47 MARÍA, A IRMÁ DE LÁZARO
“Ela fixo o que puido”
MARÍA estáballe profundamente agradecida a Xesús. El mostráralles amabilidade de moitas formas, tanto a ela como a súa irmá Marta e o seu irmán Lázaro. Xesús queríaos moito os tres e quedara na súa casa de Betania en repetidas ocasións, ensinándolles unha chea de cousas sobre Xehová e sobre el mesmo. E cando Lázaro morreu, Xesús resucitouno!
María estaba tan agradecida que quería facer algo moi especial polo seu Señor Xesús. Así que decidiu facerlle un regalo moi valioso: un frasco feito de alabastro “cun aceite perfumado moi caro, de nardo puro”. Naquel tempo unha persoa tería que traballar case un ano para gañar o suficiente e mercar ese pequeno frasco de perfume. A Biblia non explica como ou cando conseguiu María ese tesouro, pero debía ser a cousa máis cara que tiña.
Quería darlle a Xesús un agasallo moi valioso, pero facelo costaríalle caro.
Un día, mentres Xesús estaba ceando na casa dun veciño de Betania, María decidiu que era o momento de darlle o regalo. Así que achegouse a Xesús, rompeu o frasco e con moito cariño botoulle o valioso perfume na cabeza e nos pés. Cando terminou de verter o aceite, descubriuse a cabeza e usou o seu pelo para secarlle os pés. Naquela cultura alguén podería considerar que non era apropiado que unha muller destapase o seu pelo. Pero a María non lle preocupaba o que pensasen os demais. Humillouse de boa gana para mostrarlle a Xesús o maior honor que puido.
O intenso aroma encheu toda a casa. Pero non todos estaban contentos. Xudas Iscariote enfadouse, e parece que convenceu a outros apóstolos de que o que fixera María estaba mal. Preguntou indignado: “Por que non se vendeu este aceite perfumado por 300 denarios e se repartiron os cartos entre os pobres?”. Imaxina como se debeu sentir María ó escoitar iso. Ela puxera todo o seu corazón nese regalo e, en vez de felicitala, os apóstolos de Xesús chamáronlle a atención con rabia! Non podemos nin imaxinar o humillada que se debeu sentir. Pero entón, Xesús saíu na súa defensa.
Díxolles a aqueles homes: “Deixádea tranquila”. Seguro que despois desas palabras fíxose o silencio. Xesús continuou dicindo: “Ela fixo algo moi bo por min” e explicoulles que o que fixera María fora unha mostra de amor. Ela non tiña maneira de sabelo, pero quedaba pouco para o funeral do seu mestre e ese aceite perfumado servía como preparación para ese triste momento. Xesús resumiu o que fixo con estas memorables palabras: “Ela fixo o que puido”. E para rematar engadiu: “Asegúrovos que en calquera lugar do mundo onde se prediquen as boas noticias, tamén se contará o que fixo esta muller, e será recordada”. Xesús viu o valor e o amor que había detrás das accións de María. Esa actitude xenerosa merecía ser louvada, e non criticada.
Despois diso ninguén se atreveu a seguir protestando. Xudas marchou e despois planeou traizoar o seu mestre. Pero seguro que María se debeu sentir moi agradecida de que Xesús a defendese e o que dixo debeu quedárselle moi gravado. Só uns días despois puido entender as súas palabras por completo. Xesús sufriu un xuízo ilegal, foi executado e finalmente enterrado, xusto como profetizara. Imaxina o triste que se debeu sentir esta cariñosa e compasiva muller. Seguro que neses momentos tan difíciles as palabras de Xesús deberon ser unha fonte de ánimo para ela.
O terceiro día despois da morte de Xesús pasou algo abraiante: resucitou! Pouco tempo despois aparecéuselle a un grupo de máis de 500 dos seus discípulos. Probablemente foi nesa ocasión cando lles encargou que predicasen as boas noticias a “xente de tódalas nacións” (Mat. 28:19, 20). Xesús dixo que onde se predicasen as boas noticias tamén se falaría da humildade e o cariño que demostrou María. Seguro que esta fiel muller nunca se arrepentiu de reunir o valor para darlle o mellor que tiña ó seu Señor. E seguro que recordou durante toda a súa vida as palabras que Xesús utilizou para felicitala pola súa fe e o seu valor: “Ela fixo o que puido”.
Le o relato da Biblia:
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor María, a irmá de Lázaro?
Afonda máis
1. Que nos dá a entender a Biblia sobre a personalidade de María e da súa irmá Marta? (Luc. 10:39, 40; Xoán 11:20; ia páx. 173 pars. 5, 6; páx. 176 par. 17-wcgr). A
Imaxe A
2. Por que chama a atención que Xesús estivese disposto a ensinarlle a María e a outras mulleres? (w99 1/9 páx. 30 pars. 1-4).
3. Por que era tan caro o aceite que lle botou María a Xesús? (Nota de estudo “aceite perfumado moi caro” en Mateo 26:7, nwtsty-wcgr). B
Indian nard: © Haijie Lu, licensed under CC BY-NC 4.0. Source; dried jatamansi: wasanajai/stock.adobe.com; alabaster jar: © The Trustees of the British Museum. Licensed under CC BY-NC-SA 4.0. Source
Imaxe B: Flor e raíz de Nardostachys jatamansi, a planta da que posiblemente se sacaba o aceite que María lle botou a Xesús, e un frasco de perfume de alabastro.
4. Que significado ten o feito de que María lle botase aceite a Xesús tanto na cabeza coma nos pés? (w10 1/11 páx. 6 par. 4, nota-wcgr).
Medita no que aprendiches
Xesús dixo que “María escolleu a mellor parte” porque puxo as cousas espirituais en primeiro lugar (Luc. 10:42). Como podemos imitala na actualidade? C
Imaxe C
Xesús felicitou a María porque “fixo o que puido”. Que nos ensina isto sobre o que Xehová valora de nós? (Mar. 12:29, 30; 14:8).
De que maneiras podes imitar o valor de María na túa vida?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Por que estás agradecido de que María, a irmá de Lázaro, probablemente fose escollida para gobernar con Cristo no ceo?
Aprende máis
Que poden os nenos aprender de María, Marta e Xesús sobre facer amigos?
Xesús valorou o caro regalo de María pero tamén valorou as dúas moediñas da viúva. Que nos ensina isto sobre Xesús?