Abril
Mércores 1 de abril
Porque a vontade do meu Pai é que todo o que acepte ó Fillo e demostre que ten fe nel teña vida eterna (Xoán 6:40).
Para conseguir vida eterna, temos que ter fe no rescate (Ef. 1:7). É certo que ós que Xesús chamou “outras ovellas” non deben comer do pan nin beber do viño na Cea do Señor (Xoán 10:16). Pero, comen do “pan da vida” ó mostrar fe no sacrificio de rescate de Xesús e nas incribles cousas que este fai posible (Xoán 6:53). Pola contra, os que participan demostran que forman parte do novo pacto e teñen a esperanza de reinar no Reino celestial. Así que, tanto se somos unxidos como das outras ovellas temos que ter unha fe forte no rescate. w24.12 páx. 13 pars. 14, 16
Programa de lectura da Biblia para a Conmemoración: (durante o día 12 de nisán) Mateo 26:1-5, 14-16; Lucas 22:1-6
DÍA DA CONMEMORACIÓN
Despois da posta do Sol
Xoves 2 de abril
Non teñades medo, rabaño pequeno, porque o voso Pai quere darvos o Reino (Luc. 12:32).
Durante a Cea do Señor Xesús deulles ós seus apóstolos pan sen fermentar e díxolles que representaba o seu corpo. Despois pasoulles unha copa de viño para que bebesen e díxolles que representaba “o sangue do pacto” (Mar. 14:22-25; Luc. 22:20; 1 Cor. 11:24). El chamoulle o “novo pacto”, e só forman parte del os que gobernarán con Xesús no Reino (Heb. 8:6, 10; 9:15). O que Xesús dixo durante a Cea do Señor aplicáballe ó “rabaño pequeno”. Os primeiros en formar parte deste pequeno grupo foron os seus apóstolos fieis, que estaban alí con el. Eles son os que recibirán un lugar no ceo ó lado de Xesús. w24.12 páx. 11 pars. 9, 10
Programa de lectura da Biblia para a Conmemoración: (durante o día 13 de nisán) Mateo 26:17-19; Marcos 14:12-16; Lucas 22:7-13 (despois da posta do Sol do 14 de nisán) Xoán 13:1-5; 14:1-3
Venres 3 de abril
Porque Deus amou tanto o mundo que deu o seu Fillo unixénito para que quen demostre fe nel non sexa destruído, senón que teña vida eterna (Xoán 3:16).
Xesús foi traizoado, arrestado, insultado, calumniado, condenado e ata torturado. Por último, uns soldados cravárono a un madeiro para executalo. Xesús aguantou fielmente todo ese sufrimento, e a Xehová doeulle aínda máis ver o que lle estaba pasando ó seu Fillo. A pesar de que o amaba moitísimo e de que o seu poder é infinito, decidiu non intervir. Por que? Por amor. O sacrificio de Xesús demostra o moito que Xehová te quere a ti. Non te impresiona pensar en todo o que Deus estivo disposto a sacrificar e a sufrir para salvarte do pecado e da morte? (1 Xoán 4:9, 10). El quere axudarnos a todos e cada un de nós a loitar contra o pecado e a vencelo. w24.08 páx. 6 pars. 13, 14
Programa de lectura da Biblia para a Conmemoración: (durante o día 14 de nisán) Xoán 19:1-42
Sábado 4 de abril
Cristo sufriu por vós (1 Ped. 2:21).
Podemos entender mellor canto nos quere Xehová se pensamos en canto lle custou o rescate. Satanás dixo que ningún servo de Deus se mantería leal cando as cousas se lle puxesen difíciles. Para demostrar que isto é mentira, Xehová permitiu que Xesús sufrise antes de morrer (Xob 2:1-5). Deus viu como a xente se burlaba do seu querido Fillo e como os soldados o golpeaban e o cravaban nun madeiro. Finalmente viu como morría dunha maneira moi dolorosa (Mat. 27:28-31, 39). O certo é que Xehová tiña o poder para acabar con todo aquilo en calquera momento (Mat. 27:42, 43). Pero, se interviñese, non se pagaría o rescate e quedariamos sen esperanza. Así que Xehová permitiu que o seu Fillo sufrise ata o seu último alento. w25.01 páx. 22 par. 7
Programa de lectura da Biblia para a Conmemoración: (durante o día 15 de nisán) Mateo 27:62-66 (despois da posta do Sol do 16 de nisán) Xoán 20:1
Domingo 5 de abril
Eles vírono durante 40 días (Feit. 1:3).
Os discípulos de Xesús están moi tristes e cheos de medo. É o 16 de nisán do ano 33 n. e. Dous deles saen de Xerusalén e diríxense a Emaús. Un home acércaselles e ponse a camiñar con eles. Os discípulos cóntanlle as cousas terribles que lle pasaron a Xesús e entón teñen unha conversa que nunca esquecerán. Este home, “empezando por Moisés e tódolos Profetas”, explícalles por que o Mesías tería que sufrir e morrer. Cando os tres chegan a Emaús, o home descoñecido dilles quen é: Xesús resucitado (Luc. 24:13-35). Durante os 40 días que Xesús estivo na Terra antes de volver ó ceo, aparecéuselles ós seus discípulos moitas veces. Xesús aproveitou esas ocasións para animalos porque estaban moi tristes e tiñan medo. Grazas a isto recuperaron a alegría e tiveron o valor necesario para ir predicar as boas noticias do Reino. w24.10 páx. 12 pars. 1-3
Programa de lectura da Biblia para a Conmemoración: (durante o día 16 de nisán) Xoán 20:2-18
Luns 6 de abril
Fortalecédevos por medio da vosa fe santa (Xud. 20).
Co paso do tempo, un neno convértese en adulto automaticamente. Pero non pasa o mesmo coa madurez espiritual. Por exemplo, os irmáns de Corinto aceptaron as boas noticias, bautizáronse, recibiron o espírito santo e aprenderon moito do que o apóstolo Paulo lles ensinou (Feit. 18:8-11). Pero moitos aínda non eran maduros, e iso que xa pasaran anos dende que se bautizaran (1 Cor. 3:2). O primeiro paso para chegar a ser maduro é querer selo. Os que aman a “inxenuidade”, é dicir, os que prefiren ser coma nenos en sentido espiritual porque se senten cómodos tal e como están, nunca chegarán a ser maduros (Prov. 1:22). Non queremos ser coma alguén que é adulto fisicamente pero segue dependendo de seus pais para que tomen decisións por el. Máis ben, queremos ser responsables da nosa propia relación con Xehová . Se te estás esforzando por chegar a ser un cristián maduro, pídelle a Deus que che dea “tanto o querer coma o facer” (Filip. 2:13). w24.04 páx. 4 pars. 9, 10
Martes 7 de abril
Xehová non desexa que ninguén sexa destruído (2 Ped. 3:9).
Xehová explícanos como se sente cando xulga as persoas (Ezeq. 33:11). El non destrúe para sempre a alguén a non ser que teña unha razón de moito peso para facelo. El é moi misericordioso e demostra esta cualidade sempre que é posible. Que é o que si sabemos sobre as persoas que non van resucitar? A Biblia menciona tan só algúns exemplos. Xesús dixo que Xudas Iscariote non resucitará (Mar. 14:21; ver tamén a nota de estudo en Xoán 17:12, nwtsty-S). Este home sabía que o que estaba facendo ía en contra de Xehová e do seu Fillo, pero aínda así, fíxoo (Mar. 3:29). Xesús tamén dixo que algúns dos líderes relixiosos que se opoñían a el morrerían sen ter a esperanza de volver a vivir (Mat. 23:33; ver tamén a nota de estudo “el hombre” en Xoán 19:11, nwtsty-S). E o apóstolo Paulo advertiu que os apóstatas que non se arrepinten non serán resucitados (Heb. 6:4-8; 10:29). w24.05 páx. 4 pars. 10, 11
Mércores 8 de abril
Xehová garda os leais (Sal. 31:24 [31:23, TNM]).
Satanás non poderá causarnos ningún dano permanente se nos mantemos cerca de Deus (1 Xoán 3:8). E, no novo mundo, Xehová non só nos protexerá do dano espiritual senón que incluso eliminará a morte (Apoc. 21:4). É un verdadeiro honor ser hóspedes na tenda de Xehová e ter a posibilidade de ser os seus amigos para sempre (Ezeq. 37:27). Que debemos facer para seguir tendo este privilexio? Cando alguén nos invita á súa casa, gústanos saber o que se espera de nós para ser bos invitados. Da mesma forma, gústanos saber o que Xehová espera daqueles que queren seguir sendo os seus hóspedes. O noso amor por el motívanos a facer todo o que podemos para agradarlle (Col. 1:10). Deberíamos evitar facer calquera cousa que o poida ofender. Sempre queremos comportarnos “humildemente co [noso] Deus” (Miq. 6:8). w24.06 páx. 4 pars. 8, 9
Xoves 9 de abril
Polos pecadores intercedeu (Is. 53:12).
Xehová pediulle a Abrahán que sacrificase o seu propio fillo, Isaac. Seguro que esta petición lle pareceu moi dolorosa a Abrahán. Aínda así, estivo disposto a obedecer. Cando estaba a punto de facelo, Xehová detívoo. O seu exemplo ensínalles algo moi importante a tódalas persoas de fe: Xehová estaría disposto a sacrificar o seu querido Fillo polo enorme amor que lles ten ós seres humanos (Xén. 22:1-18). Séculos despois, cando Xehová lles deu a Lei ós israelitas, díxolles que tiñan que sacrificar animais para que os seus pecados fosen perdoados (Lev. 4:27-29; 17:11). Eses sacrificios mostraron que Xehová ofrecería un sacrificio que sería moito mellor, porque salvaría por completo a humanidade do pecado. Deus fixo que os profetas explicasen que a Descendencia prometida, que resultou ser un fillo de Deus moi especial, tería que sufrir e morrer para salvar do pecado e da morte a tódolos seres humanos, incluído ti (Is. 53:1-12). w24.08 páx. 4 pars. 7, 8
Venres 10 de abril
Canto amo eu a túa lei! Medito nela o día enteiro (Sal. 119:97).
Cando leas a Biblia, asegúrate de pensar en como podes poñer en práctica o que aprendes. Ó ler unha parte da Biblia pregúntate: “Como podo aplicar esta información agora ou nun futuro próximo?”. Por exemplo, supoñamos que liches 1 Tesalonicenses 5:17, 18. Despois poderías facer unha pausa para pensar en cantas oracións fas e en se son profundas. Tamén poderías meditar en cousas específicas polas que estás agradecido. Quizais decidas darlle grazas a Xehová por tres delas. Con tan só uns poucos minutos de concentración poderás entender mellor a Palabra de Deus e poñer en práctica o que di. Imaxina o moito que te beneficiaría repetir isto tódolos días con outras partes da Biblia! Co tempo chegarás a ser un cumpridor da Palabra, é dicir, un mellor servo de Xehová. w24.09 páxs. 4-5 pars. 9, 10
Sábado 11 de abril
Tede coidado de non perder as cousas que nos esforzamos por conseguir, e así poderedes recibir unha recompensa completa (2 Xoán 8).
Xehová creounos cunha habilidade especial. Aínda que somos felices ó recibir, sómolo aínda máis cando damos a outros. Sentímonos ben cando podemos axudarlles ós nosos irmáns e tamén cando nolo agradecen. Pero tanto se o fan coma se non, poderemos estar orgullosos porque fixemos o correcto. Non nos esquezamos de que, sen importar o que deamos, Xehová pode darnos moito máis (2 Crón. 25:9). Nunca poderemos ser máis xenerosos do que el o é con nós. E non hai maior alegría que ser recompensados por Deus mesmo. Por iso, decidámonos a seguir imitando o noso xeneroso Pai celestial! w24.09 páx. 31 pars. 20, 21
Domingo 12 de abril
Lóuvote con todo o meu corazón, oh, Xehová meu Deus, e dareille gloria ó teu nome para sempre (Sal. 86:12).
Xehová é misericordioso e compasivo (Sal. 103:13; Is. 49:15). Mostra empatía (Zac. 2:12 [2:8, TNM]). Axúdanos para que o coñezamos e cheguemos a ser os seus amigos (Sal. 25:14; Feit. 17:27). E ademais é humilde, porque “baixa para coidar do ceo e mais da terra” e “ergue do po os indixentes, levanta os pobres do esterco” (Sal. 113:6, 7). Como non imos querer darlle gloria a Xehová? Dámoslle gloria porque queremos que outros o coñezan. Moitos non saben a verdade sobre Xehová. Por que? Porque o Demo cegoulles a mente ó contar mentiras terribles sobre Deus (2 Cor. 4:4). Satanás convenceu a xente de que Xehová é vingativo, de que non se preocupa por nós e de que é o culpable da maior parte do sufrimento deste mundo. Pero nós sabemos que isto non é certo! Temos a oportunidade de contarlles ós demais como é Deus realmente e que así vexan as súas marabillosas cualidades (Is. 43:10). w25.01 páx. 3 pars. 6, 7
Luns 13 de abril
Satanás está enganando a toda a terra (Apoc. 12:9).
Aínda que Xesús, o Fillo de Deus, era perfecto e facía milagres incribles, Satanás usou algunhas persoas para espallar moitas mentiras sobre el. Por exemplo, os líderes relixiosos dixéronlles ás persoas que Xesús expulsaba os demos “co poder do príncipe dos demonios” (Mar. 3:22). Despois, cando o estaban xulgando, acusárono de blasfemia e incitaron a xente a que pedise a súa morte (Mat. 27:20). Máis adiante, cando os seguidores de Cristo predicaban as boas noticias, os que se opoñían a eles “revolucionaron a xente” para que os perseguisen (Feit. 14:2, 19). Falando sobre Feitos 14:2, La Atalaya do 1 de decembro de 1998 explicou: “Non satisfeitos con rechazar a mensaxe, os opositores xudeus empezaron unha campaña de difamacións co obxectivo de poñer a poboación xentil en contra dos cristiáns”. Na actualidade, Satanás tamén “fai extraviar a tódolos homes”. w24.04 páx. 11 par. 15; páx. 13 par. 16
Martes 14 de abril
O que xulga a terra enteira, non vai facer xustiza? (Xén. 18:25).
O futuro eterno dunha persoa non depende do momento no que morra. Xehová é o Xuíz perfecto. As súas decisións sempre son xustas e imparciais (Sal. 33:4, 5). Así que podemos confiar en que “o que xulga a terra enteira” fará o correcto. Outra conclusión lóxica á que podemos chegar é que o futuro eterno dunha persoa non depende do lugar onde viva. Xehová nunca xulgaría millóns de persoas como cabras só porque viven en lugares onde nunca tiveron a oportunidade de coñecer a mensaxe do Reino (Mat. 25:46). Se nós nos preocupamos por eles, como non se vai preocupar o Xuíz máis xusto de toda a Terra! Non sabemos de que forma vai manexar Xehová os asuntos durante a gran tribulación. Quizais ver o que sucede durante ese período motive estas persoas a demostrar fe nel e a poñerse do seu lado cando se santifique o seu nome por toda a Terra (Ezeq. 38:16). w24.05 páx. 12 pars. 14, 15
Mércores 15 de abril
Que vos amedes uns ós outros (Xoán 15:12).
Ós servos de Xehová encántanos axudarnos uns ós outros (2 Cor. 8:4). Pero, ás veces, hai que ter moito valor para facelo. Por exemplo, cando empeza unha guerra, os anciáns da zona están pendentes dos irmáns para darlles ánimo e apoio. Tamén é posible que teñan que axudarlles a conseguir cousas básicas en sentido físico e espiritual, como por exemplo comida, roupa, un lugar onde quedar, unha Biblia ou algunha das nosas publicacións. O amor que senten polas ovelliñas fai que os anciáns incluso estean dispostos a arriscar a súa vida para darlles o que necesitan. En momentos coma eses é moi importante permanecer unidos. Así que sigue a guía que recibas da sucursal (Heb. 13:17). Os anciáns deberían repasar regularmente as instrucións sobre como prepararse para un desastre e que facer cando este ocorre (1 Cor. 14:33, 40). Sé valente pero prudente (Prov. 22:3). Fai as cousas con sentidiño. Non te arrisques innecesariamente. Confía en Xehová. Se confías nel poderás axudarlles ós irmáns de maneira segura. w24.07 páx. 4 par. 8; páx. 5 par. 11
Xoves 16 de abril
No apreto chamo a Xehová, o meu clamor chega ós seus oídos (Sal. 18:7 [18:6, TNM]).
O rei David coñecía a Xehová e confiaba nel. Cando o rei Xaúl e outros inimigos o estaban perseguindo para matalo, David oroulle a Xehová pedíndolle a súa axuda. Despois de que Deus contestase as súas oracións e o rescatase, el dixo: “Xehová vive!” (Sal. 18:46, TNM). Con estas palabras, David non soamente estaba recoñecendo que Deus existe. Unha obra de referencia explica que estaba expresando a súa confianza en Xehová “como un deus vivo que actúa constantemente a favor do seu pobo”. Efectivamente, David sabía por experiencia propia que Deus estaba vivo, é dicir, que era consciente do que pasaba e quería axudarlle. Estar convencido disto animou a David a seguir servindo e dando gloria ó seu Pai celestial (Sal. 18:29, 30, 50 [18:28, 29, 49, TNM]). Ver a Xehová como o Deus vivo pode axudarnos a servilo con entusiasmo. Tamén nos dará as forzas para aguantar as probas e a motivación necesaria para seguir esforzándonos no noso servizo a Deus. E ademais estaremos decididos a permanecer cerca del. w24.06 páxs. 20-21 pars. 3, 4
Venres 17 de abril
Que ninguén vos engane de ningunha maneira (2 Tes. 2:3).
Que aprendemos do que lles escribiu o apóstolo Paulo ós tesalonicenses? Que cando escoitamos unha historia que parece demasiado sorprendente ou que non coincide co que aprendemos na Biblia temos que usar o discernimento. Na antiga Unión Soviética, os nosos inimigos difundiron unha carta que supostamente viña da sede central. Nela animaban algúns irmáns a que formasen unha organización independente. A carta parecía auténtica, pero os irmáns fieis non se deixaron enganar. Déronse conta de que a mensaxe que contiña non estaba de acordo co que eles aprenderan. Hoxe en día, os nosos inimigos ás veces usan as novas tecnoloxías, como Internet e as redes sociais, para intentar confundirnos e dividirnos. En vez de deixarnos enganar facilmente, temos que protexernos analizando se o que lemos e escoitamos está de acordo coas verdades que aprendemos (2 Tes. 2:2; 1 Xoán 4:1). w24.07 páx. 12 pars. 14, 15
Sábado 18 de abril
Se alguén comete un pecado, temos un axudante (1 Xoán 2:1).
A decisión máis importante que alguén pode tomar é a de dedicarse a Xehová e chegar a ser parte da súa familia. De feito, el desexa que todo o mundo tomase esa decisión. Por que? Quere que desfruten da súa amizade e vivan para sempre (Deut. 30:19, 20; Gál. 6:7, 8). Xehová non obriga a ninguén a servilo, senón que deixa que cada un decida o que vai facer. Pero, que pasa se un cristián bautizado comete un pecado grave? Se non se arrepinte, debe ser sacado da congregación (1 Cor. 5:13). Aínda así, Xehová desexa de todo corazón que o pecador volva a el. De feito, unha razón importante pola que deu o rescate é para poder perdoar os que se arrepinten dos seus pecados. O noso Deus é tan amoroso que lles tende a man ós pecadores e os anima a arrepentirse (Zac. 1:3; Rom. 2:4; Sant. 4:8). w24.08 páx. 14 pars. 1, 2
Domingo 19 de abril
Se o teu corazón é sabio, hase alegrar tamén o meu corazón (Prov. 23:15).
Para cando o apóstolo Xoán escribiu a súa terceira carta, algúns estaban difundindo ensinanzas falsas e causando divisións. Aínda así, outros “vivían na verdade”, é dicir, obedecían a Xehová e levaban unha vida “conforme os seus mandamentos” (2 Xoán 4, 6). Estes cristiáns fieis fixeron moi felices tanto a Xoán como a Xehová (Prov. 27:11). Cal é a lección para nós? Ser fieis daranos alegría (1 Xoán 5:3). Por exemplo, fainos moi felices saber que Xehová está moi contento con nós. El alégrase cando evitamos o que está mal e obedecemos os seus mandatos. E os anxos senten o mesmo (Luc. 15:10). Nós tamén somos felices ó ver que os nosos irmáns permanecen fieis (2 Tes. 1:4). Cando este sistema deixe de existir, teremos a satisfacción de saber que demostramos a nosa lealdade a Xehová incluso nun mundo dominado por Satanás. w24.11 páxs. 12-13 pars. 17, 18
Luns 20 de abril
Que ninguén busque o seu propio beneficio, senón o dos demais (1 Cor. 10:24).
Canto tempo deberías fixarte en como é alguén antes de expresarlle o que sentes? Se lle falas moi pronto podería parecer que actúas por impulso e que non pensas ben as túas decisións (Prov. 29:20). Por outro lado, se esperas moito, poderías parecer indeciso. Sobre todo, se a outra persoa se deu conta de que che gusta (Ecl. 11:4). Recorda que, para dar este paso, non tes que estar convencido de que ides casar. Pero si debes estar seguro de que estás preparado para o matrimonio e de que esa persoa podería chegar a ser un bo cónxuxe para ti. Entón, que deberías facer se te das conta de que lle gustas a alguén? Se ti non sentes o mesmo por esa persoa, intenta transmitirllo coa túa maneira de actuar. Non sería amoroso facerlle pensar que poderiades chegar a ser noivos se tes claro que non é así (Ef. 4:25). w24.05 páxs. 22-23 pars. 9, 10
Martes 21 de abril
Volverei e recibireivos na casa, ó meu lado (Xoán 14:3).
Só os verdadeiros unxidos que sexan fieis serán levados por Deus para gobernar con Xesús no Reino celestial. Calquera unxido que non se manteña alerta non será reunido cos escollidos (Mat. 24:31). Ademais, tódolos que teñen a esperanza de vivir para sempre na Terra tamén deben ver as palabras de Xesús coma unha advertencia de que teñen que manterse alerta e fieis. Como chegamos a coñecer moi ben a Xehová, confiamos nos seus xuízos. Así que non nos preocupamos se decidiu unxir algúns cristiáns fieis durante os últimos anos. Recordemos o que Xesús dixo sobre os homes que estiveron traballando 11 horas na comparación da viña (Mat. 20:1-16). Os que foron invitados a traballar na viña máis tarde no día cobraron o mesmo que os que empezaran máis cedo. Da mesma maneira, sen importar cando é escollido un unxido, todos recibirán a mesma recompensa celestial se se manteñen fieis. w24.09 páx. 24 pars. 15-17
Mércores 22 de abril
Cristo sufriu por vós e así púxovos o exemplo para que sigades fielmente os seus pasos (1 Ped. 2:21).
Xesús deixou un exemplo perfecto de como facerlles fronte ás inxustizas. Moitas persoas tratárono inxustamente, incluída a súa familia. Os seus parentes non crentes dixeron que estaba tolo, os líderes relixiosos acusárono de colaborar cos demos e os soldados romanos ríronse del, maltratárono fisicamente e, ó final, matárono (Mar. 3:21, 22; 14:55; 15:16-20, 35-37). Aínda así, Xesús aguantou tódalas inxustizas que viviu sen reaccionar mal. Que podemos aprender do seu bo exemplo? (1 Ped. 2:21-23) Xesús deixounos un exemplo perfecto de como debemos reaccionar se nos tratan mal. El sabía se era o momento de permanecer en silencio ou de falar (Mat. 26:62-64). Cando algúns contaron mentiras sobre el, ás veces non contestaba (Mat. 11:19). E cando falou, non foi para insultar nin para ameazar os que o perseguían. w24.11 páxs. 4-5 pars. 9, 10
Xoves 23 de abril
Cristo Xesús veu ó mundo para salvar os pecadores (1 Tim. 1:15).
Imaxina que lle regalas algo moi bonito e práctico a alguén a quen queres. Que mal te sentirías se esa persoa simplemente gardase o teu regalo nun caixón e non volvese a mirar para el. Pero canto che gustaría que o utilizase e che dese as grazas por el. Cal é a idea? Xehová deu o seu Fillo para que morrese por nós. Que feliz se debe sentir cando ve que demostramos o noso aprecio por ese precioso regalo e polo seu amor, que foi o que o motivou a dar o rescate (Xoán 3:16; Rom. 5:7, 8). Co paso do tempo, poderiamos empezar a dar por sentado o rescate. Quizais nos alegramos de telo pero non pensamos moito nel. Isto sería como gardar este agasallo de Deus nun caixón. Para evitar que isto nos pase, debemos pensar a miúdo en todo o que Deus e Cristo fixeron por nós. w25.01 páx. 26 pars. 1, 2
Venres 24 de abril
Reflexiona sobre estas cousas, dedícate de cheo a elas, para que todos vexan claramente o teu progreso (1 Tim. 4:15).
Un irmán que cumpre cos requisitos para ser ancián “non debe ser un home que se acaba de facer cristián”. Aínda que non tes por que levar bautizado moitos anos, necesitas certo tempo para ser un cristián maduro. Antes de que sexas nomeado ancián, debes demostrar que, igual que Xesús, es humilde e esperas con boa actitude a que Xehová che dea algunha asignación (Mat. 20:23; Filip. 2:5-8). Podes demostrar que es “leal” apegándote ás normas xustas de Xehová e seguindo a guía que se dá a través da súa organización. A Biblia deixa ben claro que un superintendente ten que estar capacitado para ensinar. Significa que tes que ser un orador excelente? Non. Moitos anciáns ben cualificados non son os mellores oradores, pero ensinan con eficacia na predicación e nas visitas de pastoreo. w24.11 páxs. 23-24 pars. 14, 15
Sábado 25 de abril
Eu amo os teus mandamentos, por riba do ouro máis puro (Sal. 119:127).
Cando leas algo na Biblia que non entendas moi ben, investiga. E, durante o resto do día, medita no que descubriches e no que isto che ensina sobre Xehová, o seu Fillo e o seu amor por ti (Sal. 119:97). Non te desanimes se non encontras algo novo ou emocionante cada vez que te pos a ler ou investigar a Biblia. En certo sentido, es coma unha persoa que busca ouro. A miúdo, estas persoas necesitan pasar horas ou incluso días antes de encontrar algo. Aínda así, non se renden porque saben que ata o cachiño máis pequeno de ouro ten moito valor. Pois as verdades bíblicas valen moito máis que o ouro (Prov. 8:10). Por iso, sé paciente e segue buscando cousas novas que aprender da Palabra de Deus (Sal. 1:2). w25.01 páx. 25 pars. 14, 15
Domingo 26 de abril
Xehová perdoouvos con xenerosidade, así que vós facede o mesmo (Col. 3:13).
Xehová espera que perdoemos os que nos fan dano (Sal. 86:5, Luc. 17:4, Ef. 4:32). Pode ser que nos sintamos moi feridos polo que alguén dixo ou fixo, especialmente se esta persoa é un bo amigo ou un familiar (Sal. 55:13-15 [55:12-14, TNM]). Ás veces podemos estar tan enfadados ou ofendidos que nos sentimos coma se nos apuñalasen (Prov. 12:18). Quizais intentemos ignorar os nosos sentimentos, pero facer isto sería como deixar o puñal dentro da ferida. Non podemos esperar que os nosos sentimentos melloren se simplemente os ignoramos. Cando alguén nos ofende, a nosa primeira reacción pode ser enfadarnos. A Biblia recoñece que incluso podemos chegar a sentir ira. Pero tamén nos advirte que non debemos deixarnos controlar por esta emoción (Sal. 4:5 [4:4, TNM]; Ef. 4:26). Por que? Porque estar enfadados rara vez trae bos resultados (Sant. 1:20). Recorda, enfadarse é unha reacción pero seguir enfadado é unha decisión. w25.02 páx. 15 pars. 4-6
Luns 27 de abril
A Sabedoría fai vivir a quen a posúe (Ecl. 7:12).
Xesús fixo unha comparación para demostrar que non ten sentido aforrar cartos se non somos ricos “ós ollos de Deus” (Luc. 12:16-21). Ningún de nós sabe o que pode pasar mañá (Prov. 23:4, 5; Sant. 4:13-15). Ademais Xesús dixo que quen quixese ser o seu discípulo tería que estar disposto a renunciar a todo o que tivese (Luc. 14:33). Isto foi o que lles pasou ós cristiáns de Xudea nos tempos dos apóstolos. Eles estiveron dispostos a renunciar con alegría a todo o que tiñan (Heb. 10:34). Nos nosos días, moitos irmáns tiveron que sacrificar a súa seguridade económica por negarse a apoiar o sistema político deste mundo (Apoc. 13:16, 17). Que lles axudou a facelo? Ter confianza absoluta na seguinte promesa de Xehová: “Non te deixarei nin te desampararei” (Heb. 13:5). Facemos todo o que podemos por planificar como cubriremos as necesidades materiais cando sexamos maiores pero, se pasa algo inesperado, confiamos na axuda de Xehová. w25.03 páx. 29 pars. 13, 14
Martes 28 de abril
Agora que xa aprendemos as ensinanzas básicas sobre o Cristo, avancemos cara á madurez e non sigamos estudando as cousas básicas unha e outra vez (Heb. 6:1).
Xehová non espera que cheguemos a ser maduros por nós mesmos. El deunos pastores e mestres na congregación para axudarnos a conseguir a “madurez” espiritual, é dicir, “o desenvolvemento propio da plenitude de Cristo” (Ef. 4:11-13). Xehová tamén nos dá o seu espírito santo para que poidamos ter “a mente de Cristo” (1 Cor. 2:14-16, TNM). Ademais, fixo que se escribisen os catro Evanxeos para axudarnos a ver como pensou, falou e actuou Xesús cando estivo na Terra. Se o imitamos poderemos alcanzar o obxectivo de ser cristiáns maduros. Pero para avanzar cara á madurez, debemos deixar atrás “as primeiras nocións acerca de Cristo”, é dicir, as ensinanzas básicas dos cristiáns verdadeiros. w24.04 páxs. 4-5 pars. 11, 12
Mércores 29 de abril
A capacidade de pensar velará por ti e o discernimento protexerate (Prov. 2:11).
Temos que tomar decisións cada día. Algunhas son relativamente fáciles, como decidir que imos almorzar ou a que hora imos ir durmir. Outras son máis difíciles, como as que afectan á saúde, á felicidade, ós seres queridos e á adoración a Xehová. Queremos que as decisións que tomamos nos beneficien a nós e á nosa familia pero, sobre todo, desexamos que lle gusten a Xehová (Rom. 12:1, 2). Un paso importante para tomar boas decisións é informarte. Por que é isto importante? Imaxina un paciente que vai ó médico porque ten un problema grave de saúde. Tomaría o médico unha decisión sobre que tratamento lle vai dar sen antes examinar o paciente ou sen facerlle algunhas preguntas? Está claro que non. Ti tamén tomarás mellores decisións se antes te informas sobre a situación. Como podes facelo? w25.01 páx. 14 pars. 1-3
Xoves 30 de abril
Xehová perdoa o teu pecado e non morrerás (2 Sam. 12:13).
Que sabemos en canto á misericordia de Xehová? Como demostrou que “non quere que ninguén pereza”? (2 Ped. 3:9) Fíxate en como tratou con misericordia algunhas persoas que cometeron erros graves. Por exemplo, o rei David pecou gravemente. Entre outras cousas, cometeu adulterio e asasinato. Pero como se arrepentiu de corazón, Xehová perdoouno con xenerosidade (2 Sam. 12:1-12). Outro exemplo é o rei Manasés, quen fixo cousas horribles durante a maior parte da súa vida. Incluso nun caso tan extremo coma este, Deus estivo disposto a perdoar porque Manasés se arrepentiu (2 Crón. 33:9-16). Estes exemplos déixannos claro que Xehová mostra misericordia sempre que ve motivos para facelo. Así que resucitará estes homes, porque se deron conta das cousas tan malas que fixeron e se arrepentiron. w24.05 páx. 4 par. 12