COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
Simplificamos o proceso de impresión para axudar a “todo tipo de persoas”
1 DE OUTUBRO DE 2025
Xehová quere que “todo tipo de persoas [...] cheguen a ter un coñecemento exacto da verdade” (1 Timoteo 2:3, 4). Agora ben, os irmáns e as persoas ás que lles predicamos falan centos de idiomas. Por iso, cada ano imprimimos case dous mil millóns de publicacións en todos estes idiomas. Que facemos para producir alimento espiritual en tantos idiomas mentres usamos as doazóns da mellor maneira?
Mellores equipos, menos imprentas
Durante os anos oitenta, estabamos imprimindo revistas nuns corenta países. Dende entón, fomos reorganizando os labores de impresión e agora tan só imprimimos en nove países. En cambio, neste mesmo período, o número de idiomas nos que imprimimos publicacións creceu un 500 %. Como podemos imprimir en máis idiomas usando menos imprentas? Un factor importante foi a mellora dos equipos.
As imprentas novas permítennos imprimir publicacións máis rápido. Antes tardabamos moito cambiando dun traballo a outro. En cambio, agora facémolo catro veces máis rápido grazas ós novos equipos. Incluso podemos imprimir en menos tempo cantidades máis pequenas de publicacións en idiomas que teñen menos falantes. Para cada traballo necesitamos novas pranchas de impresión. Recentemente, nun período de doce meses, gastamos case dous millóns de dólares tan só en pranchas de impresión.a Por iso, para pequenos traballos, usamos imprentas dixitais que non necesitan pranchas. Este tipo de imprentas, incluídas as que imprimen a láser, poden producir pequenas cantidades de publicacións a un custo máis baixo e sen moito desperdicio.
Cambiando as pranchas de impresión entre dous traballos.
Durante os pasados tres anos, gastamos máis de 10 millóns de dólares arredor de todo o mundo para mellorar as imprentas o os equipos de encadernación. Como se usa este equipamento para producir biblias? No pasado era necesario facer máis de corenta pasos despois de imprimir unha Biblia. Entre eles coser, cortar o papel, recortar os bordes, lixalos e decoralos. Ademais, entre paso e paso, era necesario mover e colocar os libros a man. En cambio, agora só son necesarios dez pasos porque grazas ós novos equipos combínanse moitos deles e tamén porque se usan cintas para transportar as Biblias. Isto fixo que se reducise o traballo manual na produción de Biblias máis do 55 %. Antes, na sucursal do Xapón, o taller de encadernación producía 2000 Biblias cada oito horas. Agora fanse máis de 35.000 Biblias no mesmo tempo.
Os códigos de barras úsanse para identificar, xuntar e ordenar cada sección da Biblia.
Almacenamos menos, aforramos máis
As melloras das que falamos ata agora axudáronnos a aforrar doazóns. Por exemplo, agora podemos facer traballos de impresión máis pequenos ou cambiar dun traballo a outro con máis frecuencia, por iso puidemos reducir a cantidade de publicacións que almacenamos en cada imprenta. Gary, que serve na sucursal dos Estados Unidos, explica: “Ó principio era difícil entender por que era mellor facer menos cantidade de publicacións, pero máis a miúdo. Parecía máis razoable facer máis publicacións con menos frecuencia. De feito, o primeiro ano que comezamos con este novo método, os gastos en pranchas de impresión e papel aumentaron en 60.000 dólares. En cambio, aforramos máis de un millón e medio de dólares en gastos relacionados con almacenar papel e libros”. Os cartos que se aforran pódense usar para outras cousas importantes, coma a construción de Salóns do reino ou os labores de socorro.
Ó ter que almacenar menos cousas, agora hai máis espazo nalgunhas sucursais que se pode usar para outras tarefas de Betel. Ademais, ó imprimir en menos lugares, somos capaces de reducir o tamaño dos novos proxectos de construción. Por exemplo, dende 2018 as tarefas de impresión da sucursal do Reino Unido agora fanse noutras sucursais, coma a de Europa Central. Isto aforrou millóns de dólares na construción da nova sucursal en Chelmsford (Inglaterra).
“Acordácheste de min!”
O máis importante é que, ó facer máis simple o proceso de impresión, axudamos a máis persoas a achegarse a Xehová. Agora podemos imprimir en máis idiomas, aínda que só se necesiten uns poucos centos de exemplares dunha publicación. Por exemplo, só hai uns 35.000 falantes de walisiano que viven en Nova Caledonia e en Wallis e Futuna. Pero en agosto de 2024 publicouse a Tradución do Novo Mundo completa neste idioma. Unha publicadora que se chama Selafina explica: “Antes lía cousas na Biblia en francés que non entendía. Pero cando recibín a Biblia en walisiano, enchéronseme os ollos de bágoas e díxenlle a Xehová: ‘Ai, Xehová, acordácheste de min! Es un Deus imparcial’”.
A Tradución do Novo Mundo completa está dispoñible agora en walisiano.
Aínda que hai menos de 500 mil persoas na República Democrática do Congo que falan sanga, o libro Desfruta da vida para sempre! está dispoñible nese idioma. Josué, un publicador dunha congregación de fala sanga, di: “Antes era moi complicado explicarlles ou traducirlles algunhas expresións ós estudantes. E aínda así, ás veces, non entendían o que puña o libro. Que alivio ter este libro en sanga! Agora os estudantes entenden o que ensina a Biblia e xa non teño que andar dándolles moitas explicacións”.
En Honduras, uns irmáns dan un curso da Biblia usando o libro Desfruta da vida para sempre! en garifuna, unha lingua que falan unhas 120.000 persoas.
Agora publicamos e distribuímos publicacións baseadas na Biblia en máis idiomas que nunca. As vosas doazóns, incluídas aquelas que se fan a través de donate.jw.org, fan que todo isto sexa posible. Moitísimas grazas pola vosa xenerosidade!
a Tódalas cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.