34 EZEQUÍAS
“Estivo apegado ó Señor”
EZEQUÍAS foi un dos poucos reis de Xudá que amaba de verdade a Xehová. Pero o seu pai Acaz, un rei cruel que promovía a adoración falsa, foi un dos peores. Incluso chegou a sacrificar polo menos un dos seus fillos a malvados deuses falsos (2 Reis 16:2-4; 2 Crón. 28:1, 3). Así que de neno Ezequías debeu ver cousas horribles. Pero cando creceu, rexeitou seguir o mal exemplo de Acaz. Cando Ezequías tiña 25 anos o seu pai morreu e el converteuse en rei. Mostrou valor e, sen perder tempo, tomou medidas drásticas para acabar coa adoración falsa.
Ezequías reabriu e reparou o templo de Xerusalén, quitou tódolos ídolos que había nel e animou os sacerdotes a volver a servir a Xehová no templo. Pouco tempo despois preparou unha gran festa en Xerusalén para celebrar a Pascua e incluso enviou mensaxeiros ó norte, ó reino de dez tribos, para invitar a tódolos israelitas. Algúns ríronse dos mensaxeiros, pero outros aceptaron a invitación. O exemplo de Ezequías inspirou a xente de ámbolos reinos a destruír os lugares altos de adoración falsa e os seus ídolos. A xente de Israel empezara a adorar a serpe de cobre que Xehová lle mandara facer a Moisés centos de anos antes. Así que Ezequías decidiu esnaquizar a serpe para que ninguén máis puidese adorala.
Co paso do tempo, Ezequías dábase conta de que o seu reino corría cada vez máis perigo. Xehová levaba moito tempo avisando o reino norteño de Israel de que ía ser destruído. Nos primeiros anos do reinado de Ezequías, a hostil nación de Asiria descendeu sobre Israel coma se fose unha tormenta levando a maioría dos seus habitantes ó exilio. Sería o reino de Xudá o seguinte? Eles foron igual de desleais que os israelitas, ou quizais incluso máis. De feito, Xehová tamén os advertira a través dos profetas de que os castigaría, e o que di Xehová sempre se cumpre. E agora que os asirios estaban cada vez máis cerca, Ezequías tiña boas razóns para estar preocupado.
En pouco tempo, o exército asirio liderado polo agresivo rei Senaquerib entrou en Xudá e empezou a conquistar unha cidade tras outra. Parece que foi durante este mesmo período difícil que Ezequías sufriu outra ameaza: unha enfermidade mortal. Aínda non tivera ningún fillo, así que iso poñía en perigo a liñaxe real de David. Desolado, Ezequías suplicoulle a Xehová que lle axudase. Xehová escoitouno e mostroulle amor ó darlle outros quince anos de vida. Aínda así, os asirios seguían sendo un gran perigo.
Para protexerse, Ezequías mandoulle unha gran cantidade de cartos a Senaquerib, intentando convencelo de que non atacase Xerusalén, a cidade santa de Xehová. O rei de Asiria colleu os cartos pero seguiu co seu plan de conquistar a cidade que tanto desexaba. Mentres tanto, Ezequías reforzou as defensas de Xerusalén, engadindo unha nova muralla e construíndo un acueduto que levase auga á cidade en caso de asedio. Ademais animou o pobo, asegurándolle que Xehová era moito máis forte que calquera exército humano.
Ezequías enfrontouse a un poderoso inimigo que aterrorizou a xente de Xerusalén con presións, burlas e ameazas.
Senaquerib púxose cada vez máis agresivo. Enviou un mensaxeiro a Xerusalén para burlarse da xente e desanimala. Este home insultou o seu rei e o seu Deus, Xehová. Aínda así, Ezequías mantívose firme e seguiu animando o pobo. Despois, Senaquerib envioulle a Ezequías cartas ameazantes para intentar asustalo. Ezequías colleu esas cartas, levounas ó templo e estendeunas diante de Xehová. Desta forma demostrou que deixaba o problema nas mans do Deus todopoderoso. En resposta, Xehová envioulle unha mensaxe tranquilizadora a través do profeta Isaías. Esta mensaxe incluía a seguinte garantía: Senaquerib nunca entraría en Xerusalén e os seus homes nunca dispararían unha frecha contra ela.
Esa mesma noite, Xehová enviou un anxo ó campamento asirio. Nun abrir e pechar de ollos, ese anxo matou 185.000 soldados. Imaxina a Senaquerib despertando pola mañá e vendo todos eses cadáveres. Humillado, fuxiu ó seu país. Un tempo despois, os seus propios fillos matárono mentres estaba no templo do seu deus Nisroc.
Ezequías obtivo unha gran vitoria! Coa cidade fóra de perigo e curado da súa enfermidade tivo polo menos un fillo. Por desgraza houbo un tempo no que Ezequías se volveu arrogante. Aínda así, cando Xehová o corrixiu, el respondeu con humildade. Está claro que Ezequías foi un dos mellores reis de Israel. Demostrou un valor extraordinario en situacións moi difíciles e mantívose leal ata o momento da súa morte.
Le o relato da Biblia:
2 Reis 18:1–19:37
2 Crónicas 29:1–32:33
Isaías 38:1–39:8
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Ezequías?
Afonda máis
1. Que atoparon os arqueólogos que demostra o que di a Biblia sobre Ezequías? (w11 1/5 páx. 15 pars. 1-3-wcgr). A
Zev Radovan/Alamy Stock Photo
Imaxe A: Selo de arxila do século VIII a. n. e. que contén a inscrición: “Perténcelle a Ezequías [fillo de] Acaz, rei de Xudá”.
2. Como se cumpriu en Ezequías a profecía de Isaías sobre “un dragón voador”? (Is. 14:28, 29; ip-1 páxs. 190-191 pars. 4-6-wcgr).
3. Que podemos concluír do que Senaquerib di e do que non di nun relato que os arqueólogos atoparon en Nínive? (g 12/10 páx. 27 pars. 3-5-wcgr). B
© The Trustees of the British Museum. Licensed under CC BY-NC-SA 4.0. Source
Imaxe B: O prisma de Taylor, que recolle as conquistas de Senaquerib.
4. No ano 2003, un grupo de científicos investigou se o pasadizo coñecido como o túnel de Ezequías foi construído realmente durante o seu reinado. A que conclusión chegaron? (w09 1/5 páx. 27 pars. 3-5-wcgr).
Medita no que aprendiches
Como pode animar o exemplo de Ezequías a un cristián se o seu pai ou a súa nai non serve a Xehová? C
Imaxe C
Que foi o que máis lle preocupou a Ezequías cando Xerusalén estivo en perigo? (2 Reis 19:15-19) Como podemos imitar o seu bo exemplo na actualidade?
De que maneiras podes imitar o valor de Ezequías na túa vida?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que me gustaría preguntarlle a Ezequías cando resucite?
Aprende máis
Mira os acontecementos de 2 Reis 19:14-36 neste emocionante vídeo.