36 XOSÍAS
Axudou ó pobo a volver a Xehová
XOSÍAS só tiña 6 anos cando morreu o seu avó, o rei Manasés. O neno probablemente sabía que o seu avó fixera cousas terribles pero que cambiara e empezara a servir a Xehová. Pode que eses cambios deixasen unha profunda impresión no pequeno Xosías. Pero despois da morte do seu avó foi seu pai Amón quen se converteu en rei. Amón foi un home malvado que volveu animar o pobo a adorar deuses falsos e a facer cousas crueis. Este morreu despois de reinar tan só dous anos, así que Xosías converteuse no novo rei cando tiña 8 anos.
É probable que Xosías tivese boas influencias durante a súa vida, como os profetas Sofonías e Xeremías, a profetisa Huldah e o sumo sacerdote Hilquías. A Biblia di sobre Xosías: “Cando aínda era un rapaz [de máis ou menos 16 anos], comezou a servi-lo Deus do seu antepasado David”. E cando tiña uns 20 anos xa estaba facendo importantes reformas en Xudá. Xehová usouno para eliminar a idolatría e a maldade. Está claro que este rei tan novo necesitou moito valor para facer isto!
Xosías incluso foi ó territorio que anteriormente ocupara o reino de dez tribos do norte. A maioría dos israelitas xa levaba moito tempo no exilio e agora a zona estaba habitada principalmente por estranxeiros. Aínda así, Xosías destruíu os sitios onde se adoraban ídolos.
Aínda que era novo, o rei Xosías esforzouse por levar a xente de volta a Xehová.
Uns anos despois, Xosías recibiu unha bendición que non esperaba. Cando estaban restaurando o templo de Xehová, o sumo sacerdote Hilquías encontrou algo impresionante: un rolo que contiña a Lei que Xehová lle dera a Moisés. Tiña centos de anos e posiblemente o escribise o propio Moisés! Un dos homes de Xosías levoullo e empezou a lerllo mentres o rei escoitaba con moita atención. O que oíu rompeulle o corazón! Viu máis claro que nunca o moito que se afastara o pobo da Lei de Deus e entendeu o enfadado que debía estar Xehová con eles. Tería Xosías o valor de facer algo ó respecto?
Xosías mandou con urxencia un grupo de cinco homes para saber que faría Xehová. Estes homes foron consultarlle á profetisa Huldah, que lles dixo que Xehová estaba enfadado porque a xente de Xudá levaba moito tempo sendo rebelde. Díxolles que Xehová ía destruír Xudá e Xerusalén. Non obstante, Xehová viu o bo corazón de Xosías e o valente que foi ó facer todas aquelas reformas. Así que esa destrución non viría durante a vida do rei.
Aínda así, Xosías seguiu facendo todo o que puido por axudar ó pobo a volver a Xehová. Tanto el como a xente fixeron un pacto con Deus e comprometéronse a obedecer todo o que dicía a Lei. Despois, o rei puxo en marcha unha campaña especialmente intensa co propósito de acabar coa idolatría. Para promover a adoración pura, organizou unha gran festa da Pascua. El e os seus príncipes aportaron unha enorme cantidade de animais para que os sacrificasen a Xehová e os cantores cantaron cancións para louvalo. Esta Pascua foi unha das máis grandes que celebrou o pobo de Deus na historia.
Xosías seguiu demostrando moito valor e unha fe forte mentres libraba unha guerra contra a adoración falsa. Nunha ocasión, cumpriu unha profecía de 300 anos ó queimar ósos humanos sobre un altar que se usara para a adoración falsa que despois demoleu (1 Reis 13:2). En Xudá, Xosías incluso destruíu lugares de adoración falsa que tiñan centos de anos e se construíran cando Salomón se volvera apóstata. Aínda así, Xosías tomou polo menos unha moi mala decisión. Saíu loitar contra un faraón exipcio chamado Nekó. Este faraón díxolle a Xosías que se loitaba contra el morrería. Tamén lle dixo que falaba no nome de Xehová. Pero parece que Xosías nunca lles preguntou ós profetas de Xehová se realmente estaba falando a través de Nekó. En vez diso saíu ó ataque. Pode parecer que foi moi valente por enfrontarse a un exército tan grande. Pero en realidade foi unha decisión precipitada e imprudente que lle custou a vida con tan só 39 anos.
Esqueceuse Xehová de tódalas cousas boas que fixera Xosías? Abofé que non! O profeta Xeremías escribiu unha canción para expresar a súa profunda tristeza pola morte deste bo rei. E parece que durante xeracións o pobo de Deus seguiu cantando esta triste canción. Pode que algún día Xosías lea o relato inspirado sobre o seu reinado e as cancións que se cantaron para honralo. Está claro que Xehová quería moito a Xosías e nunca esqueceu a súa fe e o seu valor.
Le o relato da Biblia:
2 Reis 22:1–23:30
2 Crónicas 33:21–35:27
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Xosías?
Afonda máis
1. Que sabemos de Xafán, o secretario e copista de Xosías? (w02 15/12 páx. 19 pars. 2-6-wcgr).
2. Por que rachou Xosías a súa roupa cando lle leron a Lei? (w14 15/4 páx. 32).
3. De acordo cos historiadores, existiu realmente o faraón Nekó? (2 Crón. 35:22; it “Nekó” par. 2-wcgr). A
StockStudio/Alamy Stock Photo
Imaxe A: Meguidó, o lugar onde Xosías loitou contra o faraón Nekó.
Imaxe A: Meguidó o lugar onde Xosías loitou contra o faraón Nekó.
StockStudio/Alamy Stock Photo
4. Huldah profetizou que Xosías sería levado en paz á súa tumba. Aínda que morreu na batalla, como se cumpriu a profecía? (2 Reis 22:20; w00 15/9 páx. 30 pars. 2, 3-wcgr).
Medita no que aprendiches
Algúns cristiáns tiveron unha infancia horrible. Que poden aprender de Xosías, que tivo un pai apóstata?
Xosías esforzouse por entender as Escrituras (2 Crón. 34:21). Como podemos facer o mesmo? B
Imaxe B
De que outras maneiras podes imitar o valor de Xosías?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que me gustaría preguntarlle a Xosías cando resucite?
Aprende máis
Analiza o que podes aprender das decisións de Xosías e doutros dous mozos que se converteron en reis de Xudá.
“Rapaces, que tipo de vida ides escoller?” (w23.09 páxs. 8-13)
Acabou Xosías cos ídolos sen axuda? Mira a resposta nesta representación.
A historia de Xosías: Un rei que amou a Xehová e odiou o que está mal (parte 2) (fragmento) (3:43)