46 MARÍA MADALENA
“Vin o Señor!”
A HISTORIA de María Madalena comeza cun xiro dramático dos acontecementos, que pasou do terror á alegría. A Biblia di que estivera posuída por “sete demos” e que Xesús a liberara dese pesadelo. Quedou tan agradecida que decidiu usar esa liberdade para seguir a Xesús con valor e axudarlle en calquera cousa que estivese na súa man.
Ela chamaba ó seu Señor Raboni, un termo que significa “mestre” e que transmite profundo respecto. Xunto cos seus 12 apóstolos, Xesús viaxaba por toda a rexión ensinándolle á xente sobre o Reino de Deus. María viu que todos eles deixaran atrás os seus traballos para dedicar todo o seu tempo e enerxías a este labor tan importante. Como podía axudar ela?
Pasou por situacións traumáticas, pero cando coñeceu a Xesús decidiu centrar a súa vida en axudarlle a el e ós seus discípulos.
María era unha das moitas mulleres “que usaban o que tiñan para atendelos”. Estas mulleres axudaban economicamente a Xesús e os seus apóstolos. En total, entre homes e mulleres, debían ser uns vinte discípulos os que viaxaban con Xesús “de cidade en cidade e de aldea en aldea”. Naquela cultura, non era normal que as mulleres acompañasen os mestres relixiosos. Por iso é posible que moitas persoas as criticasen por ser diferentes. Pero para María e as súas compañeiras calquera sacrificio valía a pena para poder desfrutar dese privilexio. Tiveron o valor de apoiar a Xesús sen importar o que outros pensasen delas.
A María debeu rompérselle o corazón cando arrestaron a Xesús en Xerusalén a noite da Pascua, o acusaron falsamente de blasfemia e o condenaron a morrer nun madeiro de tortura. Aínda así, nunca perdeu o valor. Acompañou a outras mulleres fieis —incluída a propia nai de Xesús— ata o lugar onde o ían executar. Desa forma, durante os peores momentos da súa agonía, Xesús podía mirar abaixo e ver que aquelas mulleres fieis seguían ó seu lado demostrando o moito que o querían. Foron testemuñas de como Xesús mantivo a súa integridade e completou tódalas cousas que seu Pai lle encargara. María estivo ó seu carón incluso cando deu o seu último alento.
Aquelas mulleres valentes choraron en público a morte de Xesús, sen importarlles o que puidesen pensar as autoridades romanas e xudías. A pesar de que María se sentía moi triste, estaba decidida a facer unha cousa máis polo seu querido Señor. No clima cálido de Xudea, un corpo tardaría pouco en empezar a descompoñerse e a cheirar. Por iso adoitaban aplicarse aceites perfumados e especias aromáticas ó corpo para que o mal olor non molestase as persoas que ían chorar o defunto. Iso foi o que fixo María antes do enterro de Xesús. En canto rematou o sábado, ela e outras mulleres foron mercar os materiais necesarios, e cedo pola mañá foron á tumba para tratar o corpo de Xesús.
É posible que María fose a primeira en chegar á sepultura. E atopouna aberta e baleira! Quedou impactada e saíu correndo para contárllelo a Pedro e a Xoán. Cando chegou de volta, as outras mulleres xa marcharan. Ela inclinouse para mirar dentro da tumba “e viu dous anxos vestidos de branco sentados onde antes estaba o corpo de Xesús”. Despois de falar brevemente con eles, deu a volta e viu un home ó que confundiu cun xardineiro. El díxolle: “Muller, por que choras?”. Ela preguntoulle onde estaba o corpo de Xesús dicíndolle: “Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches e eu levareino comigo”. Está claro que María non se parou a pensar se realmente podería levantar e mover o corpo dun home adulto. O único no que pensou foi en facer todo o que podía por honrar a Xesús.
Despois diso marchou triste. Entón o home díxolle: “María!”. Esa simple palabra xa lle bastou para recoñecer a súa voz. Berrou: “Raboni!” e abrazouno. Xesús díxolle que deixase de agarrarse a el e encargoulle unha responsabilidade moi importante: “Vai a onde están os meus irmáns”. Xesús confiou nela para levarlles ós seus apóstolos unha das noticias máis importantes que ían escoitar na súa vida: Xesús resucitara! Ela saíu correndo. Ó principio non a creron porque lles parecía que o que dicía “non tiña sentido”. Pero nin iso, nin ningunha outra cousa detivo a María Madalena. Seguro que dende ese momento en diante seguiu mostrando moito valor e compartindo as boas noticias toda a súa vida.
Le o relato da Biblia:
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor María Madalena?
Afonda máis
1. De que maneiras é posible que apoiasen María Madalena e outras mulleres a Xesús e os seus apóstolos? (ijwia artigo 6 pars. 5, 6-wcgr). A
Imaxe A
2. Por que ó principio María non recoñeceu a Xesús resucitado? (ijwia artigo 6 par. 16-wgcr).
3. Por que lle dixo Xesús a María Madalena que deixase de agarrarse a el? (w08 15/4 páx. 32 par. 6-wcgr).
4. Os apóstolos pensaron que o que lles dixo María Madalena sobre a resurrección de Xesús “non tiña sentido”. Que punto de vista sobre as mulleres puido levalos a reaccionar así? (Luc. 24:11; w12 1/9 páx. 10 pars. 4, 5).
Medita no que aprendiches
María Madalena estivo disposta a facer tarefas humildes para axudar ós demais. Como podemos imitala? B
Imaxe B
Como podemos imitar a María Madalena cando outras persoas non cren ou non valoran as boas noticias que lles predicamos? (Luc. 24:10, 11).
Como podes imitar o valor de María Madalena?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Por que estás agradecido de que María Madalena probablemente fose escollida para gobernar con Cristo no ceo?
Aprende máis
Compara algunhas das cousas que se din sobre María Madalena co que realmente di a Biblia.
“Quen foi María Madalena?” (ijwbq artigo 172)
Que aprendemos do trato que Xesús lles deu a María Madalena e a outras mulleres sobre a maneira na que se debe tratar as mulleres?
“As mulleres cristiás merecen honra e respecto” (w95 15/7 páxs. 15-18 pars. 3-8-wcgr)