas que asistirán non respectan os principios bíblicos ou que se servirán bebidas alcohólicas sen supervisión? Pensas que hai posibilidades de que se converta nunha festa descontrolada? (1 Ped. 4:3) Ó ver o cadro completo serache máis fácil tomar unha boa decisión. w25.01 páx. 15 pars. 4, 5
Venres 22 de maio
Aínda que os vosos pecados fosen coma o granate, coma a neve branquexarán (Is. 1:18).
Xehová utiliza comparacións para axudarnos a entender como, por medio do rescate, el borra os pecados das persoas que se arrepinten. É moi difícil limpar unha tea que ten unha mancha dun vermello moi intenso. Aínda así, mediante esta comparación, Deus asegúranos que os nosos pecados poden ser limpados e que polo tanto desaparecen. A miúdo os pecados son comparados con débedas (Mat. 6:12, nota; Luc. 11:4). Así que, cada vez que pecamos contra Xehová, aumentamos a nosa débeda. Imaxina o grande que é! Pero cando Xehová nos perdoa, é coma se a cancelase. Ademais, non nos pide contas polos pecados que xa nos perdoou. Igual que unha persoa está moi feliz cando cancelan as súas débedas, nós tamén o estamos cando Xehová nos perdoa. w25.02 páx. 10 pars. 9, 10
Sábado 23 de maio
Non son os fillos os que teñen que aforrar para os pais, senón os pais para os fillos (2 Cor. 12:14).
Os pais quizais necesitan recibir axuda práctica cando se fan maiores, e moitos fillos están encantados de dárllela (1 Tim. 5:4). Pero os pais cristiáns recoñecen que a súa maior alegría non vén de criar fillos coa perspectiva de que estes os coiden economicamente, senón que vén de axudarlles a que cheguen a ser servos de Xehová (3 Xoán 4). Co teu exemplo, ensínalles ós teus fillos a confiar en Xehová ó mesmo tempo que lles axudas a prepararse para coidar de si mesmos. Dende que son noviños, demóstralles o beneficioso que é traballar duro (Prov. 29:21; Ef. 4:28). A medida que van medrando, axúdalles a esforzarse por cumprir ben coas súas obrigacións no colexio. Podes buscar principios bíblicos e despois axudarlles ós teus fillos a tomar boas decisións sobre a educación segrar que van escoller. O teu obxectivo é que poidan ser capaces de cubrir as súas propias necesidades e tamén que teñan tempo para participar plenamente na predicación, ou incluso ser pioneiros. w25.03 páxs. 30-31 pars. 15, 16
Domingo 24 de maio
Debedes poñervos a nova personalidade (Ef. 4:24).
Isaías capítulo 65 contén a descrición que fai Xehová de como sería a vida para aqueles que formasen parte do paraíso espiritual. O primeiro cumprimento desta profecía foi no ano 537 a. n. e. Nese tempo, os xudeus arrepentidos foron liberados do seu cativerio en Babilonia e volveron á súa terra. Xehová bendiciu o seu pobo e axudounos a reconstruír a cidade de Xerusalén para que fose fermosa outra vez. Tamén se restaurou o seu templo para que volvese ser o centro da adoración pura en Israel (Is. 51:11; Zac. 8:3). O segundo cumprimento da profecía de Isaías comezou no ano 1919 n. e., cando os servos de Xehová de tempos modernos foron liberados de Babilonia a Grande. A partir de aí, o paraíso espiritual empezou a estenderse pouco a pouco por todo o mundo. Os entusiastas proclamadores do Reino empezaron a formar moitas congregacións e a demostrar cualidades cristiás. Homes e mulleres que antes eran violentos e levaban unha vida inmoral cambiaron a súa personalidade e vestíronse do “home novo, creado a imaxe de Deus”. w24.04 páxs. 20-21 pars. 3, 4
Luns 25 de maio
Cada un levará a súa propia carga de responsabilidade (Gál. 6:5).
Nalgúns lugares, quizais se espere que os pais ou outros adultos escollan unha parella para os seus familiares solteiros. E noutros sitios, a familia ou os amigos do solteiro búscanlle un posible cónxuxe e fan os preparativos para que se coñezan e decidan se queren empezar a saír xuntos. Se che piden que escollas un noivo ou un cónxuxe para alguén, ten en conta as preferencias e as necesidades das dúas persoas implicadas. Cando encontres alguén que penses que é adecuado para o teu familiar ou amigo, asegúrate de coñecelo ben. Fíxate na súa personalidade, en cales son as súas cualidades e, sobre todo, en se é unha persoa espiritual. Unha boa relación con Xehová é moito máis importante que os cartos, a educación ou a posición social. Pero recorda que a irmá e o irmán solteiros son os que deberían tomar a decisión final sobre se van casar ou non. w24.05 páx. 23 par. 11
Martes 26 de maio
O verdadeiro amigo ama en todo momento (Prov. 17:17).
Podemos apoiar as parellas de noivos se temos coidado co que dicimos ou deixamos de dicir. Ás veces necesitaremos ter autocontrol para non dicir nada (Pr. 12:18). Por exemplo, quizais esteamos desexando contarlles a outros que unha parella empezou a saír, pero poida que sexan eles mesmos os que queiran dar a noticia. Non deberiamos andar falando por aí deles nin criticalos por asuntos que son de decisión persoal (Prov. 20:19; Rom. 14:10; 1 Tes. 4:11). Tampouco estaría ben facerlles comentarios ou preguntas que insinúen que deberían casar. E que pasa se deciden romper a súa relación? Non deberiamos facerlles preguntas persoais nin botarlle a culpa a ningún deles (1 Ped. 4:15). O feito de que unha parella deixe de saír non ten por que significar que fracasasen. Moitas veces a ruptura simplemente se debe a que a relación cumpriu o seu propósito: axudarlles a tomar unha boa decisión. Aínda así, é posible que despois de romper estean tristes. Así que poderiamos buscar maneiras de apoialos. w24.05 páx. 31 pars. 15, 16
Mércores 27 de maio
Se te desanimas nos momentos difíciles, faltaranche as forzas (Prov. 24:10).
Hai poucas probas que nos desanimen tanto como que un familiar ou un bo amigo deixe a Xehová (Sal. 78:40). E canto máis estreita sexa a nosa relación coa persoa, máis complicado se nos fará soportar esa situación. Se pasaches por algo tan doloroso coma isto, o exemplo de lealdade de Sadoc pode fortalecerte. El mantívose leal a Xehová cando o seu bo amigo Abiatar decidiu non facelo. Isto pasou cando o rei David estaba a punto de morrer e o seu fillo Adonías intentou quedar co trono que Xehová lle prometera a Salomón (1 Crón. 22:9, 10). Abiatar decidiu apoiar a Adonías (1 Reis 1:5-8). Ó facer isto non só lle estaba sendo desleal a David e a Sadoc, senón tamén a Xehová. Durante anos, Sadoc e Abiatar serviran xuntos como sacerdotes (2 Sam. 8:17; 15:29; 19:12-15 [19:11-14, TNM]). w24.07 páx. 6 pars. 14, 15
Xoves 28 de maio
O home que sempre está en garda é feliz (Prov. 28:14).
Podemos estar seguros de que vale a pena o esforzo de manternos alerta ante as tentacións. É certo que o pecado pode ofrecer un “pracer pasaxeiro”, pero vivir como Xehová quere fainos moito máis felices (Heb. 11:25; Sal. 19:9 [19:8, TNM]). Isto é así porque, ó fin e ó cabo, estamos feitos para vivir segundo as súas normas (Xén. 1:27). Desta maneira, desfrutaremos dunha conciencia tranquila e poderemos vivir para sempre (1 Tim. 6:12; 2 Tim. 1:3; Xud. 20, 21). É certo, “a carne é débil” (Mat. 26:41). Pero isto non significa que non poidamos facer nada para loitar contra as nosas debilidades. Xehová sempre está listo para darnos as forzas que necesitamos (2 Cor. 4:7). Ten en conta que a forza que Xehová che dá é a extraordinaria. Pero, para recibir esa forza que vai máis alá do normal, primeiro debemos poñer nós a forza normal, é dicir, facer todo o que poidamos cada día para loitar contra as tentacións. Xehová contestará as nosas oracións e nos dará a axuda que necesitamos (1 Cor. 10:13). Está claro que, grazas a Xehová, poderemos manternos alerta e protexernos das tentacións. w24.07 páx. 19 pars. 19-21
Venres 29 de maio
Censura diante de tódolos presentes ós que practican o pecado (1 Tim. 5:20).
O apóstolo Paulo díxolle a Timoteo, que tamén era ancián, que censurase os pecadores “diante de tódolos presentes”, tal e como menciona o texto de hoxe. A quen se refería? Non necesariamente a toda a congregación, senón ós poucos irmáns que quizais xa saiban o que fixo o pecador, sexa porque o viron cos seus propios ollos ou porque el mesmo llelo confesou. De maneira discreta, os anciáns diranlles só a estes irmáns que o asunto se atendeu e que o pecador foi corrixido. Nalgúns casos, o pecado é amplamente coñecido na congregación ou é probable que chegue a selo. Entón os “presentes” serían toda a congregación. Así que un ancián anunciaríalle á congregación que o irmán ou a irmá foi censurado. Para que? Paulo explicou: “Para que lles sirva de advertencia ós demais” e non cometan un pecado grave. w24.08 páx. 24 pars. 16, 17
Sábado 30 de maio
Estas son as palabras verdadeiras de Deus (Apoc. 19:9).
Temos que estar ocupados no noso servizo a Xehová ata que chegue o fin. Os unxidos deben manterse alerta para ser levados e así recibir a súa recompensa celestial (Mat. 24:40). Teñen moitas ganas de que chegue a súa “xuntanza con el” nos ceos. Despois da guerra de Armaxedón serán a noiva de Xesús na voda do Año (2 Tes. 2:1). Aínda que o momento do xuízo se está acercando rapidamente, non hai por que ter medo. Se nos mantemos fieis, o noso amoroso Pai celestial daranos “esa forza tan extraordinaria” para que poidamos “estar de pé diante do Fillo do Home”, é dicir, ser xulgados de maneira favorable (2 Cor. 4:7; Luc. 21:36). Sen importar se temos a esperanza de vivir na Terra ou de ir ó ceo, alegraremos moito o noso Deus se lles facemos caso ás advertencias que nos deu Xesús mediante as comparacións. Grazas a que Xehová é tan bo, os nosos nomes estarán “inscritos no libro” da vida (Dan. 12:1; Apoc. 3:5). w24.09 páxs. 24-25 pars. 19, 20
Domingo 31 de maio
O meu ben é estar cerca de Deus (Sal. 73:28).
Ti podes encontrar paz mental coa axuda da Biblia. Como? Fixándote no valor do que tes, como a aprobación de Xehová, e comparándoo co futuro que lles espera ós que só recibirán as recompensas que este mundo pode ofrecer. Para a maioría dos que non serven a Xehová o máis importante é ter un bo traballo e unha vida cómoda, porque non poden esperar nada máis do futuro. Pero no teu caso é moi diferente. Non só tes as cousas boas que Deus che dá agora, senón que el tamén che promete que desfrutarás para sempre de bendicións que nin sequera podes imaxinar (Sal. 145:16). Ademais, podemos realmente saber como sería a nosa vida se, no pasado, tomásemos decisións diferentes? Unha cousa está clara: os que deciden baseándose no seu amor por Xehová e polos demais nunca se perden nada que realmente sexa bo, porque teñen as cousas que lles dan a verdadeira felicidade. w24.10 páx. 27 pars. 12, 13