BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w26 febreiro páxs. 14-19
  • Fai os cambios necesarios para bautizarte

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Fai os cambios necesarios para bautizarte
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • POR QUE ALGÚNS O POSPOÑEN
  • POR QUE SEGUIR TENDO O FIN NA NOSA MENTE
  • OS BENEFICIOS DE ACTUAR AGORA
  • Entendes o que significa o bautismo?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Estás preparado para dedicarte a Xehová?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Sigue “constantemente” a Xesús despois de bautizarte
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Non esperes máis, bautízate!
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
w26 febreiro páxs. 14-19

20-26 DE ABRIL DE 2026

CANCIÓN sjj 49 Alegrarei o corazón de Xehová

Fai os cambios necesarios para bautizarte

“Agora é o tempo especialmente favorable!” (2 COR. 6:2).

OBXECTIVO

Ver que agora é o momento de esforzarse por ter unha amizade estreita con Xehová e bautizarse.

1. a) Cales son algúns dos beneficios de bautizarse? b) Que imos analizar neste artigo?

XA TE dedicaches a Xehová e o simbolizaches bautizándote? Se o fixeches, entón pedícheslle que che perdoe os teus pecados e que che permita servilo cunha boa conciencia (1 Ped. 3:21). Ademais, tamén lles puxeches un bo exemplo ós que aínda non se bautizaron, tanto ós rapaces coma ós que están empezando a relacionarse coa congregación. Así que tomaches unha decisión moi boa! Pero que pasa se aínda non te bautizaches? Está claro que amas a Xehová e que queres facer a súa vontade. E sabes que o bautismo é imprescindible para que Xehová perdoe os teus pecados e para conseguir a súa aprobación (Feit. 2:38-40). Aínda así, pode ser que algo te estea freando. Que che pode axudar? Neste artigo imos analizar 1) por que algúns pospoñen o seu bautismo, 2) por que é bo que teñamos o fin na nosa mente e 3) como te beneficiarás de avanzar cara ó bautismo o antes posible.

POR QUE ALGÚNS O POSPOÑEN

2. Por que algúns pospoñen o seu bautismo?

2 Algúns pospoñen a decisión de bautizarse por medo. Por exemplo, aínda que queren servir a Xehová, teñen medo de que nunca serán o suficientemente bos para agradarlle. Se te sentes así, repasa versículos da Biblia que che axuden a convencerte de que Xehová non espera que sexas perfecto e que estará contento contigo se fas todo o que podes (Sal. 103:13, 14; Col. 3:23). Se che dá medo a oposición, pídelle a Xehová que che dea a mesma confianza que mostrou o salmista cando escribiu: “O Señor está comigo: non teño cousa que temer; ¿que me poden face-los homes?” (Sal. 118:6).

3. Que podería facer que algunhas persoas pospoñan o seu bautismo? (Ver tamén a imaxe).

3 Aínda que aman a Xehová, pode ser que algunhas persoas pospoñan o seu bautismo porque pensan que lles falta coñecemento. Pero canto coñecemento tes que ter en realidade? Fíxate neste exemplo que aparece na Biblia. Mentres Paulo e Silas estaban presos, houbo un terremoto que sacudiu o cárcere. Despois do terremoto, predicáronlles ó garda da prisión e á súa familia. É probable que aquel home e a súa familia se desen conta de que Deus acababa de facer un milagre. Ademais, aquela noite aprenderon algunhas cousas importantes sobre Xehová e sobre Xesús. Isto motivounos a bautizarse enseguida (Feit. 16:25-33). Se coñeces a Xehová, se o amas de todo corazón, se xa tes un coñecemento básico do que ensina a Biblia, se xa te arrepentiches dos teus pecados e se estás decidido a vivir de acordo coas súas normas, entón estás listo para bautizarte (Mar. 12:30).

Paulo e Silas predicándolles ó garda da prisión e á súa familia pola noite. Eles escoitan con atención.

Paulo e Silas predicáronlles ó garda da prisión e á súa familia, e eles “bautizáronse enseguida” (ver o parágrafo 3).


4. Cal é outra razón pola que algúns pospoñen o seu bautismo? (Ver tamén a imaxe).

4 Algúns queren agradar a Xehová, pero céntranse en canto lles vai custar facelo. É certo que está ben pararse a pensar no que implica cada decisión (Luc. 14:27-30). Pero algúns preocúpanse demasiado polos sacrificios que van ter que facer para servir a Deus. Iso foi o que lle pasou a Candace, que aprendera a verdade de pequena. Cando xa era adulta volveu estudar a Biblia. Ela conta: “Sabía que era o que tiña que facer para servir a Xehová, pero unha parte de min botábame para atrás porque me gustaba a vida que levaba, aínda que sabía que non lle agradaba a Xehová. Tiña claro que non me ía ser fácil renunciar a esas cousas”. A outros preocúpalles non ser capaces de cumprir coas normas de Deus unha vez se bauticen. Dálles medo cometer un pecado grave e que teñan que ser sacados da congregación. Que podes facer se che preocupan algunhas destas cousas?

Unha irmá facendo un curso da Biblia cunha muller. Mentres a irmá fala, a muller vese a ela mesma bebendo alcohol e bailando nunha discoteca cos seus amigos.

Algúns queren agradar a Xehová, pero preocúpanlles os sacrificios que van ter que facer para servilo (ver o parágrafo 4).


5. En que deberiamos centrarnos para analizar se nos imos bautizar ou non? (Mateo 13:44-46).

5 Cando queremos comprar algo, non só miramos canto custa senón tamén o seu valor. Normalmente non dubidamos en mercar algo que nos vai ser moi útil, aínda que custe moito. Da mesma maneira, cando analicemos se deberiamos bautizarnos ou non, non nos centremos só en canto nos van custar os cambios que temos que facer. Tamén temos que pararnos a pensar no valioso que é ter unha boa relación con Xehová. De feito, Xesús usou dúas comparacións para ensinar esta idea (le Mateo 13:44-46). En cada comparación, un home vendeu de boa gana todo o que tiña para poder comprar iso tan valioso que encontrara. Pois ti tamén encontraches algo moi valioso: a verdade do Reino. Así que se tes dúbidas sobre se vale a pena esforzarse por vivir de acordo co que pide Xehová, analiza a fondo as comparacións que puxo Xesús. Por exemplo, poderías preguntarte: “De verdade estou convencido do valioso que é isto que encontrei? Vexo coma un tesouro a miña relación con Xehová, a esperanza que el me deu e os irmáns tan cariñosos que teño por todo o mundo?”. As respostas que deas axudaranche a saber se tes que centrarte en aumentar o teu aprecio pola verdade ou a identificar por que estás pospoñendo a decisión de bautizarte.

6. Que podemos facer para ter o tipo correcto de corazón?

6 Na comparación que puxo Xesús sobre o sementador, describiu diferentes tipos de corazón que poderían impedir que unha persoa dese pasos en sentido espiritual. Aínda así, Xesús tamén explicou que algúns terían un “corazón sincero e bo” e responderían ben á mensaxe das boas noticias do Reino (Luc. 8:5-15). Se estás preocupado porque notas que o teu corazón está dividido, non te rendas. Xehová pode axudarche co seu espírito para que consigas “un corazón novo”, un que che axude a querer obedecelo. Por iso, óralle a Xehová para pedirlle que che axude a amar o que aprendes e a aplicalo na túa vida (Ezeq. 18:31; 36:26).

7, 8. Por que algúns rapaces non toman a decisión de bautizarse? (Ver tamén a imaxe).

7 Algúns rapaces que aman a Xehová non fan os cambios necesarios para poder bautizarse debido á influencia doutros. Por exemplo, algúns orientadores escolares poderían recomendarlles ós estudantes que teñan “a mente aberta” sobre as normas morais, aínda que pasen por alto as normas de Deus. Pero ese consello pode levar ó desastre (Sal. 1:1, 2; Prov. 7:1-5). Podes evitar este perigo se imitas o exemplo do salmista, que lle dixo a Xehová: “Avantaxo en sabedoría ós meus mestres, porque medito na túa revelación” (Sal. 119:99).

8 Os datos indican que algúns pais Testemuñas están freando os seus fillos para que non se bauticen. Céntranse demasiado nos estudos e no futuro profesional dos fillos, ou simplemente non lles axudan a poñerse metas espirituais. Que podes facer se notas que os teus pais poderían apoiarte máis coas túas metas espirituais? Por que non falas con eles sobre este tema? Podes estar seguro de que a túa idade non vai impedir que sexas un moi bo amigo de Xehová (Prov. 20:11).

Un adolescente falando da lección 23 do libro “Desfruta da vida para sempre!” cos seus pais.

Por que non falas cos teus pais sobre o teu bautismo? (Ver o parágrafo 8).


9. Por que algúns deciden esperar para bautizarse?

9 Algúns dos que cumpren cos requisitos para bautizarse pode ser que o pospoñan porque queren esperar a facelo con alguén especial para eles. Por exemplo, quizais queiran bautizarse ó mesmo tempo que un bo amigo seu ou un familiar. Claro, si que podes bautizarte o mesmo día que alguén a quen queres moito, pero de verdade deberías pospoñer o teu bautismo por ese motivo? Recorda que a túa dedicación a Deus é unha promesa persoal. O teu bautismo non debería depender do que faga outra persoa (Rom. 14:12).

POR QUE SEGUIR TENDO O FIN NA NOSA MENTE

10. Por que algunhas persoas tardan en facer os cambios necesarios para bautizarse?

10 Ademais das razóns que xa mencionamos, algunhas persoas quizais non fan os cambios necesarios para bautizarse porque pensan que aínda queda tempo de sobra antes de que chegue o fin. Pero é razoable pensar así? Xesús advertiulles ós seus discípulos: “Estade sempre preparados, porque o Fillo do Home virá á hora que menos esperades” (Luc. 12:40).

11. Cando aprendemos máis sobre Xehová, que nos sentimos motivados a facer, e por que? (Salmo 119:60).

11 A nosa dedicación a Xehová debe estar motivada polo amor. Canto máis aprendamos sobre el, máis claro veremos canto nos quere e que as súas normas son para o noso ben (le Salmo 119:60). O discípulo Santiago destacou outra razón fundamental para obedecer as normas de Xehová canto antes: ninguén sabe o que vai pasar mañá. Poida que nin sequera teñamos un día máis para “facer o que está ben”, así que é agora cando debemos facer o que Xehová quere (Sant. 4:13-17).

12. Que podemos aprender da comparación que puxo Xesús sobre a viña?

12 Pero entón, que pasa coa comparación que puxo Xesús sobre unha viña? É certo que nesa comparación explicou que os que traballaron só unha hora cobraron o mesmo que os que traballaron todo o día. Pero cal foi a razón pola que só traballaron unha hora? Eles dixeron: “Porque ninguén nos contratou”. Así que non é que non quixesen traballar durante o resto do día, senón que simplemente ninguén lles ofrecera traballo. Pero en canto os chamaron, puxéronse mans á obra (Mat. 20:1-16). Hoxe, Xesús estanos pedindo que nos fagamos os seus discípulos e que prediquemos. Por iso deberiamos empezar canto antes a facer o que nos pide.

13. Que podemos aprender da muller de Lot?

13 Algúns quizais esperen a facer cambios para servir a Deus porque pensan que poderán facelos xusto antes de que veña o fin. Pero, canto máis esperen, máis difícil se lles fará. Xesús xa o sabía, e por iso lles dixo ós seus discípulos: “Acordádevos da muller de Lot” (Luc. 17:31-35). Ela sabía ben que Deus estaba a punto de destruír as cidades de Sodoma e Gomorra. Pero aínda así, parece que non foi capaz de renunciar ás cousas que deixara atrás (Xén. 19:23-26). O seu exemplo tamén nos recorda que a porta da salvación non vai seguir aberta para sempre. Cando chegue o momento que Deus escolleu, a porta pecharase e non se volverá a abrir (Luc. 13:24, 25).

14. Que efecto deberían ter en ti as promesas da Biblia sobre o fin?

14 O que pasa no mundo cada día demostra que se están cumprindo as profecías da Biblia sobre o fin. Aínda que non che afecten directamente algunhas destas cousas, ver o que está pasando por todo o mundo debería motivarte a dar os pasos necesarios para bautizarte o antes posible. Pensa no que lles pasou ós cristiáns no primeiro século. O apóstolo Pedro díxolles que “[estivesen] vixiantes” porque “o final de tódalas cousas xa [estaba] cerca” (1 Ped. 4:7, nota). Neste versículo, parece que “o final” se refire á destrución de Xerusalén e do seu templo. Os cristiáns ós que lles escribiu Pedro vivían lonxe de Xerusalén, así que a destrución da cidade non lles ía afectar directamente (1 Ped. 1:1). Aínda así, cando viron que se cumpría esa profecía, aumentou a súa confianza en tódalas outras promesas de Xehová. De maneira parecida, ver que se cumpren as promesas sobre o fin, motivarate a dar os pasos necesarios para bautizarte.

15. Que podemos facer para estar listos para o día de Xehová? (2 Pedro 3:10-13).

15 Na súa segunda carta inspirada, Pedro explicou o que debemos facer para estar listos cando chegue o día de Xehová. Aínda que para os cristiáns do primeiro século faltaba moito para que chegase ese día, Pedro díxolles que tiñan que estar “moi pendentes”, ou “[desexar] intensamente”, que chegase ese día (le 2 Pedro 3:10-13, nota). No noso caso, podemos estar moi pendentes do día de Xehová se temos sempre en mente que falta pouco para que chegue. Por iso facemos todo o posible por estar listos tendo “unha conduta santa” e demostrando cos nosos feitos que temos “devoción a Deus”. Pensa no contento que está Xehová ó ver todo o que estás facendo! Seguro que lle encanta ver que te dedicas a el e te bautizas.

OS BENEFICIOS DE ACTUAR AGORA

16. Cando é o mellor momento para dar os pasos para bautizarse? (2 Corintios 6:1, 2). (Ver tamén as imaxes).

16 O mellor momento para dar os pasos para bautizarse é agora (le 2 Corintios 6:1, 2). O eunuco etíope que coñeceu Felipe entendeu que tiña que bautizarse inmediatamente. En canto aprendeu as boas noticias e tivo a oportunidade de bautizarse, non pensou: “Primeiro gustaríame aprender máis sobre as boas noticias. Xa haberá outros sitios no camiño para bautizarme”. En vez diso, preguntoulle a Felipe: “Que impide que me bautice?” (Feit. 8:26, 27, 35-39). Que exemplo tan bo! E despois de bautizarse, “seguiu o seu camiño cheo de alegría”.

Serie de imaxes: 1. O eunuco etíope meténdose na auga mentres Felipe o invita a bautizarse. 2. A estudante da Biblia e a irmá da anterior imaxe falando moi felices con dous anciáns no Salón do Reino.

Podemos aprender unha boa lección do eunuco etíope: o mellor momento para dar os pasos para bautizarse é agora mesmo! (Ver o parágrafo 16)a.


17. De que podemos estar seguros?

17 Se estás pospoñendo a decisión de bautizarte, recorda que Xehová está listo para axudarche a facerte amigo del (Rom. 2:4). El vai estar aí para que poidas superar calquera medo ou preocupación que teñas, mesmo se outros non apoian a túa meta. Cando te bautices, sentirás a alegría de saber que estás agradando a Xehová e seguramente deixen de importarche “as cousas que quedan atrás” (Filip. 3:8, 13). Entón poderás centrarte en esperar “as cousas que están por vir”, é dicir, as promesas que lles fai Xehová ós que se dedican a el e se bautizan (Feit. 3:19).

QUE RESPONDERÍAS?

  • Cales son as razóns polas que algúns pospoñen o seu bautismo?

  • Por que non sería unha boa decisión pospoñer o bautismo?

  • Cando é o mellor momento para dar os pasos para bautizarse?

CANCIÓN sjj 38 Xehová darache forzas

a DESCRICIÓN DA IMAXE: Igual que o eunuco etíope lle dixo a Felipe que se quería bautizar, os estudantes da Biblia falan cos anciáns para dicirlles que se queren bautizar.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir