Esdras
3 Cando chegou o sétimo mes* e os israelitas xa estaban nas súas cidades, xuntáronse todos en Xerusalén co mesmo obxectivo. 2 Xesúa, que era fillo de Xehosadac, e os outros sacerdotes, e tamén Zorobabel, que era fillo de Sealtiel, xunto cos seus irmáns, puxéronse a reconstruír o altar do Deus de Israel para ofrecer nel sacrificios queimados, tal como está escrito na Lei de Moisés, o home do Deus verdadeiro.
3 Así que, aínda que lles tiñan medo ós pobos veciños, construíron o altar no mesmo sitio que estaba antes. Despois empezaron a ofrecer nel sacrificios a Xehová: o sacrificio queimado da mañá e o da tardiña. 4 Entón celebraron a Festa das Cabanas*, tal como está escrito. E tódolos días ofreceron a cantidade de sacrificios queimados que estaba indicada para cada día. 5 Despois presentaron as ofrendas queimadas diarias, as das lúas novas e as de tódalas festas santas dedicadas a Xehová, e tamén tódalas ofrendas voluntarias que calquera persoa quixese facerlle a Xehová. 6 Empezaron a ofrecerlle sacrificios queimados a Xehová desde o primeiro día do sétimo mes, a pesar de que aínda non se puxeran os cimentos do templo de Xehová.
7 Entón déronlles cartos ós canteiros e ós artesáns. Ademais, déronlles comida, bebida e aceite ós sidonios e ós tirios para que levasen madeira de cedro por mar desde o Líbano ata Xope, de acordo coa autorización que lles dera o rei Ciro de Persia.
8 No segundo ano despois de chegar á casa do Deus verdadeiro en Xerusalén, no segundo mes*, Zorobabel, que era fillo de Sealtiel, Xesúa, que era fillo de Xehosadac, e o resto dos irmáns deles, incluídos os sacerdotes, os levitas e tódolos que volveran a Xerusalén do cativerio, empezaron a obra. E encargáronlles ós levitas maiores de 20 anos que supervisasen as obras da casa de Xehová. 9 Así que Xesúa, os seus fillos e os seus irmáns, e Cadmiel e os seus fillos, que eran fillos de Xudá, xuntáronse para supervisar os que estaban traballando na casa do Deus verdadeiro. Tamén se lles uniron os fillos de Henadad, cos seus fillos e os seus irmáns, que tamén eran levitas.
10 Cando os traballadores puxeron os cimentos do templo de Xehová, os sacerdotes e os levitas, que eran fillos de Asaf, puxéronse de pé para louvar a Xehová seguindo as instrucións que dera o rei David de Israel. Os sacerdotes ían vestidos co traxe oficial e levaban as trompetas, e os levitas levaban os címbalos. 11 E empezaron a louvar a Xehová e a darlle as grazas. Cantábanse uns ós outros: “Porque el é bo, e o seu amor leal por Israel dura para sempre”. Despois, todo o pobo empezou a gritar ben alto e a louvar a Xehová porque se puxeran os cimentos da casa de Xehová. 12 Moitos dos sacerdotes, dos levitas e dos xefes das casas paternas, os que xa eran vellos e viran o templo anterior, puxéronse a chorar berrando de tristeza cando viron que se poñían os cimentos deste templo. Pero moitos outros puxéronse a berrar de alegría con tódalas súas forzas. 13 Así que non se podían distinguir os berros de alegría dos de tristeza. A xente berraba tan alto que se escoitaba o ruído desde moi lonxe.