COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
Publicacións en papel nunha era dixital
1 DE ABRIL DE 2026
Cando queres ler a Biblia ou unha das nosas publicacións, como o fas? Moitos de nós xa non collemos un libro ou unha revista. No seu lugar imos buscar o móbil ou a tableta. De feito, é probable que agora mesmo esteas lendo este artigo nun dispositivo electrónico. Que agradecidos estamos de ter as nosas publicacións dispoñibles na aplicación JW Library e tamén en jw.org!
Por que agora a maioría das nosas publicacións están en formato dixital? Moitas Testemuñas prefiren estes formatos porque son moi prácticos ou polas funcións extra que teñen. E aínda que seguimos ofrecendo publicacións cando predicamos, agora intentamos centrarnos en comezar conversas.
Como resultado, imprimimos un 60 % menos de publicacións que hai dez anos! En 2015, antes de que se usase habitualmente JW Library para descargar publicacións, a maioría das nosas imprentas traballaban unhas 16 horas ó día e algunhas case tiveron que facer unha terceira quenda para cubrir a demanda. En cambio, agora mesmo case tódalas imprentas traballan unha soa quenda ó día.
E non somos a única organización que está imprimindo menos. Varios estudos independentes destacan que nos últimos anos se están imprimindo menos periódicos e menos revistas. Se cada vez hai máis persoas que usan publicacións en formato dixital, necesitamos seguir imprimindo? Por suposto que si! Vexamos por que o seguimos facendo e como as túas doazóns fan que sexa posible.
Irmás en Malaui usando a edición impresa do folleto Desfruta da vida para sempre! para dar clases da Biblia.
Por que aínda se necesitan publicacións en papel?
Moitos irmáns necesitan as publicacións en papel. Pensa nos seguintes exemplos:
“Uso as publicacións en papel porque non teño outra alternativa. Non me podo permitir un dispositivo móbil e, aínda que puidese, onde vivo hai moitos cortes de luz así que é difícil poder cargar eses aparellos. Por iso para min non é práctico depender das publicacións dixitais” (Odete, Mozambique).
“Non teño cartos para mercar un dispositivo electrónico. Pero aínda que os tivese, os dispositivos máis económicos non duran moito e hainos que reparar a miúdo. Non podería ler as nosas publicacións mentres están arranxando o dispositivo” (Linley, Malaui).
“Como non temos moitos cartos, as miñas dúas fillas máis eu compartimos o móbil. Nas reunións, mentres unha de nós usa o teléfono as outras dúas usamos publicacións en papel” (Sinine, Micronesia).
Hai irmáns que si poden descargar as publicacións en formato dixital, pero prefiren as publicacións en papel. Fíxate nos seguintes comentarios:
“A miúdo uso as publicacións en dixital. Pero cando me preparo para as reunións prefiro as publicacións impresas. Desfruto tendo as publicacións nas miñas mans e léndoas en papel. Gústame subliñar as ideas importantes e facer as miñas notas nas marxes. Tamén o podía facer en formato dixital, pero cando estudo coas publicacións en papel sinto que lembro mellor a información e resúltame máis fácil poñela en práctica” (Márcia, O Brasil).
“Para min é máis sinxelo ler as publicacións en papel porque non se me cansan os ollos como cando uso unha pantalla. Ademais, non se me dá moito a tecnoloxía, así que me custa tomar notas, descargar arquivos e buscar información” (Selina, Mozambique).
“Uso o teléfono e o ordenador todo o día. Pero cando quero pasar tempo de calidade con Xehová, prefiro desconectar e usar publicacións en papel. Axúdanme a ler con calma e a non distraerme coas notificacións” (Guillaume, O Canadá).
“Cando lle falas a alguén na predicación por primeira vez non sempre é sinxelo pedirlle o seu contacto para mandarlle unha publicación en formato dixital. A miúdo é máis fácil darlla en papel. Ademais, nós predicamos en lugares perigosos, así que cando o facemos intentamos non usar os dispositivos móbiles” (Un superintendente de circuíto de América do Sur).
Moitos prefiren usar as publicacións en papel para preparar as reunións.
Que estamos facendo para axudarlles ós irmáns que necesitan ou prefiren publicacións en papel?
Imprimimos o que necesitan os irmáns
Actualmente seguimos facendo publicacións en papel en nove sucursais. Durante o ano de servizo 2025, imprimimos máis de 1500 millóns de exemplares, entre eles, máis de 3 millóns de Biblias, máis de 18 millóns de libros e máis de 941 millóns de folliñas e invitacións. Para facelo, gastamos máis de 35 millóns de dólaresa. E ademais, durante os pasados tres anos, gastamos uns 10 millóns de dólares para actualizar as imprentas e os equipos de encadernación.
Para usar ben as doazóns, só imprimimos o que os irmáns van usar. Como dixemos antes, aínda que seguimos deixándolles publicacións ás persoas, agora centrámonos en comezar conversas. Así que, nos últimos dez anos, reducimos o número de revistas Despertade! que imprimimos de 86 exemplares por publicador ó ano, a tan só 11. E como moitas Testemuñas usan a miúdo tarxetas de contacto, agora imprimimos case tres veces máis do que o facíamos antes de 2020.
“Deus de verdade se interesa por cada un de nós”
Os nosos irmáns están moi agradecidos de que sigamos imprimindo publicacións. Ricardo, do Brasil, di: “Estou orgulloso de pertencer a unha organización que demostra tanto amor e se preocupa por darlles a todos o alimento espiritual, mesmo a aqueles que non teñen acceso ás publicacións en formato dixital. Isto fai que ‘tódolos que teñan sede’ e ‘tódolos que queiran’ poidan aprender a verdade que salva vidas” (Apocalipse 22:17). Bernard, de Tahití, di: “Estou moi agradecido polas publicacións en papel. Son boa proba do amor da organización de Xehová e tamén do sabia e razoable que é. Sempre se asegura de que calquera persoa aínda sendo nova ou maior, rica ou pobre, poida escoitar as boas noticias do Reino. É unha fermosa demostración de que Deus se preocupa por cada persoa”.
Andréia, do Brasil, sabe que coas súas doazóns pode apoiar o labor de imprimir publicacións. Ela di: “A nosa organización usa cartos, tempo, habilidades e enerxías para imprimir publicacións para aqueles que non poden acceder ás versións dixitais. Deus de verdade se interesa por cada un de nós, estou convencida! Incluso se as miñas doazóns só se usasen para imprimir publicacións, estaría encantada”.
Agradecemos moito tódalas túas doazóns, incluídas as que fas a través de donate.jw.org. Iso permítenos seguir imprimindo publicacións para aqueles que as necesitan ou que as prefiren.
a Tódalas cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.