BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • Esdras 4
  • A Biblia, SEPT

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

Traducións alternativas

Fai clic no número dun versículo para mostrar as traducións alternativas.
  • A Biblia, SEPT
  • Dispoñible en Tradución do Novo Mundo (nwt)
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
  • 6
  • 7
  • 8
  • 9
  • 10
  • 11
  • 12
  • 13
  • 14
  • 15
  • 16
  • 17
  • 18
  • 19
  • 20
  • 21
  • 22
  • 23
  • 24
A Biblia, SEPT
Esdras 4:1-24

Libro de Esdras

4 Cando os inimigos de Xudá e de Benxamín souberon que os deportados edificaban un templo ó Señor, o Deus de Israel, 2 chegáronse a Zerubabel e ós cabezas de familia e dixéronlles:

—“Nós tamén queremos traballar convosco. Pois, o mesmo ca vós, buscamos a Deus, o voso, e ofrecémoslle sacrificios, desde o tempo de Asarhadón, rei de Asur, que nos fixo subir aquí”.

3 Pero Zerubabel, Xosué e o resto dos xefes de familia de Israel dixéronlles:

—“Non edificaremos xuntos, nós e vós, unha casa ó noso Deus. Somos nosoutros sós os que construímos para o Señor, o Deus de Israel, como nolo ordenou o rei Ciro, o rei de Persia”.

4 Entón os colonos estranxeiros empezaron a desmoralizar ós xudeus e a intimidalos para que deixasen de construír. 5 Co fin de levar adiante os seus planos, pagaron conselleiros que os fixesen fracasar no intento, durante todo o tempo de Ciro, rei de Persia, ata o reinado de Darío, rei de Persia.

6 Baixo o reinado de Xerxes, ó comezo do seu reinado, escribiron unha acusación contra os habitantes de Xudá e de Xerusalén. 7 No tempo de Artaxerxes, Bixlam, Mitredat, Tabeel e os outros colegas seus escribiron a Artaxerxes, rei de Persia; o texto da carta estaba escrito en caracteres arameos e na lingua aramea. 8 O gobernador Rehum e o secretario Ximxai escribiron ó rei Artaxerxes a seguinte carta relativa ó que estaba ocorrendo en Xerusalén: 9 —“O gobernador Rehúm, o secretario Ximxai, os seus colegas restantes, as xentes de Din, de Afarsatcai, de Tarpelai, de Afaresai, de Arcav de Babilonia, de Xuxán, de Dehav, de Elam 10 e os demais pobos que o grande e ilustre Asenapar deportou e fixo residir na cidade de Samaría e no resto do país, en Transeufratina, etc.” 11 Velaquí a copia da carta que eles lle enviaron: —“Ó rei Artaxerxes, os teus servidores, xentes de Transeufratina, etc. 12 Debemos facer saber ó rei que os xudeus subidos desa túa rexión para viren onda nós a Xerusalén reconstrúen a cidade rebelde e malvada; van levanta-los muros e xa poñen os alicerces. 13 E o rei debe saber que, se reconstrúen esta cidade e levantan as súas murallas, xa non pagarán máis tributos, tanto de impostos como de peaxe, sendo ó cabo, o rei o prexudicado. 14 Como a nosa soldada vén da coroa, non podemos tolerar tal inxuria á súa maxestade e comunicámoslle o que pasa. 15 Que repasen os anais dos teus predecesores. No libro das memorias atoparás e verás como esta cidade é moi rebelde, a causante de mil reveses ós reis e ás provincias, e na que se fomentan revoltas desde os tempos antigos. Por isto precisamente foi demolida. 16 Facemos saber ó rei que se esta cidade é reconstruída e se os seus muros son de novo levantados, podes dar por perdidos os territorios da outra banda do río”.

17 O rei envioulles esta resposta: —“Ó gobernador Rehúm, ó secretario Ximxai e ós seus demais colegas que habitan en Samaría e no resto dos territorios da outra banda do río, paz, etc. 18 A acta oficial que me mandastes foi lida de maneira clara na miña presencia. 19 Dei a orde de que estudiasen o caso e, en efecto, esa cidade rebelouse desde antigo contra os reis, e nela se deron revoltas e sedicións. 20 Houbo en Xerusalén reis poderosos que someteron todo o territorio da outra banda do río. Había que lles pagar tributos do imposto e peaxe. 21 Agora, pois, dádelle-la orde de que deixen o traballo. Que esa cidade non se siga construíndo mentres non o ordene eu. 22 Pobres de vós se neste asunto obrades con neglixencia, dado o perigo de que creza o mal en prexuízo do rei”.

23 Lida esta copia da acta oficial do rei Artaxerxes na presencia de Rehúm, do secretario Ximxai e dos seus colegas, déronse présa en iren a Xerusalén onda os xudeus para facerlles dete-la obra pola forza e a violencia. 24 Entón, en Xerusalén, o traballo da casa de Deus cesou, e as obras estiveron detidas ata o segundo ano do reinado de Darío, rei de Persia.

Publicacións en galego (1986-2026)
Pechar sesión
Iniciar sesión
  • Galego
  • Compartir
  • Axustes
  • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
  • Termos de uso
  • Política de privacidade
  • Axustes de privacidade
  • JW.ORG
  • Iniciar sesión
Compartir