Esdras
4 Os inimigos de Xudá e Benxamín escoitaron que os que volveran do desterro estaban construíndo un templo para Xehová, o Deus de Israel. 2 Así que foron falar inmediatamente con Zorobabel e cos xefes das casas paternas, e dixéronlles: “Deixádenos traballar con vós. Porque nós tamén adoramos* o voso Deus e levamos facéndolle sacrificios desde os días do rei Esar-Hadón de Asiria, que nos trouxo aquí”. 3 Pero Zorobabel, Xesúa e o resto dos xefes das casas paternas de Israel dixéronlles: “Vós non ides construír con nós unha casa para o noso Deus. Imos construír nós sós a casa de Xehová, o Deus de Israel, tal como nos mandou o rei Ciro de Persia”.
4 A xente que vivía nas zonas do arredor non paraba de desanimar os* xudeus e de desmoralizalos para que non seguisen coa reconstrución. 5 Contrataron conselleiros para frustrar os plans dos xudeus durante tódolos días do rei Ciro de Persia ata que empezou a reinar o rei Darío de Persia. 6 Ó principio do reinado de Asuero, escribiron unha acusación contra os habitantes de Xudá e Xerusalén. 7 E nos días do rei Artaxerxes de Persia, tanto Bislam como Mitrídates, Tabeel e o resto dos seus compañeiros escribíronlle unha carta ó rei Artaxerxes. Traducírona ó arameo e escribírona con letras arameas*.
8 * Reúm, que era o funcionario principal do goberno, e o escriba Ximxai escribíronlle unha carta ó rei Artaxerxes contra a xente de Xerusalén. 9 (A carta foi escrita por Reúm, que era o funcionario principal do goberno, o escriba Ximxai e o resto dos seus compañeiros, os xuíces e os gobernadores de menor rango, os secretarios, a xente de Érec, os babilonios, os habitantes de Susa, é dicir, os elamitas, 10 as outras nacións que o grande e honorable Asnapar levou ó desterro e estableceu nas cidades de Samaria, e o resto da xente da rexión que está ó oeste do río Éufrates*. 11 Esta é unha copia da carta que lle mandaron.)
“Para o rei Artaxerxes de parte dos seus servos, os homes da rexión que está ó oeste do río Éufrates: 12 Facémoslle saber ó rei que chegaron a Xerusalén os xudeus que viñeron para o noso territorio desde onde estás ti. Están reconstruíndo a cidade rebelde e malvada, e están terminando as murallas e reparando os cimentos. 13 Tamén lle facemos saber ó rei que, se reconstrúen a cidade e acaban as murallas, non van pagar impostos, tributos nin peaxes. E isto faría que se ingresasen menos cartos nos tesouros dos reis. 14 Nós recibimos o noso salario* do palacio, e non podemos deixar que ninguén prexudique os intereses do rei. Por iso mandamos esta carta para avisar o rei 15 e para que se investigue no libro dos rexistros dos teus antepasados. Nel descubrirás que esta cidade é unha cidade rebelde, que prexudica os reis e as provincias, e que se fomentaron revoltas nela desde a antigüidade. Esa é a razón pola que se destruíu esta cidade. 16 Facémoslle saber ó rei que, se reconstrúen a cidade e acaban as murallas, perderás o control da rexión que está ó oeste do río Éufrates”.
17 O rei respondeulles a Reúm, que era o funcionario principal do goberno, ó escriba Ximxai, ós demais compañeiros seus que vivían en Samaria e ó resto da xente da rexión que está ó oeste do río Éufrates:
“Saúdos! 18 Léronme con todo detalle* o documento oficial que me enviastes. 19 Mandei facer unha investigación e descubriuse que esa cidade lévase rebelando contra os reis desde hai moito tempo, e que nela houbo moitas rebelións e revoltas. 20 Tamén se descubriu que en Xerusalén houbo reis con moito poder que gobernaban toda a rexión que está ó oeste do río Éufrates e que cobraban impostos, tributos e peaxes. 21 Así que emitide a orde de que paren as obras, para que non se siga reconstruíndo a cidade ata que eu o mande. 22 Asegurádevos de que isto se leve a cabo para que non se prexudiquen aínda máis os intereses do rei”.
23 Cando se lles leu a copia da carta do rei Artaxerxes a Reúm, ó escriba Ximxai e ós seus compañeiros, eles foron inmediatamente a Xerusalén e obrigaron os xudeus a parar as obras. 24 Nese momento parouse a reconstrución da casa de Deus, que estaba en Xerusalén. E estivo parada ata o segundo ano do reinado do rei Darío de Persia.