37 DANIEL
“Propúxose non se contaminar”
DANIEL estaba lonxe do seu fogar. A súa familia foi unha das moitas que foran capturadas en Xudá e levadas a Babilonia, nunha viaxe que podería levar uns catro meses. De entre estes exiliados, os soldados do rei separaron das súas familias a Daniel e outros mozos para levalos á capital. Daniel fíxose amigo de tres rapaces hebreos chamados Hananías, Mixael e Azarías. Non tardaron en decatarse de por que os escolleran: querían ensinarlles a ser coma os babilonios.
Estando lonxe da súa familia e da súa casa, Daniel sufriu moita presión para deixar de serlle leal a Xehová.
Para empezar, Nabucodonosor, o rei de Babilonia, mandoulle a Axpenaz, o xefe dos oficiais da corte, que lles cambiase o nome. Moitos nomes hebreos louvaban o Deus verdadeiro. Por exemplo, Daniel significa “o meu xuíz é Deus”. Pola contra, os nomes babilonios louvaban os seus deuses. Así que a Daniel puxéronlle o nome babilonio Baltasar, que polo visto era parte dun rezo no que se lle pedía ó deus babilonio Bel que protexese a vida do rei. Ademais, o rei tamén quería adoutrinar estes mozos. Ordenou que lles ensinasen a falar e escribir o idioma dos caldeos para que puidesen servilo no palacio real. Pero isto só foi o principio.
O rei nomeou a Axpenaz para supervisar o adestramento destes rapaces. Comerían dos manxares do rei, a comida máis selecta que había, e beberían dos seus mellores viños. É posible que algúns mozos se sentisen honrados de recibir ese trato especial. Pero Daniel viu que eses privilexios eran un perigo para el e os seus tres compañeiros hebreos. Por que estaba preocupado?
Poida que Daniel razoase: “Os babilonios saben que a lei de Xehová prohibe comer certos alimentos. Intentarán facernos desobedecer a Xehová dándonos alimentos que el considera impuros? Se nos serven carne, estará ben desangrada? Ou intentarán enganarnos para que violemos a lei de Xehová sobre o sangue? E, ó comer algúns deses alimentos, estaremos participando na adoración falsa? Ademais, se nos dan de beber moito viño, seremos capaces de manter o bo xuízo?”.a
Seguro que Daniel lle orou moito a Xehová e consultou cos seus tres amigos. Despois decidiu o que ía facer para agradarlle a Deus. Foi xunta Axpenaz e con moito tacto preguntoulle se lles permitirían a el e ós seus amigos evitar os alimentos que os poderían contaminar. Xehová estaba con Daniel e fixo que o principal oficial da corte o tratase ben. Aínda así ó home preocupáballe que a súa saúde se vise afectada se non comían o que lles daban, pois sabía que Nabucodonosor o faría responsable se iso pasaba. Daniel non discutiu con el. Pero máis tarde ofreceulle unha solución ó garda que Axpenaz nomeara para supervisalos. Con moito valor pediulle que lles permitisen comer só vexetais e beber só auga durante dez días, e que despois os comparasen cos demais mozos. O garda aceptou facer esta proba.
Dez días despois a diferenza era evidente: estes catro rapaces estaban moito mellor que os outros! De feito, a proba saíu tan ben que dende ese momento puideron seguir coa mesma dieta. Está claro que Deus bendicira a fe e o valor de Daniel e os seus amigos. Esta foi unha lección que nunca esqueceron.
Como veremos no seguinte capítulo, tempo máis tarde os tres compañeiros de Daniel necesitaron valor para enfrontarse a unha situación terrible. Daniel tamén continuou demostrando valor durante toda a súa vida ata que morreu cuns 100 anos. Por exemplo, cando Xehová fixo que Nabucodonosor tivese soños proféticos, Daniel tivo que explicarlle o seu significado, aínda que isto implicase malas noticias para este orgulloso rei e o seu reino. Décadas máis tarde tivo que interpretar unha mensaxe que Deus escribira na parede condenando o rei Baltasar, quen gobernaba nese momento. E cando xa era moi maior incluso o tiraron nunha foxa na que había leóns famentos. En todas estas ocasións demostrou o mesmo valor que cando era un rapaz. Non é de estrañar que un dos anxos de Xehová chamase a Daniel “home predilecto”!
Le o relato da Biblia:
Daniel 1:1-21; 5:12; 10:11
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Daniel?
Afonda máis
1. Como podemos explicar as diferenzas entre Daniel 1:1 e Xeremías 25:1? (dp páxs. 18-19 pars. 14, 15-wcgr).
2. Como confirma unha inscrición babilónica a existencia dun tesouro do deus de Nabucodonosor? (Dan. 1:2; it “Tesouro” par. 3-wcgr). A
© The Trustees of the British Museum. Licensed under CC BY-NC-SA 4.0. Source. Modifications: Box added
Imaxe A: Inscrición de Nabucodonosor referíndose ós “tesouros do templo” de Merodak.
3. Cal era o papel dos “meigos” que había en Babilonia? (Dan. 1:20; it “Maxia e feitizos” pars. 2-6-wcgr). B
Imaxe B: Unha peza de barro babilónica que explica como “curar” un paciente que se pensaba que fora atacado por un fantasma.
4. Cales poida que fosen algúns dos vexetais que comeron Daniel e os seus tres amigos? (Dan. 1:12; dp páx. 40 par. 25-wcgr).
Medita no que aprendiches
Que poden aprender de Daniel os máis novos sobre serlle leais a Xehová, incluso cando non están coa súa familia?
Daniel decidiu de antemán obedecer a Xehová. Como lle axudou iso a ser valente? (Dan. 1:8) Como podemos imitalo? C
Imaxe C
De que outras maneiras podes imitar o valor de Daniel na túa vida?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que me gustaría preguntarlle a Daniel cando resucite?
Aprende máis
Mira neste vídeo unha representación deste relato bíblico.
Como poden os rapaces imitar o valor e a lealdade de Daniel?
a Mira Éxodo 34:15; Levítico 7:26; 11:1-7; Números 25:2; Proverbios 20:1.