7 XACOB
Protexeu a súa familia con valor
POUCO antes de morrer, Xacob dixo que a súa vida fora “curta e chea de traballos” (Xén. 47:9). E o certo é que tivo unha vida moi difícil. Cando era novo tivo que fuxir lonxe, a Harán, porque o seu propio irmán quería matalo. Alí namorouse de Raquel, pero o pai dela —Labán— enganouno para que casase primeiro coa súa filla maior. Así que Xacob tiña dúas mulleres que non se levaban ben. Traballou para Labán durante décadas, pero este intentou estafalo unha e outra vez. Aínda así, Xacob demostrou un valor, unha fe e un aguante extraordinarios.
Un día, Xehová díxolle a Xacob que chegara o momento de deixar Harán e volver ó seu fogar en Canaán. Pero aquilo podería ser perigoso porque Labán era moi avaricioso e pensaba que todo o que tiña Xacob lle pertencía. Despois de falalo coa súa familia, marcharon sen dicirlle nada a Labán. Ó darse conta, Labán xuntou os seus homes e empezou a perseguilos. Cando por fin os alcanzaron, recriminoulle con dureza a Xacob que marchasen sen avisalo. Incluso o ameazou dicíndolle: “Teño poder de sobra para che facer mal”. Pero Xacob defendeuse con valor. Díxolle que o enganara e que o tratara de forma inxusta durante anos. Aínda así, fixo todo o posible por manter a paz. Os dous homes marcharon despois de chegar a un acordo amistoso.
Por que puido Xacob facer as paces con familiares que estaban enfadados con el e incluso loitar cun poderoso anxo?
Pero Xacob aínda tería que enfrontarse ó seu irmán Esaú. Décadas antes, a súa nai —Rebeca— avisou a Xacob de que o seu irmán quería matalo. Esaú estaba convencido de que Xacob o enganara para conseguir a bendición do seu pai. Agora, Xacob escoitou que o seu irmán xuntara 400 dos seus homes e se dirixía cara a el e a súa familia. Por iso, enviou os seus servos diante del para que lle desen a Esaú regalos moi valiosos. Sería iso suficiente para calmar o enfado do seu irmán? Xacob tiña moito medo e estaba nervioso. Pero entón sucedeu algo sorprendente.
Máis tarde, de madrugada, cando Xacob estaba só viu un home que non coñecía. Era un anxo de Xehová que empezou a pelexar con el. Xacob pensaba que este anxo podía bendicilo e por iso tivo o valor de loitar con el durante horas. Aínda que tiña 97 anos e o anxo era moitísimo máis forte ca el, Xacob non se rendeu. Loitou con tódalas súas forzas ata o punto de chorar (Os. 12:5 [12:4, TNM]). Estaba convencido de que calquera esforzo para obter unha bendición que viñese de Xehová merecía a pena. Cando xa amencía, o anxo dislocoulle a cadeira a Xacob con só tocalo. Pero tamén lle dixo algo marabilloso: a partir dese momento o seu nome sería Israel. Este nome tiña un significado, referíase a alguén que combateu con Deus. Era moi apropiado porque Xacob nunca se rendeu e loitou con tódalas súas forzas ata conseguir a bendición de Xehová.
Xacob volveu coxeando onda súa familia. Na distancia xa se podía ver a Esaú acercándose cos seus 400 homes. Entón, Xacob adiantouse el só para encontrarse co seu irmán e cos que viñan con el. Segundo se achegaba a eles, inclinouse sete veces ó chan. Entón Esaú empezou a correr cara a el. Pero non levaba armas, máis ben abriu os seus brazos de par en par para darlle unha forte aperta! Os dous irmáns botáronse a chorar. Os xenerosos regalos e a humildade de Xacob desarmaron por completo a Esaú. Ademais, é posible que admirase o valor do seu irmán. Unha vez máis, Xacob atopou a forma de facer as paces.
Xacob coxeou o resto da súa vida pola lesión que tiña na cadeira e tivo que enfrontarse a moitos máis problemas. Pero seguro que nunca se arrepentiu de obedecer a Xehová nin de loitar contra aquel anxo. Co tempo, a marabillosa promesa que Xehová lle fixera cumpriuse: Israel converteuse nunha gran nación (Xén. 28:14). De feito, a Xehová chámaselle moitas veces o “Deus de Xacob” (Sal. 146:5). Incluso Xesucristo utilizou esa expresión e engadiu que Xehová “non é Deus de mortos, senón de vivos, porque para el todos están vivos” (Luc. 20:37, 38). Xacob ten o seu futuro asegurado. No novo mundo a súa vida xa non será curta e chea de problemas, senón longa e moi feliz!
Le o relato da Biblia:
Xénese 27:41-45; 31:1-29, 36-55; 32:2–33:16 (32:1–33:16, TNM)
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Xacob?
Afonda máis
1. Por que se asegurou Xehová de que Xacob recibise o dereito de primoxenitura en vez de Esaú? (w03 15/10 páx. 29 par. 2-wcgr).
2. Que viu Xacob nun soño, e que lle confirmou Xehová nel? (w03 15/10 páx. 28 par. 3–páx. 29 par. 1-wcgr). A
Imaxe A
3. Por que estaba Xacob seguro de que podía recibir unha bendición do anxo? (w03 15/10 páx. 31 par. 1-wcgr). B
Imaxe B
4. Que pasos deu Xacob para protexer a súa familia da influencia dos cananeos? (w95 15/9 páx. 21 par. 5, nota-wcgr).
Medita no que aprendiches
Xacob sentíase responsable de coidar de cada unha das ovellas de Labán (Xén. 31:38-40). Como poden os pastores da congregación coidar con moito cariño as ovelliñas de Xehová, é dicir, os irmáns e irmás? C
Imaxe C
Cando Xacob tivo medo, oroulle a Xehová (Xén. 32:7-13 [32:6-12, TNM]). Que podes aprender do seu exemplo sobre como orar?
Como podes imitar o valor de Xacob na túa vida?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que me gustaría preguntarlle a Xacob cando resucite?
Aprende máis
Como podemos imitar a Xacob se nos damos conta de que ofendemos un irmán?
Usa esta historia bíblica ilustrada para ensinarlle á túa familia sobre Xacob.