13-19 DE ABRIL DE 2026
CANCIÓN sjj 52 A dedicación cristiá
Entendes o que significa o bautismo?
“Facede discípulos […]. Bautizádeos” (MAT. 28:19).
OBXECTIVO
Aprender o que significa o bautismo, a importancia que ten e o que implica.
1. Por que sabemos que o bautismo é unha ensinanza bíblica moi importante?
QUE contentos estamos cando alguén se bautiza! Sabías que esa alegría foi a mesma que sentiron os cristiáns do primeiro século cando celebraron a súa primeira reunión? Nela bautizáronse moitas persoas e o apóstolo Pedro deu un discurso no que explicou por que é moi importante bautizarse (Feit. 2:38, 40, 41). Máis tarde, o apóstolo Paulo escribiu que “as ensinanzas sobre os bautismos” forman parte das “ensinanzas básicas sobre o Cristo” (Heb. 6:1, 2). Aínda que o tema do bautismo pode parecer algo básico, temos que entendelo ben. Por que?
2. Por que debemos entender ben o bautismo?
2 Igual que un bo fundamento axuda a que unha casa se manteña en pé, entender ben o bautismo pode axudarnos a ter unha fe forte. Todos necesitamos entender ben por que é importante o bautismo, xa sexa que esteamos dando os pasos para facelo ou que o fixésemos hai moitos anos. Por iso, neste artigo responderemos estas preguntas: Que significa o bautismo? Como se deben realizar os bautismos? E por que nos bautizamos no nome do Pai, do Fillo e do espírito santo?
QUE SIGNIFICA O BAUTISMO?
3. Que demostras cando te bautizas?
3 Cando te bautizas demostras publicamente que aceptaches a verdade acerca de Xehová e Cristo Xesús, que te arrepentiches dos teus pecados, que fixeches cambios na túa vida para servir a Xehová, que recoñeciches a Xesús como o medio que Deus puxo para a nosa salvación e que lle fixeches unha oración a Xehová para dicirlle que queres facer a súa vontade colaborando coa súa organización. Unha vez que fas esa promesa, ou dedicación, e te bautizas, empezas unha carreira que leva á vida eterna.
4. Que simboliza que alguén se meta por completo debaixo da auga e despois saia? (Ver tamén a imaxe).
4 Para bautizarte, tes que meterte por completo debaixo da auga e despois saír,a coma se foses enterrado e despois resucitado (compara con Colosenses 2:12). O bautismo simboliza os cambios tan grandes que tiveches que facer na túa vida. Por que? Cando te metes debaixo da auga, demostras que deixaches atrás a forma de vivir que tiñas antes. E cando saes da auga, empezas unha nova vida centrada en facer a vontade de Xehová.
Cando te bautizas, deixas atrás a túa antiga forma de vida e empezas unha nova centrada en facer a vontade de Deus (ver o parágrafo 4).
5. Por que podemos comparar o que temos que facer para poder bautizarnos co que tivo que facer Noé para construír a arca? (1 Pedro 3:18-21).
5 Le 1 Pedro 3:18-21. En certo sentido, podemos comparar o que estás facendo para bautizarte co que tivo que facer Noé para construír a arca. Se estás empezando a aprender sobre Xehová, ó mellor paréceche que todo o que tes que facer para chegar a bautizarte é moi difícil, quizais tanto como o que tivo que facer Noé. Pero de verdade é necesario tanto esforzo? Si. Por que dicimos isto? Pensa en Noé. Deus díxolle como tiña que construír a arca, e el tivo que seguir as instrucións ó pé da letra para sobrevivir ó Diluvio. Noé puido completala porque tiña fe en Xehová, o obedeceu e tamén porque contaba coa súa axuda. Igual ca el, ti podes facer todo o que Deus nos manda (Xén. 6:22).
6. Por que se pode dicir que o bautismo te “está salvando”?
6 No versículo 21, o apóstolo Pedro di que o bautismo nos “está salvando”. Claro, o simple feito de meterte por completo debaixo da auga non é o que te salva, nin tampouco é o que fai que se borren os teus pecados. O único que pode facer que se perdoen os pecados é o sangue de Xesús (1 Xoán 1:7). Aínda así, o bautismo é un paso imprescindible para facer o que Xehová manda. É como “pedirlle a Deus unha boa conciencia”, e el estará encantado de darche o que lle pides. Por iso se pode dicir que o bautismo te “está salvando”, é dicir, está dándoche a oportunidade de vivir para sempre.
QUE IMPLICA O BAUTISMO?
7. Como debería realizarse o bautismo?
7 Á parte do requisito da inmersión completa, a Biblia non dá moitos máis detalles sobre como debe ser o bautismo. Aínda así, si que nos axuda a saber o que é apropiado nese momento. Por exemplo, os principios bíblicos axudan a saber que roupa deberían levar os candidatos e como deberían comportarse os que estean presentes (1 Cor. 14:40; 1 Tim. 2:9). Na actualidade, quen se encarga de bautizar a outros é normalmente un ancián, pero non se lle trata de maneira especial por facelo (1 Cor. 1:14, 15). Ademais, o bautismo é igual de válido se se fai diante de moitas persoas ou de poucas (Feit. 8:36).
8. Que preguntas se lles fan ós candidatos ó bautismo, e que oportunidade lles dá isto ós candidatos? (Feitos 2:38-42) (Ver tamén a imaxe).
8 A Biblia explica que debemos facer “declaración pública que leva á salvación”, é dicir, demostrar a nosa fe (Rom. 10:9, 10). Facemos esta “declaración pública” non só cando predicamos, senón sobre todo o día que nos bautizamos. Por iso se lles fan dúas preguntas ós candidatos. A primeira é: “Arrepentícheste dos teus pecados, dedicácheste a Xehová e aceptaches que Xesucristo é o único medio que Deus nos deu para salvarnos?”. Esta pregunta céntrase no que xa tivo que facer a persoa para poder bautizarse, e parécese ó que mencionou o apóstolo Pedro no Pentecostés cando lles dixo ás persoas que se arrepentisen e bautizasen. A segunda pregunta é: “Entendes que o teu bautismo te identifica como testemuña de Xehová e como parte da súa organización?”. Esta pregunta céntrase no que vai facer a persoa a partir dese momento: promete que vai seguir a guía da organización de Deus e servirá a Xehová xunto cos seus irmáns. Isto tamén se parece ó que fixeron aquelas persoas que se bautizaron no Pentecostés (le Feitos 2:38-42). Os que contestan que si a estas dúas preguntas cumpren cos requisitos para bautizarse.
Cando te bautizas, fas unha “declaración pública que leva á salvación” (ver o parágrafo 8).d
9. Que pasos temos que dar todos para conseguir a aprobación de Deus?
9 Pode ser que antes de que empezases a coñecer a verdade xa vivises máis ou menos de acordo co que di a Biblia e non cometeses ningún pecado grave. Ou poida que teus pais fosen Testemuñas e che axudasen a coñecer e a amar a Xehová dende pequeno. Aínda así, segue sendo necesario que te arrepintas e te bautices para ter a aprobación de Deus? Si. O certo é que todos herdamos o pecado, e iso impídenos ser amigos de Deus (Sal. 51:7 [51:5, TNM]). Pero a medida que imos coñecendo a Xehová, tomamos a decisión de facer o que el quere e non o que nós queremos. Arrepentímonos da vida que levabamos antes, deixamos de facer as cousas que lle desagradan a Deus e empezamos a vivir da maneira que el nos pide. Entón é cando podemos bautizarnos (Feit. 3:19).
10. Que debes facer se xa te bautizaches como membro doutra relixión?
10 E que pasa se xa te bautizaches como membro doutra relixión? Aínda así, tes que bautizarte como testemuña de Xehová. Por que? Porque cando te bautizaches, aínda non coñecías ben a verdade sobre Xehová e Xesús. De feito, aínda que lle fixeses unha oración a Deus para dedicarte a el, esa promesa podería non estar baseada nun coñecemento correcto da súa vontade. Cando o apóstolo Paulo coñeceu uns homes en Éfeso que se bautizaran sen coñecer a verdade sobre Xesús, explicoulles que tiñan que volver a bautizarse (Feit. 19:1-5).b Hoxe pasa o mesmo: Xehová só acepta o bautismo dunha persoa se ela coñece correctamente a Súa vontade.
“NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO”
11. Que significa bautizarse “no nome do Pai, do Fillo e do espírito santo”? (Mateo 28:18-20).
11 Xesús mandou que os novos discípulos se bautizasen “no nome do Pai, do Fillo e do espírito santo” (le Mateo 28:18-20). Que quixo dicir con esas palabras? Na Biblia, a palabra nome refírese moitas veces á reputación que ten unha persoa. Tamén se pode referir á posición e á autoridade que representa ese nome. Así que cando facemos algo “no nome” de algo ou de alguén, estamos recoñecendo a autoridade que hai detrás dese nome (compara con Mateo 10:41; mira a nota de estudo “porque es profeta”, nwtsty-S). Imos analizar como podemos recoñecer a posición e a autoridade do Pai e do Fillo, e tamén o papel que ten o espírito santo.
12. En que sentido nos bautizamos no nome do Pai? (Apocalipse 4:11). (Ver tamén a imaxe).
12 No nome do Pai. Nós recoñecemos que Xehová é o noso Pai celestial, quen nos deu a vida. Tamén que é o Deus todopoderoso, o Creador de tódalas cousas (le Apocalipse 4:11). Ademais, sabemos que el é quen escoita as oracións, e usamos o seu nome persoal cando lle oramos e cando lles falamos del a outros (Sal. 65:3 [65:2, TNM]). Aínda así, bautizarse no nome do Pai implica algo máis. As persoas que escoitaron o discurso de Pedro no Pentecostés xa coñecían a Xehová, pero agora tiñan que entender que Xehová só dá vida eterna por medio de Xesucristo (Rom. 5:8).
Despois de bautizarte, sigue recoñecendo a posición e a autoridade do Pai (ver o parágrafo 12).
13. En que sentido nos bautizamos no nome do Fillo? (Ver tamén a imaxe).
13 No nome do Fillo. Nós recoñecemos que Xesús é o Fillo unixénito de Deus. Ademais, só podemos ter unha boa relación con Xehová grazas a Xesús. Por iso el é “o camiño” (Xoán 14:6). Tamén cremos que Xesús é o noso Redentor, é dicir, el foi quen morreu por nós para que poidamos conseguir vida eterna. Entender isto, motívanos a seguir o seu exemplo cada día da nosa vida, non só cando nos bautizamos (1 Xoán 2:6). Así que predicamos con entusiasmo, igual ca el, e non deixamos que nada nos pare (Luc. 4:43). E incluso estamos dispostos a aguantar persecución por serlle leais a Deus (2 Tim. 3:12). Tamén respectamos a Xesús como “cabeza da congregación”, e por iso seguimos de boa gana a guía que nos dan os que el escolleu para dirixir e coidar os seus seguidores (Ef. 4:8, 11, 12; 5:23).
Despois de bautizarte, sigue recoñecendo a posición e a autoridade do Fillo (ver o parágrafo 13).
14. a) En que sentido nos bautizamos no nome do espírito santo? (Ver tamén a imaxe). b) Que outros bautismos están relacionados cos unxidos? (Ver o recadro “Outros bautismos para os unxidos”).
14 No nome do espírito santo. Nós aceptamos a verdade sobre o espírito santo. Sabemos que non é unha persoa, nin tampouco forma parte dunha Trindade. É a forza activa de Deus. Sabemos que Xehová usou o espírito para guiar os profetas e os escritores da Biblia, e por iso a lemos regularmente e seguimos as súas ensinanzas (2 Ped. 1:20, 21). Tamén evitamos cometer pecados graves, porque iso non só faría que Xehová non nos dese o seu espírito santo a nós, senón que podería provocar que tampouco o recibise a nosa congregación (Ef. 4:30).
Despois de bautizarte, sigue recoñecendo o papel que ten o espírito santo (ver o parágrafo 14).
15. Que deberiamos seguir facendo?
15 Se es un cristián bautizado, sigue recordando por que é tan importante o bautismoc e sigue cumprindo a promesa que lle fixeches a Xehová cando te dedicaches a el e te bautizaches. Pero que pasa se aínda non te bautizaches? Podería ser que algo te estivese freando? O seguinte artigo analizará que podes facer para seguir dando pasos cara ó bautismo.
CANCIÓN sjj 161 É un pracer vivir para ti, Xehová!
a A palabra grega baptizo, que se traduce como “bautismo”, significa “inmersión” ou “mergullar”. Así que o bautismo refírese a meter por completo a unha persoa debaixo da auga, non só a botarlle algo de auga por riba como ensinan algunhas relixións.
b Aqueles homes de Éfeso bautizáranse co “bautismo de Xoán” (Feit. 19:3). Xoán o Bautista díxolles ós xudeus que se arrepentisen dos pecados que cometeran contra a Lei de Moisés, e bautizou os que se arrepentiron (Mar. 1:4, 5). Pero dende que o pobo de Deus xa non estivo baixo a Lei, o bautismo de Xoán deixou de ser válido. A partir dese momento, para Deus hai “un só bautismo” que leva á salvación (Ef. 4:5).
c Mira en jw.org e en JW Library® o artigo “Que é o bautismo?” da sección “Preguntas sobre a Biblia”.
d DESCRICIÓN DA IMAXE: Nun congreso, os candidatos ó bautismo póñense de pé para facer unha declaración pública da súa fe.