BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w26 maio páxs. 8-13
  • Como usar os principios bíblicos para educar a conciencia

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Como usar os principios bíblicos para educar a conciencia
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • QUE É A CONCIENCIA?
  • COMO EDUCAR A NOSA CONCIENCIA
  • COMO ENCONTRAR PRINCIPIOS BÍBLICOS QUE APLIQUEN EN CADA SITUACIÓN
  • DEMOSTRA QUE TES UNHA CONCIENCIA BEN EDUCADA
  • Como ter a conciencia limpa ante Deus
    Continúa no amor de Deus
  • Como podemos tomar boas decisións?
    Desfruta da vida para sempre! Curso da Biblia interactivo
  • Por que son importantes os principios bíblicos?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Demostra que confías en Xehová cando tomes decisións
    Vida e actividades cristiás. Caderno de estudo (2023)
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
w26 maio páxs. 8-13

13-19 DE XULLO DE 2026

CANCIÓN sjj 127 A persoa que quero ser

Como usar os principios bíblicos para educar a conciencia

“Cada un levará a súa propia carga de responsabilidade” (GÁL. 6:5).

OBXECTIVO

Ver como os principios bíblicos poden axudarnos a ter unha conciencia que nos sirva coma unha boa guía.

1, 2. a) Que regalo se lles deu a Adán e Eva? b) Como deberían ter demostrado que valoraban ese regalo?

OS ANIMAIS actúan por instinto e moitas máquinas poden ser programadas para facer as cousas de certa maneira. Pero os humanos somos diferentes. Fomos creados cun regalo especial, un que os cristiáns verdadeiros valoramos moito: o libre albedrío, é dicir, a habilidade de tomar as nosas propias decisións na vida. Na Biblia lemos que Adán, o primeiro home, foi creado á imaxe e semellanza de Deus (Xén. 1:26, 27). Como criaturas intelixentes, tanto Adán como a súa muller, Eva, tiñan a oportunidade de tomar as súas propias decisións.

2 Xehová non lles deu unha longa lista de leis a Adán e Eva. Simplemente lles dixo que coidasen da terra, que a enchesen cos seus fillos e que respectasen o seu dereito de poñer límites razoables ó que podían facer (Xén. 1:28; 2:16, 17). Como deberían ter demostrado Adán e Eva o agradecidos que lle estaban a quen lles deu o regalo do libre albedrío? Tendo en conta todo o que Xehová lles dera, deberían terse sentido motivados a obedecer estas simples normas por amor a el e polo desexo que tiñan de facelo feliz (Prov. 23:15).

3. Como usaron Adán e Eva o regalo do libre albedrío?

3 Tal e como a Biblia conta, Adán e Eva non usaron ben o seu libre albedrío. Máis ben, decidiron desobedecer a Xehová. Non se guiaron polo seu amor e aprecio a el, senón polo seu egoísmo (Xén. 3:1-7). E hoxe en día aínda estamos sufrindo as consecuencias desa decisión (Rom. 5:12).

4. a) Segundo Gálatas 6:5, que temos que facer todos? b) Cal é o outro regalo que veremos neste artigo?

4 Agora as nosas vidas son moi complicadas e cada día todos temos que tomar moitas decisións (le Gálatas 6:5). Algunhas son relativamente sinxelas, pero outras son máis complicadas. Como podemos tomar decisións que agraden a Xehová? Primeiro temos que recoñecer que necesitamos a súa axuda (Prov. 16:3; Xer. 10:23). Incluso Xesús, que era perfecto, tamén a necesitou (Heb. 5:7). Así que nós, que somos imperfectos, precisamos esa axuda moito máis. Vexamos agora outro regalo que nos deu Deus que nos axudará a tomar boas decisións: a nosa conciencia.

QUE É A CONCIENCIA?

5. a) Que é a conciencia? b) Como nos axuda a conciencia? (Romanos 2:14, 15).

5 A nosa conciencia é o que nos axuda a saber que está ben e que está mal. Tódalas persoas témola, incluso as que non saben nada sobre as leis de Xehová (2 Cor. 4:2). A conciencia é coma un xuíz que temos no noso interior que nos acusa ou nos defende dos nosos pensamentos e accións (le Romanos 2:14, 15). Pode advertirnos para que non fagamos o que sabemos que está mal ou motivarnos a facer o que sabemos que está ben (1 Sam. 26:8-11). O libre albedrío por si mesmo non nos asegura de que a Xehová lle vaian a gustar as decisións que tomemos. É a nosa conciencia a que nos axudará a diferenciar entre unha boa decisión e unha mala.

6. Que problema temos coa nosa conciencia?

6 Pero hai un problema coa nosa conciencia: é imperfecta igual ca nós. Pode verse influída negativamente pola nosa crianza, cultura ou malos desexos. A Biblia di que a conciencia pode volverse “débil”, “[contaminada]”, “insensible coma se estivese marcada cun ferro de marcar” ou incluso “mala” (1 Cor. 8:12; Tito 1:15; 1 Tim. 4:2; Heb. 10:22). Unha conciencia así xa non é unha boa guía. É coma unha báscula que non é precisa e que hai que volver a calibrar. Así que hai que facerlle un mantemento adecuado á nosa conciencia para mantela en boas condicións (1 Ped. 3:16). Como?

COMO EDUCAR A NOSA CONCIENCIA

7, 8. a) Que nos axudará a educar a nosa conciencia? b) Como nos guiarán os principios bíblicos? Pon un exemplo. (Ver tamén a imaxe).

7 Como podemos educar a nosa conciencia? Temos que ler regularmente a Biblia e aprender cal é o punto de vista de Xehová sobre o que está ben e o que está mal. Estudar as súas leis axudaranos a entender como pensa. Pero, como se mencionou no artigo anterior, as leis pode ser que só nos axuden nalgunhas situacións específicas. Ese é o motivo polo que tamén temos que buscar principios, xa que nos dan unha visión moito máis ampla do que pensa e sente Xehová (Is. 55:9).

8 A nosa vida pode compararse a camiñar por un deserto onde non hai estradas, camiños nin sinais. A posición do Sol e das estrelas pode indicarnos máis ou menos cara a onde temos que ir para chegar ó noso destino. Pero é aínda máis útil ter un mapa que nos marque certos puntos de referencia. Un mapa así pode asegurarnos que estamos indo na dirección correcta e axúdanos a darnos conta de se nos desviamos. O noso obxectivo na vida é facer feliz a Xehová. A Biblia é coma un mapa que nos dá unha guía específica e os principios bíblicos son coma os puntos de referencia no camiño. Polo que se andamos de acordo con eses principios asegurarémonos de chegar ó noso destino.

Un sendeirista no deserto comprobando no mapa os puntos de referencia para confirmar que está indo na dirección correcta.

Os principios bíblicos son coma os puntos de referencia no camiño que nos aseguran que estamos indo na dirección correcta (ver o parágrafo 8).


9. Que máis pode axudarnos a educar a nosa conciencia? (Romanos 9:1).

9 Para educar correctamente a nosa conciencia, necesitamos a axuda do espírito santo de Deus (le Romanos 9:1). O espírito santo axudaranos a entender o que pensa Xehová sobre certos asuntos. Tamén pode motivarnos e darnos forzas para actuar de acordo coa súa vontade (Filip. 2:13). Pero, como podemos recibir a axuda do espírito santo de Xehová?

10. Como podemos recibir a axuda do espírito santo? (Lucas 11:10, 13).

10 Pídelle a Deus espírito santo en oración (le Lucas 11:10, 13). Podemos estar seguros de que Xehová quere darnos o seu espírito santo (Xoán 3:34). El dállelo con xenerosidade a tódolos que o obedecen (Prov. 1:23; Sant. 1:5). Que máis pode axudarnos a educar a nosa conciencia?

11. a) Cal debe ser o noso obxectivo principal na vida? b) Por que necesitamos asegurarnos de que a nosa conciencia estea educada e funcione ben?

11 Busca sempre a aprobación de Xehová (Prov. 8:34, 35). Ese debería ser o noso obxectivo principal na vida. Se o temos presente en cada situación á que nos enfrontemos, isto axudaranos a educar a nosa conciencia. Unha conciencia ben educada é a combinación dunha mente que está de acordo coa maneira de pensar de Xehová e un corazón que se preocupa por como se sente. Cando nos paramos a pensar no complicada que é a vida, dámonos conta do importante que é ter unha conciencia así. A miúdo enfrontámonos a situacións que non están mencionadas de maneira específica na Biblia. Quizais teñan que ver co entretemento, o traballo, a educación ou a nosa relación cos demais. Así que, como podemos asegurarnos de que Xehová aprobe as decisións que tomemos nestes asuntos? (2 Cor. 1:12).

12. Que pode axudarnos a saber se a nosa conciencia nos está levando na dirección correcta? (Efesios 5:10).

12 Medita no que leas na Palabra de Deus (Sal. 49:4 [49:3, TNM]). Cando leas a Biblia, busca principios que che axuden a entender a maneira de pensar de Xehová (le Efesios 5:10). Mentres lles facemos fronte ós problemas tan difíciles desta vida, temos que buscar principios bíblicos que nos axuden a saber se a nosa conciencia nos está axudando a tomar as decisións correctas (Prov. 2:4-9, 11-13). Estes principios poden axudarnos a reaxustar e corrixir a nosa conciencia se é necesario para asegurarnos de que nos mantemos na dirección correcta (Heb. 5:14).

13. Que debemos evitar facer? Pon un exemplo.

13 Non tomes unha decisión e despois busques principios que a apoien. Non queremos ser coma os israelitas que quedaron na terra de Xudá despois da destrución de Xerusalén no 607 a. n. e. Eles dixéronlle a Xeremías: “Que o Señor, o teu Deus, nos mostre o camiño que temos que seguir, e as cousas que debemos facer” (Xer. 42:3-6). Pero en realidade xa decidiran que ían facer. Como non lles gustou o que Xehová lles dixo, non o obedeceron, fixeron o que quixeron, e as consecuencias foron desastrosas (Xer. 42:19-22; 43:1, 2, 4). Así que antes de tomar unha decisión, temos que buscar principios bíblicos que nos mostren que pensa Xehová sobre o asunto e despois actuar en consecuencia.

14. Por que necesitamos aplicar principios bíblicos ó tomar decisións?

14 Toma decisións baseadas en principios bíblicos (Mat. 7:24-29; Sant. 1:23-25). Cando tomamos decisións baseadas en principios, estamos permitindo que o espírito santo nos guíe. Como resultado, Xehová segue dándonos o seu espírito (Feit. 5:32). Pero se non deixamos que nos guíe, poderiamos estar “poñendo triste” ou indo en contra do espírito santo (Ef. 4:30; Is. 63:10; Feit. 7:51). Xehová incluso podería deixar de dárnolo (Sal. 51:13 [51:11, TNM]; 1 Tes. 5:19). Iso sería terrible porque necesitamos o poder e as forzas que nos dá o espírito santo (Ef. 3:16).

COMO ENCONTRAR PRINCIPIOS BÍBLICOS QUE APLIQUEN EN CADA SITUACIÓN

15, 16. a) Como podemos atopar principios bíblicos que apliquen en certa situación? b) Que principios bíblicos poden axudarlle a un estudante da Biblia a ter as forzas necesarias para deixar de fumar?

15 Usa as ferramentas de estudo. Antes de poder aplicar os principios bíblicos, necesitamos ser capaces de identificalos nas Escrituras. Por exemplo, imaxina que tes un estudante da Biblia que non entende por que está mal fumar. Quizais se pregunte como sabemos que está mal se na Biblia non se menciona este asunto. Como podes axudarlle a encontrar e razoar nos principios bíblicos que apliquen neste caso? Unha ferramenta moi boa é a Guía de estudo para as testemuñas de Xehová. Ensínalle a sección en español titulada “Tabaco”. Alí encontrarás a referencia ó artigo: “¿Qué piensa Dios del tabaco?” (mira a revista La Atalaya do 1 de xuño de 2014). Cando lea este artigo, que textos e principios encontrará?

16 Vexamos cinco principios que se mencionan nese artigo: 1) Non debemos converternos en escravos de algo que co tempo nos pode acabar matando (Rom. 6:16). 2) Temos que evitar calquera cousa que poida danar o noso corpo (2 Cor. 7:1). 3) Xehová quere que o sirvamos con toda a nosa alma (Mat. 22:37). 4) Non debemos facerlle dano a outros coas nosas accións (Mat. 22:39; 1 Cor. 10:24). 5) Xehová pode darnos as forzas para facer o que está ben (Filip. 4:13). Así que, aínda que fumar non se menciona de maneira específica na Biblia, os principios que atopamos nela poden axudar ó noso estudante a saber que pensa Xehová.

17. Como pode unha parella de Testemuñas que estea planeando a súa voda encontrar principios bíblicos relevantes que lle axuden?

17 Como pode unha parella de Testemuñas que estea planeando a súa voda encontrar principios bíblicos relevantes que lle axuden a tomar boas decisións? De novo, pode ser útil a Guía de estudo. Baixo o apartado “Bodas y recepciones” hai unha lista de artigos que inclúen principios bíblicos fundamentais. Vexamos seis que a parella podería analizar. 1) Tódolos preparativos deben darlle honra a Xehová (1 Cor. 10:31, 32). 2) A roupa non debería ofender nin facer tropezar a outros, senón que ten que ser apropiada e modesta (1 Tim. 2:9; 1 Ped. 3:3, 4). 3) Non debemos intentar impresionar a outros co que podemos facer ou co que temos, como fai a xente nas vodas do mundo de Satanás (Xoán 17:14; Sant. 1:27; 1 Xoán 2:15, 16). 4) Tódolos preparativos deben estar ben organizados (1 Cor. 14:40). 5) Os banquetes ou convites non deben ser festas descontroladas onde a xente beba demasiado alcohol (Gál. 5:21). 6) A parella debería pedirlle a alguén que se asegure de que todo se faga dunha maneira que lle guste a Xehová (Xoán 2:8, 9).

18, 19. a) Que outra ferramenta nos pode axudar? b) Que principios bíblicos podes atopar usando esta ferramenta que che axuden a tomar unha decisión sobre as celebracións? (Ver o recadro “Podes identificar os principios bíblicos?”).

18 Outra ferramenta que a moitos lles resulta útil é o libro Textos bíblicos para a nosa vida. Esta publicación está organizada por diferentes temas moi prácticos cunha lista de textos bíblicos en cada un deles. Unha vez escolles un tema, podes ver unha lista de preguntas e textos que che axudarán a entender os principios bíblicos implicados. Por exemplo, imaxina que un cristián dubida de se asistir ou non a certa celebración. Se abre o tema “Celebracións” encontrará o subtítulo “Celebracións que os cristiáns debemos evitar”.

19 Dentro desa sección encontrarás o seguinte apartado: “Por que está mal participar en celebracións relacionadas coa relixión falsa? (1 Cor. 10:21; 2 Cor. 6:14-18; Ef. 5:10, 11)”. Alí danse exemplos deste tipo de celebracións. Baixo o subtítulo “Celebracións nacionalistas” aparecen principios das Escrituras que son aplicables cando un cristián dubida en se celebrar eventos que conmemoran as guerras, as cousas que un goberno ou unha nación conseguiu ou que lle dan a certas persoas o tipo de honra que só debería recibir Xehová. Que agradecidos estamos de que a organización de Xehová nos dea estas ferramentas que nos axudan a educar a nosa conciencia!

Podes identificar os principios bíblicos?

O libro Textos bíblicos para a nosa vida contén moitos principios bíblicos para unha gran variedade de temas. Por que non analizades algúns dos temas que aparecen abaixo como un proxecto da vosa adoración en familia para ver se podedes encontrar os principios bíblicos?

  • Bebidas alcohólicas

  • Perdón

  • Amizade co mundo

  • Honradez

  • Idolatría

  • Unión de fes

  • Mentir

  • Cartos

  • Neutralidade

  • Pornografía

  • Entretemento

  • Resolver diferenzas persoais

  • Prácticas incorrectas

DEMOSTRA QUE TES UNHA CONCIENCIA BEN EDUCADA

20. Como podemos demostrar que temos unha conciencia ben educada?

20 Canto agradecemos o regalo do libre albedrío. Pero tamén nos damos conta de que debemos educar a nosa conciencia para usalo dunha maneira responsable. Unha conciencia ben educada axudaranos a tomar decisións que lle dean honra a Xehová e que estean de acordo coa súa vontade. Para conseguilo, necesitamos a axuda do seu espírito santo. Así que sigamos pedíndollo e despois deixemos que nos guíe. E outra cousa que nos axudará a guiar a nosa conciencia son os principios bíblicos. Usemos ben os regalos do libre albedrío e da nosa conciencia e así veremos o moito que nos pode axudar a Biblia (2 Tim. 3:16, 17; Heb. 4:12).

QUE RESPONDERÍAS?

  • Que é a conciencia?

  • Como podemos educar a nosa conciencia?

  • Como nos poden axudar os principios bíblicos a tomar decisións?

CANCIÓN sjj 135 “Meu fillo, faime feliz sendo sabio”

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir