Quen son hoxe os sete pastores e os oito xefes?
“De entre nós faremos xurdir contra ela sete pastores e oito xefes” (MIQ. 5:4 [5:5, TNM]).
1. Por que non tería éxito o plan dos reis de Siria e Israel?
NALGÚN momento entre os anos 762 e 759 antes da nosa era, o rei de Israel e o rei de Siria comezaron unha guerra contra o reino de Xudá. Con que obxectivo? Querían invadir Xerusalén, quitarlle o trono ó rei Acaza e substituílo por outro home, quizais por un que non pertencía á liña real do rei David (Is. 7:5, 6). Pero este plan non podía ter éxito. Xehová prometera que sempre habería un descendente de David gobernando como rei, e o que Xehová promete sempre se cumpre (Xos. 23:14; 2 Sam. 7:16).
2-4. a) Como se cumpriu a profecía de Isaías 7:14, 16 na época de Isaías? b) Como se cumpriu na época de Xesús?
2 Ó principio, todo parecía indicar que a alianza entre Siria e Israel gañaría a guerra. En tan só unha batalla, Acaz perdeu 120.000 soldados! E incluso o seu propio fillo Maseías foi asasinado (2 Crón. 28:6, 7). Pero Xehová estaba observando. El tiña moi presente a súa promesa a David e enviou o profeta Isaías cunha mensaxe animadora.
3 Isaías dixo: “Velaí a doncela: está en cinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome Deus-connosco [Emmanuel]”. E engadiu: “Aínda antes de que o meniño saiba rexeita-lo mal e escolle-lo ben, serán abandonados os países dos dous reis ante os que ti tremes” (Is. 7:14, 16). O certo é que a primeira parte da profecía aplica ó nacemento do Mesías (Mat. 1:23). Pero os reis de Siria e Israel non atacaron Xudá na época de Xesús. Por iso sabemos que a profecía sobre Emmanuel tivo que ter un cumprimento na época de Isaías. Como se cumpriu?
4 Pouco despois de que Isaías dese este anuncio, a súa muller quedou embarazada. Puxéronlle de nome Pronto Botín — Rápido Saqueo. Este neno puido ser o “Emmanuel” do que Isaías falara.b En tempos bíblicos, pode que lles puxesen ós bebés un nome para recordar algo especial, pero tiñan outro que usaban os seus pais e familiares (2 Sam. 12:24, 25). Non podemos dicir con certeza que Xesús se chamase algunha vez Emmanuel (le Isaías 7:14; 8:3, 4).
5. Que mala decisión tomou o rei Acaz?
5 Mentres que Israel e Siria estaban centradas en Xudá, outra nación tamén estaba planeando conquistar a rexión. Tratábase de Asiria, unha potencia mundial moi agresiva que estaba xurdindo. De acordo con Isaías 8:3, 4, Asiria levaríase “as riquezas de Damasco e o botín de Samaría” antes de atacar Xudá. En vez de confiar na Palabra de Deus mediante Isaías, Acaz preferiu facer un acordo absurdo cos asirios. Ese acordo provocou que Xudá quedase oprimida por eles (2 Reis 16:7-10). Que mal cumpriu Acaz o seu papel como pastor de Xudá! Deberiamos preguntarnos: “Cando teño que tomar unha decisión importante, confío en Deus ou na xente?” (Prov. 3:5, 6).
UN NOVO PASTOR ACTÚA DIFERENTE
6. En que se diferenciou Ezequías de Acaz?
6 Acaz morreu no 746 antes da nosa era, e o seu fillo Ezequías sentouse no trono dun reino empobrecido tanto material como espiritualmente. Que sería o primeiro que faría Ezequías como rei? Trataría de levantar a economía? Para nada. Ezequías era un home espiritual e tamén un bo pastor para a nación. O primeiro que fixo foi restablecer a adoración pura e axudar ó pobo a recuperar a súa amizade con Xehová. Cando entendeu o que Deus esperaba del, actuou con decisión. Ezequías púxonos un grande exemplo! (2 Crón. 29:1-19).
7. Por que necesitaban os levitas o apoio do novo rei?
7 Os levitas tiñan a seria responsabilidade de axudar á xente a volver adorar a Xehová. Por iso, Ezequías reuniuse con eles e prometeulles que ía estar aí para axudarlles. Seguro que os fieis levitas que estiveron presentes empezaron a chorar de alegría cando escoitaron que o rei lles dicía: “O Señor vos elixiu para estardes na súa presencia, servilo, se-los seus ministros” (2 Crón. 29:11). Así é, os levitas recibiron a responsabilidade de promover a adoración pura.
8. Que máis fixo Ezequías para axudar á xente a volver a Xehová, e cal foi o resultado?
8 Ezequías invitou a toda Xudá e Israel a unha gran Pascua. A continuación celebraron a Festa dos Pans Ácimos, a cal duraba sete días. A xente desfrutou tanto que incluso se quedou sete días máis. A Biblia di: “Unha festa tan magnífica non se acordaba en Xerusalén desde os días de Salomón, fillo de David, rei de Israel” (2 Crón. 30:25, 26). Canto fortaleceu esta festa a súa saúde espiritual! En 2 Crónicas 31:1 di: “Rematada a festa, tódolos israelitas presentes percorreron as cidades de Xudá destruíndo os cipos, talando as estelas e derrubando as ermidas e os altares”. A nación volveu a Xehová! Isto axudoulles a estar preparados para os problemas que pronto virían.
O REI PREPÁRASE PARA O QUE VÉN
9. a) Como se desbarataron os plans de Israel? b) Que conseguiu Senaquerib en Xudá?
9 Tal e como profetizara Isaías, os asirios conquistaron o reino de Israel e leváronse a xente ó seu país como prisioneiros. Isto desbaratou os plans de Israel de poñer un rei que non era da familia de David en Xudá. Que plans tiñan os asirios despois? Puxeron rumbo a Xudá para conquistala. A Biblia di: “No ano catorce do reinado de Ezequías, rubiu Senaquerib, rei de Asiria, contra tódalas cidades fortificadas de Xudá e conquistounas”. Senaquerib conquistou 46 cidades de Xudá. Imaxina o medo que che entraría no corpo se vivises en Xerusalén naquela época. Os asirios estaban conquistando unha cidade tras outra e pouco a pouco estaban achegándose á túa casa! (2 Reis 18:13).
10. Por que é posible que a profecía de Miqueas animase a Ezequías?
10 Ezequías era consciente do perigo que se lles viña enriba, pero non entrou en pánico nin lle pediu axuda a unha nación pagá, como fixera o seu apóstata pai, Acaz. Ezequías confiou en Xehová (2 Crón. 28:20, 21). Seguro que tamén era consciente das palabras do profeta Miqueas. El predixera sobre Asiria: “De entre nós faremos xurdir contra ela sete pastores e oito xefes, que pastorearán a terra de Asiria coa espada” (Miq. 5:4, 5 [5, 6, TNM]). Estas palabras deberon animar a Ezequías, xa que mostran que Xehová usaría un exército pouco común para derrotar os asirios.
11. Cando tería o seu principal cumprimento a profecía sobre os sete pastores e os oito xefes?
11 A profecía sobre os sete pastores e oito xefes tería o seu principal cumprimento moito despois do nacemento de Xesús, o “soberano de Israel” do cal di que “a súa orixe é desde antigo” (le Miqueas 4:14–5:1 [5:1, 2, TNM]). De feito, ten un cumprimento futuro: “Asiria”, un inimigo da nosa época, atacará os servos de Xehová. Que exército dirixido polo seu Fillo usará Xehová para derrotar o inimigo? Verémolo máis adiante. Pero antes, vexamos o que podemos aprender de Ezequías cando atacaron os asirios.
EZEQUÍAS TOMA MEDIDAS PRÁCTICAS
12. Que medidas tomaron Ezequías e os seus homes de confianza para protexer o pobo de Deus?
12 Xehová sempre está disposto a facer por nós o que non podemos facer pola nosa conta, pero espera que fagamos todo o que está nas nosas mans. Ezequías consultou “coas autoridades civís e militares”, os seus príncipes e guerreiros, e xuntos decidiron “cega-las fontes de auga que había fóra da cidade”. Ademais Ezequías “con gran enerxía reparou toda a muralla derruída, coroouna con torres, edificou unha barbacá [...], e fixo numerosas armas curtas e adargas” (2 Crón. 32:3-5). Para protexer e pastorear o seu pobo, Xehová usou homes valentes como Ezequías, os seus príncipes e os profetas fieis.
13. Cal foi a medida máis importante que tomou Ezequías para preparar o pobo ante o próximo ataque? Explica a túa resposta.
13 O que Ezequías fixo a continuación foi aínda máis importante que secar as fontes ou reforzar os muros da cidade. Como era un pastor responsable, reuniu o pobo e animouno espiritualmente con estas palabras: “Non vos asustedes nin acovardedes ante o rei de Asiria [...]. Nós contamos con algo máis grande ca el. El conta con forzas humanas, nós co Señor, noso Deus, que nos auxilia e guerrea connosco”. Seguro que fortaleceu moito a fe dos habitantes de Xerusalén, pois recordáballes que Xehová estaba pelexando con eles! O relato continúa dicindo: “O pobo animouse coas palabras de Ezequías, rei de Xudá”. Notemos que foron as “palabras de Ezequías” as que fixeron que o pobo recuperase o ánimo. El, os seus príncipes e os seus homes poderosos, así como os profetas Miqueas e Isaías, foron bos pastores, tal como Xehová predixera mediante o seu profeta (2 Crón. 32:7, 8; le Miqueas 5:4, 5 [5:5, 6, TNM]).
As palabras de Ezequías fortaleceron a fe do pobo (ver os parágrafos 12 e 13).
14. Que dixo o copeiro maior, e como reaccionou a xente?
14 O rei de Asiria acampou en Láquix, ó suroeste de Xerusalén. Usou tres emisarios para convencer a cidade de que se rendese. O portavoz, que tiña o título oficial de copeiro maior, utilizou diferentes tácticas. Falando en hebreo para que todos o entendesen, tratou de convencer os habitantes de Xerusalén para que traizoasen a Ezequías e se sometesen ós asirios. Fíxolles a falsa promesa de que serían levados a unha terra onde poderían ter unha vida tranquila (le 2 Reis 18:31, 32). Tamén lles dixo que Xehová non os podería protexer igual que os deuses das outras nacións non puideran protexer os seus adoradores. Pero o pobo negouse a responder aquela propaganda difamatoria, igual que moitos servos de Xehová hoxe en día (le 2 Reis 18:35, 36).
15. Que tiñan que facer os habitantes de Xerusalén, e como salvou Xehová a cidade?
15 Normal que Ezequías estivese molesto. Pero en vez de buscar axuda noutras nacións, pediulle axuda a Xehová a través de Isaías. O profeta díxolle: “Isto di o Señor do rei de Asiria: Non entrará nesta cidade, nin tirará contra ela unha frecha” (2 Reis 19:32). Todo o que tiñan que facer os habitantes de Xerusalén era ser valentes e non renderse. Xehová loitaría por eles. E vaia se o fixo! “Aquela mesma noite saíu o anxo do Señor e feriu no campamento asirio a cento oitenta e cinco mil homes.” (2 Reis 19:35) O pobo de Xerusalén estaba a salvo, non polo que fixo Ezequías para protexer a cidade, senón grazas ó poder de Xehová.
LECCIÓNS PARA NÓS
16. A quen representan hoxe a) os habitantes de Xerusalén b) “Asiria” c) os sete pastores e os oito xefes?
16 A profecía sobre os sete pastores e os oito xefes ten o seu cumprimento máis importante na actualidade. No pasado, a cidade de Xerusalén foi atacada polos asirios, e pronto o pobo de Deus será atacado por “Asiria”, é dicir, un inimigo que intentará acabar con el. As Escrituras refírense a esta ofensiva como o ataque de “Gog [...] de Magog”, o ataque do “rei do Norte” e o ataque dos “reis da terra” (Ezeq. 38:2, 10-13; Dan. 11:40, 44, 45; Apoc. 17:14; 19:19). Son ataques diferentes? Non o sabemos. A Biblia podería estar usando diferentes nomes para un mesmo ataque. Que exército menciona a profecía de Miqueas que usaría Xehová contra este cruel inimigo chamado “Asiria”? Un exército pouco común formado por “sete pastores e oito xefes” (Miq. 5:4 [5:5, TNM]). Quen son? Son os anciáns de congregación (1 Ped. 5:2). Hoxe en día, Xehová está a usar moitos homes espirituais para pastorear as súas ovellas e para fortalecelas ante o futuro ataque de “Asiria”.c A profecía de Miqueas tamén nos di que “pastorearán a terra de Asiria coa espada” (Miq. 5:5 [5:6, TNM]). Unha das armas que usan é “a espada do espírito, é dicir, a palabra de Deus” (Ef. 6:17; 2 Cor. 10:4).
17. Que catro leccións poden aprender do relato que analizamos os anciáns?
17 Anciáns, podedes aprender algunhas leccións moi útiles do que acabamos de analizar: 1) O mellor que podedes facer agora para prepararvos para o futuro ataque de “Asiria” é fortalecer a vosa fe en Deus e axudar ós irmáns a facer o mesmo. 2) Cando “Asiria” ataque, tendes que estar completamente convencidos de que Xehová nos vai salvar. 3) Nese momento, as instrucións que recibiredes da organización de Deus poderán parecervos raras ou ilóxicas. Aínda así, todos debemos estar preparados para obedecer calquera instrución que recibamos, por moi estraña que nos pareza. 4) Se alguén está poñendo a súa confianza na formación académica, nas cousas materiais ou en organizacións humanas, agora é o momento para que cambie a súa forma de pensar. Os anciáns tendes que estar preparados para axudar ós que non teñen unha fe forte.
18. Como nos poderá axudar no futuro recordar este relato?
18 Chegará o momento no que o pobo de Deus parecerá indefenso, igual que os habitantes de Xerusalén na época de Ezequías. Cando iso pase, ter presentes as palabras de Ezequías poderán axudarnos a manter forte a nosa fe. Recordemos que os inimigos contan “con forzas humanas”, pero nós contamos “co Señor, noso Deus, que nos auxilia e guerrea connosco”! (2 Crón. 32:8).
a A este rei tamén se lle chama Ahaz en 1 e 2 das Crónicas.
b A palabra hebrea traducida como “doncela” en Isaías 7:14 pode referirse tanto a unha muller casada como a unha virxe. Así que pode usarse a mesma palabra para referise á muller de Isaías ou a María, a virxe xudía.
c O número sete úsase a miúdo na Biblia para representar algo que é completo. O número oito (un número máis có sete), ás veces pode representar algo que é abundante.