Xullo
Mércores 1 de xullo
Nunca vin un xusto abandonado (Sal. 37:25).
Algúns servos de Xehová non poden facer todo o que lles gustaría por culpa da idade, dunha discapacidade ou dos problemas de saúde. Por iso quizais sintan que non son importantes para Deus. É posible que se pregunten: “Son aínda útil para Xehová?”. Ó escritor do Salmo 71 pasáballe algo parecido. El orou: “Non me abandones cando me faltan as forzas” (Sal. 71:9, 18). Aínda así, seguiu estando convencido de que, se servía fielmente a Xehová, El guiaríao e apoiaríao. O salmista aprendeu que a Deus o fai moi feliz ver que alguén dá o mellor de si a pesar das súas limitacións (Sal. 37:23-25). E que hai se es un irmán maior? Pensa en como te ve Xehová. Para el é posible axudarche a seguir crecendo espiritualmente a pesar das túas limitacións físicas (Sal. 92:13-16 [92:12-15, TNM]). En vez de centrarte no que xa non es capaz de facer, céntrate no que si. w24.10 páx. 28 pars. 14-16
Xoves 2 de xullo
No que ten que ver con comer comida que se ofreceu ós ídolos, sabemos que un ídolo non é nada (1 Cor. 8:4).
Ós cristiáns que non son maduros resúltalles difícil tomar unha decisión correcta cando non hai unha lei específica sobre ese asunto, senón que hai que razoar baseándose en principios bíblicos. Neses casos, algúns cren que poden facer o que lles apeteza. Outros prefiren que se poñan normas cando, en realidade, non é necesario. Por exemplo, parece que os cristiáns de Corinto lle pediron ó apóstolo Paulo que establecese unha pauta sobre se podían comer alimentos que se ofreceran a un ídolo. En vez de dicirlles o que tiñan que facer, Paulo mostroulles que cada un tiña dereito a decidir baseándose no que a súa conciencia lle permitise. El mencionoulles algúns principios que lles poderían axudar a tomar unha decisión que os deixase coa conciencia tranquila e que non fixese tropezar a outros (1 Cor. 8:7-9). Paulo ensinoulles ós cristiáns de Corinto a usar as Escrituras para tomar as súas propias decisións, en vez de simplemente buscar normas ou depender doutros. Desta maneira estáballes axudando a crecer espiritualmente para chegar a ser cristiáns maduros. w24.04 páx. 5 par. 14
Venres 3 de xullo
Eu, Xehová, son quen escruto as intencións, para lle dar a cada un conforme o seu comportamento (Xer. 17:10).
No tempo de Xonás, os ninivitas tiveron a oportunidade de arrepentirse. Ademais, recorda o que dixo Xesús sobre a “resurrección de condena”, ou de xuízo. Dixo que incluiría tamén “os que obraron o mal” (Xoán 5:29). Así que parece que tamén podería haber algunha esperanza para as persoas de Sodoma e Gomorra. É posible que polo menos algunhas delas resuciten, e que teñamos a oportunidade de ensinarlles sobre Xehová e Xesucristo. Xehová sempre analiza “as intencións” e “examina os sentimentos”. Así que, cando decide a quen vai resucitar, el sempre lle dá “a cada un conforme o seu comportamento”. Xehová será firme cando sexa necesario, pero misericordioso sempre que sexa posible. Polo tanto, nunca deberiamos supoñer que alguén non ten esperanza de resucitar, a menos que o saibamos con seguridade porque o diga a Biblia. w24.05 páxs. 5-6 pars. 15, 16
Sábado 4 de xullo
Non teñas medo. Eu son quen te axuda (Is. 41:13).
Ó longo da historia, a mensaxe de Deus fortaleceu os seus servos cando tiveron que cumprir con tarefas difíciles. Pensa por exemplo no profeta Xeremías. El púxose moi nervioso cando Xehová lle dixo que tiña que predicar. Por iso dixo: “Repara en que non sei falar, que son un rapaz” (Xer. 1:6). Que lle axudou a superar a súa falta de confianza? O que Deus lle dixera deulle o valor que necesitaba. Xeremías escribiu: “A súa palabra vólvese coma un lume abrasador no meu corazón, un lume prendido nos meus ósos; fago forza por apagalo, pero non son capaz” (Xer. 20:8, 9). Aínda que a este profeta lle tocou un territorio difícil, a mensaxe que Deus lle mandara proclamar deulle as forzas que necesitaba para levar a cabo a súa tarefa. A mensaxe que se encontra na Palabra de Deus tamén lles dá valor ós cristiáns. O apóstolo Paulo díxolles a aqueles irmáns que ter coñecemento exacto os motivaría a facer as cousas como Xehová quere. E tamén lles axudaría a seguir dando “coma froitos toda clase de obras boas” (Col. 1:9, 10). w24.04 páxs. 14-15 pars. 2-4
Domingo 5 de xullo
O sacerdote Sadoc unxiu a Salomón (1 Reis 1:39).
A pesar da decisión que tomou o sumo sacerdote Abiatar de apoiar a Adonías —o fillo de David— no seu plan para facerse co trono, Sadoc seguiu sendo leal a Xehová. Como David sabía que podía confiar nel, cando se deu conta da rebelión de Adonías, escolleuno a el xunto con Natán e Benaías para que nomeasen rei a Salomón (1 Reis 1:32-34). Seguramente a Sadoc animouno moito ver o exemplo doutros servos de Xehová como Natán, que tamén se mantivo leal a Deus e apoiou o rei David. Cando Salomón chegou a ser rei puxo o “sacerdote Sadoc no posto de Abiatar” (1 Reis 2:35). Como podes imitar a Sadoc? Se alguén a quen queres moito decide abandonar a Xehová, deixa claro de que lado estás (Xos. 24:15). Podes ter a seguridade de que Xehová che dará as forzas e o valor que necesitas para facelo. Así que óralle e mantente cerca dos que tamén lle son leais. El valora moito a túa fidelidade e vaite recompensar (2 Sam. 22:26). w24.07 páxs. 6-7 pars. 16, 17
Luns 6 de xullo
Non deixemos de facer o que está ben (Gál. 6:9).
O Salmo 15:2 di que Deus é amigo de “aquel que anda rectamente e practica a xustiza”. Os termos “anda” e “practica” dan a entender que a acción é constante e progresiva. Pero é posible para nós andar “rectamente”? Claro que si. Aínda que ningún ser humano é perfecto, Xehová veranos como alguén que “anda rectamente” se facemos todo o posible por obedecelo. Dedicarse a Deus e bautizarse é só o principio. De feito, en tempos bíblicos, que alguén fose israelita non o convertía automaticamente en hóspede na tenda de Xehová. Algúns acudían a el pero “sen verdade e sen xustiza” (Is. 48:1). Aqueles que realmente querían ser os seus hóspedes tiñan que aprender as súas normas e seguilas. Do mesmo xeito, para ter a aprobación de Deus hoxe en día fai falta algo máis que bautizarse e dicir que somos testemuñas de Xehová. Debemos seguir practicando “a xustiza”. w24.06 páx. 9 par. 4; páx. 10 par. 6
Martes 7 de xullo
Imitade a Deus (Ef. 5:1).
De que maneiras demostra Xehová a súa xenerosidade? Vexamos algúns exemplos. Xehová dános as cousas materiais que necesitamos. Quizais non levemos unha vida luxosa pero, grazas a el, sempre temos o necesario. Por exemplo, fai posible que teñamos comida, roupa e un lugar onde durmir (Sal. 4:9 [4:8, TNM]; Mat. 6:31-33; 1 Tim. 6:6-8). Coida Xehová de nós só porque se sente obrigado a facelo? Para nada! Fíxate nas palabras rexistradas en Mateo 6:25, 26. Falando dos paxaros, Xesús dixo: “Nin sementan, nin segan, nin gardan comida en almacéns”. Pero mira o que dixo despois: “O voso Pai celestial dálles de comer”. E a continuación preguntou: “Non valedes vós máis ca eles?”. Cal é a idea? Se coida dos animais, podemos estar seguros de que tamén nos dará a nós o que necesitamos. Igual que un pai cariñoso, Xehová coida da súa familia por amor (Sal. 145:16; Mat. 6:32). w24.09 páxs. 26-27 pars. 4-6
Mércores 8 de xullo
Os homes que cumpren ben co seu servizo conseguen unha boa reputación e poden falar con moita liberdade sobre a fe que teñen en Cristo Xesús (1 Tim. 3:13).
Un servo ministerial é un irmán bautizado e nomeado por espírito santo para axudarlles ós anciáns de moitas maneiras prácticas e importantes. Os servos ministeriais son homes espirituais que aman a Xehová e que seguen as súas xustas normas. Tamén senten un profundo amor polos seus irmáns (Mat. 22:37-39). Como pode un cristián bautizado chegar a ser servo ministerial? A Biblia menciona os requisitos que necesita cumprir un irmán para poder ser nomeado servo ministerial (1 Tim. 3:8-10, 12). Se tes o desexo de axudar desta maneira, aprende todo o que poidas acerca destes requisitos e despois esfórzate por alcanzalos. Pero primeiro debes pensar moi ben en cal é a túa motivación para ser servo ministerial. w24.11 páxs. 14-15 pars. 4, 5
Xoves 9 de xullo
Non a aceptastes coma se fose a palabra de homes, senón como o que de verdade é: a palabra de Deus (1 Tes. 2:13).
Algúns afirman que leron a Biblia moitas veces. Pero, cren realmente nela? Intentaron vivir de acordo co que ensina e cambiar a súa vida? Tristemente, a maioría destas persoas non o fixeron. Pero os servos de Xehová vemos a Biblia de maneira distinta. Esforzámonos por aplicar os seus consellos. Aínda así, non sempre é fácil ler e aplicar o que di a Biblia. Ás veces pode custarnos encontrar tempo para facelo. Ou é posible que leamos a un ritmo moi rápido que non nos permita pensar no que estamos lendo. Tamén pode ser que nos sintamos frustrados ó ver todo o que temos que mellorar. Sen importar cales sexan os desafíos, é posible superalos coa axuda de Xehová. Así que decídete a converterte nun cumpridor da Palabra. Podemos estar seguros de que, canto máis leamos a Biblia e a poñamos en práctica na nosa vida, máis felices seremos (Sant. 1:25). w24.09 páx. 7 pars. 15, 16
Venres 10 de xullo
Seguide pedindo e recibiredes (Luc. 11:9).
Por medio do seu espírito santo, Xehová consólanos cando sufrimos un trauma ou unha perda. Se estás pasando por unha situación moi angustiosa, cóntalle a Xehová como te sentes tódalas veces e durante todo o tempo que necesites (Sal. 86:3; 88:2 [88:1, TNM]). Pídelle unha e outra vez o seu espírito santo. El nunca ignorará as túas peticións. Pasaches por algunha proba difícil e sentes que tes poucas forzas para seguir adiante? O espírito santo pode darche o poder que necesitas para continuar servindo a Xehová fielmente (Ef. 3:16). Despois de pedirlle a Xehová que che dea o seu espírito, que deberías facer? Participar en actividades que che axuden a recibir máis espírito santo. Por exemplo, le a Palabra de Deus tódolos días, asiste ás reunións e predica. Isto axudarache a encher a mente cos seus pensamentos (Filip. 4:8, 9). Mentres les, fíxate en personaxes da Biblia que pasaron por probas e medita en como Xehová lles axudou a aguantar. w24.10 páx. 9 pars. 12-14
Sábado 11 de xullo
Deus amou tanto o mundo (Xoán 3:16).
Igual que Xehová e o seu Fillo, nós tamén amamos as persoas (Prov. 8:31). Sentimos unha profunda compaixón polos que están “sen Deus” e “sen esperanza” (Ef. 2:12). As persoas do mundo afogan nos problemas, e nós temos o salvavidas que necesitan: as boas noticias do Reino de Deus. O amor e a compaixón que sentimos por eles motívannos a esforzarnos moito por predicarlles. Esta fermosa mensaxe pode enchelos de esperanza, axudarlles a ter a mellor vida posible xa agora e darlles a oportunidade de desfrutar da “verdadeira vida”: a vida eterna no novo mundo de Deus (1 Tim. 6:19). O amor que sentimos polas persoas tamén nos motiva a advertilas de que o fin deste sistema malvado está cerca (Ezeq. 33:7, 8). Queremos que saiban o que ocorrerá durante a gran tribulación. Primeiro acabarase coa relixión falsa. E despois todo o sistema malvado no que vivimos tamén será destruído no Armaxedón (Apoc. 16:14, 16; 17:16, 17; 19:11, 19, 20). w24.05 páx. 16 pars. 8, 9
Domingo 12 de xullo
Meus queridos irmáns, non vos vinguedes. En vez diso, deixádeo en mans da ira de Deus. Porque está escrito: “‘A vinganza é miña. Eu dareilles o que merecen’, di Xehová” (Rom. 12:19).
De quen era a ira á que se estaba referindo o apóstolo Paulo cando lles dixo ós cristiáns: “Deixade máis ben que actúe a ira”? Polo contexto sabemos que é a de Xehová. Permitimos que actúe a súa ira cando deixamos que sexa el quen decida cando e como se vai facer xustiza. Despois de que tratasen mal un irmán chamado John, el conta: “Tiven que loitar contra o impulso de corrixir as cousas á miña maneira. O texto de Romanos 12:19 axudoume a ser paciente e a confiar en Xehová”. Esperar a que Xehová actúe benefícianos. Ó facelo, evitamos o estrés e a frustración de intentar resolver o problema nós mesmos. Xehová ofrécenos a súa axuda. É coma se nos dixese: “Déixame a inxustiza a min, que eu me encargo”. Se confiamos na súa promesa de darlles o seu merecido ós que tratan mal a outros, non temos por que seguir estando enfadados, porque sabemos que el fará o correcto. w24.11 páx. 6 pars. 14, 15
Luns 13 de xullo
Dános cada día o pan que necesitamos para ese día (Luc. 11:3).
Debemos poñer as cousas materiais no lugar que lles corresponde. Podemos ver isto nas palabras que o apóstolo Paulo lles escribiu ós cristiáns. El fixo referencia ó mal exemplo dos israelitas cando estaban no deserto, incluído o que fixeron cerca do Monte Sinaí, e advertiulles os cristiáns que non desexasen cousas prexudiciais como fixeran os israelitas (1 Cor. 10:6, 7, 11). Xehová provéralles alimento milagrosamente ós israelitas pero, polos seus desexos egoístas, isto convertérase en algo malo para eles (Núm. 11:4-6, 31-34). Cando veneraron o becerro de ouro, demostraron que estaban máis preocupados por comer, beber e pasalo ben que por obedecer a Xehová (Éx. 32:4-6). Paulo citou destes sucesos como unha advertencia para os cristiáns que vivían antes do final do sistema xudeu, no ano 70 n. e. Nós tamén vivimos cerca do final dun sistema, da destrución deste mundo, así que facemos ben en tomar en serio o consello de Paulo. w24.12 páx. 6 par. 13
Martes 14 de xullo
Goza coa compañeira da túa mocidade (Prov. 5:18).
Xehová é o “Deus feliz” e quere que nós tamén sexamos felices (1 Tim. 1:11, TNM). Por iso nos deu moitos regalos que nos permiten desfrutar da vida (Sant. 1:17). Un deles é o matrimonio. O día da voda, a muller e o home prometen quererse, respectarse e valorarse un ó outro. Cando ambos cónxuxes se seguen amando, os dous poden ser moi felices. Tristemente, moitos matrimonios da actualidade esquécense das promesas que fixeron o día da súa voda. Como resultado, non son felices. Como espera Xehová que un home trate a súa muller? Xehová pídelles ós homes que respecten a súa muller. Un marido que fai isto trátaa de maneira amable e cariñosa (1 Ped. 3:7). w25.01 páx. 8 pars.1, 2; páx. 9 pars. 4, 5
Mércores 15 de xullo
Xehová é o meu axudante. Non vou ter medo (Heb. 13:6).
Está claro que a carta do apóstolo Paulo ós hebreos axudoulles ós cristiáns do primeiro século a prepararse para a tribulación á que se enfrontarían. O apóstolo animou os seus irmáns a estudar en profundidade as Escrituras para entendelas mellor. Isto prepararíaos para recoñecer e rechazar as ensinanzas que poderían debilitalos espiritualmente. Tamén os animou a fortalecer a súa fe para que puidesen seguir rapidamente as instrucións de Xesús e dos que dirixían a congregación. Ademais, axudoulles a seguir aguantando as probas ó facer que as visen coma unha preparación de parte do seu Pai celestial. Nós tamén podemos aplicar este consello inspirado da Palabra de Deus. Desta maneira seremos capaces de aguantar fielmente ata o fin (Heb. 3:14). w24.09 páx. 13 pars. 17, 19
Xoves 16 de xullo
Fomos santificados mediante o corpo de Xesucristo, que foi ofrecido unha vez e para sempre (Heb. 10:10).
Segundo a Biblia, Xehová decidiu que se tiña que pagar un rescate para que os nosos pecados fosen perdoados e para que puidésemos ser os seus amigos. E cal era o prezo dese rescate? Recordemos que Adán e Eva perderan a súa vida perfecta e a esperanza de vivir para sempre. Así que, para que os humanos puidésemos recuperar o perdido, o rescate tiña que ter o mesmo valor (1 Tim. 2:6). Só podería pagalo un home adulto que 1) fose perfecto, 2) puidese vivir para sempre na Terra e 3) estivese disposto a sacrificar a súa vida por nós. Vexamos tres razóns polas que Xesús puido pagar o prezo deste rescate. 1) El era perfecto, é dicir “non fixo pecado” (1 Ped. 2:22). 2) Por esta razón tiña a posibilidade de vivir para sempre na Terra. 3) Estaba disposto a morrer e a facer ese sacrificio por nós (Heb. 10:9). w25.02 páxs. 4-5 pars. 11, 12
Venres 17 de xullo
Deus dá o seu espírito con xenerosidade (Xoán 3:34).
Xehová quérete e desexa que formes parte da súa familia. Isto é así sen importar as dificultades que teñas para poder bautizarte. Xesús díxolle o seguinte a un grupo de discípulos seus do primeiro século: “Se a vosa fe é do tamaño dun gran de mostaza, dirédeslle a esta montaña ‘Móvete de aquí para alí’ e moverase. E nada será imposible para vós” (Mat. 17:20). Os que escoitaron estas palabras levaban poucos anos con Xesús, así que a súa fe aínda estaba medrando. Pero Xesús aseguroulles que, se conseguían ter unha fe forte, Xehová axudaríalles a mover obstáculos parecidos a montañas. A ti tamén che axudará a conseguir o mesmo! Se hai algo na túa vida que che está impedindo bautizarte, actúa inmediatamente para superalo. Dedícate a Xehová e bautízate. Non hai decisión mellor ca esta! w25.03 páx. 7 pars. 18-20
Sábado 18 de xullo
Xehová está comigo: non teño cousa que temer (Sal. 118:6).
Nós seremos capaces de facerlles fronte ás probas con éxito se recordamos que o Deus vivo está disposto a axudarnos. Podemos fortalecer a nosa confianza en Xehová recordando as cousas que fixo no pasado (Is. 37:17, 33-37). Tamén podemos analizar artigos en jw.org que demostren como apoia a irmáns nosos na actualidade. Ademais é bo que recordemos momentos nos que Xehová nos axudou a nós persoalmente. Claro, quizais non teñas experiencias espectaculares, pero non importa. Por que? Porque o certo é que Xehová fixo moitas cousas por ti. De feito, foi el quen che ofreceu a súa amizade (Xoán 6:44). Así que, por que non lle pides que che axude a recordar situacións nas que respondeu as túas oracións, che deu xusto o que necesitabas no momento preciso ou coidou de ti cando pasaches por circunstancias difíciles? Meditar nisto fortalecerá a túa confianza en que Xehová seguirá sempre ó teu lado dándoche a súa axuda. w24.06 páx. 21 par. 8
Domingo 19 de xullo
A morte estendeuse a tódolos homes, porque todos pecaran (Rom. 5:12).
É posible que esteamos decididos a non facer nada que nos aparte de Xehová. Pero somos imperfectos e é fácil que nos sintamos tentados a facer o que está mal (Rom. 7:21-23). De repente, poderiamos vernos nunha situación na que facer algo malo nos resulte atraente. Se queremos ser leais a Xehová e ó seu Fillo temos que seguir o consello de Xesús de manternos sempre despertos para non caer na tentación e pecar. Todos nos enfrontamos á tentación de pecar, pero cada un de nós temos os nosos puntos débiles que nos poderían levar máis facilmente a facer algo malo. Por exemplo, unha persoa podería estar loitando contra a tentación de cometer inmoralidade sexual. Outra quizais sinta o desexo de facer cousas impuras como masturbarse ou ver pornografía. E outra podería estar loitando contra o orgullo, o mal carácter, ou o temor ó home. w24.07 páx. 14 par. 3; páx. 15 par. 5
Luns 20 de xullo
Debedes perdoalo con bondade e consolalo para que non se sinta totalmente afundido por estar demasiado triste (2 Cor. 2:7).
Que pasaría se os anciáns non lle permitisen a unha persoa que está realmente arrepentida volver á congregación despois de arrepentirse, ou se os irmáns non o tratasen con cariño? Este home podería sentirse “totalmente afundido por estar demasiado triste”. Podería pensar que era un caso perdido ou incluso deixar de esforzarse por recuperar a súa amizade con Xehová. E iso non é o peor. Se os irmáns da congregación se negasen a perdoar o pecador arrepentido, estarían poñendo en perigo a súa propia amizade con Deus. Por que? Porque non estarían reflectindo a actitude de Xehová, que está disposto a perdoar os pecadores que se arrepinten, senón a de Satanás, que é duro e cruel. De feito, estarían converténdose en ferramentas que o Demo podería usar para destruír a espiritualidade dese home (2 Cor. 2:10, 11; Ef. 4:27). w24.08 páx. 17 pars. 7, 10, 11
Martes 21 de xullo
Cando el subiu ó alto, deu homes como regalos (Ef. 4:8).
Xesús tamén nomeou irmáns que axudan á congregación doutra maneira. El usou os anciáns de Xerusalén para enviar a Paulo, a Bernabé e a outros como superintendentes viaxantes (Feit. 11:22). Por que? Pola mesma razón pola que se nomeou servos ministeriais e anciáns: fortalecer as congregacións (Feit. 15:40, 41). Os superintendentes de circuíto están viaxando continuamente. Algúns desprázanse centos de quilómetros para visitar as diferentes congregacións. Cada semana dan varios discursos, asisten a visitas de pastoreo e dirixen diferentes reunións, como as da predicación, a de pioneiros e a dos anciáns. Tamén preparan discursos e organizan congresos. Ademais, son instrutores do Curso para Pioneiros, fan os preparativos para a reunión especial cos pioneiros do circuíto e atenden outros asuntos importantes, ás veces urxentes, que lles manda a sucursal. w24.10 páxs. 21-22 pars. 12, 13
Mércores 22 de xullo
Eu perdoaréille-la súa iniquidade, e xa non me lembrarei máis dos seus pecados (Xer. 31:34).
Xehová díxolle a Xeremías as palabras do texto de hoxe. E Paulo citou estas palabras en Hebreos 8:12. Pero que significa isto realmente? Na Biblia, a expresión “lembrar” non sempre se refire a recordar algo que sucedeu no pasado. Tamén pode implicar facer algo, é dicir, actuar. O criminal que estaba colgado no madeiro ó lado de Xesús pediulle: “Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei” (Luc. 23:42, 43). Aquel home non só lle estaba pedindo que, chegado o momento, pensase nel. A resposta de Xesús indica que actuaría e o resucitaría. Así que, cando Xehová nos di que non lembra os nosos pecados, significa que non actuará en contra nosa. Non nos castigará no futuro polos pecados que xa nos perdoou. w25.02 páx. 11 pars. 14, 15
Xoves 23 de xullo
O coñecemento do Santísimo é entendemento (Prov. 9:10).
O verdadeiro entendemento vén de coñecer as cualidades de Deus, o seu propósito e o que el ama ou odia. Pregúntate: “Co que sei sobre Xehová, que decisión lle gustará máis?” (Ef. 5:17). Ás veces, para facer as cousas que lle gustan a Xehová temos que decepcionar os que nos rodean. Por exemplo, quizais uns pais con boas intencións insistan en que a súa filla adulta case cun home que ten moitos cartos e que incluso poida coidar deles, aínda que non estea centrado na súa relación con Deus. É normal que queiran que a súa filla teña unha vida cómoda, pero ela debería preguntarse se ese home lle axudará a ser unha cristiá máis madura. Como ve Xehová este asunto? Encontramos a resposta en Mateo 6:33. Alí pídesenos ós cristiáns que sigamos “buscando primeiro o Reino”. Aínda que honramos os nosos pais e respectamos as persoas da zona onde vivimos, o máis importante para nós é facer feliz a Xehová. w25.01 páx. 17 pars. 9, 10
Venres 24 de xullo
O Señor si que estivo ó meu lado e deume as forzas (2 Tim. 4:17).
Como hoxe en día moitos se opoñen á nosa predicación, necesitamos a axuda de Xehová para seguir predicando con entusiasmo (Apoc. 12:17). Por que podes estar seguro de que el che axudará? Pensa na oración de Xesús que aparece no capítulo 17 de Xoán. El pediulle a Xehová que mirase polos apóstolos, e Xehová respondeulle. O libro de Feitos mostra como lles axudou a predicar con entusiasmo a pesar da persecución. Naquela oración, Xesús tamén lle pediu que coidase dos que puxesen fe nel grazas á predicación dos apóstolos. E isto inclúete a ti. Deus non deixou de contestar á oración do seu Fillo, así que che axudará a ti igual que fixo cos seus servos fieis do pasado (Xoán 17:11, 15, 20). A medida que se achega o fin, é posible que sexa máis difícil predicar as boas noticias con entusiasmo, pero recibiremos todo o apoio necesario (Luc. 21:12-15). w25.03 páx. 18 pars. 13, 14
Sábado 25 de xullo
Os meus servos exultarán con corazón ledicioso (Is. 65:14).
Os servos de Deus senten unha inmensa alegría porque o seu corazón está cheo de agradecemento. Na Biblia encontramos verdades animadoras e promesas consoladoras. Tamén nos dá unha esperanza sólida baseada no sacrificio de rescate de Cristo. Todo isto fai que teñamos un “corazón ledicioso”. E falar sobre todas estas bendicións fainos moi felices (Sal. 34:9 [34:8, TNM]; 133:1-3). As dúas características principais do paraíso espiritual son o amor e a unidade que hai entre o pobo de Xehová. Este “lazo que todo o une” axúdanos a imaxinar como será a vida no novo mundo, cando os servos de Xehová desfruten de aínda máis amor e unidade que agora (Col. 3:14). Para sentir verdadeira felicidade e satisfacción é necesario formar parte do noso paraíso espiritual. Non importa o que este mundo pense dos que servimos a Deus, porque o importante é que teñamos un bo nome, ou boa reputación, ante o noso Pai e ante tódolos que o adoran (Is. 65:15). w24.04 páx. 21 pars. 7, 8
Domingo 26 de xullo
Seguide fortalecéndovos uns ós outros (1 Tes. 5:11).
Como podemos todos nós apoiar os cristiáns solteiros que queren casar? Unha maneira é tendo coidado co que dicimos (Ef. 4:29). Poderiamos preguntarnos: “Métome cos que queren casar facendo comentarios que poderían resultar ofensivos? Cando vexo a dous solteiros falando, dou por feito que teñen interese romántico un no outro?” (1 Tim. 5:13). Ademais, nunca lle deberiamos facer sentir a ninguén que, por ser solteiro, dalgunha maneira está incompleto ou é inferior ós que están casados. É moito mellor buscar oportunidades para felicitalos! E que pasa se pensas que un irmán e unha irmá farían boa parella? A Biblia di que teñamos en conta os sentimentos dos demais (Rom. 15:2). Moitos solteiros non queren que outros lles presenten posibles cónxuxes, e deberiamos respectar os seus desexos (2 Tes. 3:11). Outros quizais si agradezan a nosa axuda pero, aínda así, non deberiamos facer nada se non nolo piden (Prov. 3:27). w24.05 páxs. 24-25 pars. 14, 15
Luns 27 de xullo
O noso Penedo non é coma o seu penedo (Deut. 32:31).
Vivimos nun mundo no que os problemas inesperados poden crearnos dificultades ou incluso cambiar completamente a nosa vida. Canto agradecemos poder contar coa axuda de Xehová Deus! Cando vemos o seu apoio convencémonos aínda máis de que “Xehová vive!” (Sal. 18:46, TNM). Pero xusto despois de dicir estas palabras, David chamoulle a Xehová “a miña Roca”. Por que compararía el a Xehová cun obxecto inanimado como unha roca? A Biblia compara a Xehová cunha “roca” ou “penedo” para axudarnos a entender algunhas das súas cualidades. Moitas veces utilízase esta comparación en pasaxes da Biblia nos que se louva a Xehová e se destaca que non hai Deus coma el. Aparece por primeira vez en Deuteronomio 32:4. Tamén a utilizou Ana cando, nunha oración, dixo: “Non hai rocha coma o noso Deus!” (1 Sam. 2:2). Noutra ocasión, Habacuc chamou a Xehová “Penedo” (Hab. 1:12). O escritor do Salmo 73 dixo: “Deus é [...] a miña rocha” (Sal. 73:26). E incluso Xehová utilizou esta comparación para describirse a si mesmo (Is. 44:8). w24.06 páx. 26 pars. 1, 3
Martes 28 de xullo
Ioxafat serviu a Xehová de todo corazón (2 Crón. 22:9).
Os reis de Israel que fixeron feliz a Xehová adorárono cun corazón completo. Falando de Ioxías, a Biblia di: “Non houbera rei ningún, nin veu outro despois, que se convertese ó Señor coma el, de todo corazón” (2 Reis 23:25). E que hai de Salomón, quen ó final da súa vida fixo cousas malas? Ó falar do seu corazón, a Biblia di: “Non o tiña por enteiro co Señor” (1 Reis 11:4). E sobre Abías, outro rei infiel, a Palabra de Deus di: “O seu corazón non estivo enteiro co Señor” (1 Reis 15:3). A Biblia usa moitas veces a palabra corazón para falar da persoa interior, o que inclúe os seus desexos, pensamentos, actitude, motivacións e metas. Entón, que significa servir a Xehová cun corazón completo? Unha persoa cun corazón completo non adora a Deus só porque sabe que debe facelo. Máis ben, faino porque o ama de verdade e o respecta durante toda a súa vida. w24.07 páx. 21 pars. 4, 5
Mércores 29 de xullo
Borra as miñas culpas (Sal. 51:11 [51:9, TNM]).
Xehová utiliza unha comparación para describir como fai para borrar completamente os nosos pecados. El di: “Farei desaparecer as túas ofensas como se as cubrise unha nube, e os teus pecados como se os cubrise un nubarrón” (Is. 44:22, TNM). Cando Xehová perdoa, é coma se usase un nubarrón para esconder as nosas ofensas para que nin el nin nós poidamos velas. Que significa isto para nós? Que cando Xehová perdoa, non deberiamos seguir sentíndonos culpables polo que fixemos. As nosas débedas cancélanse por completo mediante o sangue de Xesucristo. Cando Xehová nos perdoa é coma se nunca cometésemos ese erro. Isto é o que significa o perdón verdadeiro que recibiremos de Xehová se nos arrepentimos dos nosos erros. A misericordia de Xehová permítenos ter unha boa relación con el e axúdanos a non seguir sentíndonos culpables. w25.02 páxs. 10-11 pars. 11-14
Xoves 30 de xullo
Deus está intentando guiarte con bondade cara ó arrepentimento (Rom. 2:4).
Os anciáns que serven en comités queren asegurarse de manter limpa a congregación porque é unha responsabilidade que lles deu Xehová (1 Cor. 5:7). Pero tamén desexan facer todo o posible para axudarlle ó cristián que pecou a arrepentirse, e por iso manteñen unha actitude optimista e positiva. Desa maneira imitan a Xehová, que é moi “compasivo e misericordioso” (Sant. 5:11). Fixémonos nestas cariñosas palabras que escribiu o apóstolo Xoán cando era moi maior: “Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non cometades ningún pecado. Pero, se alguén comete un pecado, temos un axudante que está xunto ó Pai: Xesucristo, que é xusto” (1 Xoán 2:1, TNM). Lamentablemente, hai ocasións nas que o cristián que cometeu un pecado grave se nega a arrepentirse. Se iso pasa, é necesario sacalo da congregación. w24.08 páx. 25 pars. 19, 20
Venres 31 de xullo
Estade firmes na fe (1 Cor. 16:13).
Quizais sintas a tentación de compararte con outros, pero non o fagas. Por que? Porque Xehová non fai este tipo de comparacións (Gál. 6:4). Por exemplo, María deulle a Xesús un frasco dun aceite perfumado moi caro (Xoán 12:3-5). Por outro lado, a viúva pobre só deu para o templo dúas moediñas de moi pouco valor (Luc. 21:1-4). Pero Xesús non comparou estas dúas mulleres. El viu o que fixeron cada unha delas coma unha mostra de fe. E como el imita á perfección o seu Pai, podes estar seguro de que Xehová valora moito todo o que fas por fe e por amor a el, incluso se sentes que é pouca cousa. Todos temos dúbidas ás veces. Pero a Biblia pode axudarnos a resolvelas. Deixa que a confianza substitúa a preocupación. Xehová coñécete persoalmente, ten en conta tódolos sacrificios que fas por el e está decidido a recompensarte. El quere e coida a cada un dos seus servos leais. w24.10 páx. 25 par. 3; páx. 29 pars. 17, 18